Enseñar distinto

Guía para innovar sin perderse en el camino

Autora: Furman, Melina
Editorial: Siglo XXI, colección Clave intelectual, Madrid 2022.

Autor da recensión: Javier Pintor Elizalde
jjpinel@edu.xunta.gal
Centro de Formación e Recursos da Coruña

 

A autora deste libro, Melina Furman, é profesora na Escola de Educación da Universidade de San Andrés na Arxentina e doutora en Educación pola Columbia University. Desde hai tempo, coordina programas de formación de docentes nos que persegue crear ambientes de aprendizaxe que potencien a creatividade e o pensamento crítico.

Neste libro abórdanse temas de enorme transcendencia para o traballo da aula. En toda a obra destaca como idea esencial a de converter cada centro educativo nun espazo de innovación pedagóxica continua. Trata tamén aspectos clave en educación, como é o da creatividade, o pensamento crítico e a necesidade de desenvolver co alumnado habilidades para aprender a aprender. Un concepto que guía toda a obra é a da «aprendizaxe profunda», que a autora contrapón ao «coñecemento inerte». En todo o libro se insiste na idea de que é preciso xerar nas nosas aulas aprendizaxes relevantes e que resulten significativas porque este é o xeito de que nos acompañen ao longo de toda a vida. O tema da motivación como elemento clave nas aprendizaxes ocupa todo un capítulo no que tamén se destaca a importancia de intentar promover nas nosas aulas ambientes de aprendizaxe afectivamente seguros.

Na segunda parte do libro reflexiona sobre aspectos como o de saber integrar a tecnoloxía na aula, analiza metodoloxías de innovación educativas, como é a da aprendizaxe baseada en proxecto e subliña a importancia de crear unha cultura de pensamento nas nosas aulas. O libro remata cun capítulo dedicado á avaliación como forza poderosa de innovación e ofrece estratexias factibles de aula para conseguir retroalimentacións efectivas co noso alumnado.

O libro, redactado de xeito ameno e claro, ofrece numerosas pautas, exemplos e actividades que lle van permitir ao docente realizar a oportuna transferencia de todas as ideas espalladas ao longo dos diferentes capítulos ao noso contexto educativo concreto. Pensar distinto é un texto estimulante que nos axudará a reflexionar sobre os procesos de aprendizaxe e nos guiará na complexa tarefa de aprender cada vez mellor. Compartamos a tese da autora de que ensinar distinto fornecerá e enriquecerá o noso traballo como profesionais do ensino.

 

 

Sección: