Sementando hábitos desde a Terra Chá para toda a vida

Proxecto de alimentación saudable desde o CEIP O Salvador (A Pastoriza)
Neste pequeno artigo baseámonos na alimentación saudable desde o contorno escolar, recoñecendo que os hábitos adquiridos durante estas etapas de infantil e primaria teñen un impacto duradeiro na saúde e benestar dos nenos e nenas. Abórdanse estratexias e enfoques eficaces para inculcar unha alimentación equilibrada e nutritiva no alumnado desde o proxecto de centro, creando unha base sólida para un estilo de vida correcta no futuro. Destácase a importancia da educación nutricional, así como a colaboración entre a escola, a familia e a comunidade.

Alejandro Pena Fernández
alejandropena@edu.xunta.gal
CEIP O Salvador (A Pastoriza - Lugo)

 

Vivimos nunha sociedade que incita a comer mal. Produtos azucrados, hipersalgados, con graxas insás, a prezos relativamente baixos. Saben que gustan. Están aí: nos corredores do supermercado, nas festas de aniversarios das nenas e nenos, á entrada do cine, no parque, nos anuncios que vemos e que escoitamos, tamén na pequena tenda que hai á beira do colexio. Por iso a infancia é o momento ideal para sentar as bases da educación alimentaria: porque só así se poden esquivar os cantos de serea daquilo que conviría non ter preto cada día. Varias veces ao día. Non é certo que a información é poder? Aquí tamén, e é por iso que desde o CEIP O Salvador tomamos en serio a alimentación dos nenos e nenas. Ao longo do curso todas as súas etapas realizan diferentes actividade e proxectos para educar tamén en hábitos de saúde. Brotes verdes nun terreo árido desde un cole da Terra Chá no concello da Pastoriza.

 

O noso proxecto

Súper Saúde está inspirado no popular personaxe de videoxogos Super Mario Bros e ten como obxectivo principal promover unha alimentación saudable entre os estudantes do noso colexio. A través desta iniciativa, buscaremos ensinarlle ao alumnado a importancia dunha alimentación equilibrada e nutritiva, tomando como referencia os principios de Super Mario para facelo de forma amena e divertida durante os tres trimestres. O proxecto incluirá actividades interactivas, información nutricional, retos e xogos relacionados co tema.

Como obxectivo do proxecto destaca a base de todo: concienciar sobre a importancia dunha correcta alimentación. A través de actividades lúdicas e informativas, pretendemos que o estudantado comprenda a relevancia dunha dieta equilibrada para a súa saúde e benestar e da actividade física diaria.

 

 

Inspirados en Super Mario e a súa busca de enerxía, exploraremos como a alimentación inflúe nos nosos niveis de enerxía e na nosa capacidade para realizar actividades físicas e mentais.

O proxecto inclúe actividades interactivas, como retos de alimentación saudable, xogos en equipo e concursos de deseño de pratos saudables, para involucrar activamente os estudantes na súa aprendizaxe.

Tamén se busca integrar contidos relacionados coa alimentación saudable en diferentes áreas do coñecemento, como ciencias naturais, matemáticas (cálculo de nutrientes), linguaxe (elaboración de informes saudables) e plástica (deseño de personaxes de Super Mario con alimentos saudables).

No final do proxecto, organizaremos un día especial no colexio, onde os estudantes poderán compartir e exhibir os seus traballos, xogar a xogos relacionados co tema e gozar dunha merenda saudable coa temática de Super Mario, despois das moedas que foron gañando como agasallo ao longo dos trimestres.

Este proxecto busca combinar a diversión e a aprendizaxe para fomentar unha correcta alimentación entre o estudantado, inspirándonos nun personaxe tan querido como Super Mario. Ao relacionar a alimentación coas aventuras do xogo, esperamos que os estudantes interioricen os conceptos e desenvolvan hábitos saudables que perduren ao longo da súa vida.

 

Traballamos día a día

A continuación, desde o noso centro educativo, ofrecémoslle algunhas recomendacións ao noso alumnado para conseguir unha alimentación saudable no ámbito escolar. Partimos das experiencias previas coa nutricionista mensual que nos acompaña no proxecto Sana el Hoy e tamén coas pautas marcadas polo plan proxecta Aliméntate Ben.

 

 

A responsable de comedor opta sempre por ofrecer un menú variado e equilibrado: o menú escolar debe incluír alimentos de todos os grupos alimentarios, como froitas, verduras, cereais, legumes, lácteos e proteínas. É importante que as comidas sexan variadas e equilibradas para asegurar unha dieta completa e saudable.

Inculcamos tamén moito o promover a hidratación: o alumnado debe beber auga con frecuencia para manter unha correcta hidratación. O colexio conta con auga potable para que as nenas e nenos poidan beber cando o necesiten en calquera punto do recinto.

Débense evitar alimentos procesados e refinados: é recomendable evitar o consumo excesivo de alimentos procesados e refinados, como bolería industrial, snacks, refrescos, entre outros. Estes alimentos conteñen azucres e graxas pouco saudables que poden ter efectos negativos sobre a saúde e por iso tanto a etapa de educación infantil coma a de primaria optaron por ter un calendario de merendas e marcar un pouco a liña das comidas de media mañá para o noso alumnado.

 

 

Fomentar o consumo de froitas e verduras: as froitas e verduras son fontes importantes de vitaminas, minerais e fibras. É recomendable que os nenos e nenas consuman polo menos cinco porcións ao día. Foméntase este hábito mediante a inclusión de froitas e verduras no menú escolar e mediante actividades que promoven o seu consumo, xa que estamos no plan proxecta Aliméntate Ben.

Sensibilizar sobre a importancia dunha boa alimentación: organización de actividades educativas para sensibilizar o alumnado sobre a importancia dunha alimentación saudable. Por exemplo, a etapa de educación infantil no primeiro trimestre todos os venres traballou, mediante obradoiros de cociña saudable, actividades sobre nutrición e saúde, entre outras, para os mais cativos do colexio.

 

 

Conmemoracións

As celebracións e conmemoracións son momentos especiais no calendario escolar que nos permiten recoñecer e reflexionar sobre eventos e temas importantes. Estas actividades ofrecen oportunidades para fomentar a unidade na comunidade escolar, promover a aprendizaxe significativa e fortalecer a identidade e os valores do colexio. Durante estas ocasións, os estudantes, profesores, persoal non docente e familias únense para participar en actividades divertidas, educativas e conmemorativas.

O noso panel de Super Saúde na entrada do centro escolar muda a súa cara en función de cada unha. A modo exemplo, destacan días como o 25N (Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller) ou o propio Día do Libro (23 de abril), onde se realizan actividades para conseguir esas «moedas» a modo de premio e continuar co proxecto de centro, onde os propios nenos e nenas son protagonistas, e así seguir adiante coa nosa simulación do xogo.

 

 

 

Para ir rematando...

Desde o 1 de setembro, o claustro de profesores do CEIP O Salvador marcámonos como obxectivo que ten que quedar claro que promover a alimentación saudable no noso colexio é unha prioridade para asegurar o benestar físico e mental do noso estudantado. Isto faise a través de estratexias que lle permitirán tomar decisións informadas sobre a súa alimentación ao longo da súa vida.

Ao integrar o tema da nutrición no currículo escolar e en actividades cotiás, estamos a facer unha contribución significativa para mellorar a saúde e o benestar da nosa comunidade educativa. Non só estamos a proporcionarlles aos estudantes as ferramentas necesarias para unha vida proveitosa, senón tamén a fomentar valores como o respecto polo corpo, o coidado do medio ambiente e a solidariedade coa comunidade.

Traballando todos xuntos, podemos crear un ámbito favorable que apoie e reforce os correctos hábitos do noso estudantado. Por iso é importante tamén unha boa comunicación entre centros da mesma contorna.

En definitiva, ao promover unha alimentación saudable no noso centro, estamos a investir no futuro dos nosos estudantes. Ao capacitalos co coñecemento e as habilidades necesarias para tomar decisións saudables, estamos a dotándoos dunha base sólida para unha vida plena e beneficiosa. Sigamos traballando xuntos para facer da alimentación unha prioridade e proporcionarlles aos nosos estudantes as mellores oportunidades para acadar o seu máximo potencial.

 

 

Sección: