10 ideas clave educación emocional

Autor: Bisquerra Alzina, Rafael
Editorial: Editorial Graó, 2016

Autora da recensión: Yolanda Fernández López
yolandafernandezlopez@edu.xunta.gal
IES Perdouro (Burela - Lugo)

 

 

Rafael Bisquerra Alzina é presidente da RIEEB (Rede Internacional de Educación Emocional e Benestar), profesor emérito da Universidade de Barcelona, doutor Honoris Causa polo CELEI de Chile, doutor en Ciencias da Educación e licenciado en Pedagoxía e Psicoloxía.

Desde mediados dos anos noventa centrouse no estudo da educación emocional, onde é un referente no ámbito mundial e sobre esta materia ten escrito moitos libros.

Hoxe imos centrarnos en 10 ideas clave educación emocional. Tal e como se recolle na presentación do propio libro, na educación poden identificarse dous aspectos: a aprendizaxe das materias académicas e o desenvolvemento persoal. Os dous son importantes, pero ata o momento foi o primeiro o que acaparou toda a atención e foi a raíz da pandemia, e nos últimos tempos cunha nova mirada cara á saúde mental, cando se puxo en valor a necesidade de traballar na escola para procurarlle ao alumnado un acompañamento emocional. Pero acompañar os rapaces e rapazas non é tarefa fácil. É necesario formarse para poder facelo dunha forma axeitada e este manual é fantástico para unha primeira aproximación ao concepto de emoción, de como funcionan as emocións,  ou que é a educación emocional.

Que o alumnado descubra que «todo o que sente é lexítimo» ou «en que parte do seu cerebro nacen as emocións» é sempre unha ferramenta que os apodera e un primeiro paso no camiño do autocoñecemento.

Explícase neste manual o modelo que o profesor Bisquerra desenvolveu e que identifica as cinco competencias emocionais sobre as que traballar para acadar o benestar emocional. Estas son:

a)    Conciencia emocional
b)    Regulación emocional
c)    Autonomía emocional
d)    Competencias sociais
e)    Habilidades para a vida e o benestar

Esta primeira aproximación á educación emocional vén acompañada dunha fundamentación teórica, pero tamén de exemplos prácticos para empezar a traballar na aula dunha forma cómoda e segura. Ademais, aborda un capítulo sobre a regulación da ira (emoción básica e das coñecidas como negativas debido ao malestar que provoca) con actividades para traballar sobre a súa xestión nos diferentes niveis educativos.

Porque outro aspecto que cómpre destacar deste manual é que é axeitado para calquera docente de calquera nivel educativo, pero tamén para calquera pai ou nai que desexe aprender sobre educación emocional e transformar a súa vida persoal e axudarlles a facelo aos seus alumnos e fillos.

 

 

Sección: