Patinando ata o meridiano de Greenwich polo paralelo 43º 21’
Manuel Losada González. Mestre de Educación Física infantil-primaria
manuel.losada.gonzalez@edu.xunta.es
Mónica Mato Seijas. Profesora de Educación Física secundaria
monicamato@edu.xunta.gal
César Viñas Piñeiro. Mestre de Educación Física infantil-primaria
cesar.vinas@edu.xunta.gal
CPI Castro-Baxoi (Miño-A Coruña)
Introdución
O proxecto que aquí se presenta xorde dentro do Plan de vida activa e saudable do CPI Castro Baxoi de Miño (A Coruña), na busca do incremento significativo de actividade física do alumnado.
A proposta consistiu en que o alumnado participante acudise en diferentes recreos ao pavillón patinar no perímetro dun rectángulo acoutado por uns conos e medido de xeito exacto (100 metros).
As voltas realizadas eran contabilizadas polos propios compañeiros e cada semana facíase a suma de metros percorridos entre todos os participantes.
Para encher o proxecto de motivación de cara ao alumnado e de contido interdisciplinario, fixamos, como obxectivo principal, percorrer quilómetros ao longo do paralelo 43º 21’, que é a coordenada de latitude do noso centro educativo. Ao longo deste paralelo propuxemos dar a volta ao mundo pero, como mínimo, debiamos chegar ao meridiano 0º, o denominado meridiano de Greenwich, que se atopa a unha distancia aproximada de 670 km de Miño e que pasa por diferentes puntos xeográficos do noso país.
Contextualización
Punto de partida
O proxecto que aquí se presenta ten como punto obxectivo o de darlles continuidade ás diferentes iniciativas de fomento da actividade física entre o alumnado do noso centro que deron comezo hai xa cinco anos dentro do contexto do Plan de vida activa e saudable e da utilización da batería DAFIS. Esta última é unha ferramenta elaborada pola Xunta de Galicia para facilitarnos aos profesionais do ámbito da actividade física a valoración da condición física do noso alumnado.
Segundo as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS), os nenos e adolescentes de entre 5 e 17 anos deberían realizar un mínimo de 60 minutos de actividade física diaria de intensidade moderada a vigorosa.
Os datos de referencia sobre a actividade física do alumnado das idades nas que impartimos docencia son realmente desalentadores. Ao fío disto, atopámonos cos alarmantes resultados obtidos pola FEN (Federación Española de Nutrición), a través do estudo científico ANIBES (Ruiz E. et al. e Varela-Moreiras G. et al.), sobre o sedentarismo en nenos e adolescentes españois relativos aos hábitos de actividade física deste sector da poboación. O 55,4 % de españois de entre 9 e 17 anos non cumpre as recomendacións da OMS no que a actividade física se refire e case a metade deles, o 49,3 %, pasa máis de dúas horas ao día diante dunha pantalla durante a semana, porcentaxe que sobe ao 84,0 % cando se trata das fins de semana.
As claves desta situación son moi simples de definir e complexas de solucionar:
- Exceso de tempo diante de pantallas, que supón un estilo de vida sedentario en detrimento da actividade física.
- A presión social, a falta de modelos que seguir e a percepción de que a actividade física non é divertida.
- Presión académica: a carga académica e as obrigacións escolares poden facer que os estudantes teñan pouco tempo libre para lle dedicar á actividade física, especialmente cando tamén teñen que preparar exames ou hai un exceso de tarefas asignadas para facer na casa.
- Cambios no estilo de vida: a urbanización e a dependencia de automóbiles para o transporte poden levar a menos ocasións para camiñar ou andar en bicicleta, o que reduce a actividade física diaria.
O sedentarismo en Galicia
Fonte: Enquisa Europea de saúde 2020. MSCBS e INE
Se analizamos a gráfica que expoñemos máis arriba, Galicia está nos últimos postos (16.º) das 19 comunidades e cidades autónomas do noso país. Entre outros factores, e analizando a situación nun concello como o de Miño con poboación semiurbana e rural, poderían estar os seguintes motivos:
- Condicións meteorolóxicas adversas. O clima da nosa comunidade, con frecuentes choivas e temperaturas frescas, pode ser un factor desmotivante para a práctica de actividades ao aire libre, especialmente nos meses máis chuviosos e fríos.
- Falta de instalacións deportivas accesibles. En moitas áreas de Galicia, especialmente no ámbito rural, as instalacións deportivas son escasas e totalmente insuficientes para atender as necesidades de todos os sectores da poboación.
- A dispersión da poboación tamén provoca que os rapaces precisen de medios de locomoción para achegárense ás devanditas instalacións e precisan da implicación das familias, que non sempre poden conciliar a vida laboral con levar os rapaces a que participen en actividades físicas organizadas.
- Falta de propostas atractivas con continuidade e que provoquen adhesión.
Atopámonos con que, a pesar das estratexias globais, nacionais e locais de fomento da actividade física; a pesar das campañas de concienciación de entidades públicas e privadas; e tamén a pesar da formación coa que contan neste eido as xeracións saídas dos nosos centros educativos duns anos a esta parte, a práctica regular de actividade física é unha «materia pendente» do noso alumnado. Polo tanto, convértese nunha necesidade seria que os centros educativos teñen que abordar cos diferentes medios que lles brindan as súas instalacións, contorna e recursos persoais.
Ante o contexto que estamos a comentar, o CPI Castro Baxoi, dentro dunha estratexia de centro, leva anos poñendo en marcha diferentes iniciativas de prevención do sedentarismo, como poden ser os denominados «recreos activos» e a organización de saídas extraescolares especificamente enfocadas á actividade física.
A máis formal das devanditas iniciativas foi a participación desde o curso académico 2018/19 no Proxecto de vida activa e deportiva, na modalidade DAFIS, que forma parte do denominado Plan Proxecta da Consellería de Educación.
A acción DAFIS do Plan Galicia Saudable —promovido pola Xunta de Galicia, coordinado pola Secretaría Xeral para o Deporte e que leva funcionando nos centros escolares de toda Galicia desde o curso 2012/13— é unha ferramenta para o rexistro da condición física relacionada coa saúde nos escolares.
No primeiro ano de implementación (2018/19), a plataforma DAFIS brindounos unha diagnose moi útil sobre a situación do noso alumnado; por exemplo, os valores relativos ao índice de masa corporal (relación entre peso e altura) indicaban altos índices de prevalencia de sobrepeso leve e moderado entre os nosos estudantes.
Virían despois anos de pandemia e a drástica diminución da actividade física entre a poboación infantil e xuvenil, e viñeron tamén diversas iniciativas no ámbito do centro, na que Patinando ata Greenwich polo paralelo 43º 21’ é a última delas e o obxecto deste artigo.
E...por que os patíns?
Eliximos os patíns porque consideramos que se trata dun recurso relativamente accesible ao cal pode acceder unha gran parte do alumnado e, no caso de non ser así, o Departamento de Educación Física ten un banco de patíns de empréstito. Ademais, trátase dunha actividade moi versátil que podemos empregar en diferentes situacións tanto dentro coma fóra do centro escolar.
Comezamos a traballar neste proxecto por unha inquedanza: Como podemos facer que o alumnado incremente o seu tempo de actividade física ao longo da semana? A solución atopámola na patinaxe, xa que, ademais de que incrementaba a cantidade de exercicio físico semanal, presentabámola como un xeito san e sostible de desprazarse, incluso para ir á escola e como unha alternativa para o seu tempo de lecer.
Obxectivos
Os obxectivos que perseguimos van da man co exposto no proxecto de vida activa e deportiva do centro:
- Fomentar a actividade física diaria: promover que os nenos fagan actividade física (patinaxe) de forma regular durante o recreo para aumentar o seu nivel de actividade física e mellorar a súa saúde cardiovascular e muscular.
- Desenvolver habilidades motoras e coordinación: axudar os nenos a mellorar o seu equilibrio, coordinación e destreza a través de actividades de patinaxe, o que contribuirá ao desenvolvemento de habilidades motoras fundamentais.
- Educación sobre a seguridade: ensinar os nenos sobre o uso adecuado do equipo de protección, as normas de seguridade ao patinar e como evitar accidentes no patio de recreo.
- Fomentar a inclusión e a socialización: crear un ambiente inclusivo onde todos os nenos, independentemente do seu nivel de habilidade na patinaxe, se sintan benvidos para participar e socializar durante o recreo.
- Promover hábitos saudables a longo prazo: educar o alumnado na importancia de manter un estilo de vida activo e saudable para que poidan levar estes hábitos ao longo da súa vida e gozar dunha boa saúde no futuro.
- Ocupar o tempo de lecer de forma saudable: destacar que a patinaxe é unha excelente forma de ocupar o tempo de lecer, ofrecéndolles aos nenos unha alternativa divertida e saudable para as actividades durante o recreo.
Recursos empregados
Recursos materiais
- Pavillón deportivo do centro
- Patíns e proteccións
- Equipos informáticos
- Follas de control e material de escritura
Recursos persoais
A coordinación e posta en marcha deste proxecto foi levada a cabo polos tres profesores especialistas de Educación Física que imparten docencia en todos os niveis educativos do centro.
Participou o profesorado titor e especialistas das etapas de primaria e infantil e diversos profesores de secundaria que quixeron colaborar nel.
Descrición das actividades e metodoloxía
Traballo no contexto da materia de Educación Física
Os rapaces acudían no recreo ao pavillón para patinar no perímetro dun rectángulo de 100 metros acoutado por uns conos.
Os compañeiros contabilizaban as voltas que realizaban e cada semana facíase a suma de quilómetros percorridos entre todos os participantes.
A distancia acadada ao longo da semana entre todos era trasladada a unha distancia en liña recta ao longo do paralelo 43º 21´W, que é a latitude onde se atopa o edificio do CPI Castro Baxoi.
Alumnado ao que estaba dirixido o proxecto
O proxecto desenvolveuse co alumnado de terceiro ciclo de educación primaria (quinto e sexto cursos). Os condicionantes horarios relacionados coa dispoñibilidade do pavillón nos tempos de lecer fixo imposible levalo a cabo con outros grupos das diferentes etapas educativas do centro.
Horario e localización
A actividade tiña lugar nos recreos dos martes e dos xoves do segundo e terceiro trimestres do curso.
Temporalización
A actividade levouse ao cabo no segundo e terceiro trimestres do curso 2022/23, entre os meses de febreiro e xuño.
Procedemento
O alumnado de quinto e sexto de EP, que participou de xeito voluntario, asinou un «contrato de adhesión», no que se comprometía a traballar ata o final do proxecto.
Debido a que a actividade tivo unha grande aceptación, o número de participantes foi elevado e atopámonos co problema da dispoñibilidade dun espazo limitado para patinar. Vímonos obrigados a organizar a práctica por parellas, onde alternaban cada día os papeis de patinador e anotador.
As distancias foron recollidas en formularios correspondentes a cada parella e ao final de cada semana facíase a suma das distancias percorridas entre todos e trasladábase a quilómetros percorridos en liña recta ao longo do paralelo 43º 21´ en dirección oeste (cara ao meridiano 0º).
A ferramenta Office Calc foi moi útil neste proxecto, xa que todos os datos foron recollidos e xestionados con ela.
Os datos eran convenientemente trasladados ao alumnado co fin de buscar unha motivación de cara a superar cada día e cada semana os logros anteriores.
Para pechar a actividade, o alumnado que participou na actividade recibiu como agasallo unha bolsa de tea que poderán utilizar como neceser para traer ás sesións de Educación Física.
Visibilización do proxecto
Todas as semanas, coa axuda da función «gravar viaxe» de Google Earth e unha selección de imaxes dos lugares polos que pasaba a ruta polo paralelo 43º 21´, elaborábase un vídeo coa aplicación CapCut que era posto á disposición da comunidade educativa a través da portada da A. V. do centro.
O traballo interdisciplinario cos titores e profesores especialistas
Ciencias Sociais
- Os elementos dun plano, mapas e planisferios. As coordenadas terrestres: latitude e lonxitude e concepto de meridianos e paralelos.
- Os puntos cardinais e a relación entre eles e o meridiano 0º e o paralelo 0º (Ecuador).
- As técnicas, instrumentos e estratexias de orientación no espazo.
- A conexión da xeografía coa contorna cotiá e marco xeográfico e cultural do itinerario.
As ferramentas dixitais Google Maps e Google Earth serviron para traballar o concepto de «coordenada terrestre» para localizar un punto da xeografía a través dos datos de latitude e lonxitude.
O comezo da viaxe en patíns ten lugar no punto exacto onde se atopa o centro e que os alumnos foron quen de localizar no planisferio despois de traballar os conceptos arriba enumerados.
Competencia matemática
Un proxecto coma este converteuse nunha ferramenta moi especial para traballar non só conceptos xeográficos, senón tamén conceptos matemáticos dun xeito práctico e significativo:
- As coordenadas xeográficas e a súa expresión no sistema sexaxesimal anotado como GMS: grados (°) minutos (′) segundos (″).
- As escalas e unidades de medida: relación entre a lonxitude e a latitude expresada en graos e as distancias no mundo real.
- O cálculo de distancias con base no percorrido ao longo do perímetro dun rectángulo.
- Os cálculos inversos en función de datos existentes: «Patinando X quilómetros como fixemos esta semana, cantos días tardaríamos en chegar a Y?»
Competencia plurilingüe
Unha das formas máis directas de relacionar a patinaxe coa materia de Inglés é a través do vocabulario específico relacionado con el.
O alumnado estivo a aprender e a utilizar palabras e frases en inglés que se relacionan coa equipación, a técnica e as instrucións para patinar.
Colaboración especial
Como colofón, patinadores/as da SCD Rabadeira de Oleiros viñeron darlle unha clase maxistral ao alumnado. Entre eles, estaban varios patinadores pertencentes ás diferentes seleccións galegas de disciplinas sobre patíns e mesmamente un patinador da selección española de patinaxe de velocidade. Un auténtico luxo!
A intelixencia artificial no proxecto
Merece especial atención en canto ás novas tecnoloxías neste proxecto a pequena incursión no mundo da intelixencia artificial coa ferramenta Dall-e para a creación do logotipo do proxecto.
Avaliación e conclusións
O alumnado matriculado en quinto e sexto de educación primaria no CPI Castro Baxoi no curso 2022/23 foi de 88 alumnos e alumnas. Para a realización do proxecto contamos coa participación voluntaria do 60 % deses rapaces a pesar de que a actividade tiña lugar nos recreos.
Como comentamos, a parte práctica do proxecto foi pensada para realizarse nos recreos; polo tanto, o alumnado tiña que investir o seu tempo de lecer no devandito proxecto. A pesar diso, tivo unha boa acollida no grupo e moito alumnado ía ao pavillón incluso nos días que non era a súa quenda e mesmo pedía patinar días que, por loxística do centro, non se podía dispor do pavillón.
É importante resaltar que moitos dos alumnos expresaron o seu interese en repetir experiencias similares.
Por outra banda, é importante destacar outros aspectos:
- O conxunto de docentes, e non só os profesores de Educación Física, ten un papel fundamental na promoción de hábitos de vida saudables entre o seu alumnado.
- Iniciativas coma a que aquí expoñemos non substitúen as actividades deportivas que adoitaban practicar os nenos e adolescentes, pero no seu momento serviu para tratar de reverter unha situación que ademais supuxo unha experiencia moi positiva para todo o alumnado e profesorado implicado nel.
- As actividades baseadas en retos persoais e en poder compartir os logros acadados é un elemento motivador en si mesmo que garante o éxito nas nosas propostas de aula na materia de Educación Física.
Herrera Quiceno, B., Valencia Sánchez, W. G., García Gómez, D. A. & Echeverri Ramos, J. A. (2020). Desarrollo de las capacidades coordinativas en niños: efectos de entrenamiento en el patinaje.
Webgrafía