En clase sí se juega
Autor: Sánchez Montero, Manuel Luis
Editorial: Paidós Educación, Barcelona 2021.
Autora da recensión: Belén Cotón Méndez
coton@edu.xunta.gal
Centro de Formación e Recursos da Coruña
Se fose de novo un alumno… gustaríame ir á clase? Esta pregunta, que o autor recoñece facerse con frecuencia, introdúcenos na lectura do libro En clase sí se juega e centra a temática que se irá desenvolvendo ao longo das súas páxinas.
Mestre de profesión, Manuel Sánchez Montero constata a pouca motivación coa que a maioría do alumnado entra cada día nas aulas e atopa nas posibilidades que ofrece o xogo numerosos recursos e estratexias para afrontar e tratar de modificar esta situación. Tendo en conta que é un elemento de vital importancia para o desenvolvemento de nenos e nenas, considera que o xogo debería ser aproveitado nas clases polo seu enorme potencial educativo e porque a súa curiosidade e ganas de aprender serían maiores de gozaren e divertírense no proceso.
Pero «gamificar» non significa xogar na clase como algo anecdótico e baleiro de contido, senón aplicar unha metodoloxía que aproveita o poder motivador do xogo e utiliza o seu funcionamento e a súa mecánica para xerar experiencias personalizadas de aprendizaxe, porque «xogar non é só divertido: fainos máis intelixentes, máis fortes, máis rápidos, máis extravertidos e máis activos. Xogar axúdanos a explorar o mundo ao noso arredor e a resolver problemas; permite que nos fagamos entender, que probemos novas ideas e que coñezamos os demais e a nós mesmos porque o xogo é a linguaxe universal da aprendizaxe».
O libro presenta un estudo reflexivo sobre a necesidade de aproveitar as múltiples posibilidades do xogo no ámbito educativo e ofrécelles aos docentes marcos de implementación e exemplos concretos de aplicación, porque xogar é aprender e para Manuel Sánchez Montero aprender xogando é unha metodoloxía que si funciona.