Entrevista ao Dr. Luis Rojas Marcos
Juan A. Granados Loureda, director de Eduga
No marco do Congreso de Convivencia e Benestar Emocional, organizado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, e celebrado en Santiago de Compostela o 7 de marzo de 2023, visítanos o doutor Luis Rojas Marcos, psiquiatra formado en Nova York, responsable durante moitos anos dos servizos de saúde mental na mesma cidade e profesor na súa universidade. Luis Rojas Marcos é, ademais, como se sabe, un excelente comunicador e divulgador do pensamento científico no ámbito da psiquiatría.
Na súa conferencia, que tivo por título «Benestar emocional e sentido de futuro», falounos amplamente das causas da nosa ansiedade e dos nosos medos, e, porén, da capacidade de esperanza que posúe o ser humano. Foron moitas as achegas que ao longo da súa disertación foi apuntando. En esencia, hai razóns para manter o optimismo no noso devir? Temos a maior esperanza de vida da nosa historia e temos tamén ferramentas para entendernos e coñecernos. Velaí algunhas claves que o doutor Rojas Marcos foi adiantando: quen fala moito, quen comunica o que lle ocorre abre portas á súa propia esperanza de benestar.
Neste sentido, o estilo explicativo, cada un o seu e á súa maneira, permite que nos axudemos a nós mesmos e que axudemos os demais desenvolvendo o sentido da solidariedade. A compañía activa resulta esencial, entón, á hora de superar ansiedades. O benestar procede, en realidade, da ansia de vivir a través dunha actitude optimista ante a vida, nesa procura subxectiva da felicidade que pode residir en cousas moi diferentes.
Así, en primeira instancia, a persoa debe centrar o control da súa vida en si mesma, loitar por ela, pedindo axuda cunha actitude puramente natural cando esta se precisa. De feito, a pasividade non axuda en nada, ao contrario, a actividade protéxenos do verdadeiro pánico existencial que nos produce vivir na permanente incerteza, realidade esencial da condición humana.
Debemos entender que a depresión supón un furto á nosa propia esperanza, que en determinadas situacións nos pode conducir ao suicidio. Por iso —subliña— é tan importante pedir axuda cando se necesita. Para iso contamos coa memoria como aliada. A memoria humana, afortunadamente, mantén mellor os recordos positivos ca os negativos e desta maneira establece unha sorte de áncora á vida que nos protexe da desesperación.
Como elemento coadxuvante, hai que pensar no efecto balsámico do perdón, debemos ser capaces de abandonar o resentimento e a ansiedade por medio deste mecanismo explicativo que implica o desenvolvemento dun carácter que nos permita tender á flexibilidade e á resiliencia. É un feito que a dor en si mesma non axuda a mellorar, o que axuda a mellorar é a propia loita e, sen ningún xénero de dúbidas, o fomento e o cultivo do sentido do humor.
A actividade, a diversificación de intereses resultan ser tamén un elemento cardinal na nosa sensación de benestar. En suma, para o proceso de cura, a capacidade cerebral de adaptación resulta ser a verdadeira solución. Debemos chegar a poder explicarnos e poder compartir cos demais para manter a esperanza. Neste sentido, comunicarse cos demais e, en especial, con aqueles que sufriron ou sofren circunstancias vitais similares, formando grupos de axuda mutua, funciona, é algo que se demostrou cumpridamente ao longo da historia da psiquiatría. Lémbranos o doutor que nos terribles momentos do 11S o que máis axudaba as persoas desesperadas pola dor era facer algo polos demais, practicando o voluntariado e integrándose en grupos de axuda mutua.
Tras a conferencia, EDUGA tivo a oportunidade de intercambiar co doutor unha gratificante charla de backstage en relación con estes asuntos e, especialmente, na súa relación coa infancia, a adolescencia e a educación en xeral. A continuación, transcribimos o teor daquela conversación:
Juan Granados: Querido doutor, acábanos de regalar unha estupenda conferencia sobre as raíces da felicidade. Hai moitos anos, ante unha pregunta parecida, escoiteille dicir ao profesor Aranguren que a clave para ser feliz consistía en «arrostrar con ánimo sereno as vicisitudes da vida cotiá». Hoxe vostede veu, dalgunha maneira, para confirmarnos a importancia de que cada un faga algo para si e para os demais, en actitude activa e cultivando a «boa memoria das cousas». Nesta contorna na que nos atopamos rodeados de profesionais do ensino, a primeira pregunta ha de ser como sementamos en nenos e adolescentes os cimentos da felicidade futura nestes tempos de pospandemia?
Luis Rojas Marcos: Máis que entender a felicidade en abstracto, deberiamos apreciar o valor máis inmediato e concreto do «sentirnos ben», isto é, o benestar. No día a día repleto de incerteza que nos impuxo a pandemia, decímonos «a ver se chegamos ao mes que vén, non?» Entón, temos que pensar como podo eu mellorar o meu benestar de hoxe e de mañá, como podo vivir ben nestes días. Impúxose, dalgunha maneira, a concreción, o ir paso a paso. Dinche: «Mira, para ser feliz tes que facer isto, ver xente, facer exercicio, gañar diñeiro. Pero, preguntácheslle á persoa: e como te sentes ti ben?». Nunca che darán exactamente a mesma resposta, pero en xeral falaranche de metas concretas. Por exemplo, que os meus seres queridos estean ben, tamén certas experiencias positivas, sentirnos eficaces, conseguir un traballo, aprobar unha materia… Ao final, as metas son o propio día a día e os pequenos gozos que temos ao alcance: unha cea cos amigos, un bo espectáculo, relacións gratificantes… Vivimos nese mundo da subxectividade no que cada persoa concibe e expresa o seu benestar á súa maneira.
JG: Ao final falamos de adaptación e flexibilidade, pódeselle ensinar isto á infancia, é dicir, hai algo que os profesionais do ensino poidamos facer para, digamos, fomentar unha vida esperanzadora no noso alumnado? Existe algunha receita para iso?
LRM: Os nenos e adolescentes están en proceso de desenvolvemento, nun proceso de cambio cerebral e en todos os ámbitos, e os educadores debemos telo en conta. E que quero dicir con iso? Pois que debemos adaptarnos á súa situación cambiante. Están no proceso de desenvolvemento sexual, de desenvolvemento intelectual, desenvolvemento físico. Por iso axuda moito o explicar como superamos adversidades ou conceptos como a resiliencia. Eu utilizo moito o símil da pelota de goma, lánzoa contra unha parede e defórmase, pero logo volve ao seu ser. Hai que explicarlles que o fracaso é superable, que podes suspender materias nun determinado momento e recuperarte diso con éxito. Dislles: «Necesitas tempo para volver onde estabas, non? E que podes facer nese sentido?». Unha vez que entenden os obstáculos que se interpoñen no seu camiño e toman o control con confianza, comezan a mellorar. O mesmo ocorre con dificultades como o insomnio ou o medo, deben comprender o porqué do que lles ocorre, esa é a clave. Ou sexa, que a información e a conciencia do problema axudan moito, sobre todo cando a información é nunha linguaxe que entenden.
A función dos docentes, e tamén dos compañeiros, é escoitar e brindar axuda a través da comprensión do problema e o acompañamento solidario.
JG: Doutor, como ve os retos da sociedade actual? Hai esperanza de camiñar cara a mellores formas de vida?
LRM: En fin, a min axúdame revisar o pasado. Non cabe dúbida de que a humanidade mellorou. Vexamos a Segunda Guerra Mundial, inconcibible, uns 50 millóns de mortos en seis anos de guerra. Se imos máis atrás, entón eran as epidemias, que levaban por diante millóns de seres humanos. Para min, o indicador da esperanza de vida é o máis importante. A esperanza de vida en Europa en 1900 non acadaba os corenta anos, hoxe en España sobrepasa os oitenta e tres. Quero dicir que cando vexo os problemas actuais, axúdame saber e entender os problemas similares ou incluso peores que puidemos superar. Por outra parte, estou convencido de que temos que axudarnos uns aos outros, porque as tarefas que canalizan a solidariedade, ademais do seu valor como mecanismo natural de supervivencia da humanidade e da axuda que aportan aos seus receptores, son moi saudables para quen as executa.
Recordo que no 11S había colas enormes de xente nas portas dos hospitais dicindo: «Eu non me vou de aquí ata que non doe sangue». Pero nesos primeiros momentos non había feridos, senón mortos, non se necesitaba sangue. O que si se necesitaba era grupos de autoaxuda. Organizamos centos de grupos en colexios, templos e en centros de saúde. As reunións duraban hora e media. Os participantes viñan contar a súa experiencia, compartir, escoitar e apoiarse uns a outros. Verbalizar as circunstancias que nos angustian é saudable. Ao narralas en voz alta desafogámonos e facémolas máis levadías. Pero iso non é todo, pois ao compartilas con persoas receptivas abrímonos ao apoio solidario. Todos nos beneficiamos das expresións de empatía e ánimo que recibimos de quen nos escoita. E se a conversación inclúe a persoas que pasaron por circunstancias similares, infúndenos o sentimento tranquilizador de universalidade, a sensación de que “non son o único”.
JG: É unha mágoa, pero non temos tempo para máis. Moitísimas grazas, doutor, polo seu tempo e a súa dispoñibilidade. Foi un auténtico pracer.