Luz na escuridade

O proxecto Luz na escuridade nace froito do traballo do alumnado da EPAPU Nelson Mandela ao longo do curso 2021/22, no marco do Plan Proxecta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que leva por título Fotografía en curso, o cal parte dun programa de prácticas e visionados compartidos por diversos centros educativos e dunha metodoloxía dirixida a fomentar o traballo cooperativo, interdisciplinario e competencial.

Patricia García Rodríguez, Lingua e Literatura Galega
EPAPU Nelson Mandela (A Lama, Pontevedra)
epa.nelson.mandela@edu.xunta.gal

 

 

Contexto. Onde estamos?

O centro educativo EPAPU Nelson Mandela é un centro de adultos inserido no cárcere da Lama. O feito de atopármonos nun centro penal e o seu estrito réxime interno condiciona, sen dúbida, o labor docente e limita a cantidade de recursos que poden ser utilizados debido ás estritas normas de seguridade. A maiores, o acceso ás novas tecnoloxías está moi restrinxido, quedando prohibido o acceso á rede por parte do alumnado. Do mesmo xeito, o contacto co exterior queda limitado, exclusivamente, ao concedido pola dirección do centro penal. Por todo isto, decidimos realizar actividades «diferentes ás habituais» para dinamizar o centro e motivar o alumnado mediante unha metodoloxía máis activa e participativa, algo que non é doado nun medio como ao que nos referimos.

 

 

Obxectivos. Que queriamos conseguir?

Os obxectivos marcados inicialmente foron:

1. Abrir unha xanela ao mundo exterior a través da fotografía. Ademais das propostas facilitadas por A Bao A Qu, que en Galicia se desenvolve co CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe), algúns dos docentes fixemos fotos no exterior para traballar nas aulas, traendo así un pequeno anaco doutra realidade que moito do alumnado leva anos sen ver: o mar, parques, o monte...

https://www.fotografiaencurs.org/es

2. Promover a reflexión do alumnado e a súa creatividade. Os alumnos e alumnas descubriron outro xeito de fotografar: pouco a pouco, observando moito, disparando pouco, deixando de ver e comezando a mirar. O feito de conxugar distintas prácticas e disciplinas (narrativa, descrición, poética...) fixo que desenvolvesen e puxesen en práctica destrezas que nin sequera sabían que posuían. A fotografía convidounos a analizar o seu mundo interior e a interpretar a realidade exterior, sen deixar de experimentar o gozo e o pracer do seu exercicio.

3. Favorecer a innovación, a motivación e o traballo activo e cooperativo. Todo foi novo para eles. Moitos deles levaban anos sen ter nas mans unha cámara e sen saír en ningunha foto. Tan só o feito de verse retratados foi algo excepcional.O proxecto acabou por ser unha proposta moi aplaudida polos internos, xa que lles levou aire fresco a unha etapa sufocante das súas vidas.

4. Intercambiar experiencias e impresións cos compañeiros doutros centros a través do blog do proxecto xestionado polos docentes a partir dos materiais xerados polo alumnado (cumprindo sempre as indicacións da dirección do centro penal). Debido ás limitacións con respecto ás TIC que ten o noso centro, non se utilizou o blog para o intercambio de experiencias entre alumnado.

https://www.fotografiaencurs.org/gl/blog?f%5B0%5D=author%253Afield_profile_escola%3A2000

5. Promover a interdisciplinariedade. No ámbito de Sociais, ademais de crear unha cámara escura aproveitando unha aula non utilizada este ano por mor da pandemia, falouse da orixe da fotografía, do descubrimento das cámaras escuras e da súa utilización por parte dalgúns pintores para facilitar o seu traballo.

6. Xerar unha continuidade deste plan a futuros proxectos e actividades do centro. Unha vez roto o tabú de realizar fotografías na escola, da utilización das cámaras por parte dos internos e do uso da súa propia imaxe, pretendemos seguir nesta liña traballando neste eido artístico e intentando darlle visibilidade á realidade penal de cara ao exterior para romper cos estereotipos e dar unha imaxe máis real de como é a vida tras os muros dun cárcere e de como eses muros non son quen de poñerlle límites á súa creatividade.

 

Recursos empregados. Que precisamos para acadar os nosos obxectivos?

Ao longo do curso puxemos en práctica as actividades propostas na formación do profesorado participante en Santiago de Compostela: dinámica de presentación a través de imaxes, espazos baleiros, diario de luz, poéticas, desde a ventá, cámara escura e retratos.

Os recursos humanos formados fundamentalmente polo binomio docente-alumnado en cada unha das aulas foron esenciais para concluír con éxito o proxecto. A súa motivación, involucración e compromiso foron claves para acadar os obxectivos marcados ao inicio.

Os recursos materiais empregados para levar a cabo as dinámicas propostas foron os facilitados no fondo fotográfico da web Fotografía en curso, ademais dos elementos empregados na aula, tanto para o traballo diario como para a creación dos espazos comúns onde compartimos o que iamos facendo: cadernos, cámaras, cartón, cinta adhesiva, goma eva...

Para a realización do proxecto final, consistente nunha exposición na que quixemos reflectir o día a día en prisión, empregamos unha selección de fotos de cada un dos contextos traballados ao longo do curso que revelamos en papel fotográfico e pegamos en cartón pluma. As imaxes expostas foron tamén editadas nun libro de fotografía que conxuga fotografía e literatura.

 

Descrición das actividades realizadas. Como o fixemos?

Actividade 1. Introdución e presentación do programa

Na primeira sesión, explicámoslle ao alumnado en que ía consistir o proxecto Fotografía en curso. Entregámoslles o caderno que sería o seu espazo individual de traballo e personalizárono co seu nome e unha pequena reflexión sobre o que pensaban que o proxecto lles podería ofrecer. Démoslles, ademais, a carta de benvida ao proxecto de Mònica Roselló, Agnès Sebastià, Mónica García e Lucía Vilela, coordinadoras do programa A Bao A Qu e do CGAI; fixemos unha pequena presentación delas e do seu traballo, e asinaron a autorización de uso de imaxe e cesión de dereitos de autor para a publicación do material elaborado.

Na segunda parte da sesión fixemos a dinámica de presentación a través de fotos. Escolleron aquela coa que se sentiron máis identificados e xeraron un texto no que explicaron o porqué da súa escolla.

 

Caderno

 

Actividade 2. Creación do espazo da aula

Entre todos deseñaron o espazo onde compartiriamos pequenas mostras do día a día do proxecto. Coa axuda de materiais como cartolinas, goma eva, moldes de letras, fotos impresas etc., cada grupo-aula definiu o seu propio espazo.

Actividade 3. Espazos baleiros, aprender a mirar. Análise fotográfica 1

Falamos da importancia de mirar antes de fotografar. A fotografía éo todo, non só o centro. Analizamos varias fotografías de xeito conxunto a partir do que vían.Intentamos describir todos os elementos. Traballamos cos seguintes elementos: luz, cores, xeometría, composición, fóra de campo e outros que foron xurdindo.

A actividade foi guiada con preguntas do tipo: Por que sabemos que hora do día é? Existen luces artificiais ou son naturais?Existen sombras, indícannos de onde vén a luz? A composición é vertical ou horizontal? Está o equilibrio compensado? Xeometrías.Que sabes do espazo non fotografado sen velo? Que podemos deducir?

Actividade 4. Espazos baleiros, aprender a mirar. Análise fotográfica 2

Entregamos a primeira foto que iamos analizar para pegala no seu caderno. Analizamos fotos da docente na que se presentaba ese espazo baleiro inferior e/ou as simetrías nomeadas na actividade anterior.

Fixemos un primeiro intento de fotografía de espazos baleiros.

Explicamos en que consistía a creación dun diario de luz.

Actividade 5. Saída aos arredores do módulo sociocultural onde se atopa o centro escolar para facer fotos de espazos baleiros. Antes de saír, na aula demos as pautas para conseguir «replicar» as fotos vistas con anterioridade.

 

Patio

 

Actividade 6. Diario de luz.

Para poder facer o diario, o grupo da aula 1 buscou un lugar onde poder facer as fotos, asegurando que cumprían as indicacións dadas polo departamento de seguridade da prisión. Os alumnos estableceron un sistema de quendas para encargarse cada día un deles de facer a foto.

Actividade 7. Textos descritivos e poéticos.

Partindo dunha foto feita pola docente dun parque de Pontevedra que algún deles coñecía, fixemos, por unha banda, un texto descritivo onde contaron obxectivamente todos os elementos que observaban e que xa traballaramos con anterioridade: encadramento, luz, elementos, xeometrías, fóra de campo... Pola outra banda, atenderon ás sensacións que a imaxe lles transmitía: silencio, calma, calor, soidade, liberdade... e crearon composicións poéticas nos seus cadernos.

Actividade 8. Descrición e debuxo dunha foto.

Un voluntario escolleu unha foto entre varias propostas pola docente e, sen ensinala, describiulla ao resto dos compañeiros, que tiveron que debuxala. Para facer a dinámica máis sinxela, os «debuxantes» podían facer preguntas.

Actividades 9 e 10. Creación de dípticos e haikus.

En decembro recibimos a visita de Mónica García e Lucía Vilela, da Filmoteca de Galicia, e todo o alumnado participou na xornada, na que fixemos dúas dinámicas: unha de creación de dípticos con cámaras instantáneas no exterior, no campo de fútbol, e outra de creación de haikus a partir das palabras evocadas por unha imaxe de Israel Ariño nas aulas.

 

Díptico

 

Actividade 11. Cámara escura.

Unha vez feita a cámara polo grupo da aula 6 xunto con Juan Carlos, o seu docente, o resto dos grupos traballamos coa cámara escura para introducir a historia da fotografía, os seus inicios, o funcionamento dunha cámara e como se xera unha fotografía.

Actividade 12. Introdución ao retrato.

Na primeira sesión dedicada ao retrato, entregámoslle a cámara ao alumnado e pedímoslles que fixeran un retrato, sen dar máis indicación ca esa. Despois fixemos unha choiva de ideas sobre que é un retrato. Explicamos os elementos que habiamos ter en conta para «ler» un retrato (luz, encadramento, fondo, distancia, plano...) e visionamos algún dos retratos das fotopropostas.

Actividade 13. A experiencia de retratar a outra persoa.

Vimos en que consiste o retrato instalado e buscamos o mellor sitio para traballar a práctica con luz natural. Comprobamos como a luz pode moldear a persoa retratada e observamos moito como inflúe a luz no rostro. Unha vez feitos os retratos, comparamos os feitos na primeira sesión e os realizados cando xa adquiriran as nocións básicas.

Actividade 14. Saídas a talleres, módulos, cociña, panadería, lavandería etc., para facer fotos pensando na nosa exposición final «Luz na escuridade», na que reflectimos o día a día no cárcere.

Actividade 15. Selección, descartes e clasificación de fotos para a exposición e o libro de fotografías que editamos durante o verán combinando fotografía e poesía.

Cómpre salientar que estas dúas últimas actividades tomaron moito tempo e tivemos que investir varias sesións nelas.

A exposición foi inaugurada no edificio multiúsos da prisión da Lama o 24 de setembro co gallo da celebración do Día da Mercé, patroa de Institucións Penais,e será exposta novamente o próximo mes de maio na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela. Está formada por 35 composicións que deben ser concibidas no seu conxunto e entendidas como un todo. Estas 102 imaxes foron seleccionadas entre máis de 900, deixándonos levar, neste arduo traballo, pola emoción e polo que a imaxe transmite.

 

Libro

 

Avaliación. Como avaliamos o proxecto?

No festival de fin de curso proxectamos un breve resumo das dinámicas levadas a cabo ao longo do programa, xunto cos vídeos gravados en cada unha das aulas onde os alumnos, a modo de avaliación, falaron da súa experiencia co proxecto.

O instrumento empregado foi a pregunta directa ao noso alumnado sobre esta actividade e a recompilación en formato audiovisual destas respostas que foron difundidas xunto con varias fotografías no festival. Transcribimos aquí as principais respostas dos participantes remarcando en negro as respostas máis escoitadas:

  • Foi moi divertido, pasámolo moi ben fotografando (moitos deles hai moitos anos que non collían unha cámara fotográfica nas mans).
  • Foi unha experiencia gratificante compartir esta actividade cos meus compañeiros.
  • Recordar os compañeiros que xa están en liberdade través das fotos dános ánimo.
  • Consideramos que foi un tempo moi construtivo.
  • Compartir a experiencia cos profesores involucrados na actividade foi moi motivador.
  • Foi un tempo moi ben aproveitado.
  • O que máis nos gustou foron as saídas complementarias ao exterior (aínda que fose no interior do centro penal).
  • As clases foron amenas, o tempo pasaba voando.
  • Facer algo diferente é sempre algo bo para nós.
  • Foi una boa iniciativa, deberían de ofertarse máis cursos deste tipo.
  • Moi bo traballo o de Lucía e Mónica que nos viñeron visitar.
  • Este proxecto serviunos para poder expresarnos doutro xeito.
  • Axudounos a desconectar.
  • Foi interesante ter acceso a materiais que non son habituais (cámaras).
  • Foi unha experiencia divertida e agradable.
  • Estamos moi agradecidos.
  • Podería ter aplicabilidade laboral.
  • Os aspectos negativos que poderiamos salientar son: poucas saídas ao exterior para fotografar e materiais escasos (poucas cámaras), ademais da imposibilidade de dedicarlle máis tempo.

Sentímonos, ademais, moi orgullosos de todas as valoracións positivas que recibimos tanto da memoria do proxecto como dos resultados finais, exposición e libro por parte de todas as persoas que tiveron a oportunidade de acceder a eles. Amosamos a continuación unha pequena mostra:

https://www.instagram.com/p/CktFOPsjA8j/?utm_source=ig_web_copy_link

EPAPU Nelson Mandela (@epapu.nelson.mandela) • Fotos y videos de Instagram

 

Conclusión. Como poderiamos concluír o noso traballo?

Di Henri Cartier-Bresson, considerado un dos grandes referentes da fotografía, que «a autenticidade é, sen lugar a dúbidas, a máis grande das virtudes da fotografía», cita que fixemos nosa, deixando así de preocuparnos tanto da estética en si, da calidade, como da imaxe que reflicte a vida en primeiro plano, respectando a realidade, sen preparar nada, sen arranxar nada, simplemente estando aí e empregando a fotografía como medio de expresión para evocar a vida na prisión e dar testemuño do cotián.

 

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

Barnbaum,B. (2018). La fotografía como arte (PHOTOCLUB). Editorial Anaya Multimedia.

Momeñe, E. (2009).La visión fotográfica. Editorial Autor-Editos.

Cartier-Bresson, H.(2014).Ver es un todo: Entrevistas y conversaciones 1951-1998. Editorial GG, SL.

 

 

Sección: