C Lab
Elvira Fernández Pena
elvira.fdez.pena@edu.xunta.gal
CEIP Mestre Martínez Alonso (Mos - Pontevedra)
Contextualización
As herdanzas do período de pandemia deixaron patente algo que moitas persoas en diferentes centros escolares xa tiñamos aceptado desde o noso traballo cotián. O benestar e a regulación emocional, así como os estilos de convivencia participativa e pacífica, xa eran parte do noso modelo de ensino-aprendizaxe. Esas mentalidades de crecemento, esa resiliencia e todos eses valores de afrontamento da realidade desde unha perspectiva positiva e respectuosa co desenvolvemento integral xa estaban presentes nos nosos idearios de centro.
Xa tiñamos feitos os deberes, podemos dicir, e agora afrontamos novos retos desde a motivación que emana do traballo previo.
No CEIP Mestre Martínez Alonso, centro de titularidade pública e liña dúas, situado na localidade pontevedresa de Mos, núcleo semirrural próximo á cidade olívica, mantemos desde hai anos unha metodoloxía pensada na consecución de obxectivos que nos leven mais aló das meras aprendizaxes curriculares, establecendo liñas prioritarias de traballo centradas na inclusión e no fomento do benestar emocional e da convivencia.
Neste sentido, todas aquelas accións tomadas desde a participación en programas educativos de innovación e fomento do éxito na nosa comunidade están sempre vinculadas á cultura do fomento das actividades feitas e pensadas para as persoas.
Hoxe presentamos unha concepción filosófica do que entendemos que debe ser un proxecto como Polos Creativos, tecnoloxía e creatividade aplicadas ao servizo da comunidade. Ciencia humanista. Enxeñería da filantropía. Un mundo tecnolóxico aplicado a desenvolver un pensamento máis racional e con evidencias do ente substancial.
Como dixo no seu día o escritor humanista François Rabelais, «ciencia sen conciencia non é máis ca ruína da alma».
Somos conscientes da importancia de crear un marco teórico que apoie un modelo tecnolóxico creativo que estea enfocado en crear solucións para a vida cotiá, que estea plenamente conectado coa realidade, que ensine a ser desde todas as perspectivas que o home (e a muller, e o neno e a nena) de hoxe en día posúe: científica, tecnolóxica, artística, filosófica e espiritual.
Sabe o lector, sabe a lectora, que o perfil profesional máis demandado na actualidade pola Silicon Valley non é o tecnolóxico? Nin sequera están a buscar matemáticos ou expertos en tecnoloxía. Non. Agora mesmo, precisan sobre todo filósofos que doten as intelixencias artificiais de algo que non lles pode dar un algoritmo: a capacidade de pensar coma unha persoa. Apaixonantes e retadores os tempos nos que vivimos. Tempos nos que no CEIP Mestre Martínez Alonso decidimos apostar por mellorar o benestar emocional do centro e das aulas apostando pola tecnoloxía. Parece incongruencia, mais non é…
C Lab. Que é?
C Lab é o noso proxecto para o programa de innovación educativa Polos Creativos da Xunta de Galicia, consistinte, no noso caso, na creación dun espazo que agrupe diferentes instrumentos que aborden a aprendizaxe científica e filosófica, atendendo a unha interdisciplinariedade dos conceptos tecnolóxicos, artísticos, matemáticos etc. Con este proxecto pretendemos ir máis aló dun simple STEAM. Pretendemos crear un espazo STECAM:
- Science
- Tecnology
- Engenieer
- Coexistence
- Arts
- Mathematics.
E acuñamos termo. No momento actual entendemos que existe a necesidade de traballar o ámbito científico cun propósito educativo que garanta non soamente a aprendizaxe en si, senón a posta en práctica desde a competencia clara. Cremos no concepto de situación de aprendizaxe aplicada á tecnoloxía.
Antes de nada, para consolidar este proxecto reflexionouse sobre esta necesidade de abordar e abrazar a interdisciplinariedade do científico e do humano, do filántropo; poñendo o estudo científico a favor das persoas. Por este motivo, o primeiro paso do proxecto foi, e está a ser tamén a través deste medio divulgativo, o de concienciar a comunidade educativa na creación dun novo concepto, un novo campo semántico que englobe a convivencia no eido das ciencias e da tecnoloxía.
C Lab, ou Coexistence Lab, pretende engadir a convivencia como marco reflexivo nas aprendizaxes científico-tecnolóxicas, de aí que tomemos ese C como bandeira do noso desempeño.
Obxectivos formulados
1. Crear un novo marco teórico que poña a tecnoloxía educativa ao servizo das persoas.
2. Mellorar a competencia dixital de alumnado e do profesorado aplicándoa no día a día e a situacións cotiás.
3. Crear novos espazos interdisciplinarios de traballo colaborativo contribuíndo á experimentación creativa e á exploración de diferentes recursos científico-tecnolóxicos, analóxicos ou dixitais.
Recursos utilizados
Os recursos empregados son os facilitados pola Xunta de Galicia para o proxecto Polos Creativos, ademais dalgúns outros propios do centro.
Descrición da actividade
A metodoloxía empregada que estamos a proporlles ao noso alumnado e á comunidade escolar está fundamentada en diferentes retos con diferentes períodos de consecución a través da ABR (aprendizaxe baseada en retos), avaliando esta consecución mediante o sistema OKR (Objectives and Key Results, ‘obxectivos e resultados clave’). O sistema OKR é unha estratexia para definir obxectivos ambiciosos a curto prazo entre diferentes departamentos (aulas) para chegar a un resultado común.
Estes retos son a tradución destes obxectivos e terán, en todo caso, a motivación de buscar solucións para a vida diaria no centro escolar e mellorar así o benestar emocional e a convivencia.
Ata o de agora levamos resoltos tres grandes retos cos seus produtos finais, ademais dalgún reto ou proposta menor, non incluída na proposta inicial de Polos Creativos. Ademais temos dous novos retos en proceso.
Emprégase un deseño do ambiente educativo do laboratorio dividido en diferentes escenarios por falta de espazo e tamén como solución aos diferentes horarios que, en consonancia co PDI EstaMOS aquí, pretenden tamén achegar os ODS da Axenda 2030 desde a investigación, a curiosidade e os contidos curriculares vinculados das áreas de coñecemento. Os escenarios do C Lab son os seguintes:
- Escenario de reflexión
- Escenario audiovisual
- Escenario de robótica e electrónica
- Escenario de traballo manual
- Escenario lúdico maker
Presentación dos retos
Os retos preséntanse a través dun dos escenarios máis fundamentais do proxecto: o escenario de reflexión. Neste lugar, situado no vestíbulo central do centro, ofertamos un espazo aberto para o traballo asembleario do pensamento científico e crítico, onde situamos certas ferramentas ou informacións que inviten ao estudo posterior nas aulas. Deste xeito, o alumnado pode familiarizarse co emprego da tecnoloxía aplicada a un fin, a consecución dun reto.
No Reto I: Estudo sobre a melanina, por poñer un exemplo, o obxectivo fundamental (OKR) era realizar un estudo interdisciplinario e conceptual sobre o estudo da melanina para poder desterrar prexuízos de raza, traballando sobre os ODS 10, 15 e 16. Este reto, xa enmarcado na proposta orixinal, comezouse cunha actividade introdutoria a través dos robots TRUE TRUE, que presentaban a palabra clave para traballar, a través dun percorrido no grid. Deste xeito, o alumnado familiarizábase co seu emprego ao pasar polo escenario de reflexión. A maiores, un vídeo na pantalla táctil amosaba o ideario do proxecto: traballar un concepto científico que poida axudar na mellora do benestar e da convivencia. O stand tamén contiña fotografías de persoas con diferentes tons e cores de pel, fotografías de persoas con vitilixe, fotografías de persoas albinas, fotografías de persoas con canas de diferentes idades, produtos de protección solar etc.
Libre reflexión
Na segunda fase dos retos proponse a libre reflexión sobre o concepto para que o alumnado investigue nas súas aulas. Os días seguintes, vanse deixando anotacións na pantalla táctil e máis ferramentas. No caso deste reto, deixamos conectado un microscopio USB á pantalla táctil que amosaba aumentados algúns cabelos e propoñiamos que se fixese o visionado da pel de cada alumno e alumna para poder facer un mapa da pel do centro.
Experta no coñecemento
Nunha seguinte fase do reto, proponse unha pequena charla científica sobre o reto. No caso do exemplo que estamos a mostrar, Gaspar Torres Freitas, director do centro e biólogo, deu varios talleres sobre a parte científica da melanina, tratando contidos como o mesmo significado da palabra, cales son os diferentes fototipos da pel, cales son as manifestacións da melanina no noso corpo etc.
Invitada inspiradora
Nesta fase do reto, o alumnado pode asistir a unha charla inspiradora de alguén relacionada co aprendido no reto. No caso do estudo da melanina, Dámaris Ruíz, bailarina profesional no musical El rey León, puxo a parte humanística e deu unha charla sobre as dificultades que tivo no mundo da danza pola súa cor de pel.
Parte creativo-artística
Como elemento indispensable na filosofía tanto de Polos Creativos coma do centro, conectamos as aprendizaxes tanto científicas coma filosóficas cunha obra de arte colectiva. Neste caso, deseñamos o noso mapa da pel. Cada alumno, cada alumna, cada docente, cada invitada sacou unha fotografía da súa pel co microscopio USB para facer un gran mural que nos recorde as nosas similitudes e as nosas diferenzas. Un mural que quedará no centro para recordar que soamente existe unha raza, a humana.
Parte de conexión co contorno
Procuramos que os diferentes retos estean conectados cunha entidade do contorno, externa ao centro. Neste caso, estamos a colaborar cunha asociación que traballe na erradicación do melanoma, para concienciar no emprego de protectores solares coas familias. No Reto II: Estudo sobre a contaminación acústica e a temperatura das aulas; colaboramos con varios centros deportivos de tenis e pádel para recoller pelotas usadas e así insonorizar as aulas aprendendo sobre reutilización e consumo responsable.
Avaliación
Para avaliar as aprendizaxes adquiridas, propomos dinámicas activas nas que a opinión do alumnado sexa a protagonista sen xuízos e sen respostas que dean lugar a erro. Tratamos de que reflexionen dun xeito libre. Por exemplo, o Reto I avaliouse a través dunha actividade cun panel en Mentimeter, deixando desde cada clase un breve escrito sobre o aprendido que se podía consultar en directo a través da pantalla táctil.
Conclusións
«Ciencia sen conciencia non é máis ca ruína da alma» comecei dicindo. De nada vale levar as tecnoloxías aos centros escolares se non abordamos o seu emprego desde un punto de vista humano, ou incluso do espírito, Wilhelm Dilthey (1883), Geisteswissenschaften. Neste marco de traballo queremos destacar o STECAM como unha opción integrada que non ille os conceptos científico- tecnolóxicos da realidade na que se desenvolven. Nestes tempos incertos onde tememos claramente os avances científicos, nestes tempos de cambios vertixinosos e celéricos, é a nosa obriga apostar por unha tecnoloxía sa e concibida para o ben, para o pensamento evolucionado e crítico.
Son tempos de garantir o benestar de toda a comunidade. Son tempos STECAM.