O novo repositorio de contidos educativos

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades ten en funcionamento, dentro da dixitalización dos procesos de ensinanza e aprendizaxe, un portal institucional onde se incorpora un repositorio de materiais didácticos que pretenden servirlles de apoio aos docentes das diferentes etapas educativas, baixo o argumento do traballo colaborativo.

Elisa Vecino Fernández
Asesora do Departamento de Educación Dixital do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI)

 

 

Busca de recursos didácticos

Un profesor ten que ser un bo buscador de recursos didácticos que lle sirvan ao seu alumnado. Pero non é doado dar con materiais que sexan adecuados, actualizados e atractivos, e que se axusten ao que queremos e necesitamos. Por iso, neste artigo imos falar dunha ferramenta moi práctica que che permitirá atopar os recursos máis convenientes entre os máis de 2000 publicados: o repositorio de contidos educativos.

O repositorio de contidos educativos é un espazo dixital renovado onde se almacenan e ordenan recursos didácticos de diferentes tipos e formatos, que poden ser consultados e descargados por profesores e alumnos. Esta mediateca é unha peza clave do proxecto Abalar, unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para incorporar as TIC na educación galega. O proxecto Abalar busca un cambio radical no sistema educativo, mellorando a súa calidade e modernizando o seu funcionamento.

 

 

Como chegamos ao repositorio de contidos educativos

Moitos docentes levan anos empregando o repositorio nas súas clases e estaban acostumados a identificalo como repositorio Abalar. Este espazo dixital renovouse e cambiou o seu nome, aínda que segue a formar parte do proxecto Abalar. Podes atopalo nesta ligazón https://recursos.edu.xunta.gal/es. Tamén é posible acceder desde o Espazo Abalar facendo un pequeno scroll ata atopar o banner de Recursos educativos.

 

 

O repositorio está aberto a todas aquelas persoas que se queiran achegar e non require dunha autenticación previa. Unha vez no repositorio de contidos educativos, por defecto, imos atopar os últimos materiais publicados. Pero podemos ordenar os contidos segundo os máis visitados ou escoller os recomendados.

Proximamente tamén poderemos sinalar a ensinanza, o curso e a materia para ver os recursos educativos dispoñibles en cada nivel educativo. Esta parte do repositorio está a ser revisada, pero estará plenamente activa en breve.

O repositorio de contidos educativos tamén conta cun buscador máis avanzado. Esta ferramenta ofrece a posibilidade de escribir algún  termo clave do recurso desexado e localizar o material segundo o idioma no que traballas na aula, o tipo de recurso que precisas e incluso a licenza baixo a que está publicado o material.

 

 

Estrutura do repositorio

Como estamos a comentar, no repositorio de contidos educativos atoparás un montón de recursos didácticos de diferentes materias, niveis e linguas que podes usar nas túas clases ou modificar ao teu antollo. Podes acceder ao repositorio desde calquera dispositivo con conexión a Internet, descargar os recursos que máis che gusten e modificalos ao teu antollo.

A estrutura do repositorio de contidos educativos é un aspecto fundamental para facilitar o acceso, a busca e a reutilización dos recursos didácticos dispoñibles. Artéllase ao redor dunha organización lóxica e coherente dos contidos, a partir de criterios pedagóxicos e técnicos que os clasifica segundo as súas características e propiedades. Así mesmo, ofrece unha interface de usuario amigable e eficiente, que facilita a navegación, a consulta e a descarga dos materiais. O repositorio tamén garante a calidade e seguridade dos contidos, mediante mecanismos de validación, actualización e protección dos dereitos de autor.

 

 

Tipo de recursos

Estamos nun momento cargado de cambios de todo tipo e un dos máis importantes é unha renovación metodolóxica que está a apoderar o alumnado como centro do proceso de aprendizaxe. Para que este cambio sexa posible, necesitamos docentes competentes á hora de elixir as actividades e tipos de contidos máis axeitados para o seu proxecto didáctico e que coñeza os recursos que ten á súa disposición.

Estes son algúns exemplos de tipos de material educativo dixital que podes atopar ou crear para o repositorio de contidos educativos dixitais:

- Presentacións: unha forma de mostrar información de xeito visual e atractivo. Podes usar imaxes, sons, vídeos ou animacións para captar a atención do teu alumnado e transmitir as túas ideas.

- Mapas conceptuais: son ferramentas gráficas que permiten representar e organizar o coñecemento dun tema ou disciplina. Consisten nun conxunto de conceptos relacionados entre si mediante palabras de enlace que expresan a súa conexión lóxica.

- Infografías: son recursos que sintetizan información relevante sobre un tema ou concepto mediante gráficos, iconas, esquemas e textos breves, sempre coa idea de presentar información de forma visual e atractiva.

- Podcasts: é un tipo de recurso educativo que consiste nun arquivo de audio que se pode descargar e escoitar en calquera dispositivo.

- Vídeos: son recursos que consisten en gravacións de imaxe e son que mostran ou explican un tema ou concepto de forma audiovisual.

- Encerados dixitais: son pantallas táctiles que se conectan a un ordenador e permiten mostrarlle contidos interactivos ao alumnado. Ademais, tamén se poden escribir notas, debuxar ou gravar o que se fai no encerado. 

- Aulas virtuais: espazos dixitais que simulan unha aula presencial, onde o alumnado e o profesorado poden interactuar e compartir recursos educativos. Moodle é a plataforma de aprendizaxe en liña que permite crear e xestionar aulas virtuais de forma flexible e personalizada que temos á nosa disposición en todos os centros de ensino de Galicia.

- Xogos: son recursos que implican o usuario nunha actividade lúdica que ten como obxectivo a aprendizaxe dun tema ou concepto.

 

 

Competencia dixital

O emprego do material do repositorio de contidos educativos, loxicamente, require unha formación específica e unha competencia dixital por parte dos docentes e do alumnado, para poder seleccionar, utilizar ou modificar os recursos de forma adecuada e crítica. É importante establecer uns criterios claros de busca, selección e avaliación dos recursos para evitar que se xere unha sobrecarga informativa ou unha dispersión da atención. Propoñemos este tipo de recursos como unha parte máis da experiencia de ensino/aprendizaxe combinada con outras fontes ou métodos de aprendizaxe máis tradicionais ou alternativos.

Con esta  nova oferta de recursos preténdese favorecer a competencia dixital de todas as persoas implicadas no proceso,  a diversidade e a personalización da aprendizaxe, xa que ofrecen múltiples opcións para adaptarse aos niveis, intereses, ritmos e necesidades do profesorado e do alumnado, fomentando a colaboración e o intercambio de experiencias entre os distintos membros da comunidade educativa.

O material vai orientado a lograr accións pedagóxicas que contribúan a mellorar a calidade da educación e a favorecer o desenvolvemento integral dos alumnos e alumnas. Moitos dos contidos oriéntanse a promover o desenvolvemento de competencias clave para a vida persoal, social e profesional, tales como a comunicación lingüística, o pensamento crítico, a creatividade, a resolución de problemas, o traballo en equipo ou a cidadanía democrática. O emprego destes recursos vai favorecer a innovación e a mellora continua da práctica educativa, mediante a reflexión, a avaliación e o intercambio de experiencias.

Os contidos proveñen das contribución do profesorado galego, que pon á disposición de toda a comunidade educativa recursos de creación propia.

Non esperes máis e comeza a empregar estes recursos ou a modificalos para incorporalos ás túas clases e compartilos novamente. Verás como é unha experiencia moi enriquecedora e divertida que mellorará a túa práctica docente e motivará o teu alumnado!