Imos ler
Mª Rosario Vázquez Freire, orientadora
CEIP Praia de Quenxe (Corcubión-A Coruña)
Coa miña titulación como diplomada universitaria en Formación do Profesorado de EXB na especialización que entón chamabamos Filolóxicas, sempre tiven especial interese por atopar recursos novos e motivadores para o alumnado destinados ao ensino das linguas e, ao cursar máis tarde a titulación de Psicopedagoxía, atrevinme a deseñalos eu mesma. Ao mesmo tempo decidín formarme desde ben cedo nas tecnoloxías da información e da comunicación, pois opino que son o futuro e unha moi útil ferramenta para o proceso de ensino e aprendizaxe, de maneira que hai xa moitos anos que deseño e elaboro materiais curriculares dixitais, incidindo especialmente nos que permiten a interactividade, pois son da opinión de que lle gustan especialmente ao alumnado e captan axiña a súa atención polo que logran ser obxectivamente motivadores.
Con estes condicionantes na miña vida profesional, solicitei unha licenza da Consellería de Educación para a creación de contidos dixitais que me foi concedida e que se desenvolveu durante o curso 2021/22, a cal dediquei a crear actividades interactivas para a área de Lingua Galega desde o convencemento non só de que é unha área con moi escasos recursos dispoñibles, senón de que os nosos nenos e as nosas nenas que teñen como lingua materna o galego ben merecen poder iniciarse na lectura na súa propia lingua.
Dediquei a licenza á iniciación da lectoescritura tamén porque considero que é un momento crucial na vida académica do alumnado, que representa un gran reto e que precisamos que se adquira de xeito non só correcto, senón tamén con agrado, dada a importancia que tanto a lectoescritura coma a área de Lingua van ter directamente no desenvolvemento da competencia comunicativa, pero asemade na súa relación coas restantes competencias clave e, polo tanto, no conxunto do currículo.
Ao proxecto global do conxunto dos materiais deille o título de «Imos ler» e constitúe un método de lectoescritura en lingua galega para alumnado de primeiro nivel de educación primaria que pretende lograr o afianzamento da aprendizaxe do proceso lector mediante actividades dixitais interactivas que traballan a secuenciación na adquisición da lectura dos diferentes grafemas e fonemas. Igualmente pode ser empregado no sexto nivel de educación infantil para iniciar ao alumnado na lectoescritura.
Creei e desenvolvín as actividades mediante o software en liña Genially, o que permite que os contidos posúan tanto animación como interactividade e, algo importante, vai posibilitar o seu visionado en calquera sistema operativo, simplemente precisaremos dun navegador e, aínda que evidentemente sempre será preferible que este estea actualizado e que cumpra os estándares, poderemos escoller libremente que navegador empregar.
Así pois, deseñei estes materiais para ser aplicados fundamentalmente ao longo do primeiro trimestre do primeiro nivel de educación primaria destinándoos a desenvolver a lectoescritura que nestes primeiros meses ten un papel principal na aula, de xeito que o alumnado remate o trimestre coñecendo todas as letras do alfabeto e tendo un dominio básico da lectura e, paralelamente, da escritura de todas elas, pois parto do modelo construtivista, que entende a lectura e a escritura como procesos simultáneos, que se producen a un tempo e que van posibilitar a maioría dos logros posteriores.
Os obxectivos que estes materiais perseguen acadar son:
- Coñecer e recoñecer todos os grafemas e fonemas do alfabeto galego.
- Consolidar a ortografía natural.
- Identificar e ler sílabas directas e inversas.
- Identificar as sílabas que forman unha palabra.
- Traballar a asociación entre significante e significado.
- Ampliar o vocabulario mediante actividades lúdicas.
- Asociar palabras con imaxes simbólicas.
- Interesarse pola linguaxe oral e escrita como instrumento de comunicación, información e pracer.
- Descubrir o uso funcional da lectura.
- Gozar coa aprendizaxe da lectura
Os materiais están organizados en 21 bloques de actividades, 21 ODE, isto é, obxectos dixitais educativos, que, malia teren diversas definicións segundo os autores, son en xeral entendidos como calquera recurso dixital reproducible e susceptible de referenciarse, empregado para levar a cabo actividades de aprendizaxe e dispoñible para ser utilizado por todas e todos.
En calquera caso, existe consenso en certas condicións que debe cumprir un ODE para ser considerado como tal, para o que debe ser:
- Interoperable: debe permitir o seu almacenamento e posterior recuperación.
- Reutilizable: debe poder ser utilizado en diversos contextos educativos.
- Portable: debe poder ser utilizado en plataformas de explotación de diversos fabricantes.
- Perdurable: os cambios nas tecnoloxías non deben implicar cambios de importancia no deseño do obxecto.
Modificado e obtido de Patrones de diseño aplicados al desarrollo de objetos digitales educativos (ODE), publicado polo INTEF
Cada paquete de actividades, cada ODE ten unha estrutura idéntica e as actividades preséntanse secuenciadas con base nunha aprendizaxe natural de cada grafema/fonema determinada pola dificultade fonética de cada letra. Non obstante, esta secuenciación non debe entenderse como ríxida, xa que a presentación dixital dos materiais ofrece un ODE para cada letra nun paquete independente dos restantes, polo que esta organización lle permite a cada docente optar con liberdade por aplicar calquera dos ODE na orde e coa secuenciación que entenda preferible para o seu alumnado concreto e, deste xeito, decidir que ensinar en cada momento e como desenvolver o currículo en función das súas preferencias e das características do seu grupo-aula, así como das particularidades individuais do alumnado.
Do mesmo xeito, dentro de cada ODE existe un acceso identificado e diferenciado a cada unha das actividades que o conforman, polo que novamente é posible organizar a súa secuenciación como se estime oportuno.
Pantallas actividades Imos ler
Tendo en conta os principios metodolóxicos que me guiaron na creación destes materiais, creo que á hora da súa aplicación os docentes deben ter en conta as seguintes cuestións na procura de facilitar as aprendizaxes:
- A importancia da conciencia fonolóxica como habilidade previa e favorecedora da aprendizaxe da lectura.
- O acaído que resulta traballar o coñecemento dos fonemas que compoñen a lingua e a identificación fonema-grafía como paso previo á descodificación para sustentar a aprendizaxe formal do proceso lector.
- Debemos procurar unha aprendizaxe da lectoescritura máis competencial, reflexiva e funcional.
- As actividades favorecen a adquisición progresiva da lectoescritura comezando polas vogais e traballando a identificación de letras, sílabas e palabras.
- Os materiais utilizan un léxico habitual na linguaxe infantil que se vai ampliando progresivamente na sucesión de ODE e con espazo en cada un deles para actividades directamente encamiñadas a descubrir vocábulos novos e favorecer a súa adquisición.
- As letras do alfabeto preséntanse de xeito secuenciado, unha por unha, agás o ODE final (número 21) que presenta as letras LL, Ñ, CH e H por seren letras cun léxico moi limitado para a idade do alumnado co que traballaremos.
- O primeiro ODE está dedicado ás letras vogais e está concibido considerando que, con toda probabilidade, o alumnado xa posúe un coñecemento previo facilitado ao cursar educación infantil.
- Na selección de palabras ofrecidas en cada ODE tiven en conta que o número de fonemas diferentes presentes neles vai en aumento de xeito progresivo na sucesión ordenada de ODE a medida que se supón aumentada a súa competencia lingüística.
- Non obstante, é inevitable que o vocabulario traballado en cada ODE inclúa, en ocasións, nalgunha sílaba fonemas/grafemas que en realidade se presentarán con rigor nalgún ODE posterior, non limitándose, polo tanto, de forma estrita á secuenciación de letras definida. O obxectivo non é outro que favorecer que o alumnado vaia construíndo a súa propia comprensión do código alfabético desenvolvendo estratexias para ler máis alá daquilo que pode descodificar, tendo presente o enunciado polo psicolingüista Kenneth Goodman: «a lectura non é máis ca un xogo psicolingüístico de adiviñas» e, de todos os xeitos, incluín imaxes como apoio visual, así como audios de axuda á adquisición de vocabulario.
- Nas actividades propostas pretendo que o profesorado exerza máis de guía ca de instrutor, fomentando tamén así a autonomía do alumnado.
- Son actividades que permiten que se poidan desenvolver tanto de xeito individual coma de modo cooperativo en pequeno ou gran grupo, a criterio do profesorado.
- Aínda que os ODE están numerados atendendo a unha secuenciación das letras que favorezan a súa aprendizaxe, é posible aplicalos na orde que se prefira. O docente pode establecer esa orde en función das características do alumnado ou simplemente botar man tan só dalgúns dos ODE sen ser preciso desenvolvelos todos.
- Considero a motivación do alumnado un elemento clave, polo que estes materiais inciden no fomento desa motivación mediante un alto atractivo visual e o seu evidente carácter lúdico.
- As actividades deseñadas favorecen a construción de distintas unidades lingüísticas con significado.
- En cada ODE e en función do son traballado, as actividades inclúen imaxes de obxectos, animais, profesións… co fin de ofrecer significatividade, funcionalidade e contexto.
- Cada actividade das que conforman cada ODE permiten que o alumnado poida reflexionar sobre o seu propio progreso, autoavaliarse e tomar conciencia dos aspectos que debe mellorar. Todas as actividades, agás a de «Presentación da letra…», lle ofrecen ao alumnado mensaxes/accións indicativas de acerto ou erro diante da súa interacción.
- Non é preciso que o alumnado realice as actividades de cada ODE baixo a supervisión do docente, máxime dado que lle ofrece unha autoavaliación, e igualmente resulta moi doado o seu control como usuario, polo que é posible encomendarlle ao noso alumnado a realización das actividades mesmo no seu domicilio, o que pode resultar moi útil, cando menos, a modo de repaso do traballado na aula.
- O software empregado permite tanto que ofertemos estas actividades na aula virtual do noso centro educativo coma que o alumnado as poida desenvolver en calquera sistema operativo e con calquera navegador.
Actividades que se propoñen
Os ODE (obxectos dixitais educativos) que elaborei son un total de 21, dedicados a:
ODE |
|
|||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
1 |
2 |
3 |
4 |
5 |
6 |
7 |
8 |
9 |
10 |
11 |
12 |
13 |
14 |
15 |
16 |
17 |
18 |
19 |
20 |
21 |
|
(CA,CO,CU) |
(CE,CI) |
En cada ODE existen sete paquetes de actividades de diferentes tipoloxías. A cada un destes paquetes accédese premendo as iconas que os representan e que se ofrecen nun menú inicial; o usuario pode optar por desenvolvelas na orde que prefira, aínda que suxiro manter a orde de esquerda a dereita e de arriba a abaixo, pois dese xeito desenvolveranse de acordo cunha secuenciación que responde a un nivel de dificultade progresivo.
Atendendo a esa orde, paso a explicar en que consiste cada paquete de actividades que o usuario atopará:
- Presentación da letra: actividade que presenta, mediante apoio visual e auditivo, tanto o fonema e o grafema coma léxico que contén, en sílaba directa, a letra que se vai traballar, asociando sempre a maiúscula coa súa minúscula.
- Escolle a sílaba: paquete de actividades interactivas con apoio visual e indicacións en audio no que se lle ofrecen ao alumnado as distintas sílabas directas formadas coa letra que se vai traballar en combinación con cada unha das vogais e debe seleccionar, de entre elas, a opción correcta para completar unha palabra.
Xogo Escolle a sílaba
- Completa o crebacabezas: paquete de actividades interactivas con apoio visual e auditivo no que, se o alumnado identifica correctamente que palabra contén a letra traballada, vai gañando pezas que completarán un crebacabezas.
- Escolle o debuxo: paquete de actividades interactivas con instrucións iniciais auditivas e apoio visual en cada actividade no que o alumnado debe seleccionar, de entre varias, a imaxe correcta que representa o significado dun significante ofrecido.
- Saúda o pallaso: paquete de actividades interactivas con instrucións iniciais auditivas e apoio visual en cada actividade no que o alumnado debe seleccionar a imaxe que representa o significado dun significante trisílabo ofrecido segmentado en sílabas que aparecen desordenadas.
Xogo Saúda o pallaso
- Forma a palabra: paquete de actividades interactivas no que se lle ofrecen ao alumnado as letras necesarias para formar o significante dun significado que se lle dá con apoio visual e auditivo. Ofrécese, así mesmo, un apoio máis —indicado como PISTA— ao que pode recorrer o alumnado para coñecer a situación correcta dalgunha das letras que debe ordenar para formar a palabra e deste xeito atender á diversidade da aula e adaptarse aos diferentes niveis do alumnado. Este paquete de actividades iníciase debendo formar unha palabra de só tres letras para rematar con palabras de cinco letras.
Xogo Forma a palabra
- Escolle a palabra: paquete de actividades interactivas con apoio visual e instrucións en audio no que o alumnado, dado un significado, debe optar entre tres significantes ofrecidos e unicamente un deles correcto. As palabras traballadas neste paquete de actividades son, maiormente, polisílabas e conforman o léxico menos común para o noso alumnado. No caso deste vocabulario, para acceder ao significado o alumnado empregará a ruta fonolóxica realizando a conversión grafema/fonema e pode haber que axudalos a oralizar a palabra letra a letra.
Premendo a opción escollida, escóitase un son identificativo do acerto ou do erro, segundo corresponda, e móstranse como correctas (sobre fondo verde) e incorrectas (sobre fondo vermello) as opcións de resposta antes ofrecidas. O alumnado debe premer unha frecha cara á dereita para resolver a seguinte actividade. Rematadas todas as deste paquete, ofrécese unha mensaxe na que se informa de que se teñen completadas todas as actividades deste paquete e, premendo no botón de «Seguinte actividade», o alumnado chega a unha mensaxe que o informa de que chegou ao remate do ODE referido a esa letra.
En todos os ODE o alumnado ten sempre a opción tanto de desenvolver novamente desde o seu inicio un paquete de actividades unha vez rematado coma de regresar á actividade anterior e realizala de novo para reforzar a aprendizaxe.
Por outra parte, sempre e en calquera momento do desenvolvemento das actividades, o alumnado ten opción de premer o botón de ir ao inicio dese ODE mediante un botón redondo que mostra unha icona dunha casa sobre un fondo azul escuro. De facelo, mostraráselle o menú inicial con acceso ás iconas que levan a cada un dos diferentes tipos de actividades.
É de interese mencionar que as actividades non lle marcan ao alumnado nin límite de tempo para a súa realización nin límite ningún no número de intentos.
Creei estes materiais coa formulación metodolóxica de que deben aplicarse seguindo os principios do construtivismo, tendo en conta, polo tanto, a zona de desenvolvemento próxima do alumnado co fin de que cada neno e nena poida crear os seus progresos, sustentando os novos contidos en conexións relevantes con aqueles que xa posúe e fixando a meta na procura de aprendizaxes significativas.
Ao mesmo tempo, tiven en consideración, como non podía ser doutro xeito tratándose de materiais dixitais, que o noso alumnado vive inmerso nun mundo, nunha sociedade que lle achega un vertixinoso desenvolvemento das tecnoloxías, unha inxente cantidade de información e unha cultura da imaxe, polo que son da opinión de que a metodoloxía que debe aplicarse debe evolucionar dun modelo de ensino máis tradicional a outro máis dinámico e que favoreza un ensino activo.
E son da opinión de que todo isto podemos logralo mediante a creación de materiais dixitais coma estes que lle presenten os contidos ao alumnado dun xeito creativo, lúdico e motivador que esperte neles o interese por aprender.
Desta maneira, a metodoloxía será fundamentalmente comunicativa, funcional, activa e participativa, ademais de inclusiva e sensible a prestar atención tanto á diversidade do alumnado coma á prevención e detección de dificultades de aprendizaxe, co fin de poñer en práctica mecanismos de reforzo con celeridade.
Asemade, considero que estes materiais que creei responden a estratexias metodolóxicas que favorecen a aprendizaxe por descubrimento e a propia construción dos coñecementos por parte do alumnado, cuestións que decidín promover, xa que resulta evidente que non todos os nenos e nenas progresan do mesmo xeito na adquisición da lectoescritura que é un proceso de gran complexidade cognitiva.
A un tempo, esta metodoloxía permitirá integrar os contidos e os estándares de aprendizaxe mediante o desenvolvemento de tarefas e actividades relacionadas co contexto da vida real e procurará a integración das distintas experiencias e aprendizaxes do alumnado, favorecendo a capacidade de aprender por si mesmo e, ao mesmo tempo, avanzar cara á aprendizaxe en máis dunha competencia a un tempo.
Por outra parte, mencionar que o profesorado con calquera destes materiais pode optar na súa aplicación pola realización individual ou ben desenvolvelas en pequenos grupos ou mesmo en gran grupo.
Asemade, os docentes poden complementar a realización destas actividades con outras, en soporte dixital ou non, como a copia e creación de textos, a lectura colectiva, a estimulación de producións orais…
Estes recursos que creei permiten varios tipos de avaliación:
- Heteroavaliación: na que o docente pode realizar a avaliación do alumnado e, polo tanto, controlar a consecución dos obxectivos didácticos propostos por este material tanto por medio da observación directa do traballo realizado coma mediante a análise e valoración cualitativa dos logros individuais (realizando anotacións e puntalizacións).
- Autoavaliación: o alumnado poderá autoavaliarse ao mesmo tempo que desenvolve as actividades que conforman cada ODE, xa que todas elas, agás a primeira do paquete, Presentación da letra, ofrecen indicacións de acerto ou erro con interactividade e, en función dese feedback que as actividades lle ofrecen ao alumnado, este pode coñecer o seu grao de consecución dos obxectivos propostos.
Grazas a esta avaliación e en función dos seus resultados, o alumnado pode decidir, ou ben suxerirllo así o profesorado, executar de novo os paquetes de actividades nos que se evidenciasen maiores dificultades para, dese xeito, alcanzar logros ou afianzar os coñecementos adquiridos.
As actividades ofrecen feedback de acerto ou erro
O meu agradecemento ao profesorado que puxo en práctica estes materiais na súa aula e dedicou un tempo a facerme chegar as súas impresións e as do seu alumnado logo de aplicar estes recursos na práctica educativa, nomeadamente a Virginia Santabaya Carreira, do CEIP de Baíñas (Vimianzo), e a Mª José Abelleira Santos do CEIP Praia de Quenxe de Corcubión.
Entre os seus valiosos comentarios, os seguintes:
- Hai que destacar que permite iniciar o alumnado na lectoescritura na súa lingua materna, en galego, dado que non hai material nesta lingua.
- É moi positivo que traballe o son das letras (fonemas).
- É un material moi visual, que emprega sempre o apoio da imaxe, algo fundamental un alumnado tan pequeno.
- Son actividades autocorrectivas, polo que o alumnado sabe onde está o erro e pode volver intentalo ata acertar (sempre pode atopar a resposta correcta).
- Reforza positivamente os acertos.
- A maiores da iniciación na lectoescritura, tamén aprenden vocabulario.
- Resulta moi beneficioso que aprenden palabras en galego evitando os castelanismos propios da zona.
- Gusta moito que estea presente a gamificación. Iso fai que o alumnado se sinta motivado ao empregar aspectos propios dos xogos en actividades de lectoescritura.
- Son actividades secuenciadas en dificultade, polo que resulta moi sinxelo para o alumnado ir acadando logros e vai progresando nos diferentes niveis.
- Ten aspectos inclusivos e de atención á diversidade, como o emprego de pistas para resolver as palabras que facilita a adaptación aos diferentes niveis do alumnado.
- Tamén me gusta que se traten diferentes aspectos como asociación fonema-grafía, sílabas, palabras completas…
- Resulta útil e favorecedor o emprego de diferentes tipografías nas distintas actividades.
- É perfectamente aplicable mesmo a 4º e 5º de Educación Infantil.