Abrindo as portas ao cambio
María Luisa Rodríguez Veloso
mrveloso@edu.xunta.gal
CEIP Plurilingüe de Castrelo (Cambados - Pontevedra)
Cada persoa é un mundo. E cada realidade?
Cando falamos entre docentes, comezamos a comentar dinámicas, actividades, propostas... e as interaccións/respostas adoitan ser parecidas: «iso non me funciona»; «pois a min, de marabilla!»; «iso no meu centro, imposible!»; «eu estou de acordo, probeino e non dá ningún tipo de problema». Como é posible que non haxa unha resposta que se cumpra de modo sistemático ou teña un carácter unánime a todos os docentes? Se fose así, o feito educativo perdería parte da súa esencia: a singularidade de cada individuo, o seu desenvolvemento e o contexto no que se leva a cabo a aprendizaxe e as experiencias.
Neste punto, xa hai uns anos, no noso centro (CEIP Plurilingüe de Castrelo en Cambados) comezouse a reflexionar sobre as prácticas e, especialmente, sobre que precisaba o alumnado, onde se detectaban as maiores eivas dentro das distintas materias do currículo. Perdérase un pouco a cerna do que representaba o centro na nosa contorna: un lugar de producións, publicacións, proxectos, iniciativas de primeira liña..., pensadas e creadas desde a comunidade para a comunidade, tendo como motor de promoción principal a escola e un claustro de mestres e mestras que exercían a súa profesión desde a máis profunda das vocacións. Nesa reflexión, o «saber facer» (aspecto competencial) levou a peor parte nesta análise: era un gran talón de Aquiles, especialmente na etapa primaria. En educación infantil, parecía que o ritmo fluía doutro modo: o tempo máis pausado, o respecto aos ritmos de cada neno e nena, o carácter lúdico e de experimentación... facía que a singularidade, a creatividade e a orixinalidade se sentise cómoda e con ganas de mellorar tomando as rendas da aprendizaxe. De repente, primeiro de primaria e parece que nos esqueceu contar, falar e expresar opinións (tan ben acollidas nas asembleas dos nosos infantís), experimentar, tocar, sentir, emocionarse... Tres meses de diferenza e un abismo que parece distancialos. Que facer ante isto? O claustro debía responder a esta debilidade que ameazaba o éxito do alumnado.
A formación do profesorado constituía o piar fundamental para poder realizar diferentes innovacións e metodoloxías con impacto nas nosas aulas. Para iso, deseñouse un PFPP no centro asesorado desde o CFR de Pontevedra en relación coas matemáticas, unha área que demandaba mellora, especialmente na súa aplicación práctica e ligada á vida cotiá. Novos recursos e un xiro na visión de afrontar os contidos visualizáronse no horizonte. A caixa dos cambios estaba abrindo as súas portas. En parte do profesorado causou unha revolta interior que se viu traducida na necesidade de mellora no eido profesional en relación con diferentes experiencias, formacións, contextos de aprendizaxe, metodoloxías...
Despois desta formación inicial, os problemas matemáticos, a robótica e novas linguaxes audiovisuais, aplicacións, lingüísticas... foron centros de interese nos PFPP que se implementaron durante varios cursos académicos. Os cambios chegaron para quedar.
Neste punto, botamos unha ollada atrás: a infantil. Que fortalezas detectamos? Os seus obradoiros: espazos e dinámicas que se deseñaran nos últimos cursos, nos que alumnado de diferente idade formaba parte de grupos heteroxéneos e daba resposta de modo activo a diferentes situacións e retos. Que ben acollidos estes momentos por todo o alumnado! Por que non trasladalos á primaria? Así naceron os obradoiros de matemáticas manipulativas para toda esta etapa: expoñente do impacto directo nas aulas destes PFPP. Neles, o caderno e o contido memorístico deixouse de lado para centrarse en vivenciar, tocar, experimentar, montar, manipular, falar, expresar, discutir, chegar a acordos, resolver retos e dificultades... Cantos «saber facer» concentrados nas propostas deses momentos! Medir a lonxitude dos nosos brazos, xogar aos paquetes de sardiñas mentres lle reclamamos a un compañeiro que forme con nós un grupo determinado, actividades de lóxica matemática nas que responder a situacións dadas, usar garavanzos para facer series ou descubrir, a través dunha cámara ou espello, a multiplicación. E os retos! Eses si que son nivel «pro», como se di na xerga máis actual! Estes desafíos achégannos á realidade. Facer unha sobremesa é un produto final en toda regra e, se o facemos no centro e en grupo, acada un nivel máximo, tanxible e real!
Ao mesmo tempo que os obradoiros de matemáticas ían arrancando, a robótica afloraba por outro lado. Aprender a construír con instrucións non lingüísticas, elaborar unha máquina simple, explicárllela aos compañeiros... e se a motorizamos? Maxia! Todo cobra movemento como a vida mesma. Tan só quedaba, cando a lexislación deu marxe, realizar un currículo de robótica para cuarto e sexto de primaria. Pero non só quedou neses cursos, todos os demais tiñan (e seguen tendo) unha oportunidade semanal para logo tamén ser parte das propostas da biblioteca creativa, programa da Consellería que se comezou a desenvolver no centro no curso 2020/21.
O «saber facer» estaba deixando un tanto esquecido un aliado fundamental: o corpo. Neses PFPP e DAFO que se realizaban no centro grazas ás memorias, reunións, reflexións..., este aspecto do noso ser non resultaba ben parado: a falla de coordinación e ordenación espacial tan precisa para múltiples das tarefas escolares e para a execución de funcións executivas resultaba estar nun estado «non adquirido». Para iso, a unión fai a forza. Coordinémonos e que podemos argallar? Un proxecto deportivo de centro (Proxectos de vida activa e deportiva dinamizado desde a área de Educación Física) e o Programa plurinfantil, con desenvolvemento a través de sesións de psicomotricidade en inglés, foron as oportunidades. Todo isto non sería posible sen a boa acollida do profesorado e a gran sorte de contar, nese ano de implementación do programa de plurilingüismo, cun mestre de inglés moi interesado polo corpo, o seu benestar e unha especial sensibilidade co feito educativo que fixo que esta nova proposta comezara a súa andaina.
Todos estes programas poderían resultarlle a calquera docente un cúmulo de «traballo extra», pero como das ameazas debemos buscar oportunidades, por que non darlle forma desde a unidade do centro? Xorde deste modo unha proposta: unir esforzos e colaboración entre niveis e profesorado. Para iso, tan só quedaba xestionar este aspecto desde o equipo directivo e desde os equipos de biblioteca e EDLG que no noso centro son un piar fundamental no desenvolvemento de iniciativas e de dinamización do calendario escolar e lle dan sentido ao proxecto anual (proxecto documental integrado). Cronogramas coordinados dos diferentes programas e equipos deseñados entre o final dun curso e o comezo doutro fan que o profesorado poida previr e integrar todas estas experiencias no seu día a día na aula (e na súa programación anual), sen resultar ser cada reunión semanal unha montaña rusa de traballos engadidos e sen sentido. Como na vida real, o quefacer do centro tamén debe ser coherente, só así se pode levar a cabo un impacto no noso alumnado e o camiño para lograr o obxectivo do «saber facer».
Pero, tranquilos/as... isto non rematou. As nosas dificultades, ameazas e debilidades están presentes. Quizais en diferente punto, quizais sexan outras ou quizais precisen continuar a súa mellora. Os proxectos deben ter un produto final, como ben sabía ese claustro innovador e predecesor do actual e, no eido educativo, tan só as xeracións futuras que tomaron como punto de partida o noso centro poderán dicirnos se o camiño era o correcto. O tempo será testemuña.
Como dirían os máis cinéfilos, continuará...
Actividade matemática vivenciando co corpo. Cantos compañeiros/as fan falta para chegar ata o final do corredor?
Patróns de multiplicación do corpo. Actividade de fotografía. Creación da táboa do 2
Xogando aos “paquetes de sardiñas” Actividade vivencial