
A importancia de aprender a cooperar
Ana Rodicio VIla
CEIP Plurilingüe Humberto Juanes
anarodicio@edu.xunta.gal
No CEIP Plurilingüe Humberto Juanes levamos xa case cinco cursos inmersos no estudo e aplicación da aprendizaxe cooperativa na aula, especialmente no terceiro ciclo de educación primaria e con representación tamén en educación infantil.
A través do PFPP ofrecido polo CFR de Vigo tivemos a oportunidade de formarnos no programa Cooperar para aprender/Aprender a cooperar.
Pouco a pouco, e pasando ao longo dos cursos polas fases de introdución, xeneralización e consolidación, o profesorado implicado foi aprendendo os fundamentos das dinámicas e das estruturas da aprendizaxe cooperativa. Tomando como punto de partida a análise da situación da nosa aula, o primeiro cambio de mentalidade que tivemos que levar a cabo foi o de identificar o alumnado que podía dar axuda e aquel que a necesitaba, independentemente do seu nivel académico. A partir diso, fomos quen de conformar os equipos de xeito diverso e funcional, respectando os principios de heteroxeneidade e inclusión.
Corroboramos enseguida que a posta en práctica deste tipo de traballo require bastante tempo de deseño e preparación, así como, o que é máis importante, de aplicación na aula e de posterior avaliación desta. Para que negalo, non é traballo doado, mais os resultados positivos non demoran en apreciarse.
Mediante discusións regradas, con cargos marcados en cada equipo (coordinador/a, secretario/a, axudante e intendente) e cun tempo reservado para a avaliación e o rexistro desta no correspondente caderno de equipo, o alumnado vai entrando nunha dinámica de axuda mutua case sen decatarse. Por suposto que algúns deles son reticentes ao comezo e prefiren traballar sós, pero precisamente por iso é máis satisfactorio aínda escoitalos un día calquera preguntando aquilo de «Profe, podemos facer isto en equipo?».
Por suposto, os efectos que hai que destacar na aula van máis aló do puramente referido á aprendizaxe cooperativa. Grazas aos requirimentos do caderno de equipo, o cal deben cubrir seguindo unhas pautas concretas, extrapolan destrezas a outros campos da vida académica e, incluso, da vida cotiá. O feito de ter que ser meticulosos e ordenados na fase de deseño dos seus obxectivos persoais e grupais, así como de ter que facer unha autocrítica para enuncialo, ensínaos a reflexionar antes de actuar, de xeito empático, pensando que poden ofrecerlle ao grupo ou que precisa deles o equipo.
Por outra banda, a fase de coavaliación dos devanditos compromisos, así como do desenvolvemento dos seus cargos, lévaos a valorar en maior medida a importancia de analizar as súas accións. Aprenden con isto a desenvolver críticas construtivas, a dar e recibir opinións que guíen a súa propia autoavaliación e, o que é máis importante, a valorar a necesidade de realizar este paso como forma de crecemento para mellorar nas actuacións futuras.
Ademais, non podemos esquecer unha das súas grandes fortalezas, a de darlles ferramentas para aprender a convivir e traballar man a man con persoas que se atopan con barreiras para a aprendizaxe (porque teñen certas dificultades de aprendizaxe ou incluso determinadas discapacidades). O alumnado, habituado xa a compartir clase con todo tipo de compañeiros e compañeiras nun ambiente integrador, avanza outro paso máis cara á inclusión e interioriza a necesidade de ter en conta as individualidades de cada un, así como a de favorecer a expresión das ideas de cadaquén, creando un clima de confianza no que poder expresarse.
Tendo en conta todo isto, desde o centro pareceunos que o acto organizado no auditorio de Nigrán co gallo do Día da Discapacidade era un marco idóneo para lle dar a coñecer á nosa comunidade educativa este tipo de traballo en primeira persoa.
Así pois, o curso pasado, co alumnado de quinto e sexto de primaria, que se iniciaba na aventura da aprendizaxe cooperativa, decidimos facer unha presentación para lles contar aos demais aquilo que puñan en práctica na aula. Coa axuda dunha pequena representación de ambos os dous niveis, o equipo de mestres e mestras do programa elaboramos unha presentación con pictogramas para proxectala nese acto. Nesta, fixemos fincapé en aspectos clave como, por exemplo, as competencias que favorece especialmente, como son a competencia comunicativa e a competencia social.
Deste xeito, demos a coñecer como elaborabamos os equipos (cargos e funcións de cada un deles), en que consistía un caderno de equipo e un diario de sesións, que diferenciaba unha dinámica dunha estrutura, cales puxeramos en práctica e para que servían... Todo isto, acompañado con fotografías e pequenos vídeos dos propios protagonistas que estaban a expoñer, algo nerviosos, o seu traballo ao numeroso público.
Para o equipo de mestres implicados na actividade, foi todo un orgullo ver como o propio alumnado manifestaba as súas opinións sobre esta forma de aprender, destacando aqueles aspectos que máis lle gustaban, non sen deixar patente que, por suposto, a aprendizaxe cooperativa implica «discutir, discutir e discutir!».
E precisamente esta é a clave, non si? Nun mundo cada vez máis individualista, competitivo e illado socialmente a pesar da aparente amizade das redes sociais, a clave, para todos os que estamos inmersos na aprendizaxe cooperativa, radica na necesidade de poder expresar a nosa opinión e ser quen de favorecer que aquel que non logra expresar a súa ou ten dificultades para facelo sexa quen de logralo e de ser escoitado. Con isto, non soamente lle axudamos a medrar ao que ten necesidades, senón que favorecemos tamén o crecemento daqueles e daquelas que, en principio, semellan non necesitar tanta axuda.
Polo tanto, no noso centro seguiremos a andar o camiño da aprendizaxe en equipo, pasiño a pasiño, intentando incorporar cada vez a máis membros da comunidade educativa, para todos xuntos poder proporcionarlle ao noso alumnado este tipo de ferramentas que serán de axuda na súa vida, sumándose a todas aquelas que cada un dos compañeiros e compañeiras docentes lles proporcionamos nas aulas. Porque diso se trata, de sumar para mellorar.