A Primavera dos Pobos: aprender da multiculturalidade nos centros educativos
Alexandra Cabana Outeiro
alexandra@edu.xunta.gal
IES da Terra Chá, José Trapero Pardo (Castro de Rei - Lugo)
En un periódico del barrio de Raval, en Barcelona, una mano anónima escribió:
Tu Dios es judío, tu música es negra, tu auto es japonés, tu pizza es italiana, tu gas es argelino, tu café es brasileño, tu democracia es griega, tus números son árabes, tus letras son latinas.
Yo soy tu vecino, ¿Y tú me llamas extranjero?
Eduardo Galeano, El cazador de historias
Por que un proxecto como a Primavera dos Pobos?
A Primavera dos Pobos é un proxecto cheo de ilusión co que traballamos no IES da Terra Chá desde o curso 2022/23. Na nosa práctica docente detectamos que hai competencias nas que dificilmente podemos incidir plenamente se non son atinxidas desde estratexias interdisciplinarias, en especial a competencia cidadá e a de conciencia e expresión culturais. Ademais, malia non detectarmos tratos discriminatorios por orixe ou relixión, máis ca de maneira moi puntual e de baixa intensidade (se se poden graduar estas condutas), si nos pareceu conveniente achegarnos á realidade cultural do alumnado con orixe noutros países de cara ao coñecemento e á eliminación de prexuízos e falsas ideas e, tamén, para reforzar a súa autoestima.
Como profesora de historia, sei ben que é bo coñecer o propio, o noso pasado, a nosa cultura, mais tamén o é coñecer outras realidades, que por veces están preto, pero son invisibles nos currículos educativos e, polo tanto, no día a día dos centros escolares. Da man do alumnado con orixe noutros pobos do mundo vimos a oportunidade de coñecer as súas linguas, literaturas, gastronomías, costumes...
O obxectivo estaba claro e tiñamos que lle dar forma: primeiro veu o nome, cunha importante pegada da miña disciplina e mais do noso IES, radicado no rural e onde se estudan, ademais da ESO e o BAC, ciclos formativos da familia profesional de Agraria. «Primavera» como florecemento da vida e da diversidade e «dos pobos» como lembranza daquela que en 1848 levantou pobos en loita pola liberdade e a igualdade.
Sabiamos que había varios países representados no noso instituto e que o país con máis alumnado era Marrocos, pero a sorpresa veu cando nos fixamos ben e contamos ata oito países diferentes e de catro dos cinco continentes habitados: O Brasil, A China, Colombia, Lituania, Marrocos, Reino Unido, Romanía e Portugal. Todo un mundo de culturas no IES da Terra Chá!
Paso a paso, chanzo a chanzo, cara ao deseño dun espazo de relación intercultural
Tiña claro que non quería sumar unha serie de actividades soltas nin crear eventos para efemérides, quería crear unha maneira de traballar, de relacionarnos e de respectarnos, nunha marca da casa que fose máis aló dun curso escolar a través dunha diversidade de experiencias e da implicación de toda a comunidade escolar.
No IES da Terra Chá levamos anos traballando cun fincapé especial na educación emocional, o bo trato e o respecto. Era importante ancorar este proxecto na mesma dinámica e para iso cumpría traballar co equipo TEI e coas titorías de aula.
Como primeiro paso, preguntámoslle ao alumnado: nunha xuntanza co alumnado procedente —el mesmo ou a súa nai ou pai— doutros países, fíxose unha enquisa e falamos de se lles parecía ben o proxecto. Houbo quen non quixo participar, pero houbo quen se integrou desde o inicio e quen non o fixo ao comezo, pero despois si colaborou ou colabora. Da xuntanza saíron pequenas propostas e a constatación do descoñecemento xeral da realidade desas culturas.
Daquela eu estaba na Vicedirección do centro e, como docente e integrante do equipo da biblioteca, sumaba facetas e ámbitos de traballo que axudaban a desenvolver o proxecto. Pensabamos que era necesario darlle fortaleza converténdoo nun proxecto de centro, coa perspectiva, ademais, de establecer un sinal de identidade do IES. Levei ao claustro unha proposta, cunha xustificación e unhas accións para desenvolver, e aprobouse botalo adiante coa implicación de profesorado e departamentos, destacando o compromiso clave da biblioteca escolar.
Unha distinta maneira de aprender, a creatividade da man da interculturalidade
Culturas, linguas, relixións diversas, maneiras de comer, de vivir... precisaban dunha achega creativa que escapase das actividades máis formais, achegando tamén unha estética dinámica e actual. Así, deseñouse unha imaxe do proxecto, coas árbores nacionais de cada país, que se adapta e medra conforme aumentan as nacionalidades de orixe.
No deseño do proxecto propuxemos oito accións distintas, que non se asignan a unha área ou nivel educativo concreto senón que se artellan nunha rede que conecta distintas materias, ensinanzas, idades e funcións. Empezaron a desenvolverse no curso pasado, pero son abertas á continuidade:
Acción 1. Bo trato. Creouse un decálogo e un glosario do bo trato, traducidos ás distintas linguas de orixe do alumnado. Participaron titorías, equipo TEI, familias e alumnado, e cómpre destacar a colaboración especial das escolas de idiomas de Lugo (chinés) e da Coruña (árabe) para a revisión de textos.
Acción 2. Árbores. As árbores nacionais escolléronse para representar as distintas orixes. No Día do Libro agasallamos exemplares dalgunhas destas árbores a canda levar en préstamo un libro destas orixes e está previsto facer uns paneis explicativos de cada unha delas.
Acción 3. Biblioteca. A biblioteca do centro abriu unha sección de fondos relativos a eses países de orixe, tanto guías de viaxe ou outro tipo de libro informativo, coma cine, música e literatura. Inclúense tamén libros nas linguas de orixe e, de poder ser, algún bilingüe.
Acción 4. Diálogos. Pretendemos facer encontros interxeracionais e interculturais sobre o tema da emigración e outros que poidan xurdir. Trátase de xuntar persoas de distintas nacionalidades que son ou foron emigrantes, incluídas galegas, para ver como hai máis puntos en común ca diferenzas, e integrar a emigración como algo non alleo. Esta acción levarase a cabo neste segundo curso.
Acción 5. Referentes. Achegas diversas a persoas significativas e da mesma orixe ca o alumnado de orixe estranxeira. Da ciencia, da literatura, da arte, da técnica, das matemáticas, da música... Esta actividade encaixa en calquera departamento e materia e pode ter diversas maneiras de realizarse e presentarse. É unha das actividades que serven para poñer en valor o que lles debemos a outras culturas, fíxose en Historia do Mundo Contemporáneo e en Inglés.
Acción 6. As linguas. Sesións específicas sobre as linguas do proxecto. No primeiro curso fixéronse de chinés e de árabe, con actividades de escrita, coa imprescindible colaboración das escolas de idiomas.
Acción 7. Obradoiros. Obradoiros de artesanía, gastronomía, música... destes países. Polo de agora fixemos de caligrafía chinesa, kung fu, pero temos previsto xa o de tatuaxes de henna e outro de gastronomía chinesa.
Acción 8. Festival. Tiñamos como obxectivo facermos encontro multicultural festivo, coa participación das familias, con postos de cada unha das culturas onde amosar gastronomía, artesanía e outros trazos da cultura popular. No primeiro curso non puido ser, pero intentarémolo neste.
Reaccións na comunidade educativa. A pegada da Primavera dos Pobos e a súa continuidade
As reaccións na comunidade educativa foron positivas, pero aínda nos queda traballo por facer, sobre todo coa integración das familias nas dinámicas do proxecto. Vimos satisfacción e orgullo no alumnado, interese no profesorado, curiosidade e parabéns pola iniciativa por parte doutros centros e da veciñanza, e incluso o seguimento dos medios de comunicación (ler nova aquí). Porén tamén cómpre sinalar dificultades: a urxencia do tempo e a limitación dos currículos, a complicación de integrar as familias, a escasa presenza de espazos e recursos multiculturais cos que colaborar ou dos que botar man...
No segundo curso do proxecto, este 2023/24, seguimos trazando actividades e engádense catro países máis: Camerún, Venezuela e A Arxentina, por procedencia directa do alumnado, e O Ecuador por unha nai.
Hai recursos cos que seguimos traballando: o cartel do bo trato e os glosarios en distintos idiomas, en carteis e marcapáxinas con códigos QR que ligan a audios en chinés (podes escoitar «bo día» en chinés, aquí); a inclusión de recursos na biblioteca (fíxose un padlet cos fondos relacionados cos países da Primavera dos Pobos, que pode ser de utilidade para aqueles centros que queiran traballar nesta liña); ou as liñas do noso club de lectura (a última xuntanza, sobre un libro de Fatema Mernissi, incluíu a intervención da nosa alumna Aya para explicar trazos culturais de Marrocos e unha degustación de doces tradicionais feitos pola súa nai).
Unha das estratexias que se pode seguir é colaborar con outros centros ou entidades que fagan traballos na mesma liña. A última achega foi da Asociación AXEL coa exposición «Violencia de xénero. Nin raza nin bandeira», que temos agora montada no noso centro.
Sirva o proxecto Primavera dos Pobos para integrar e (re)coñecer, sirva para facer actividades para toda a comunidade educativa, sirva para traer as familias ao centro, para poñer en valor o que lle debemos a outras culturas, para recrearnos na diferenza e comprometernos coa igualdade.