A disciplina positiva na aula: un cambio de mirada, unha porta á esperanza

Mercedes de Santaló Ossorio y Sáenz-Diez
CPR María Auxiliadora (Lugo - Lugo)
mercedes.santalo@salesianas.org

 

 

 

Introducción

As aulas son pequenos núcleos sociais onde conflúen ao mesmo tempo todas as necesidades que afectan á vida dos nenos. Por un lado, as necesidades das familias e a súa complexidade, por outro, a situación de desprotección da infancia nestes tempos pouco preparados para ela e, por último, as necesidades dos mestres para poder facerlle fronte a esta situación.

A formación inicial do profesorado parece demasiado afastada da práctica real e desvinculada das necesidades reais dos nenos. A formación continua está moitas veces falta de estrutura e en moitas ocasións é demasiado breve e temas moi concretos nos que non se profunda o necesario. A miúdo, esa formación non se acompaña de reflexión cos compañeiros nin de decisións en equipo que respondan ás necesidades das aulas e que afecten á súa realidade.

Asemade, temos unha cantidade de doses de présa e urxencia na escola complicadas de xestionar. Présa para chegar a todo, a todas as festas, ás actividades, deseñar materiais para cada cousa, avanzar no libro de texto, cumprir cos temas da programación. Todas as situacións que poden provocar que actuemos de xeito automático para subsistir. «Cando disciplinamos co piloto automático, adoitamos responder a unha situación partindo máis do noso estado de ánimo ca das necesidades do neno nese preciso momento» (Siegel e Payne, 2015, p. 43). Cando acontece isto, estamos actuando desde a reactividade e non desde a reflexividade, o que provoca tamén activar a propia reactividade do neno en lugar de espertar a súa reflexividade, imprescindible no proceso de aprendizaxe.

E chegamos diante do neno, a nosa razón de ser. Temos diante de nós un neno cheo de necesidades por satisfacer e con poucas ferramentas para afrontalas. Son moitos os informes que falan da repercusión da pandemia, do confinamento e da falta de conexión e relación cos iguais durante todos os meses que durou nos nosos alumnos. A situación extraordinaria que vivimos, a incerteza creada con respecto á saúde e á estabilidade económica de moitos fogares, a intensificación de problemas de convivencia nas familias, o abuso de dispositivos electrónicos e todo o que isto provoca no ámbito de desconexión, adición, dificultades de control emocional, complicou aínda máis o panorama da nosa infancia e xuventude, o que indubidablemente ten unha dura repercusión nas nosas aulas.

Todo o comentado anteriormente xunto amosa un panorama con moita complexidade nas aulas. Observamos moitos factores que hoxe en día ameazan o benestar dos nosos nenos. Precisamos priorizar as verdadeiras necesidades de mestres e alumnos para centrarnos e ordenar as nosas actuacións como responsables últimos do proceso de ensino-aprendizaxe e como «adestradores de vida» do noso alumnado.

Que necesita o noso alumnado para aprender?

É importante que os mestres teñamos en conta a cantidade de cousas que repercuten sobre o sistema nervioso dos nosos nenos. O noso cerebro está preparado para responder a situacións de ameaza ou situacións nas que se produce estrés de forma concreta e momentánea. A este estrés poderiamos chamarlle estrés tolerable. Pero a dificultade é cando a situación de ameaza ou de estrés se percibe de forma continuada ou incluso crónica. Nestes casos, o cerebro pode sufrir cambios funcionais e estruturais. Cando isto ocorre, hai un aumento de cortisol no sangue, o que produce unha debilitación das células cerebrais. Ademais, demostrouse que zonas cerebrais como a amígdala, o hipocampo e a codia prefrontal sofren unha redución no seu tamaño. Todo isto afecta á toma de decisións e fai que a transmisión da información entre as neuronas debido ao aumento de cortisol sexa máis lento e menos eficaz. Nestes casos, o estrés non é puntual e poderiamos chamalo estrés tóxico. En situacións onde o estrés tóxico pode ser mantido no tempo, obsérvase unha hiperactividade da amígdala, que é precisamente a encargada de ver e de comprobar se o que se produciu é ameazante e é a encargada de iniciar a resposta de estrés ou non. Unha amígdala hiperactiva actívase con maior facilidade e, ao mesmo tempo, é máis sensible ao estrés, de forma que a maior estrés, maior resposta e así é un círculo vicioso (Siegel e Payne, 2020).

Moitos estudos relacionan o estrés crónico coa perda de neuronas e conexións neuronais, especialmente as vinculadas coa aprendizaxe. É por isto que o estrés está directamente relacionado coa falta de control emocional e con posibles déficits executivos. Todos estes cambios que produce o estrés sobre un cerebro cobran especial importancia nun cerebro en desenvolvemento, nun cerebro inmaduro, como é o cerebro da infancia. Se unimos todo isto á altísima neuroplasticidade do cerebro, á capacidade que ten o ambiente e o contexto de modificar os circuítos e á traxectoria que se está creando ao longo do desenvolvemento infantil, non podemos evitar falar da transcendencia da relación que se establece entre o adulto e o neno, xa que as interaccións que se dan entre coidador e neno poden derivar, en maior ou menor medida, en forma de respostas de estrés.

Os vínculos de apego fórmanse cando os pais atenden as necesidades dos seus fillos e os reconfortan de maneira fiable, como collelos cando choran ou abrazalos e tranquilizalos cando están alterados. Cando os nenos experimentan esta conexión fiable, dispoñen da liberdade de aprender e desenvolverse sen ter que utilizar a atención ou a enerxía para sobrevivir ou manterse nun estado hipervixiante alerta a lixeiros cambios no seu ámbito ou nos seus coidadores. (Siegel e Payne, 2020, p. 43)

Polo tanto, se temos que dicir que necesita un neno para aprender, responderiamos a esta cuestión cunha palabra: seguridade.

Para que un neno de calquera etapa educativa perciba seguridade dentro dunha aula, necesita tres cousas fundamentais: ser visto e tido en conta, sentirse capaz e valorado e sentirse respectado e consolado.

Que pode ofrecer a disciplina positiva as aulas?

A disciplina positiva imaxina dúas vías polas que viaxa un tren. Unha das vías é a académica e a outra, o desenvolvemento social e emocional. «A disciplina positiva consiste en métodos que involucran os alumnos a enfocarse nas solucións en lugar de ser receptores de premios e castigos» (Nelsen, Lott e Glenn, 2020, p.1).

Todos os fundamentos da disciplina positiva axudan a que o mestre responda ás necesidades do neno e do grupo, de xeito que poidamos aspirar a ter nenos nas aulas que se sintan vistos, valorados, consolados e capaces de facer grandes cousas. Nenos que sintan o respecto na súa pel e saiban respectar.

A disciplina positiva pódena pór en marcha todos os mestres que traballan nunha aula no seu día a día cos alumnos e, por suposto, a través dunha das máis poderosas ferramentas que temos na escola como é a acción titorial.

A acción titorial é unha verdadeira oportunidade para coñecer as necesidades dos nosos nenos e responder a elas xunto coa familia. É una verdadeira oportunidade de crear un sentir común onde cada un sinta que ten o seu lugar e non precisa loitar cada día de novo para conservalo ou recuperalo.

De todo o que a disciplina positiva pode ofrecer nunha aula, queremos facer fincapé en catro contribucións fundamentais que darán resposta de xeito prioritario á situación analizada nos parágrafos anteriores.

Partindo da premisa de que consideramos que un neno para poder aprender necesita sentirse seguro, visto, escoitado e consolado, a psicoloxía adleriana aplicada á aula prevé estas catro necesidades básicas do neno e responde a elas de xeito que se atope na situación óptima para a aprendizaxe. A disciplina positiva loita por que nas escolas os nenos nunca experimenten humillación cando o fagan mal ou tomen decisións desacertadas, que será moitas veces, senón que poidan sentirse apoderados ao ter a oportunidade de aprender dos seus propios erros nun ambiente de seguridade que llo permita (Nelsen, Lott e Glenn, 2015).

  1. Conecta co neno

Miremos o noso alumno e tratemos de saber que necesidades hai detrás da súa conduta. Ante unha situación de problema, paremos, non reaccionemos, non fagamos calquera cousa. Primeiro miro, analizo, pregunto e escoito. O noso alumnado necesita sentirse visto e escoitado antes que culpado e xulgado, «a violencia é considerablemente menos nas culturas nas que as persoas pensan en termos de necesidades ca nas culturas nas que as persoas se etiquetan unhas ás outras…» (Rosenberg, 2015, p. 38). Pararse a escoitar de forma profunda e a observar un neno cunha mirada esperanzadora produce conexión.

  1. Capacita permitindo o erro

Practicamente todas as habilidades que precisa o noso alumno deben de ser adestradas. Sen adestramento non hai capacitación. O adestramento leva consigo erros, así que o primeiro que debemos cambiar na vida da aula é a nosa visión do erro. Precisamos urxentemente comezar a vivir, tanto os nosos erros como mestres coma os erros dos nosos alumnos, como unha oportunidade de aprendizaxe. Cando un alumno sente que o seu erro é unha oportunidade e que non lle resta valor, está en disposición de aprender, con liberdade e seguridade. Do mesmo xeito, cando un alumno sente que o seu valor pode ser cuestionado e se sente penalizado ou ridiculizado cando comete un erro, é moi posible que se sitúe diante de calquera situación de aprendizaxe con medo, inquietude, nerviosismo e inseguridade.

Dicía Rudolf Dreikurs que un neno necesita alento igual ca unha planta necesita auga. Entendemos que os nosos nenos necesitan alento a cada paso, alento cando as cousas saen ben e, sobre todo, alento cando as cousas non saen ben. Cando un cativo sente alento, pode falarse a si mesmo con mensaxes do tipo «eu podo intentalo», «eu son capaz de cambiar» ou «eu son quen de buscar unha solución ao meu problema». Imaxinas que o teu alumnado teña estes pensamentos na súa cabeza cando se sitúa ante un reto ou problema? Imaxinas todo do que son capaces con estes pensamentos de confianza?

Unha das ideas que nos ofrece a disciplina positiva para alentar consiste en describir de forma obxectiva o positivo que fai o teu alumno no seu camiño de esforzo e traballo. Canto máis describas, máis poder ten esta ferramenta. Consideramos que desde a fortaleza a persoa se sente forte para cambiar e crecer. Valorando cada pequeno paso a persoa suma sentimento de capacitación que a leva a seguir esforzándose para alcanzar o seguinte. Unha persoa desalentada sente incapacidade para superarse e seguir progresando.

  1.  Sé modelo

Tratemos de darlle un modelo ao noso alumnado de todo aquilo que queremos ensinarlle. Se pretendemos ensinalos a respectar o outro, precisamos que cada un se sinta respectado, que non se sintan humillados nos erros ou nas malas decisións; se pretendemos educalos para respectar as diferenzas, as nosas mensaxes e a nosa interacción diaria na aula debe ter en conta a todos; se realmente pretendemos que cambien a súa visión do erro e comprendan que forma parte do proceso, necesitamos reflexionar sobre como corriximos —que mensaxes escoitan cando as cousas non lles saen?, facemos comparación coa idea de motivalos?, dicimos en alto todo o que si sae ben?, valoramos o proceso ou tan só o resultado final?—; se pretendemos ensinalos a ter autocontrol e ser quen de expresar o enfado de xeito pacífico e a dialogar, como reaccionamos cando estamos superados ou furiosos?

  1.  Enfócate en solucións

Normalmente, cando o neno que temos diante reacciona dunha forma que non esperamos ou que non nos gusta, os mestres investimos, ás veces sen sabelo, moita enerxía en xestionar a nosa emoción. Tendemos a sentirnos molestos ou enfadados e ás veces frustrados.

Unha das mellores alternativas que nos amosa a disciplina positiva é investir a nosa enerxía e a dos nenos en buscar solucións. Se o pensamos ben, comezar a pensar que o que acaba de pasar ten unha solución, e ademais sentir que son capaz de atopala e de levala a cabo, é moi esperanzador e non só iso, senón que me axudará a empezar moi pronto a sentir de novo seguridade. «Toda a atención do cerebro, todos os recursos do corpo se centran primeiro na supervivencia e na busca de seguridade» (Siegel & Payne, 2015, p. 95). Se adestramos o noso cerebro para que focalice nunha solución desde que aparece o problema, seremos moi eficaces á hora de axudalo a atopar a seguridade e prepararémolo para a aprendizaxe investindo a enerxía na dirección axeitada.

É importante ter en conta que, en moitas ocasións, os adultos que estamos preto dos nenos temos tendencia a rescatalos cando están en situacións algo complexas para eles. Cando rescatamos estamos roubándolles a posibilidade de desenvolver habilidades para a vida, de sentir a capacidade e a confianza en si mesmos necesaria para asumir os seus retos. Precisamos atopar un equilibrio entre apoio e liberdade para decidir e actuar.

No caso de nenos máis pequeniños, enfocarse nunha solución é complexo, polo que o noso traballo irá encamiñado a atopar outras alternativas para este reto diferentes ás escollidas nesta ocasión. Imaxina que o teu neno desexaba o coche que ten o seu compañeiro e decide darlle coa tixola na cabeza para sacarllo. Xuntos e cando esteamos en calma buscaremos outras alternativas posibles para esa mesma situación.

Por último, gustaríame incidir na posibilidade de empregar esta ferramenta de enfoque en solucións en grupo dentro das nosas aulas. En moitas ocasións os grupos son capaces de permanecer unidos e séntense fortes cando as cousas funcionan ben, cando se cumpren obxectivos e todo marcha, pero ante a primeira adversidade, a tendencia a resolver de xeito individual sempre está presente como una tentación complexa de rexeitar. A posibilidade de buscar solucións conxuntas que poidan axudarnos a todos reforza o noso sentimento social, axúdanos a sentirnos parte do grupo e a ser capaces de contribuír.

En todo este proceso de resolución conxunta de problemas hai implícitas dúas cousas fundamentais: a primeira, que resolver en grupo adestra para pedirlles axuda aos outros e, a segunda, que afacerse a escoitar a necesidade do outro e conectarse a el adestra para comprender, mirar, atender e intentar axudar ao do lado.

Cando nunha clase soa o respecto, a escoita e se permite o erro, cando alguén se equivoca e se pon por riba a dignidade e o respecto ou, se cando xorde un problema, nos enfocamos nunha solución que poida axudarnos a todos a aprender, entón esa aula está preparada para que cada neno poida ser el mesmo e sentir seguridade.

Conclusións

As aulas están sedentas de observación, lentitude e conexión cos alumnos, de comunicación continxente e de escoita activa. Demasiadas veces poñemos moita enerxía en crear materiais, en deseñar actividades completas, en facer atractivas as nosas explicacións (aspectos todos moi importantes), pero cada vez recibimos nas aulas máis necesidades, tantas que nos sentimos superados. O propio medo a profundar nestas lévanos a enfocarnos na conduta e responder a ela e, sen querer, desatender necesidades profundas. Necesitamos que no día a día da nosa práctica educativa o neno sinta que é escoitado, tido en conta, valorado e respectado.

Podemos seguir pensando que precisamos máis tempo e máis recursos persoais, que é verdade, como tamén é verdade que tan só co que temos basta para conseguilo: un mestre responsable, maduro e equilibrado e a nosa ferramenta máis potente: a comunicación.

Non se trata de buscar un tempo para isto, non se trata de reducir horas dunha materia, trátase de tomar conciencia do que somos e do noso impacto en cada momento, en cada actividade, polas escaleiras, nos corredores, no patio, en matemáticas, nos retos de cada situación.

Este é o principal potencial que nos ofrece a disciplina positiva: que entendemos a tarefa educativa do mestre como un tren que avanza por dúas vías ao mesmo tempo, a vía da aprendizaxe académica e a vía socioemocional, e unha sen a outra faría descarrilar o noso tren.

Bibliografía: 

 

 

ROSENBERG, MARSHALL, B. (2015). Comunicación no violenta. Un lenguaje de vida. Ed. Acanto (3ª edición ampliada).

PEREZ STEPHENS, C. (2022). Secuestrados por las pantallas. Ed. Zigzag (1ª edición).

NELSEN, J., LOTT, L. & GLENN, S. (2016). Disciplina positiva en el salón de clase. Ed. Rondine (2ª edición).

SIEGEL, D. & PAYNE, T. (2020). El poder de la presencia. Ed. Alba (1ª edición).

SIEGEL, D. & PAYNE, T. (2018). Disciplina sin lágrimas. Ed. B de bolsillo (1ª edición).

Sección: