Acción titorial na ESO

Andrea Iglesias Moreira
andreaiglesiasmoreira@edu.xunta.gal
IES Luís Seoane (Pontevedra - Pontevedra)

 

Introdución

Traballando cos niveis máis baixos da ESO, cun alumnado con idades comprendidas entre 12 e 14 anos aproximadamente, obsérvase e dedúcese que «algo non anda ben». Rapazas e rapaces que se senten illados, sen amizades, sen estratexias ou ferramentas para establecer vínculos cos iguais. Rapazas e rapaces coa cabeza agochada, sen alzar a voz, pasando de maneira desapercibida un día tras outro. Rapazas e rapaces sen empatía, que non pensan nas consecuencias dos feitos, na repercusión das súas palabras... Esta é a realidade dunha gran parte das nosas aulas actualmente, caracterizadas por unha gran diversidade a niveis socioeconómicos, de relixión e idiomas, pero tamén que gozan con múltiples necesidades educativas e, sobre todo, emocionais e afectivas.

É innegable que o confinamento a finais do curso 2019/20 e as medidas adoptadas nos cursos 2020/21 e 2021/22 tiveron unha influencia directa neste eido: distancia social, emprego de máscara, redución das interaccións cos compañeiros, alteración das rutinas, clases virtuais etc. Se antes a acción titorial na aula era importante, agora é, sen dúbida, imprescindible.

 

O que queremos conseguir

Como titora dun grupo de primeiro da ESO, o que quero conseguir entre os meus discentes é que se sintan seguros, libres, coidados e acompañados; que atopen o grupo de aula como un lugar de confianza co que compartir as súas inquedanzas e preocupacións; que sexan independentes e conscientes dos seus actos e das súas emocións, como se senten e por que.

Pero como se fai? Desde o meu punto de vista, convertendo o alumnado no protagonista, no centro da actividade e do tema que se vai traballar, de forma que xere os seus propios coñecementos, partindo dunhas ideas previas que terá que activar e ampliar coa formación dada ou que terá que mudar e construír de cero.

Os aspectos abordados e que se pretenden traballar son os seguintes: a convivencia e o clima de aula, para o que é necesario xerar unas «normas»; a importancia dos valores e das emocións; os hábitos e as técnicas de estudo; estratexias de resolución de conflitos etc.

Os principios metodolóxicos destas prácticas titoriais baséanse no construtivismo, no traballo colaborativo e na titoría entre iguais, evitando en maior medida as sesións puramente expositivas, intercambiando estas pola interrogación didáctica, buscando motivar o alumnado e conseguir que achegue o seu punto de vista.

Os recursos empregados son moi variados, entre os que predominan a utilización das TIC ou tecnoloxías da información e comunicación para a elaboración de presentacións dixitais, imaxes interactivas e xogos, xa que a gamificación na aula é un medio moi axeitado para captar a súa atención e incentivar a súa participación.

Con base nisto, a planificación das actividades de titoría para o presente curso, a grandes liñas, pódese observar na seguinte imaxe.

 

 

En primeiro lugar, abórdase o plan de convivencia; o propio alumnado elabora as «normas» da clase, redactadas sempre en sentido positivo e elixidas de forma consensuada por eles mesmos. Desta forma deliberan e deciden como debe ser o seu comportamento na aula, a forma de comunicarse co profesorado e cos iguais, o respecto polos materiais e as persoas físicas etc. É importante que sexan conscientes da influencia directa que ten o clima que se estableza na aula co proceso de ensinanza-aprendizaxe e co seu benestar e o de todo os axentes implicados no proceso educativo.

Seguidamente, trabállanse as emocións, cuestión complexa que se aborda desde a explicación de que é unha emoción, identificación das emocións básicas, saber recoñecer os sentimentos, permitirse sentilos, afrontalos, plasmalos a través de diferentes canles e comunicalos. É aquí onde as dinámicas de aula cobran vital importancia, así como actividades máis creativas e innovadoras, empregando debuxos e técnicas de cor.

As dinámicas tamén se empregan para traballar os conflitos; primeiro para recoñecer e explicar que é un conflito, describir as súas causas ou por que se produce; entender os puntos de vista dos implicados nel e buscar técnicas de resolución pacífica. Amais, desenvolven a empatía, poñéndose nos pés dos outros e adquiren ferramentas e técnicas alternativas á violencia física.

Aproveitando o 14 de febreiro, e debido a que a meirande parte do alumnado comeza nos primeiros cursos da ESO as súas primeiras relacións románticas, realízanse debates e actividades sobre os mitos do amor romántico e trátase a educación sexual e o concepto de novas masculinidades.

 

Formación

Para levar isto a cabo, é moi importante a coordinación do profesorado, a formación permanente e establecer un bo grupo de traballo, no que colaboren non só os titores e titoras dos grupos, senón tamén o profesorado en xeral, o equipo directivo e o departamento de orientación. Con base nesta necesidade, o meu centro, o IES Luís Seoane, traballa nun seminario de 40 horas de Acción Titorial a través do PFPP (Plan de formación permanente do profesorado) e continúa con el despois de varios anos, xa que ten moi boa acollida e participación por parte do claustro.

Amais, ao longo dos meus anos como docente, a formación neste tema é variada: curso sobre «prevención e mediación de conflitos na aula», curso sobre «orientación e titoría na educación», cursos de «igualdade» e de «educación sexual para o profesorado», formación sobre «experiencias innovadoras para traballar os activismos no Plan Proxecta», asistencia a seminarios de «dinamización e xestión emocional» e «novas masculinidades» entre outros. Amais, formo parte do departamento de orientación do centro como representante do ámbito científico-tecnolóxico e do equipo de mediación, colaborando e formando a alumnas e alumnos que exercerán no futuro próximo o seu papel ou rol de mediador de conflitos.

 

 

Así mesmo, o centro conta con sesións presencias do Concello de Pontevedra para a prevención de condutas aditivas e contratos programa INCLÚE-T (rexurdir) e IGUÁLA-T.

 

Prácticas na titoría

Como garantir que se conseguen os resultados esperados? Aplicando a metodoloxía planificación-proba-ensaio-erro-modificación e adaptación. Cada un dos nosos alumnos e alumnas é único e, polo tanto, diferente, polo que unha actividade pode «funcionar ou non» de acordo co que temos inicialmente programado.

Moitas son as situacións de traballo de aula e elaboracións e postas en práctica por parte do alumnado, entre as que me gustaría resaltar as seguintes. Sesións con presentacións interactivas empregando as ferramentas TIC como Genially ou Canva, presentando conceptos e combinándoo co emprego de recursos dixitais como fotografías e vídeos (información por canle visual e auditiva). Amais, debido a que xurdiron na ESO problemas de convivencia que motivaron a apertura de protocolos por usos indebidos de redes sociais, por acoso escolar e/ou por identidade sexual, traballáronse os conceptos de ciberacoso, sexting, grooming, transexualidade etc. co taboleiro dixital da aula, actividades onde os propios discentes tiveron que identificar e clasificar as características de cada palabra. Exemplos das portadas das presentacións empregadas nas titorías de primeiro da ESO amósanse na imaxe seguinte.

 

 

Outras prácticas que paga a pena mencionar son as prácticas ou titorías entre iguais (práctica dos «burros»), emocións en tarros (emotions in jars), escritura de carta a min mesmo (a letter to my future self) e círculos de diálogo, entre outros. Exemplos dalgunhas delas amósanse na seguinte imaxe.

 

 

Pero en que consisten as prácticas anteriormente mencionadas? Como foron acollidas polo alumnado? Obtivéronse os resultados esperados? Despois de moitos meses de duro traballo colexiado, pódese afirmar que se perciben cambios moi positivos no alumnado con respecto ao inicio do curso en autoestima, autoconcepto, participación e comunicación.

A pesar de que a meirande parte do alumando se mostrou inicialmente reticente, as actividades desenvolvéronse con éxito. A actividade dos burros permitiu simular unha situación de conflito na que o alumnado debería simular distintos papeis: situación A (postura conflitiva A), situación B (postura conflitiva B) e mediador; practicando habilidades sociais, de comunicación, de expresión oral, de escoita activa, de respecto das opinións dos demais e das quendas de palabra... A práctica das emocións en tarros permitiu que o alumnado ampliase a expresión de como se sente (identificación) máis aló de «ben» ou «mal» e por que, «etiquetando» os tarros (ata 15) con sentimentos e pintándoos con cores ata unha determinada altura en función de como interpreten esa emoción ese día. Despois compartírono cos compañeiros e expresaron os sentimentos en grupos de traballo pequenos (2-3 alumnos) gañando seguridade e confianza. Un experimento alternativo foi a «carta para min mesmo», percibida como unha práctica desconcertante e innecesaria para moitos, pero que tivo un impacto moi positivo nos discentes. Moitos deles non sabían que dicirse a eles mesmos ou como tratarse, noutros casos permitiu identificar situacións de inseguridade, de medo, de desconfianza, de baixa autoestima, de inquedanzas, de preocupación etc. Deduciuse que a carta é un medio co que comunicar aquilo que non nos atrevemos a expresar con palabras e que tivo un efecto moi positivo no alumnado para liberarse e para afrontar así temas que lles facían dano e que non conseguiran atallar doutra forma.

As dificultades atopadas foron, fundamentalmente, as negativas iniciais a participar por parte do alumnado ou a necesidade de adaptar algunhas das prácticas en función do tamaño e da diversidade da aula, cunha media de 28 discentes por grupo. Estes aspectos terán que traballarse para prácticas futuras, intentando melloralos con máis actividades noutros espazos distintos ao físico da aula, como pode ser o patio, a biblioteca ou a aula de expresión corporal.

 

Conclusións

Considero que todas as prácticas de titoría levadas a cabo no grupo de primeiro da ESO foron axeitadas e tiveron unhas consecuencias positivas no ámbito afectivo-emocional e de convivencia do grupo aula, polo que recomendaría a súa posta en común noutros niveis e etapas educativas, así como a súa ampliación e continuade nos futuros cursos.

 

 

Sección: