Familias e biblioteca escolar: unha alianza necesaria

Sobre como involucrar ás familias en actividades que redunden no desenvolvemento do hábito lector do alumnado
Neste artigo debúllanse media ducia de estratexias desenvolvidas na biblioteca escolar do CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa para involucrar as familias en actividades que redunden no desenvolvemento do hábito lector do alumnado, partindo do suposto de que unha acción conxunta da escola e da casa vai permitir atinxir o noso obxectivo de facer nenas e nenos lectores.

Xoaquín Carlos Freixeiro Álvarez
CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa (O Barco de Valdeorras-Ourense)
quinif@edu.xunta.gal

 

 

Aínda que sen descoidar outros aspectos fundamentais dos labores dunha biblioteca escolar, como poden ser a elaboración dunha programación na radio, o desenvolvemento da creatividade ou o traballo nas alfabetizacións múltiples, na nosa biblioteca sempre fixemos fincapé en actividades que traballasen a promoción da lectura.

Somos sabedores de que nestas angueiras a colaboración ou, cando menos, a complicidade das familias é un elo esencial na cadea de transmisión do hábito lector. Velaí que desde hai moitos anos, entre as múltiples actividades coas que intentamos promover a lectura entre o noso alumnado (clubs de lectura, lectura silenciosa, clubs de escritura, apadriñamentos lectores...), veñamos incluíndo actividades que fomentan a participación activa das familias e, ao abeiro do programa de Lectura e Familias, non fixemos máis que incrementar estas actuacións.

A primeira actividade que queremos subliñar é a que nós denominamos «os martes... conto», un anaco de tempo coincidente co horario de titorías, nos que a biblioteca se abre para acoller o alumnado e as familias fóra do horario lectivo. Nos primeiros pasos da posta en marcha desta iniciativa, os mestres, maiormente o profesorado especialista, contábanlle un conto ao alumnado que agardaba polos seus pais que acudían a citas de titoría. Dalgún xeito era un servizo de gardería, pero que sobre todo estaba dirixido ao alumnado de menor idade, aquel que dificilmente acudía á biblioteca dun xeito autónomo. Con esta actividade queriamos que tivesen un primeiro encontro coa biblioteca nunha contorna lúdica e que se animasen a facer os seus primeiros préstamos coa escolma de lecturas que se lles propuñan nas sesións de contacontos.

Xa aos poucos de comezarmos a compartir este tempo de biblioteca, a actividade comezou a ser protagonizada polas nais do alumnado que se involucraron dun xeito moi activo na proposta. Daquela, desde a biblioteca establecéronse unhas quendas entre as nais (emprego aquí o feminino porque a meirande parte das participantes foron mulleres) para contar o seu conto favorito.

 

 

A raíz desta actividade, e ao decatarnos de que algunhas das participantes mostraban moito interese pero adoecían de erros técnicos á hora de realizar o seu contacontos, decidimos poñer en marcha un obradoiro que se foi realizando en cursos sucesivos coa axuda inestimable do director do grupo de teatro amador Gargallada da mesma localidade do Barco. Traballamos nestes obradoiros a expresión, a posición do libro encarado cara ao público, a asignación de voces diferentes para cada personaxe, o acompañamento xestual da historia, distintos trucos para captar a atención dos máis cativos... en resumo, todos aqueles pequenos detalles que ás veces se esquecen e que fan moito máis atraente a narración do conto e que, co tempo, poden axudar a fomentar nos nenos e nenas a experiencia lectora.

 

 

Desta actividade foi xurdindo un grupo de nais que foron poñendo en escena libros de contos (A toupiña que quería saber quen lle fixera iso na cabeza, Quero comerte ou O caldo de pedriñas) que representaban nos festivais de Nadal e de fin de curso. Hai que sinalar que nestas representacións teatrais o libro estaba sempre fisicamente presente, xa que non se trataba dunha representación teatral sen máis, senón dunha actividade enteiramente planificada de promoción da lectura. E abofé que se acadaba esta promoción, xa que tras as actuacións se incrementaban os préstamos dos libros representados.

A distopía da covid truncou moitos destes proxectos, pero tamén nos animou a poñer en marcha outras iniciativas para continuar coa promoción lectora. Velaí, por exemplo, a xeneralización das mochilas lectoras entre o alumnado de ensino infantil. A nosa idea era dotar as familias dun material diverso e de calidade para encher eses minutos de intimidade que as nais e os pais adoitan ter cos cativos antes de durmir, e que nós consideramos que enchelo con lecturas pode constituír un alicerce básico para a adquisición do hábito lector.

Cada mochila contaba con cinco contos que marchaban os luns para a casa e volvían ao colexio o venres, onde quedaban a fin de semana para pasar a corentena preceptiva. Tras a fin de semana, as mochilas intercambiábanse entre o alumnado para volver marchar ás casas cunha carga de historias renovada e coa corentena feita.

Está claro que sen a participación activa das familias, sen esa complicidade á que aludiamos con anterioridade, este tipo de propostas non terían moitos visos de éxito. Por iso foi necesario explicarlles ás familias polo miúdo os obxectivos que se pretendían acadar, o que se esperaba que fixesen cos libros na casa para evitar que se convertesen en exercicios de lectura e cumprisen a súa función de transmitir historias e ilusión. Tamén tivemos que estar moi atentos ás propostas de mellora que apuntaron algunhas familias, como a de personalizar as mochilas en función dos intereses lectores de cada alumno ou a de supervisar o peso das mochilas para evitar que fosen unha carga excesiva para o alumnado máis pequeno.

Como xa dixemos, o programa de Lectura e Familias deunos novos azos para continuar con proxectos xa iniciados e tamén para poñer en marcha novas actividades que completasen a nosa oferta de cara ás familias.

Así proseguimos co obradoiro de contacontos e, a maiores, organizamos un ciclo de conferencias impartidas por expertos para a toma de conciencia da importancia que teñen as familias no proceso de adquisición do hábito lector e para coñecer as estratexias que poden empregar estas na procura dese obxectivo.

 

 

De aí deriva a organización das charlas de Ana Meilán ou Cristina Novoa no pasado ano, nas que as dúas conferenciantes explicaron diversas estratexias para que as familias facilitasen a construción de nenos e nenas lectores mediante o exemplo, constituíndose en referentes lectores para os seus fillos e fillas, así como facendo uso das lecturas compartidas e animando tamén, por que non, á creación de historias propias, achegadas aos intereses e á contorna emocional dos seus propios nenos.

Por último, puxemos en marcha clubs de lectura e de escritura para nais e pais. Ben é certo que o número de participantes nestas iniciativas non é, polo de agora, moi abondoso pero si que conta cun grupo moi entusiasta.

No club de lectura escolleuse un libro dun autor da comarca, mestre xubilado xa do noso colexio, que compartiu as súas impresións ao remate do club coas participantes nun encontro moi enriquecedor para todos.

Pola súa banda, o club de escritura foi desenvolvendo actividades de escritura seguindo, en liñas xerais, as indicacións de Gianni Rodari na súa Gramática da fantasía.

Este ano realízase un club unificado, onde a lectura e a escritura se collen da man para, seguindo a lectura de Por qué llora la maestra de Gonzalo Moure, ir seguindo as propostas de elaboración de textos deste manual para a xente que quere contar historias.

Como iniciativa que xorde de conversas sobre os intereses das propias familias, aínda sen poñer en marcha pero si programada para o vindeiro curso, temos a creación dunha escola de pais para o manexo de distintas plataformas de uso máis frecuente na escola, coma pode ser Genially ou Canvas.

Para concluír, a posta en marcha de todas estas iniciativas tendentes a implicar as familias nos traballos da biblioteca escolar ten a súa razón na consideración de que o traballo conxunto da biblioteca escolar e das familias é a ferramenta máis potente que temos para o desenvolvemento do hábito lector, e que o traballo realizado coas familias para que esta alianza sexa o máis forte posible, lonxe de ser un esforzo baldío, supón a base máis sólida coa que podemos contar para contribuír a que as nosas nenas e nenos medren converténdose en lectores ávidos e críticos. Que boa falla fai!

 

 

Sección: