A linguaxe universal das instalacións artísticas
Montse Cabezas Gómez
ceip.fonteescura@edu.xunta.gal
CEIP de Fonte Escura (Vigo - Pontevedra)
Quen somos?
O CEIP de Fonte Escura é un centro preferente de escolarización de alumnado con trastorno do espectro do autismo (TEA) e alumnado con discapacidade motórica (DM). Contamos con aulas mixtas en EI; primeiro, segundo e terceiro ciclo de EP; e con dúas aulas específicas.
Somos unha escola diversa e moi enriquecedora, e vivimos a inclusión desde a aula ata o patio, e incluso máis alá das paredes do centro, tratando de implicar o contorno. Para iso, é fundamental incrementar a implicación das familias e aproveitar os recursos multidisciplinarios que nos ofrecen.
Como traballamos?
O noso centro vertébrase desde metodoloxías activas, propias dunha escola inclusiva que dá resposta educativa ás necesidades específicas de apoio educativo de todo o noso alumnado: alumnado con necesidades educativas especiais, alumnado con situación socioeconómica desfavorecida (alumnado dun poboado xitano do noso contorno), alumnado de incorporación tardía ao sistema educativo e alumnado de altas capacidades.
Para o pulso do proceso de ensino-aprendizaxe do noso alumnado, o recurso visual e manipulativo é imprescindible: para facilitar o acceso á información, para regular o seu estado anímico, para estruturar as actividades e facilitar os procesos de aprendizaxe de maneira autónoma; respectando o estilo de aprendizaxe e competencia de cada un, e para facilitar o seu desenvolvemento persoal.
Nestas metodoloxías activas, a arte representa unha canle de comunicación marabillosa, que lles permite interactuar e transformar o seu medio mais próximo, independentemente do sistema de comunicación empregado: linguaxe oral, sistema aumentativo e/ou alternativo de comunicación (SAAC); e incluso para o alumnado que aínda non ten un sistema de comunicación funcional. Aí está a maxia da arte e o regalo que se nos brinda como recurso.
Na nosa comunidade educativa, o recurso humano é fundamental. O noso equipo docente caracterízase polo seu compromiso responsable co noso alumnado e coas súas familias: ambos son os piares do noso traballo docente diario, acompañados sempre das nosas compañeiras coidadoras.
Neste compromiso, onde a actitude, a experiencia e a formación son os vértices que triangulan o noso labor docente, a formación in situ, recibida da man da asociación APAMP, foi e segue a ser un eixe fundamental na nosa andamiaxe educativa.
Da man de Ale e Silvi da asociación APAMP, levamos dous cursos aproveitando a oportunidade de traballar co noso alumnado a través das instalacións artísticas. Pintáronnos un novo lenzo no que traballar, mostrándonos un novo recurso de experimentación, expresión e transformación da realidade para todos e cada un dos nosos alumnos: desde educación infantil ata sexto de educación primaria, respectando as súas características individuais e estilos de aprendizaxe.
Que é unha instalación artística?
As instalacións son propostas artísticas que ofrecen un espazo de xogo que invita o alumnado a pensar, manipular e darlles novos significados aos obxectos que lles presentamos e que foron elixidos pedagoxicamente, para que poidan experimentar e crecer a través deles.
Tratase de provocar que cada alumno/a interactúe co material (dispoñer distintos obxectos nunha orde específica) para sentir e interpretar aquilo que os rodea…
Estas «provocacións» invitan a tocar, explorar, transformar para volver construír dándolles novos significados a eses obxectos ou creando outros novos a partir deles.
Como traballamos coas instalacións artísticas?
En ambos os cursos, a liña de actuación foi similar. Tratarei de debuxar con máis detalle o reflexo da experiencia vivida coa primeira instalación artística e, no caso da segunda, farei un esquema gráfico para non estenderme demasiado.
Curso 2021/22: primeira instalación artística: Luces, cámara… acción
Como foi a súa preparación?
- A temática: retomamos a temática do proxecto anual do noso centro, o cine.
- Para a súa montaxe, solicitamos a colaboración das familias, pedíndolles que trouxesen material da casa, utilizando así material non utilizado. Enviamos unha solicitude de doazón/préstamo de varios materiais: cintas súper8, cintas VHS, cintas de casete; negativos de fotos; diapositivas antigas, lanternas, lámpadas de escritorio tipo «flexo».
Contamos coa colaboración das familias, cadaquén na medida das súas posibilidades, e xuntamos un material que xa en si mesmo era descoñecido para a maioría dos nosos rapaces, un material que era un descubrimento…
- A composición levárona a cabo as nosas compañeiras de APAMP, coa colaboración do noso porteiro vixiante.
Combináronse distintos materiais téxtiles, materiais reutilizados; xogando coa luz e creando distintos espazos para a experimentación.
- Descrición do desenvolvemento da actividade co alumnado:
- Motivouse o inicio da actividade montada nun espazo distinto ao ámbito clase, cuns materiais novos e descoñecidos por moitos deles.
- Xerouse un clima de tranquilidade, para experimentar sen présa e libremente, deixando a porta aberta á súa creatividade e á aprendizaxe por descubrimento.
- Antes de iniciar as sesións, explicáronse «unhas sinxelas normas de uso do espazo»:
1. Falamos nun ton de voz baixo.
2. Non corremos.
3. Podemos manipular todo o que se atopa na instalación, pero sen lanzalo nin golpealo.
4. O rol do adulto debe ser de observador, e mediador só no caso de que sexa necesario.
- Duración aproximada da sesión de experimentación: uns 20 min.
- Temporalización: durante o segundo trimestre.
- A participación foi por grupo clase: nese momento, grupos burbulla.
- Proporcionamos fotos das primeiras sesións:
Primeira sesión de primeiro-segundo de EP: experimentando
- Unha vez finalizada a «sesión de experimentación», ofrecéuselle ao alumnado un espazo de conversa para expresar as súas vivencias: expresadas de forma oral ou gráfica.
Expresándose o grupo de terceiro-cuarto de EP
- Para sesións sucesivas, fóronse engadindo distintos elementos para seguir experimentando nas novas instalacións que se foron creando e transformando, pois a instalación é un recurso en movemento, vivo:
- Tesoiras (no noso centro, con supervisión)
- Lanternas
- Desaparafusadores (no noso centro, con supervisión)
- Arxila negra e vermella para posibles novas creacións…
Seguinte sesión de quinto-sexto de EP: transformando
Primeira sesión de EI: transformando os obxectos e espazos
Todos os nosos nenos e nenas participaron das sesións nos seus grupos de referencia, cos mesmos materiais e nos mesmos espazos… Cadaquén ao seu ritmo e vivindo unha experiencia gratificante, creativa, motivadora e moi enriquecedora, no ámbito individual e grupal.
Curso 2022/23: primeira instalación artística: O circo
Como foi a a súa preparación?
- A temática: retomamos a temática do proxecto anual do noso centro, o circo.
- A composición levárona a cabo as nosas compañeiras de APAMP, coa colaboración do noso porteiro vixiante.
- Descrición do desenvolvemento da actividade co alumnado: a mesma secuencia narrada na instalación do cine:
- Proporcionamos fotos das primeiras sesións:
Primeira sesión de primeiro-segundo de EP: experimentando
- Para sesións sucesivas, fóronse engadindo distintos elementos para seguir experimentando nas novas instalacións que se foron creando e reconstruíndo, pois a instalación é un recurso en continua transformación:
- Bolsa con globos
- Lazos
- Tapóns
- Cintas
- Unha luz para intentar crear algún momento máis íntimo, se se estima oportuno.
Seguintes sesións de primeiro-segundo de EP: experimentando
Seguintes sesións de quinto e sexto de EP: experimentando
Que nos ofrece este traballo?
Durante estes dous cursos, tivemos a oportunidade de que todos e todas puidesen participar activamente das actividades propostas en harmonía: a posibilidade de que todos e cada un se desenvolvese persoal, emocional e socialmente, alimentando a súa motivación de logro e creatividade.
En definitiva, é un recurso que nos facilita partir da capacidade de cada un para responder ás súas necesidades específicas de apoio educativo. Por iso pretendemos continuar a nosa formación neste recurso pedagóxico tan adecuado para o noso alumnado.
Esa harmonía non sempre é doada de conseguir, porque se trata de «danzar con diferentes ritmos, pero coa mesma música…». Coas instalacións artísticas todas e todos podemos danzar, crecer e expresarnos en liberdade… cadaquén coas súas características individuais, co seu sistema de comunicación, «ao seu propio ritmo» de aprendizaxe, pero sen perder o «compás» do grupo de referencia.
Grazas ao noso equipo docente e non docente polo seu esforzo e dedicación; a APAMP; ás familias; e, como non, ao noso marabilloso alumnado pola a oportunidade que nos brinda día a día de aprender e medrar ao seu carón; e pola oportunidade de poder levar a cabo este proceso pedagóxico a través das instalacións artísticas, que son un regalo.