Do conto ao cine

No Souto de Vea (San Xurxo, A Estrada) atópase o CEIP Manuel Villar Paramá. Neste centro, no ano académico 2022/23, levouse ao cine "Un conto cheo de lobos" da editorial OQO, coa finalidade de achegar a maxia da animación a toda a comunidade educativa.

Lucía Muñoz Pereira, mestra en Educación Musical
Silvia López Sande, mestra en Educación Física
CEIP Manuel Villar Paramá (A Estrada-Pontevedra)

 

Como nace este proxecto?

O proxecto xorde da necesidade de buscar un traballo interdisciplinario dos equipos de dinamización da lingua, actividades extraescolares e biblioteca. Un conto en galego susceptible de converterse nun laboratorio de imaxe e son era o escenario ideal para fomentar a investigación, a colaboración e a creatividade nas nosas aulas. Deste xeito provócanse situacións de aprendizaxe que desenvolverán a competencia de aprender a aprender.

 

Quen participou?

O alumnado de cuarto de primaria levou o peso da interpretación e da creación das personaxes, pero tamén colaboraron outras aulas, sobre todo na elaboración dos decorados e nos cambios de escenas.

 

Con que obxectivos?

  • Comprender e integrar a linguaxe audiovisual tomándoa como una historia escrita.
  • Fomentar o uso da lingua galega e as posibilidades expresivas para producir audiovisual con denominación de orixe.
  • Aprender técnicas de animación básicas como stop-motion ou o uso da  técnica croma para comprender os mecanismos cinematográficos e os seus precedentes.
  • Traballar desde diferentes equipos de dinamización do centro para fomentar integración de aprendizaxes a través de interdisciplinariedade.
  • Desenvolver o gusto de crear a partir de materiais simples e coa posibilidade de reutilizar obxectos cotiás.
  • Favorecer a integración coas familias nos proxectos do centro para achegar o traballo da aula á realidade, afianzando así as relacións da comunidade educativa.
  • Compartir o resultado dos nosos produtos (como creadores), poñendo énfase no aprendido e nas experiencias vividas.

 

Que metodoloxía se utilizou?

Acadar unha aprendizaxe significativa era a nosa meta. Para iso, crear situacións de aprendizaxe onde os participantes atopasen unha gran motivación de cara ao traballo foi fundamental. O traballo integrado de mestres, familias e alumnado facilitou a tarefa en diferentes momentos do proceso. A aprendizaxe cooperativa e a repartición de tarefas en función das fortalezas e das competencias de cada un mellorou notablemente o resultado obtido. «Construímos entre todos!» era o lema e pretendiamos crear un espazo onde expresar a creatividade dos participantes.

Deste xeito, a  planificación do proxecto foi flexible e aberta ás necesidades, as dificultades fóronse salvando coa contribución de todos os participantes, sen que as diferentes idades fosen unha barreira, todo o contrario, acabouse convertendo nun valor.

 

Como se organizou o traballo?

A organización do proxecto artéllase en tres momentos decisivos:

  • Formación 
  • Execución da actividades 
  • Produto final e difusión 

Decídese participar animados pola experiencia dunha mestra que xa participara en edicións anteriores. Contaxioulle a parte do claustro a súa motivación cara ao traballo das técnicas audiovisuais e poder facelo en galego aínda o fixo máis atractivo.

Antes de poñernos mans á obra, consideramos que era de vital importancia estar ben informados e formados e para iso contamos co asesoramento inicial da editorial OQO.

 

Como foi a formación coa editora OQO?

En canto fomos seleccionados para o Plan Proxecta achegouse ao centro. A maxia do cine ía xurdir dunha caixa-agasallo chea de libros, seleccionados para poder levalos á gran pantalla.

Partindo dos primeiros xoguetes ópticos (pravinoscopio, folioscopio, taumátropo...), avanzamos ata saber como construír unha personaxe e darlle vida. Tivemos a oportunidade de coller nas nosas mans a Cocorico, protagonista dunha das moitas historias que OQO animou e xa todo un referente nas nosas aulas.

Logo de explicar a parte máis plástica, continuamos coas técnicas de animación, neste caso stop-motion. Nesta parte decatámonos da importancia da articulación e manexo dos personaxes para evitar frustracións posteriores.

Por último, mostráronnos, usando a tableta e o ordenador, diferentes programas de edición e montaxe como Monkey Jam, usando unha webcam, ou outros programas informáticos como Movie Maker para Windows ou Imove para Mac. Tiñamos decidido usar a cámara réflex para os nosos disparos, polo que nos decantamos por un programa de edición que soportase o peso das fotografías. En momentos puntuais tamén se utilizaron os dispositivos móbiles pola súa axilidade e comodidade.

 

Que tarefas se realizaron?

Cando a formación do profesorado estivo en marcha, trasladámoslle os libros ao alumnado que ía participar na gravación e elaboración da curta. Estudaron con calma cada historia e as súas posibilidades e, tras unha votación, case por unanimidade, elixiron a obra Un conto cheo de lobos. O seu carácter dinámico engaiola o lector, xa que remata como comeza e así dá sensación de infinidade. A elección asustou un pouco o profesorado pola dificultade que podía presentar plasmar tanta acción e cambios de personaxes na curta. Elixido estaba e puxéronse mans á obra.

Hai que destacar tamén a trama argumental onde os lobos son moi variados, pero todos perseguen un obxectivo: matar a fame. Aínda que o seu gran corazón lles impide facer sufrir a ninguén, neste caso a nena que na cama da súa casa porta o conto onde habitan. A historia rompe estereotipos e ten un recurso tan cinematográfico como o flashback que foi un pulo para comezar a crear.

Para crear o plató de rodaxe tívose que decidir onde situar a historia. A cidade de Nova York era un lugar ideal e, como ese ano académico se estaba traballando A volta ao mundo, afondamos na idiosincrasia da cidade para elaborar un skyline adaptado ao noso orzamento. Tamén decidiron que fose un contorno en tres dimensións e que as súas personaxes se desprazasen polas rúas.

 

 

Como iamos mesturar o mundo que sucedía saltando entre páxinas e o mundo real no que a nena le o conto no seu cuarto e cae nas garras de lobo Papón? Para organizalos houbo que afondar na parte máis técnica do proxecto: a elaboración do story-board que axuda a comprender e estudar o guión polo miúdo.

Pedíuselles ás familias que elaborasen pezas máis complicadas que requirían de mans expertas, como unha escaleira, unha cadeira de barbeiro ou asentos de cine. Cómpre salientar que as familias realizaron cos seus fillos obras de arte imaxinando e executando.

Desde as diferentes sesións de especialidades e titorías entre niveis acabamos pintando as épocas do decorado, pegando os sinais de tráfico e unha morea de detalles que xeraron un ambiente de traballo colaborativo sen precedentes.

Todo para axudar na película dos lobos, ese era o obxectivo e así, case sen darnos de conta, a cidade, os personaxes e todo tipo de detalles comezaron a construír un soño de cartón e pintura. Os tubos de papel hixiénico foron un dos nosos materiais máis empregados.

No mes de febreiro, con todo isto avanzado, o profesorado implicado comezou coa formación obrigatoria a través de PLATEGA, realízanse e entréganse as tarefas a medida que o proxecto ía tomando forma.

E comezouse coa PRODUCIÓN (desde xaneiro ata abril)

  • Primeira tarefa:

Realización dun xoguete óptico. Optamos por dous, o traumátropo e un flip book, para poder entender a mecánica do cine.

  • Segunda tarefa:

Realización do story-board para elaborar o guión gráfico interiorizando conceptos básicos da linguaxe audiovisual (movementos de cámara, tipos de planos, minutaxe etc.). Para isto utilizáronse vídeos explicativos con escenas de películas nas que se xoga a identificar planos. Exemplos de debuxos esquemáticos, analizando como se redacta escena a escena unha historia. Cando se pasa a facer secuencias, comprenden a utilidade dos planos recurso para poder resolver problemas técnicos posteriores.

 

 

Como anticipar un acontecemento argumental con son ou imaxe? Por exemplo, usando un plano detalle, como ocorreu cos sumidoiros da cidade de Nova York que resolveu a transición de páxina que era tan importante para contar esta historia.

  • Terceira tarefa:

Creación de decoracións e personaxes que se levou a cabo no mes de febreiro e marzo.

Como comentabamos antes, conscientes da dimensión deste apartado e contando coa experiencias anteriores, non dubidamos en repartir o traballo entre os grupos participantes, que quedou do seguinte xeito:

- Primeiro de primaria; elaborou os medios de transporte

- Segundo de primaria: pintou as estradas, construíu a sinalización e realizou os letreiros e deseñou a imaxe corporativa da nosa produtora Paramámout Pictures.

- Cuarto de primaria: deseñou e elaborou as personaxes, cada un o seu lobo coa súa personalidade. Lobo con máis de 100 anos non podía ter a mesma mobilidade ca un lobo afortunado ou un lobo papón. Así, caracterizaron a cada lobo segundo as súas particularidades. Axudouse a establecer o que era importante para cuantificar a articulación das personaxes: rabos, bocas e ollos, os elementos que máis interesaba animar.

O mesmo ocorreu coa elección dos materiais, que mantivo unha liña común interniveis. O material de refugallo (cartón) era o protagonista na maioría dos elementos. Por exemplo; os edificios eran cartóns de leite, os corpos dos lobos tubos de papel hixiénico, as caras pezas de cartón (de perfil e de fronte) usando encadernadores para articular e substituír unhas pezas por outras. Os brazos eran cepillos de cores e os pés non estaban articulados, estaban feitos de pasta de modelar que permitía o desprazamento lineal polo plató e o seu equilibrio. No deseño de vehículos, os cartóns dos ovos e as caixas de zapatos foron os aliados, xunto con algunha estrutura de plástico, tapóns de botellas para rodas etc.

Cando os lobos conducían os vehículos, a escala de cada un deles tiña que estar acorde, aspecto que houbo que ter en conta na elaboración.

- Sexto de primaria elaborou os edificios do skyline cos cartóns de leite.

A decoración e o plató de rodaxe acadaron, polo tanto, dimensións moi importantes. Estaba situado sobre dúas mesas altas e grandes unidas, forrouse unha das paredes con azul claro para o ceo do día e substituímos por un azul escuro nas escenas nocturnas. En canto á iluminación, empregamos dúas luces de fotografía, cada unha co seu paraugas para ter unha luz continua e de recheo para non ter flutuacións de luz. Para eliminar escenas máis concretas, empregamos lanternas para facer luz puntual e conseguir máis efectos, como a luz na que o lobo da sorte cruza a estrada para ir ao cine 25.

  • Cuarta tarefa:

Comeza o traballo máis metódico e concienciudo (finais de marzo, principios de abril): a toma de fotografías. Contamos coa colaboración de catro grupos de primaria (segundo, terceiro, cuarto e sexto), dando máis participación aos alumnos de cuarto que fixeron a dobraxe das voces. En pequenos grupos de tres ou catro participantes aproveitouse tempo dos recreos e cada momento, por pequeno que fose, durante aproximadamente as 800 tomas ou fotogramas que deron o resultado final da curtametraxe. Este labor de paciencia modelou a tolerancia á frustración do alumnado cada vez que caía un personaxe ou se producía algún incidente que obrigaba a repetir a escena.

Para a dobraxe das voces e os efectos de son producidos polos nenos e nenas empregouse a voz en off que vén incorporada no programa de edición que se utilizou (Imovie). Non se empregou micrófono, polo que nalgún caso supuxo algún atranco nas solucións do traballo final, ese é un dos aspectos que hai que ter en conta en futuras ocasións.

Tarefas de POSPRODUCIÓN

A montaxe da curtametraxe foi realizada polo profesorado, debido á falta de tempo e horario para traballar co alumnado. Decidiuse que o alumnado participase coas familias preparando o making off de como se fixo, o que rematou converténdose noutra curta chea de humor e bos momentos inesquecibles para toda a comunidade educativa.

 

 

A finais de maio, o proxecto finalizado enviouse ao concurso de curtametraxes da CRTVG coa colaboración da editorial OQO e acadouse o premio na segunda categoría.

Esta nova foi una sorpresa para o alumnado que en setembro acode a recoller o premio de Política Lingüística. Non só iso, tamén acadan premio non OUFF de Ourense, o que estimula a súa motivación para seguir creando.

 

 

Actualmente estamos camiño de inscribirnos en Olloboi e con ansias de compartir momentos con outros centros que tamén teñen interese polo audiovisual en galego.

Neste curso 2022/23 no mes de maio viaxaremos a Cans (O Porriño) como colofón deste proxecto.

 

Valoración do proceso da realización da curtametraxe

A valoración da experiencia vivida con este proceso creativo fíxose a través dunha posta en común cos grupos participantes que nos proporcionou unha valiosa información; acadamos moitos máis obxectos ca os inicialmente previstos.

- O coñecemento da linguaxe visual, a narrativa visual, os recursos cinematográficos etc. ofrecéronlles aos nenos unha nova perspectiva á hora de ver os proxectos propios ou alleos. Fomentouse así o seu espírito crítico.

- A implicación da comunidade educativa contribúe ao desenvolvemento integral do alumnado.

- O fomento da importancia do traballo cooperativo e coordinado para acadar a calidade no resultado final.

- O desenvolvemento da creatividade no uso de materiais alternativos e de refugallo para a creación propia.

- O uso normalizado do galego durante a realización das tarefas e para expresar as emocións dos seus lobos.

- O impacto positivo que xerou na comunidade educativa, no concello e prensa local.

E o mellor de todo foi a experiencia inesquecible para o alumnado que quere seguir producindo creacións audiovisuais.

 

A nosa curta

Making Off ou como se fixo

Falamos de cine

 

Repercusión do premio

 

 

Sección: