Proxecto Terra no CRA de Valga

A experiencia do CRA de Valga na creación de patios vivos, activos e inclusivos nas seis escolas que compoñen o centro educativo. Unha experiencia de compromiso compartido por toda a comunidade educativa: profesorado, familias, Concello de Valga e Consellería de Educación.
O CRA de Valga participou os últimos tres cursos no Proxecto Terra e levou a cabo unha reformulación dos espazos exteriores que se configurou actualmente como un dos sinais de identidade máis importantes do noso centro: a educación ao aire libre en contornas privilexiadas.

Antía Raquel Piñeiro Otero, mestra de Educación Infantil
Directora do CRA de Valga (Valga-Pontevedra)
antiaraquel@edu.xunta.gal

 

Contextualización

O CRA de Valga está formado por seis escolas rurais (Campaña, Chenlo, Ferreirós, Forno, Vilarello e Xanza) localizadas nas diferentes parroquias do concello de Valga. Todas elas contan con patios en espazos naturais privilexiados cun enorme potencial. A finalidade da nosa participación no Proxecto Terra foi deseñar espazos, crear recursos e implementalos nos espazos exteriores das nosas escolas, explotando ao máximo o seu potencial e dotándoos de maior dinamismo e valor educativo. Tendo en conta as contornas escolares do noso centro e os grandes espazos que posúe nos seus patios, xuntamos esforzos na procura de facelos máis inclusivos, educativos etc. para o gozo e educación do noso alumnado.

 

Obxectivos

  • Construír patios vivos reformulando as zonas exteriores do centro co fin de facelas máis habitables e aproveitables.
  • Dotar a contorna do centro dunha maior calidade de vida incluíndo espazos adaptados aos nosos criterios como espazos de relación da comunidade educativa.
  • Crear vínculos entre a comunidade educativa que permitan unir pasado, presente e futuro na conformación da identidade das escolas do CRA.
  • Crear espazos que fomenten as interaccións entre iguais, a coeducación, a igualdade e a inclusión de todo o alumnado.
  • Incorporar distintas zonas nos patios que respecten as diferentes necesidades do alumnado: zonas de movemento, zonas de calma e tranquilidade, zonas de xogo simbólico, zonas sensoriais…
  • Revitalizar zonas inutilizadas e aproveitalas.
  • Acondicionar as entradas e accesos das distintas escolas.
  • Repensar os espazos exteriores dotándoos de valor educativo.

 

Recursos empregados

  • Recursos ambientais: todos os espazos exteriores das seis escolas do CRA de Valga.
  • Recursos humanos: profesorado do CRA de Valga, familias, Concello de Valga, Consellería de Educación mediante a participación no Proxecto Terra…
  • Recursos materiais: mesas de pícnic, mesas sensoriais, galiñeiros, pérgolas, horteiros, circuítos de auga, randeeiras, tobogáns, ferramentas de horta, estanques, palés e bobinas…

 

Descrición das accións levadas a cabo

Primeira fase: Implicación da comunidade educativa e deseño do proxecto

Iniciamos o proxecto trazando unha folla de ruta na que tivemos en conta a opinión, intereses e necesidades do noso alumnado e das familias. En primeiro lugar, enviámoslles un documento a todas as familias do CRA de Valga para que respondesen a pregunta: «Cal sería o teu patio ideal?». A mesma pregunta foille formulada en todas as aulas a todo o alumnado e gravouse un vídeo coas súas respostas.

Posteriormente, convocamos o alcalde do noso concello e a concelleira de Educación a unha reunión con todas as familias e profesorado. Nesa reunión, proxectamos o vídeo coas peticións do alumnado, manifestamos a nosa implicación e disposición para levar a cabo o proxecto de reformulación de espazos exteriores e solicitamos a colaboración do Concello para que nos fornecese os recursos materiais. Simultaneamente, creamos un PFPP de centro para a mellora dos nosos patios e recibimos formación mediante o CFR de Pontevedra de Idoia Cuesta e Miudiño. Ademais, levamos a cabo unha investigación minuciosa sobre material educativo para patios con visitas a parques e colexios, consulta de catálogos, redes sociais, artigos e publicacións… non só no referente a Galicia e España, senón tamén internacional. Coas ideas que máis nos gustaron, creamos un banco de imaxes e recursos compartido entre todo o profesorado. Rexistramos o estado actual dos nosos patios, con fotografías e unha listaxe de deficiencias. Con todo, elaboramos un proxecto de mellora adaptado a cada escola (pois cada patio é único), incluídos planos coas zonas e cambios que pretendiamos incorporar en cada patio.

Segunda fase: Selección e adquisición do material

Logo de conseguir a colaboración de toda a comunidade educativa e elaborar o proxecto para o patio de cada escola, procedemos á selección e adquisición do material.

O material foi seleccionado polo profesorado do CRA de Valga no comercio local da contorna de Valga e sufragado, en gran parte, polo Concello. Algúns recursos foron doados por empresas da zona (palés, bobinas, listóns de madeira…). O resto de gastos foi asumido polo centro. Adquirimos material como ferramentas, mobiliario de horto e xardín, pintura, cemento, mesas, material sensorial, horteiros, pérgolas, grava, area, terra, elementos de decoración, tobogáns, randeeiras, cordas, casiñas, cociñas, taboleiros de madeira, palés, tirolesas, valados, estanques, plantas, macetas, camas elásticas…

Terceira fase: Implementación do proxecto

A implementación do proxecto levouno a cabo, sobre todo, ao longo dos tres últimos cursos o profesorado e as familias. As obras e melloras realizadas nos espazos exteriores das seis escolas foron as seguintes:

  • Eliminación de areeiros deteriorados e instalación duns novos con listóns de madeira e malla antiherbas.

 

Familias da Escola de Vilarello substituíndo o vello areeiro por un novo con malla antiherbas e novos listóns de madeira.

 

  • Creación de zonas de horta de todo tipo en función das características de cada escola: hortas creadas con camións de terra e instalación de valados, montaxe de horteiros elevados, en escaleira, invernadoiros, xardíns…
  • Amaño de zonas de acceso ás escolas (entradas e zonas anexas) mediante a creación de camiños, xardíns etc.

 

 Familias da Escola de Xanza adecentando as entradas e accesos á escola.

 

  • Reforestación: plantación de árbores, sementeiras, plantas de tempada etc. Coidado das existentes mediante a súa poda.

 

Alumnado plantando árbores froiteiras no patio.

 

  • Instalación de novos sistemas de rega: mangueiras e novas billas.
  • Reparación e/ou creación de casiñas exteriores.
  • Substitución ou arranxo de randeeiras e tobogáns.

 

Familias da Escola de Campaña montando un tobogán.

 

  • Creación de novas estruturas e zonas nos patios: estruturas para o xogo simbólico (iglús, túneles, tipis… de vimbio, casiñas, cociñas…); zonas de movemento (circuítos de troncos, bancos de equilibrio, zonas de escalada, camas elásticas…); zonas de arte (espazos con pintura de xiz); zonas de descanso (hamacas, bancos…); zonas de lectura (sofás de lectura e bibliopatios); zonas de merenda e/ou realización de actividades ao aire libre (mesas de pícnic, pérgolas…); zonas sensoriais (circuítos de auga, areeiros, mesas sensoriais…).

 

 Profesorado do CRA de Valga creando unha estrutura de vimbios.

 

  • Instalación de estanques e galiñeiros.
  • Eliminación de valados para incorporar aos patios escolares zonas anexas cedidas polo Concello e/ou Comisión de Montes.
  • Creación de aulas exteriores para a realización de todo tipo de actividades: merendas, arte, biblioteca, propostas sensoriais…

 

Aula exterior da Escola de Vilarello.

 

Avaliación e conclusións

A avaliación foi moi positiva grazas á implicación de toda a comunidade educativa (destaca a achega de material do Concello e a man de obra das familias e do profesorado), pois sen ela non poderiamos levar adiante un proxecto tan ambicioso. Creamos e acondicionamos novos espazos en todas as escolas e démoslles novos usos a espazos que antes non se utilizaban. Os resultados son moi satisfactorios, pois permitíronnos trasladar a actividade educativa ao exterior, afianzando o principio de educación ao aire libre tan característico do noso CRA na actualidade. O emprego de espazos exteriores non se limita ao tempo de recreo e lecer, senón que actividades como lecturas compartidas, xogo simbólico, propostas sensoriais e de experimentación, coidado do horto e das plantacións, actividades artísticas, xogos de psicomotricidade… son levadas a cabo a diario ao aire libre en todas as nosas escoliñas.

 

Alumnado empregando os novos recursos ao aire libre.

 

O CRA de Valga é exemplo de boas prácticas para outros colexios que solicitan formación mediante os seus PFPP de centro en canto á creación de patios vivos e activos.

Con todo, e en vista dos bos resultados, seguimos a participar no Proxecto Terra tamén no presente curso para continuar coas melloras e co coidado e mantemento dos espazos exteriores que con tanta ilusión e dedicación foron creados pola nosa comunidade educativa e que día a día apoian o proceso de ensino-aprendizaxe do noso alumnado.

 

Patio da Escola de Vilarello

 

 

Sección: