APAMP

Asociación de familias de persoas con parálise cerebral

 

Quen somos APAMP?

A Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral de Vigo (APAMP) é unha entidade social sen ánimo de lucro, constituída por un grupo de familias no ano 1977 e que, ao longo destes máis de 45 anos, foi desenvolvendo proxectos, servizos e programas para lles dar resposta ás necesidades que as persoas con parálise cerebral manifestaron desde a primeira infancia ata o final do seu ciclo vital. Para iso, contamos con centro de atención infantil e xuvenil, centro de día e ocupacional e centro residencial.

 

 

A nosa misión é contribuír ao desenvolvemento do proxecto de vida de cada persoa con parálise cerebral ou afín, prestándolles os apoios necesarios a elas e ás súas familias, e facilitando oportunidades para que poidan tomar as súas propias decisións e participar activamente na sociedade.

A visión da nosa entidade é ser recoñecida e valorada socialmente pola defensa dos dereitos das persoas con parálise cerebral e afíns e os das súas familias; a participación activa de todos os axentes da nosa organización (persoas con parálise cerebral, familias, profesionais e voluntarios); a actitude proactiva na detección de necesidades; e a eficacia na xestión de recursos.

Os valores cos que nos identificamos son superación, dignidade, afecto, liberdade, conexión e creatividade.

 

 

Como movemento asociativo estamos na Federación ASPACE Galicia, que ten como misión favorecer a coordinación e a cooperación entre as asociacións de parálise cerebral e outras entidades, e na Confederación.

Actualmente, e desde 2008, contamos coa certificación ISO 9001: 2015, o cal é un recoñecemento á calidade do traballo da nosa organización e ao noso compromiso coa mellora continua.

 

O CAI, o noso centro de atención infantil e xuvenil

O CAI é o noso centro de atención infantil e xuvenil que nace en maio de 2015 co propósito de acompañar e apoderar as familias para lles dar resposta ás súas necesidades e ás dos nenos e nenas ou adolescentes con parálise cerebral ou afín, a través da cooperación entre todos, de forma que poidan desenvolver os seus intereses e participar da sociedade en convivencia, facendo visibles as súas capacidades.

 

 

Con este propósito, traballamos desde un enfoque inclusivo e principalmente nos contornos naturais, entendendo estes como o seu centro educativo, a súa casa e os seus contextos de ocio e relación, atendendo nenos e adolescentes desde os 0 anos ata acabar a súa etapa formativa.

Concretamente, no ámbito educativo, desde novembro de 2015 contamos cun convenio de colaboración coa, naquel momento, Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia que nos permite levar a cabo accións e actividades dirixidas á mellora da atención educativa do alumnado con parálise cerebral e afíns dos centros educativos da cidade de Vigo e da súa área metropolitana.

 

 

Desde o inicio da nosa colaboración cos centros educativos, o noso percorrido pódese resumir no seguinte:

 

Do mesmo xeito, en setembro de 2016, asinamos un convenio de colaboración coa Consellería de Política Social e Xuventude co fin de mellorar a intervención educativa do alumnado da rede galega de escolas infantís 0-3 de titularidade autonómica, A Galiña Azul, afectado de parálise cerebral e trastornos afíns, así como na prestación de servizos integrais ás súas familias. A través deste convenio, colaboramos con sete escolas infantís, nas que se beneficiaron máis de 40 educadores/as e 60 nenos/as menores de 3 anos.

 

As nosas liñas de actuación nos centros educativos

 

- INTERVENCIÓN DIRECTA dentro do ámbito escolar co alumnado con parálise cerebral, discapacidade afín (outros trastornos neuromotores) ou atraso madurativo non especificado con área motora comprometida:

O equipo profesional apoia directamente o neno ou adolescente dentro da aula e doutros espazos do centro educativo (patio, comedor...), favorecendo a súa participación activa e a súa autonomía nas actividades e rutinas escolares. A intervención parte das características do alumno e das necesidades detectadas polo equipo educativo.

 

 

 

Exemplos de posibles accións dentro desta liña de actuación:

- Para fomentar a participación na clase de Educación Física, a fisioterapeuta do noso equipo poderá apoiar o neno ou nena para realizar a clase, acompañar o docente no deseño ou adaptación de actividades ou asesorar no uso de produtos de apoio (andadores, bipedestadores...).

- Para aumentar a autonomía persoal, desde terapia ocupacional podemos valorar adaptacións do posto e do material escolar ou de accesos a sistemas alternativos e/ou aumentativos que poidan facilitar non só o comunicarse, senón tamén o participar en actividades do cole.

- Para mellorar o seu benestar emocional, desde psicoloxía podemos acompañalos na creación de recursos e estratexias que poidan facilitar a xestión de emocións ou condutas.

- Para promover as oportunidades de xogo e a relación con iguais no patio, desde os distintos perfís podemos abordar o uso de produtos de apoio que faciliten, por exemplo, o seu desprazamento ou comunicación, o traballo das habilidades sociais para a relación con outros ou o asesoramento de materiais ou propostas.

 

 

Dentro desta liña de actuación prevese, ademais, a formación in situ do profesorado, a través da cal compartimos coñecementos e ferramentas prácticas para o voso día a día.

E, do mesmo xeito, ofrecemos o noso servizo SGPRES (servizo gratuíto de préstamo de recursos específicos) para que poidades probar, practicar ou utilizar o material (comunicadores, cadeiras, mesas ou tesoiras adaptadas, bipedestadores...) previamente á súa adquisición, así como coñecer e formarvos en recursos novos que facilitan a aprendizaxe ou a relación deste alumnado.

 

 

- PROXECTOS PARA A CREACIÓN DE CONTORNOS MÁIS DIVERSOS E FLEXIBLES

1. Proxecto Convivindo

Convivindo é unha proposta de intervención educativa para a inclusión de nenos e nenas con diversidade en xeral e, en particular, dos que presentan unha parálise cerebral ou discapacidade afín, enmarcado dentro da prevención primaria.

A través desta liña de actuación deseñamos e desenvolvemos actividades dirixidas a grupos-aula de educación infantil e primeiro ciclo de primaria nas que, de forma dinámica e participativa, se abordan contidos relacionados coa inclusión, a diversidade ou a convivencia.

 

 

Deste xeito, non só favorecemos o adecuado desenvolvemento persoal do propio neno con diversidade, senón que tamén estamos contribuíndo a construír unha sociedade e uns futuros adultos máis solidarios e sensibles coas diferenzas.

 

 

Todas as actividades están acompañadas de Vivindo, un boneco/personaxe deseñado no taller ocupacional téxtil da nosa entidade. El será o orquestrador de cada proposta. Como banda sonora terá a María Fumaça e a súa canción «Convivindo», composta especialmente para este proxecto.

 

 

2. Proxecto de instalacións artísticas

Este proxecto consiste na transformación de espazos escolares a través dun enfoque baseado no desenvolvemento sostible, no respecto pola diversidade e a importancia da creatividade e do xogo nos procesos de inclusión e aprendizaxe.

Este proyecto consiste en la transformación de espacios escolares a través de un enfoque basado en el desarrollo sostenible, en el respeto por la diversidad y la importancia de la creatividad y el juego en los procesos de inclusión y aprendizaje.

 

 

Baixo o enfoque do deseño universal, creamos espazos onde todos os nenos e nenas poden aprender, explorar e relacionarse. Para ese deseño temos en conta o proxecto da aula ou do centro educativo participante. Convertemos espazos escolares en escenarios baseados na Galicia máxica, o universo, o fondo mariño ou os medios de comunicación.

3. Formacións dirixidas aos equipos educativos

Impartimos cursos/charlas co obxectivo de contribuír á formación complementaria dos equipos educativos vinculada ao ámbito da diversidade, promovendo unha visión máis global e positiva dos nenos e nenas e adolescentes con discapacidade en xeral e, en concreto, do alumnado afín á nosa entidade.

 

 

Realizamos propostas relacionadas coa parálise cerebral, os sistemas alternativos e/ou aumentativos da comunicación, a mobilidade e ergonomía postural, a integración sensorial, a adaptación de materiais, a xestión emocional ou de conflitos na aula, entre outros.

4. Outras posibles liñas de actuación

Ademais das liñas de actuación propostas anteriormente, podemos valorar o deseño e desenvolvemento doutro tipo de propostas que poidan ser de interese para os centros educativos, como poden ser:

- Exhibición de deportes adaptados a través do noso Club Deportivo Tamiar

- Charlas de sensibilización «Somos, estamos e contámoscho»

- Obradoiros artesanais coas persoas da nosa entidade

- Organización de visitas aos nosos centros

- Colaboración na celebración do Día Mundial da Discapacidade (3 de decembro) e do Día Mundial da Parálise Cerebral (6 de outubro)

 

Como solicitar a nosa colaboración?

 

Máis información

Para máis información sobre a nosa colaboración en centros educativos, temos un informe dispoñible ao que podedes acceder a través do seguinte QR:

 

Tamén vos animamos a visualizar o noso vídeo corporativo e a seguirnos en redes.: Facebook , Instagram, Youtube

 

 

 

 

Sección: