Educación emocional nos centros educativos

Aprendendo a surfear, cando non se poden evitar as ondas
O mar das emocións inunda cada un dos recunchos dos nosos centros educativos. O único xeito de adaptarnos a ese novo hábitat é penetrando no seu interior sen medo: aprender a surfear nel é a clave. É posible? Como facelo?

Lucía Rúa López
luciarua@edu.xunta.gal
César Sánchez Pampín
cesarsanchez@edu.xunta.gal
Rebeca González González
rebecagonzalezgonzalez@edu.xunta.gal
IES Xesús Taboada Chivite (Verín - Ourense)

 

«O coidado. O coidado da parte emocional para que haxa vida, esas flores, as mimosas, a auga como vida…»

Obra de Rebeca González

 

Durante e despois do vivido na pandemia, en innumerables ocasións dixemos e escoitamos: «todo isto pasará factura». E si, podemos dicir que aos centros educativos chegou o que denominamos un mar de emocións. Un mar que non podemos nin debemos evitar, as súas ondas inundan cada día o noso centro e tamén abarcan a nosa sociedade. Polo tanto, como seres emocionais, debemos aprender a coñecelas, comprendelas e xestionalas. Un surfista non evita a onda, ten que surfeala, e nós como educadores debemos asumir a educación emocional de forma inherente na nosa tarefa docente.

O IES Xesús Taboada Chivite relatou neste mesmo medio no ano 2021 como o virus da covid-19 trouxo consigo outros virus contra os que non había vacina: os virus das emocións, que non só lle afectan ao alumnado senón tamén ao profesorado.

Desde un primeiro momento tivemos en conta que, á vez que deberiamos blindar o centro con medidas anticovid, tamén tiñamos que deseñar mecanismos que asumisen a educación emocional e nos ensinasen a tratar situacións complexas nese mar de emocións.

O centro educativo, o departamento de orientación, o equipo directivo, o profesorado e outros axentes debemos facer visibles situacións emocionais que se están a dar de forma continuada, debemos desenvolver máis empatía na comunidade educativa, pero tamén debemos ter a suficiente cautela para garantir a protección de datos persoais. Sendo un dereito respectar a privacidade persoal de calquera persoa, e máis dun menor, debemos ter a suficiente sensibilidade para comprender que algo lle está a pasar, máis ou menos grave, que lle fai sentir esa inestabilidade emocional. Ás veces, é difícil acadar ese equilibrio, xa que nos custa empatizar cando non se coñece a situación.

O Programa de educación responsable deunos a oportunidade de comezar a traballar desde o curso 2020/21 no desenvolvemento emocional a través da creatividade. Foi desde ese momento cando a nosa roda das emocións comezou a xirar para ir dando paso a unha chea de actuacións ata chegar a este curso académico no que por primeira vez conmemoramos no centro o Día Mundial da Saúde Mental (10 de outubro), traballando mitos e tópicos sobre a saúde mental onde o alumnado se sentiu moi identificado. Nesta conmemoración salientamos a saída a Allariz para visitar o XII Festival Internacional de Xardíns cuxa temática neste ano foi «xardíns terapéuticos, deseños que curan».

 

 

Neste mar de emocións intentamos situar a educación emocional como a táboa de surf que nos axudará como educadores. Sobre esa táboa, surfeáronse moitas ondas, salientamos moitas actividades que dan conta da nosa humilde tarefa que intentou abarcar diferentes situacións nos catro puntos cardinais.

Non abandonamos o noso norte que foi, desde o curso 2016/17, o programa de Titoría entre Iguais. Na actualidade este programa está dotado dunha estrutura propia que chamamos ChiviTEI, ten un organigrama de traballo definido desde o inicio do curso a través de microequipos que desenvolven o seu labor baixo unha das liñas do noso PFPP (competencia en educación inclusiva e coeducación) e baixo o contrato-programa Convive-T. Deste xeito, é unha realidade contar cun gran banco de actividades para desenvolver nas titorías (creadas polo profesorado que forma parte do equipo ChiviTEI e que se desenvolven nas titorías co alumnado de primeiro e terceiro da ESO, titores e titorizados do programa). Nesta ligazón temos un exemplo dunha actividade ChiviTEI.

Ao sur deste mar emocional salientamos o programa de Educación Responsable, anteriormente mencionado, que permitiu, á vez que o fomos desenvolvendo segundo as directrices dos catro módulos que alberga (literatura e emocións, reflexarte, coro das emocións e banco de ferramentas), fomentar a súa integración no centro coa implicación do profesorado sen esquecer a excelente formación docente recibida e a súa acreditación. Un dos avances máis relevantes foi a sensibilización pola educación emocional e a súa inclusión no currículo dalgunha das materias, dándolle un cambio de perspectiva: traballar estas actividades non é perder tempo, é enriquecer o currículo da materia.

Exemplos do anterior son varios, na seguinte ligazón ER no Chivite amósase todo o percorrido deste programa. Tamén é destacable o deseño de actividades fraccionadas por cursos que rematan coa creación dun produto final de utilidade para o alumnado e o profesorado, como foi a creación dun calendario de emocións a través do traballo do libro Recetas de lluvia y azucar.

 

Libro traballado e repartición das emocións por grupo para o calendario

 

Neste mar de emocións tamén debemos mirar ao leste, a través da perspectiva da nova arquitectura pedagóxica coa que fomos adecuando espazos dinámicos, versátiles, que sirvan como puntos de diálogo para compartir experiencias, espazos de encontro que buscan o benestar do alumnado, o sentimento de acollida e de convivencia. Espazos comúns de uso conxunto de profesorado e alumnado nos que teña cabida de xeito mixto todo o anterior.

 

 

E neste curso escolar abrimos un novo camiño cara ao oeste, formando parte da agrupación de centros educativos do Ministerio de Educación baixo un proxecto denominado Proxecto emocional de convivencia e benestar escolar. Este proxecto que se está levando en coordinación cos centros IES Tartessos de Camas (Sevilla), IES Joan Salvat (Barcelona), IES Gustavo Adolfo Bécquer (Algete) e IES Alberragas (Mérida) traballa a educación emocional a través da mediación entre iguais e a través das prácticas restaurativas onde o alumando é o protagonista, pero onde se promoven as actividades conxuntas e colaborativas entre diferentes axentes da comunidade educativa: profesorado, alumnado e familias. Este tipo de proxectos son un claro exemplo de como crear rede fóra e dentro do centro, xa que compartir experiencias entre centros educativos é enriquecedor para o benestar persoal, favorece o respecto á diversidade e tamén axuda á cohesión do alumnado do propio centro. Algúns exemplos son os que figuran nas seguintes ligazóns:

 

 

– Podcast alumnado mobilidade Verín-Algete

 

Formación en mediación. Abril 2023. Agrupación de centros

 

Aprender a surfear cando non se poden evitar as ondas é unha fermosa reflexión que se nomeou no I Congreso de Benestar Emocional organizado pola Consellería de Educación e que tanto nos axudou a moitos profesionais. En definitiva, hai que asumir as novas situacións, as adversidades e os cambios como unha oportunidade para aprender e para mellorar. Ante a situación actual cremos que a resposta é confiar na educación emocional integrada no currículo das materias.

Somos optimistas, polo menos no noso centro producíronse grandes logros e satisfaccións, pouco a pouco os centros educativos van tomando conciencia da existencia dese mar emocional, de aí a importancia de aprender a surfear, xa que entendemos que ninguén debe naufragar nel.

 

 

Sección: