Facer biblioteca en tempos de migracións

O reto de adaptarnos aos rápidos cambios da sociedade, aos novos contextos e incipientes demandas en formación a través de iniciativas abertas de traballo interdisciplinario e traballo cooperativo nas bibliotecas escolares. Fluír a través de proxectos que conecten os diferentes perfís profesionais do profesorado e provocar accións que amplíen redes coa nosa contorna e comunidade.

Sandra María Tenreiro Doldán
IES Poeta Díaz Castro (Guitiriz-Lugo)
tenreirodoldan@edu.xunta.gal

 

 

Facer biblioteca en tempos de migracións

Escribo este artigo convidada pola Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia coa finalidade de axudar os novos centros PLAMBE ou equipos de biblioteca que comezan o seu traballo neste ámbito, mostrando algunhas ferramentas que poden ser interesantes para ampliar redes e atender as demandas de acadar competencias en tempos de migracións.

Somos un centro PLAMBE 2006/07 e, durante estes xa case vinte anos no meu centro, tiven a sorte de traballar con compañeiros activos en favor dunha biblioteca aberta á comunidade. Ao longo destes anos entendín que a biblioteca era responsabilidade de toda a comunidade educativa. Ensináronme que as dinámicas de aula que levaba a cabo, como compositora e como docente na materia de Música, creando para o alumnado temas inéditos, para difundir poesía en galego ou traballando a inclusión e a diversidade a través de creacións audiovisuais ou teatro, eran ferramentas útiles non só na miña materia, senón tamén necesarias para axudar a  «facer biblioteca».

 

Biblioteca Poeta Díaz Castro

 

Reflexións.

Obxectivo principal:

- Provocar movemento na biblioteca escolar.

- Xerar dinámicas de traballo cooperativo, dentro e fóra da biblioteca

 

1. Migración dos perfís docentes. Quen son? Que podo ofrecer?

Saber o que son, coñecer as miñas destrezas e competencias, non só no ámbito docente, senón tamén no persoal, é fundamental para participar na comunidade da biblioteca. 

Unha vez que fagades esta reflexión, miraredes doutro xeito os compañeiros e compañeiras e atoparedes neles competencias tanto no persoal como no docente que poden ser esencias para xerar vida nas vosas bibliotecas. 

Cando traballas na túa materia, pensando en que as túas accións na aula xeren dinámicas fóra, pensando non só no alumnado que tes nese momento na clase, senón tamén nas familias e na comunidade do teu contorno, estás a contribuír a activación AMI (alfabetización mediática informacional).

 

Electropneumática e hidróxeno verde co alumnado de primeiro de bacharelato na biblioteca

 

Os micromovementos dos membros de cada departamento didáctico son fundamentais para desenvolver competencias non só vinculadas coa lectura ou coa escritura, senón tamén competencias en ciencia e tecnoloxía, competencias artísticas e socioculturais. Gañamos todas e todos se entendemos que as nosas materias non son organismos independentes, alleos á dinamización social e cultural dun hábitat, alleos á biblioteca escolar. Do mesmo xeito, a biblioteca non é responsabilidade única dun equipo de tres ou cinco persoas; se todos xeramos movemento nela, nacen ideas e dinámicas de traballo cooperativo, novos proxectos e puntos de encontro dentro e fóra do espazo da biblioteca e tamén dentro e fóra do centro escolar.

 

 Cromatografía na biblioteca escolar

 

A biblioteca como comunidade é un organismo que se nutre coas microachegas que cada membro do equipo docente fai, axudando así a apoderar a comunidade educativa, habilitando espazos flexibles de formación e colaboración que mudarán segundo as necesidades.

 

2. Abertos á comunidade a través do ABP

Darse a coñecer á comunidade de aprendizaxe do noso centro é fundamental. Saber mirar ao noso arredor, cos ollos ben abertos e facer unha escoita atenta. Lanzar ideas para cubrir as necesidades e valorar o que temos e facemos, cales son os novos retos que imos asumir. Revisar os recursos dos que dispoñemos e o que podemos precisar para levar as accións a cabo.

 

Equipo Kpaces

 

Equipo Kpaces, traballando con Alfonso Blanco Torrado e Ramón Villar na actividade Ler a Pedra. O alumnado de primeiro da ESO fai lectura dos contos creados inspirándose nas esculturas do canteiro de Pardiñas, Ramón Villar. Xuntanza levada a cabo, na biblioteca Casa Habanera.

O proxecto Kpaces, iniciado neste curso escolar na biblioteca, é un claro exemplo para falar de apertura á comunidade e de facer biblioteca fóra do centro. Un proxecto cun claro compoñente social que naceu das necesidades propias dun momento: axudar os veciños e veciñas de Guitiriz a sentirse parte do equipo de  Kpaces da nosa biblioteca, para que se sentisen necesarios para a comunidade tras dous anos duros de pandemia.

Fixemos un estudo inicial na rúa, falando coa veciñanza, nos locais sociais, biblioteca do concello Casa Habanera, centro de maiores Casa Capataz, comentando no concello os nosos propósitos desde a biblioteca e creando vínculos fóra das aulas.

 

 

O proxecto coordinouse desde a materia Proxecto Competencial de primeiro e terceiro da ESO e primeiro de bacharelato (LDC). Tamén coa materia de Música desde estes cursos e coa implicación do Departamento de Lingua Galega (Ana Fernández) e Lingua Castelá (Lucía Campañó), ademais da participación necesaria, en momentos puntuais, doutros grupos e do seu profesorado.

As actividades elaboradas nas clases polo propio alumnado realízanse coa veciñanza aproximadamente cada quince días fóra do centro, con encontros no centro de maiores Casa Capataz ou na biblioteca Casa Habanera, co grupo de memoria que alí traballa.

 

Intervencións dos maiores do grupo de memoria co alumnado de terceiro da ESO.

 

As unidades de traballo deste proxecto da biblioteca, no que o alumando traballa cooperativamente coa veciñanza, acollen varios perfís; compoñente histórico e social das vivencias compartidas, o cultural nas creacións artísticas que os maiores fan na vila e arredores, a creación escrita, o teatro, a oralidade. Un enriquecemento interxeracional que parece non ter punto final.

 

O programa levado a cabo neste proxecto de aprendizaxe mutua, movemento e dinamización da biblioteca complétase este curso co inicio da Radio Fábrica de Poetas, na que o alumnado de primeiro da ESO na materia de Proxecto Competencial, participa cun programa de radio, no que lles alegran o día de forma moi poética aos veciños e veciñas. Poesía, novas de interese, partes meteorolóxicos poéticos e mesmo felicitacións personalizadas a algún veciño e veciña. 

 

 Alumnado de primeiro da ESO facendo radio para a veciñanza

 

Percibimos á fin de curso un grande interese no centro, tanto por parte das familias, alumnado e compañeiros de equipo de fóra do centro, por darlle continuidade a este proxecto que, como vedes, xurdiu dunha sinxela idea e necesidade, e foi medrando coas colaboracións e novas iniciativas. O vindeiro curso seguro que ampliaremos accións coa participación de novos compañeiros do centro e do equipo da biblioteca que xa están a facer propostas.

 

3. Creando puntos de encontro. Xuntos é mais fácil afrontar os cambios

Ao entrar na sala de profesorado, temos información clara dos proxectos abertos no centro. A dirección e equipos de traballo mostran abertamente os proxectos e axentes implicados no seu desenvolvemento. Algo tan sinxelo e visual facilita moito o traballo e coordinación entre equipos. O profesorado pode anotarse para deixarlle constancia ao resto de compañeiros do seu interese en participar desde a súa materia.

Ademais do blog da Biblio Poeta Díaz Castro, no que recollemos actividades vinculadas directamente aos club de lectura, concursos, celebracións e proxectos de biblioteca, o noso centro conta cunha web educativa, A lus do mundo, na que quedan recollidos de forma organizada e con moito detalle os proxectos que se foron realizando no centro e os que seguen activos durante xa varios cursos académicos. Esta páxina recolle tamén os proxectos vinculados aos ODS, Etwinning e proxectos anuais. Ten unha interesante documentación detallada en relación cos autores, participantes, niveis ou grupos que colaboran en cada proxecto, ademais da súa temporalización e desenvolvemento. Ofrece recursos a outras comunidades educativas e fainas partícipes do noso centro e da vida na súa contorna. O claro exemplo disto atoparédelo na ligazón aos Roteiros: Un neno da aldea  e A fábrica de poetas.

 

4. O club de lectura: cruzando fronteiras no proceso de migración

O club de lectura é moito mais do que imaxinamos. No noso centro é unha ferramenta clave para crear redes de cooperación e aprendizaxe. A dimensión adquirida polo club de lectura supera expectativas. Cun carácter flexible e inclusivo, atento sempre ás necesidades e intereses non só do alumnado, senón tamén das familias. Na actualidade, o club xestionado pola miña compañeira Eva Teijeiro estableceu liñas de cooperación co IES Basanta Silva de Vilalba e co CEIP Plurilingüe de Lagostelle. Ademais, o club coordina accións coas asociacións culturais de Guitiriz, como Xermolos e Nova Poesía Guitirica ou coa Asociación Cultural Lareira de Soños. Concursos, encontros, saídas diversas que dan vida no centro e lles abren as portas da biblioteca aos adultos que asisten ás reunións do seu club no instituto.

 

 Club de lectura de adultos

 

Na mesma liña, o club de lectura ten esta forza grazas á participación activa do profesorado de diferentes departamentos que se reúne xunto co resto do alumnado nas sesións de encontros en tempo de lecer, como un máis, perde o seu perfil docente de determinada materia, para ser un membro máis da comunidade que mostra ante os demais as súas inquietudes e traballos, participando en convocatorias e concursos co resto de alumnado, dentro das súas categorías. Podedes facer un seguimento do traballo no noso blog (enlazar a http://biblodiazcastro.blogspot.com).

 

5. «Si quieres que algo se muera, déjalo quieto». Dinamizar a lectura é responsabilidade de todas e todos

Este é un verso da canción de Jorge Drexler da canción «Movimiento». Neste tema musical, fálase de cultura e biblioteca, fálase da importancia do movemento para xerar vida, historia, cultura, aprendizaxe, apoderamento da sociedade. Os docentes sabemos do peso que ten a formación lectora, mais como actuamos no prezado tempo que pasamos con eles e elas? Ás veces, o profesorado adopta unhas rutinas e dinámicas de traballo sólidas e perpetuas afogado polas presións das programacións didácticas. Se ben é certo que en determinados cursos isto é inevitable, noutros niveis e cursos hai moitas posibilidades sen explotar.

Temos a posibilidade de traballar horas coa rapazada, botamos moito tempo cos adolescentes e ás veces con intensas xornadas semanais, pero lemos con eles? Provocamos que lean nas aulas? Abrimos debate arredor dalgún fragmento concreto? Perdemos o medo a que lean de todo? O noso traballo é abrirlles camiños a novas lecturas.

Eu, antes de formar parte do equipo da biblioteca e aínda que son profesora de Música, tiven sempre o raro costume de subir algún libro comigo á clase: álbum ilustrado, poemario... Se cadra, buscando inspiración para as miñas clases ou composicións musicais ou simplemente porque ler fragmentos de cousas alleas á miña especialidade  me provocaba calma e á vez motivación. Esta acción, sen decatarme, xeraba preguntas, curiosidade no alumnado. Que imos facer? Por que traes ese libro, non é de filosofía? Iso é de ciencia, dáslle clase a algún grupo de bioloxía? A cuestión é que foi un hábito atómico en materia de dinamización e comecei a subir fotocopias e incluso, ás veces, en vez de folios en branco, entrégolles outras copias, mesturados, con fragmentos de historias, sen dicir nada. Volve suceder, algúns preguntan e outros len discretamente, calados. Un xesto tan sinxelo, unha acción mínima que provoca un novo movemento. Isto pódese facer en calquera materia e mesmo pode estar coordinado entre un grupo do profesorado co o obxectivo de dinamizar algo específico. De novo, a actuación conxunta e microaccións, poderosa ferramenta de formación e dinamización lectora.

Baixade ás vosas bibliotecas escolares e sacade os libros daqueles andeis, podedes ter materiais interesantes para as vosas materias, usar novos recursos que promovan accións na aula e fóra dela. Lembrade que non tedes por que ler un libro ou unha revista enteira, este non é o obxectivo final. Tampouco temos que facelo en todas as clases, mais é unha ferramenta moi forte para abrir as nosas materias ao traballo cooperativo por proxectos, fonte de ideas e base da dinamización lectora. 

E xa para rematar, remexede e mergulládevos nas fontes de información das pioneiras e pioneiros nesta materia. Sodes parte dunha rede de formación e cooperación. Atoparedes apoio nas experiencias ao longo destes anos, recollidas por Cristina Novoa (ligazón ao blog), no blog das Bibliotecas Escolares de Galicia (ligazón blog Eduga) e nos artigos doutros centros educativos, exemplos de entusiasmo e bo facer. Tamén visualizade aquelas conversas históricas, como a que tivemos no PLAMBE con Xosé Neira Vilas, precursor falando de como afrontar os cambios que estaban por vir. Todos xeraron movemento e abriron o camiño para facer biblioteca en tempos de migracións.