A biblioteca a través das ondas
Delia González Labraña
deliag@edu.xunta.gal
María del Rosario Molanes González
charomolanes@edu.xunta.gal
María Salomé Pérez García
ma.salomeperez@edu.xunta.gal
CEIP de Seara (Moaña - Pontevedra)
O programa Radio na Biblio, no que levamos inmersos cinco anos, deunos a oportunidade de traballar co noso alumnado a comunicación oral desde unha perspectiva diferente. A partir da nosa incorporación ao programa, as creacións das nosas cativas e cativos non quedaron limitadas ao contexto do centro, senón que se espallaron polas ondas a todo aquel que quixera escoitalas.
Á hora de deseñar as actividades da radio, buscamos acadar as seguintes calidades:
- Resultan motivadoras para o alumnado, facéndoo partícipe do proceso de ensino-aprendizaxe.
- Permiten a aplicación dos coñecementos adquiridos nas distintas materias de xeito interdisciplinario e globalizador.
- Son inclusivas: permiten a participación de todos e todas dentro das súas capacidades e necesidades.
- Son creativas: permítenlle ao alumnado usar a súa imaxinación e resolver os problemas que van aparecendo.
- Fomentan o traballo en equipo.
- Teñen un impacto real.
A radio na escola
Nestes cinco anos creamos con Radio Seara todo tipo de contidos: podcasts, entrevistas, xogos diversos, poemas, faladoiros, narracións, anuncios, cancións…
Fixemos tamén programas e obradoiros de radio recomendando libros, falando do noso concello, presentando o PDI, explicando actividades, investigacións e proxectos das clases, biografías, regueifas, charangas de Entroido e contos e poemas creados polo alumnado ou de forma conxunta por todas as clases.
Un feito que nos gustaría destacar é que, con só falarlles aos nenos e nenas de ir a Radio Seara gravar, lle poñen máis ilusión e entusiasmo á actividade proposta, resúltalles moi motivador.
A radio na familia
Desde 2013, a nosa biblioteca conta cun blog que actualizamos frecuentemente con todas as actividades que queremos compartir e o público principal destas entradas son as familias. Usamos o noso blog para trasladarlles todo aquilo que fixeron os seus cativos e cativas e que tamén poidan gozar e, en moitas ocasións, colaborar.
Buscamos que as familias sexan un recurso máis do centro, que aquelas cousas que se inculcan no cole tamén se inculquen na casa e que todas aquelas experiencias interesantes que se dan nas familias tamén poidan ser gozadas no centro.
Ademais de como oíntes, as familias forman parte tamén de Radio Seara. Son moitas as entrevistas que a rapazada lles fixo sobre as súas profesións, afeccións e vivencias. As súas achegas son sempre parte fundamental do desenvolvemento do proxecto anual.
Do curso pasado gustaríanos destacar a súa participación na conmemoración do Día da Poesía. Pedímoslles aos nenos e nenas que lle preguntasen a un membro da súa familia cal é o seu poema preferido e, despois de escribilo, gravárono na radio. Fixemos códigos QR que enlazan a cada un dos audios resultantes e pegámolos en cada un dos poemas. Deste xeito, creamos un libro interactivo no que o alumnado pode escoitar, grazas ás novas tecnoloxías, os traballos de todos os seus compañeiros. Fixemos tamén un flipbook que compartimos con toda a comunidade educativa.
Outra das actividades que tivo grande acollida foi o podcast «Ciencia na Radio» para conmemorar tanto o Día da Radio como o Día da Muller e da Nena na Ciencia. Foi unha experiencia particularmente motivadora porque participou todo o alumnado á vez. Durante unha semana, a primeira hora, emitiamos un capítulo do podcast, onde se formulaba un reto relacionado coa ciencia. Pero, en lugar de contestar inmediatamente, pedímoslles aos nenos e nenas que meditasen a resposta na casa, buscando a axuda das súas familias. Isto creou un diálogo moi produtivo entre a casa e o cole, fomentando a busca de solucións e o pensamento crítico. O reto final deste podcast culminou coa apertura na biblioteca dunha nova sección de materiais de lóxica.
A radio na contorna
Dentro das actividades que levamos a cabo desde a radio escolar, aquelas que tiveron mellor acollida foron as que saíron por completo do centro e se trasladaron a outros espazos. O alumnado non só está aprendendo, tamén está modificando a súa contorna e creando resultados positivos nela.
O noso centro está en Moaña, unha vila mariñeira de 20 000 habitantes e moitas posibilidades. Ao ser unha vila pequena, a xente coñécese e está disposta a participar na vida escolar, polo que, a miúdo, lles pedimos, en función das necesidades, a algúns dos seus habitantes que nos veñan dar charlas, pequenos obradoiros e entrevistas. Tamén colaboramos con distintas asociacións culturais e deportivas, como Afamo (Asociación de Familias de Enfermos de Alzhéimer) e a Escola de Música Municipal.
O noso concello destaca pola implicación e axuda que nos presta. Propón multitude de actividades: visitas e saídas para todos os cursos, concertos didácticos, publicacións de libros e discos, plenos escolares, charlas para familias… Pero tamén participa nas nosas actividades. Algúns exemplos son o pintado de sumidoiros por parte do noso alumnado para concienciar de que aí é onde comeza o mar, ou a concesión de entrevistas por parte da nosa alcaldesa, ou charlas dalgún concelleiro.
En definitiva, Moaña está moi implicada na vida escolar do CEIP Seara e sempre que precisamos algo atopamos quen nos axude. A nosa vila é, polo tanto, un dos recursos máis importantes cos que contamos e intentamos facer uso dela sempre que podemos.
No ano 2021, grazas ao equipo de Orientación, celebramos o Día Mundial do Autismo cunha instalación que trasladamos a varios dos espazos máis destacados da nosa vila: os xardíns e paseos do concello, a casa da mocidade e o exterior do colexio. A instalación partiu da idea «Na escola estamos todos e todas» e tiña como obxectivo concienciar a comunidade da diversidade que existe e coa que convivimos.
Para levar a cabo esta conmemoración, o alumnado pintou pupitres, cadeiras e libros de cor azul, a cor que representa o autismo, e neles colocamos un código QR que enlazaba a un vídeo co proceso de elaboración acompañado dun audio gravado na radio por unha alumna do centro con TEA, onde explicaba as características deste trastorno e o desexo e necesidade de ser comprendidos polo resto da sociedade.
Todos somos diferentes, pero temos os mesmos dereitos. Non carecemos de sentimentos, ás veces non sabemos como expresalos. Non estamos illados no noso mundo, estamos no mesmo mundo ca ti. Escoita e aprende a coñecernos.
Fai clic aquí para ver un audiovisual
Buscando outros xeitos nos que a biblioteca escolar pode influír na nosa sociedade, no curso 2021/22 decidimos facer algo con todos os libros que expurgamos ao longo dos anos. Moitos estaban vellos ou algo rotos, pero pensamos que aínda podían atopar un fogar fóra da biblioteca. Por iso, antes das festas do Nadal, fixemos un mercado solidario no que lles pedimos ao alumnado, ás familias e ao resto de habitantes da vila que trouxese alimentos para doar a aquelas persoas que o necesiten, e que leven a cambio un libro. Esta iniciativa tivo un tremendo éxito, moito máis do que nos imaxinabamos, así que neste curso 2022/23 decidimos repetir a experiencia.
No día das Bibliotecas Escolares, o 24 de outubro, volvemos pedirlles alimentos ás familias, pero esta vez decidimos que lle axudariamos á protectora de animais do Morrazo. Recollemos ducias de caixas cheas de comida, xoguetes, mantas e outros materiais moi necesarios para a protectora.
Unha vez máis, as persoas da vila demostraron a súa implicación co centro, xa que as voluntarias da protectora se ofreceron a vir ao centro con dous cans e deron unha charla para inculcar no alumnado a importancia da adopción de animais. Tamén concederon unha entrevista na nosa radio e explicaron o labor que fan na nosa vila e no resto do Morrazo.
En definitiva, durante esta experiencia, o alumnado quedou coa sensación de que fixo algo positivo, de que cambiou dalgún xeito o mundo para mellor, aínda que sexa a través dunha acción tan pequena como regalar unha lata de comida ou escribir unha pregunta para unha entrevista.
Ao longo dos anos que levamos participando no programa Radio na Biblio, conseguimos multitude de persoeiros que nos fixeron o favor de acudir ao noso centro concedernos entrevistas de todo tipo. No noso catálogo de entrevistas atopamos persoas con empregos tradicionais, como polbeiros e castañeiros, persoas con afeccións infrecuentes, como coleccionista de minerais, deportistas, políticos da vila e, sobre todo, multitude de autores. Sempre que podemos, pedímoslles aos autores que visitan a nosa biblioteca que nos concedan unha entrevista, na que o alumnado prepara toda clase de preguntas. Isto dálles aos nosos cativos a oportunidade de coñecer e compartir todos os pormenores da profesión de escritor e ilustrador, o que a cambio lles fai apreciar aínda máis a transcendencia da literatura.
Pensamentos para finalizar
A radio escolar é unha ferramenta innovadora, motivadora e impulsora da creatividade, pero para poder sacarlle todo o seu partido precisamos deseñar actividades que teñan un impacto real na contorna e na sociedade. Non debemos usala só como ferramenta de gravación de audios, senón que debemos integrala nos nosos proxectos para facer que rompan a barreira do cole e cheguen máis aló.