Nova posibilidade de busca de emprego desde o teléfono móbil
Emilia Seoane Pérez
Conselleira EURES (EURopean Employment Services)
Profesora da Universidade de Vigo
eures.universidade.emilia@uvigo.es
Con EURES (EURopen Employment Services), xa é posible o acceso ao Portal Europeo da Mobilidade Profesional EURES a través do teléfono móbil, grazas a unha nova aplicación dispoñible para os usuarios de teléfonos móbiles modernos.
A persoa usuaria, desde o seu teléfono móbil (sen ter xa que recorrer a un ordenador conectado a internet), poderá atopar vacantes de emprego en Europa e localizar a conselleira ou o conselleiro EURES que se atope máis preto do lugar onde o usuario estea en cada momento; podendo así obter axuda próxima e personalizada ou coñecer os futuros eventos organizados por EURES.
Pascale Woodruff, coordinador de proxectos do equipo do Portal EURES en Bruxelas, manifesta que “se espera que no 2013 aumente o número de persoas que naveguen por internet a través do teléfono móbil en lugar de facelo polo ordenador, razón esta que os levou a desenvolver unha aplicación que lles ofrece aos usuarios de teléfonos intelixentes moitas das funcionalidades do Portal EURES”.
A aplicación foi presentada oficialmente a comezos de outubro de 2012, está dispoñible en 25 linguas, é gratuíta e abrangue os 27 estados membros da Unión Europea, xunto con Islandia, Liechtenstein, Noruega e Suíza.
Aínda que neste momento só se pode utilizar con dispositivos móbiles de Apple, como o iPhone e o iPad, a comezos de 2013 teñen previsto que se comercialice unha nova aplicación que facilitará a súa incorporación no case 85% do mercado de teléfonos móbiles intelixentes de Europa.