Non esperamos o futuro, vivimos no presente: o camiño a unha biblioteca LIA.3

De como transformar unha sala de lectura nunha biblioteca do presente

Nine Paz García
ninepaz@edu.xunta,gal
IES Brión (Brión-A Coruña)

 

 

Por onde empezamos? Foi o que nos preguntamos cando entramos por primeira vez na biblioteca do instituto. Unha biblioteca como tantas, con servizo de préstamo para quen o solicitase previamente, exemplares das lecturas obrigatorias e mesas grandes para que se puidesen facer os deberes ou estudar algo antes dun exame. Unha biblioteca tradicional que servía de sala de lectura e acumulaba moitos exemplares que xa non servían para as necesidades do alumnado e do profesorado: páxinas amarelas que non invitaban a botar man delas ou exemplares con información de dubidosa fiabilidade. 

 

 

Espazos en transformación

Os espazos din moito de nós, reflicten a imaxe do que queremos ser como centro e a biblioteca que teñamos vai mostrar que tipo de centro somos, así que puxemos un espello diante de nós: de verdade queremos ser un espazo onde se acumulan libros, música ou películas ao que un só vai se ten que facer deberes, estudar ou pedir un libro de lectura obrigatoria? Que di isto de nós como centro, como comunidade educativa? 

E por aquí comezamos a rozar as silveiras, alixeirando o espazo daqueles elementos que xa non tiñan cabida nel: mapas desfasados, libros con información sen actualizar e outros que xa non estaban en condicións físicas de uso. A nosa idea era que ter tantas cousas inservibles facía que non se vise o que realmente estaba en bo uso, que tamén eran moitas cousas. Pero non podemos acumular «por se acaso» e hai que poñer en valor todo aquilo que, como lectoras e lectores, poida resultar atractivo e engada valor. Se o que ten valor está tapado por libros desfasados, en mal estado ou con información non relevante, é difícil cambiar as prácticas de lectura e de aprendizaxe.

Cando o espazo que hai non é moi grande, é imprescindible que se dote de elementos non fixos que permitan que a distribución se poida cambiar en función das necesidades. Ter mesas grandes que ocupen todo o espazo non era unha boa solución, xa que non permitía o cambio e só ofrecía o seu uso para gran grupo, así que decidimos dotarnos de elementos máis pequenos que permitisen deseñar ambientes diferenciados que cubrisen distintas necesidades: traballo individual, en parella, en pequeno grupo ou encontro informal. O cambio de grandes ordenadores de mesa por portátiles máis lixeiros contribuíu a que o espazo se percibise menos abafante. Poder circular entre os espazos é unha clave, un indicador que debemos utilizar, preguntarnos se alguén con dificultades motoras pode estar cómodo nese espazo e se calquera persoa pode circular doadamente e acceder a todos os servizos. Alixeirar o espazo sen sobrecargalo de elementos e poder mostrar o que realmente queriamos ensinar: libros ben editados, recomendacións de lectura, investigacións feitas polo alumnado ou monográficos sobre cuestións varias que puxesen en valor o noso fondo e que lle achegasen algo ao noso alumnado.

 

 

A cada espazo, a súa dedicación

Os espazos cambian e detéctanse novas necesidades: non abonda con ser un sitio para ler, queremos ser un espazo para aprender. E aprender significa ter en conta que as aprendizaxes tamén veñen de facer, de manipular, de escoitar, de debuxar, de idear e de xogar, así que pensamos que o espazo da biblioteca debería ter a posibilidade de organizar áreas para poder facer algo máis que sentar nunha cadeira e abrir un libro. Unha área creativa onde se puidese construír, coser, deseñar ou imprimir en distintos soportes, un recuncho onde, ademais de escoitar música, se puidese tocar e un espazo onde poder utilizar un microscopio sen pedir permiso. E ler, claro, ler en todos os formatos e en todos os soportes, ler buscando a túa lectura e non só unha obriga, ler moldeando o gusto e escollendo, ler clásicos atractivos e últimas novidades. Descubrir lecturas porque outros o leron antes, botar a man a un libro novo sen que haxa unha nota polo medio, deixarse recomendar e ter ao alcance lecturas de calidade.

Non é doado conciliar todas as necesidades e, certamente, hai algunhas actividades que nada teñen que ver cunha sala de estudo silenciosa. Pero unha sala de estudo silenciosa é iso, non unha biblioteca; se queremos ter unha sala dese tipo, non hai máis que habilitar calquera espazo con mesas e cadeiras, non se precisa nin bibliotecario-docente nin ningunha persoa que o xestione. Se queremos unha biblioteca é porque o noso espazo central vai xerar actividades de aprendizaxe e vai resultar un lugar de acubillo para moitas persoas que o precisan todos os días. E isto é moito máis que o espazo, o carácter deste son as actividades que se propoñen. Hai veces que as actividades saen da biblioteca, pero outras veces entran; algunhas veces desenvólvense alí, pero outras moitas percorren outros espazos do centro e implican a persoas que non están habitualmente presentes na biblioteca. Xusto o que queremos: que sexa un lugar de encontro, pero tamén xerador de sinerxías entre persoas distintas e diferentes saberes. 

 

 

Proxectos en común

Para xuntar xente diversa e aprendizaxes complementarias, a biblioteca é un servizo privilexiado que debemos aproveitar porque favorece os proxectos interdisciplinarios, os que unen xente, os que provocan maior coñecemento e promoven que o alumnado utilice e poña en uso diferentes ferramentas de comunicación. É por isto que as actividades que se promoven desde a biblioteca deben favorecer este coñecemento mutuo e o uso de ferramentas para crear e comunicar. No noso caso, ademais, contar cunha radio activa sempre foi un valor engadido a calquera proxecto que levamos a cabo, agora engadimos recursos audiovisuais que serán utilizados para aprendizaxes nos que a alfabetización informacional se teña en conta.

Cando falamos de proxectos non só pensamos en grande, tamén pensamos en pequeno. E sempre é compatible a mirada á medio prazo e outra mirada ao curto prazo: poden convivir proxectos anuais con outros de menos percorrido ou máis doados de botar a andar. O importante é que nos proxectos que se propoñan participen distintas disciplinas e promovan aprendizaxes novas que axuden a mellorarnos e a mellorar.

E este é un punto clave na nosa andaina: fomentar o bo trato, acubillar, respectar e valorar quen somos como persoas e poñer en valor a diferenza: cadaquén coas súas habilidades, necesidades e ritmos. Promovemos un espazo onde o alumnado poida mostrar o que sabe e poñer en valor as aprendizaxes adquiridas e tamén onde aprender a coser sexa tan importante como facer un circuíto ou tocar unha peza de música sexa tan valorado como resolver unha ecuación. Todo suma e con todas as aprendizaxes construímos.

E para construír debemos buscar alianzas dentro e fóra, dentro co noso equipo e con todos aqueles proxectos que se estean desenvolvendo: a biblioteca tamén ten un papel para apoiar proxectos que xa están en marcha e que podemos enriquecer. É importante que todas as iniciativas que se xeren no centro teñan o seu reflexo na biblioteca, alimentando o catálogo con fondos de calidade que vaian máis aló das novidades e compartindo o coñecemento común e evitando que as boas experiencias e o coñecemento que se xeran queden dentro das paredes da aula.

 

 

Seleccionamos o mellor

Unha prioridade que leva tempo e non sempre é doada é a selección de recursos: navegar por webs de recomendación, editoriais, outras bibliotecas… é un exercicio que debemos incorporar ao noso quefacer. Reflexionar sobre como debemos enriquecer o noso catálogo para equilibralo non só naquelas áreas que teñen máis movemento, senón xusto noutras que deberían telo e non o teñen. Facer escolmas por eixes temáticos aproveitando os proxectos que se fan no centro é unha práctica que sempre tentamos levar a cabo. Un dos nosos obxectivos debe ser que o profesorado lea e, para isto, debe coñecer o que se publica; en moitos casos debemos presentarlles estas escolmas de fondos, ben sexan temáticos ou doutra índole aos nosos compañeiros porque son os primeiros que deben coñecer que recursos teñen para incorporar, presentar e enriquecer as materias que imparten: compartir o entusiasmo e coñecemento tamén axuda a que o profesorado introduza novas estratexias que inclúan a lectura, a investigación e a produción de informacións.

 

 

Ao servizo das persoas

O importante non é ter máquinas que fagan cousas, o importante é ter persoas que pensen en que nos poden axudar as máquinas para mellorar o que somos e o que temos. Por iso pensamos que a dotación da nosa biblioteca debía estar supeditada ás persoas ás que lles vai dar servizo, sexa alumnado, profesorado ou familias. Non ten sentido ter os aparatos de última xeración se ninguén os vai poder manexar ou non van estar ao servizo do colectivo. Nas bibliotecas interesan os proxectos comúns, os que axudan a medrar e non deixan a ninguén atrás, os que alimentan distintos saberes e fan de punto de unión entre eles e os que saben que é imprescindible a mediación para achegar estes saberes a todas e todos.

 

 

Por onde empezamos? Preguntabámonos cando comezamos… e agora por onde seguimos? Pois seguiremos rozando silveiras para facer o camiño, así que hai que ir explorando cales son as necesidades, que cambios hai que facer para que a biblioteca lle sexa útil á comunidade na que está. O camiño facémolo andando e as que andamos somos as persoas, as que convivimos nos centros de ensino e as que acompañamos nesa descuberta do mundo e nesa aprendizaxe continua. Nas bibliotecas escolares galegas andamos, paramos a pensar, debuxamos o pensamento, creamos coa escrita e coas mans, miramos por un microscopio ao pequeno e imaxinamos coa poesía ao grande: non hai fronteiras, hai horizontes.