Os plans de formación permanente do profesorado en centros educativos

Unha aposta pola innovación e excelencia educativas
A educación é, como ben saben todos aqueles que se dedican a ela, un eido no que non resulta fácil ter ideas innovadoras e, sobre todo, lograr que estas arraiguen, de xeito que transformen significativamente os alicerces da actividade docente. Non obstante, neste ano 2012 que xa remata, xurdiu, no ámbito galego, unha das iniciativas educativas máis novidosas dos últimos anos, unha empresa que, desde o mesmo momento en que botou a andar, comezou a xerar grandes expectativas entre a comunidade do ensino: os Plans de Formación Permanente do Profesorado (PFPP).

 

Ángel Rodríguez Sánchez
Director do CAFI

Con data de 22 de maio de 2012 (DOG do 28 de maio de 2012), a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, publicou unha resolución, dirixida aos centros educativos públicos de Galicia, pola que se convocaban os devanditos plans. A elaboración desta normativa responde principalmente ao profundo convencemento de que a formación do profesorado é un dos piares básicos do ensino e un dos factores clave na procura da excelencia educativa e do éxito escolar. As dúas ideas centrais que percorren os PFPP son:

1) o espazo idóneo para o desenvolvemento das actividades formativas é o centro escolar;

2) a satisfacción das necesidades formativas do profesorado e dos centros de ensino debe ter como obxectivo preferente provocar unha forte repercusión no principal elemento do proceso educativo: o alumno.

Os PFPP son plans formativos propostos polos propios centros educativos e desenvoltos nos propios centros educativos, cunha duración plurianual (entre dous e catro anos), nos que, unha vez detectadas, analizadas e diagnosticadas as necesidades formativas do profesorado do centro, se recollen, por liñas de traballo e itinerarios, as actividades de formación encamiñadas a satisfacer esas necesidades.

Unha boa detección de necesidades é, permítasenos a metáfora, a pedra angular do edificio formativo que todo centro de ensino debería construír. É recomendable, polo tanto, ser moi precisos na súa análise e diagnóstico. Para iso, o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e os distintos Centros de Formación e Recursos (CFR) poñen a disposición dos equipos docentes dos centros un documento de detección de necesidades, un cuestionario cuxas respostas deben dar como resultado un ditame obxectivo da realidade formativa do centro, para, a partir de aí, escoller as liñas de traballo. Estas veñen determinadas pola resolución anteriormente citada e son, en total, seis, das que cómpre, como dicimos, elixir algunha ou algunhas. Velaquí, de xeito resumido, esas seis liñas:

  • competencia en lectura e escritura e potenciación do uso instrumental das linguas co seu tratamento integrado
  • mellora da competencia lingüística en linguas estranxeiras
  • integración didáctica das TIC
  • atención á diversidade e ao éxito escolar;
  • mellora da convivencia escolar e do clima de aula
  • formación en competencias científicas e didácticas.

Cada unha destas liñas de traballo subdivídese, á súa vez, nun ou varios itinerarios formativos. Por poñer un exemplo, se un centro decidise acollerse á liña de “integración didáctica das TIC”, podería a continuación establecer nela dous itinerarios distintos, moito máis concretos, como “a pizarra dixital” e “Moodle e a aula virtual do centro”. Tales itinerarios artéllanse, pola súa banda, a través de diferentes actividades formativas que seguen as modalidades de formación habituais: cursos presenciais (aínda que, neste caso, desenvoltos no propio centro), grupos de traballo e seminarios. Por seguir co exemplo anterior, ese centro imaxinario podería agora, dentro do itinerario dedicado á pizarra dixital, acoller un curso presencial sobre o funcionamento básico da pizarra dixital, combinado cun seminario e/ou un grupo de traballo sobre como elaborar contidos educativos para o encerado dixital e a súa aplicación na aula. E algo semellante podería facer co outro itinerario arriba apuntado e con outras liñas de traballo. Dentro desa estrutura, cada profesor podería escoller, por así dicir, “á carta” a(s) liña(s), itinerario(s) e actividade(s) en que, segundo as súas necesidades, desexase participar, coa vantaxe de que podería facelo no propio centro educativo, co concurso e o apoio dos seus compañeiros de traballo.

O carácter innovador dos PFPP vén dado, polo tanto, pola combinación de varias circunstancias:

  • cada centro pode proxectar un conxunto de actividades formativas (non só unha, como é o habitual)
  • todas elas (mesmo os cursos presenciais) teñen como espazo de celebración o centro educativo que solicita o plan
  • as diferentes actividades desenvólvense ao longo de varios anos (non só ao longo de varios meses dun único ano académico, como adoita ocorrer).

Isto, como se pode comprobar, supón un cambio radical na habitual concepción da formación. Por unha banda, a formación pasa de proceso individual (pois tal é o caso dos cursos presenciais “tradicionais”) a acción colectiva, xa que, cando boa parte do claustro participa nas actividades formativas, a potencialidade para xerar cambios colectivos na cultura educativa do centro é moi elevada. Non obstante, este simple feito non sería abondo para acadar esa desexada transformación: grazas á continuidade no tempo do esforzo formativo, os coñecementos adquiridos poden ir madurecendo, ser experimentados nas aulas de ano en ano e provocar unha fonda repercusión no alumnado e un arraigamento permanente.

Para acadar este cambio de filosofía formativa, introduciuse, nas diferentes actividades formativas que compoñen un PFPP, unha estratexia metodolóxica baseada en indicadores de avaliación e de impacto respecto da aplicación na aula dos novos coñecementos adquiridos polos profesores. Deste xeito, resulta posible obter datos empiricamente comprobables sobre a repercusión que esta nova concepción da formación vai causando no alumnado, co fin de conseguir, en definitiva, o obxectivo último e primordial: o éxito escolar.

O éxito escolar resulta, xa que logo, un traballoso, pero atractivo reto para o profesorado. Converterse en xestor da súa propia formación no seu propio centro de ensino e, sobre todo, en protagonista do cambio educativo, da mellora, da innovación e da excelencia educativas non semella, desde logo, tarefa doada, pero si un desafío que abre amplas posibilidades no exercicio da profesión docente, que ofrece o incentivo de dirixir o cambio, no canto de recibilo pasivamente e, sobre todo, de conducilo cara aos alumnos, coa guía e asesoramento dos organismos da rede de formación do profesorado encargados de alimentar esta nova visión: o Servizo de Formación de Profesorado, o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e os Centros de Formación e Recursos (CFR).

Sección: