
A hortoteca do CPIP de Castroverde
Maugan Gaëlle Aimée Marie
CPI Plurilingüe de Castroverde (Castroverde-Lugo)
gmaugan@edu.xunta.gal
Fundamentación
Ano tras ano, a sociedade esgota cada vez máis cedo os recursos ecolóxicos dispoñibles anualmente. Entre isto e o anuncio demoledor de Emmanuel Macron (que encabezou hai pouco a presidencia rotativa da UE) sobre a fin do estado de benestar, fai patente que esteamos a vivir unha época preocupante e non abonda con comentalo tomando un café.
No CPIP de Castroverde os ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostibles) da Axenda 2030 impórtannos moito e estamos aínda máis interesados desde que escoitamos a excepcional intervención de Francisco Castillo Rodríguez no CFR de Lugo.
Puxemos en funcionamento un horto escolar responsable, funcional e respectuoso coa natureza. Deste xeito estivemos traballando varios ODS directamente ou indirectamente: fin da pobreza, fame cero, auga limpa e saneamento, igualdade de xénero, cidades e comunidades sostibles, produción e consumo responsable e vida de ecosistemas terrestres.
Ademais disto, traballamos as competencias básicas e a convivencia, a motivación, a colaboración, a educación emocional, a paciencia, a creatividade, a xestión de recursos e a planificación.
De feito, existen estudos que corroboran os beneficios de promover o contacto entre a natureza e o alumnado no campo educativo. A modo de exemplo podemos citar a Wells e Evans (2003) & Corraliza e Collado (2011) que demostran que reduce o estrés e aumenta o benestar infantil. Por outra banda, Kellert (2005) afirma que aumenta os niveis de creatividade e de resolución de problemas. Wells (2000), pola súa parte, postula que mellora as habilidades cognitivas de concentración, feito confirmado en 2017 por Collado, Staats, Corraliza e Hartig que aseguran que os procesos de recuperación da capacidade de atención se ven favorecidos. Polo tanto, a creación e a xestión dun horto escolar sostible é unha actividade moito máis interesante e completa do que pode parecer nun primeiro momento.
Descrición
Aínda que no noso CPIP involucramos pouco a pouco a todo o centro, ao principio implementamos o proxecto fundamentalmente co alumnado de segundo da ESO. As actividades, enfocadas á permacultura foron moi variadas, repartidas ao longo do curso escolar, a razón dunha hora á semana. Partimos da nada e chegamos a crear un espazo no edificio a carón do horto que bautizamos como «hortoteca». Alí temos agora o noso material (as ferramentas, as sementes, libros etc.) e empregamos o espazo colocando mesas e cadeiras pregables cando é preciso.
Para planificar as actividades, dividímolas por estacións, seguindo o ritmo da natureza:
Para comezar, durante o outono e o inverno o alumnado dedicouse a informarse e a preparar a chegada da primavera: limparon o horto cun detector de metais para eliminar os posibles contaminantes do chan (pilas, chumbos, latas, restos de papel de prata, cravos...). E boa falta fixo, xa que atopamos case de todo e, de paso, o alumnado descubriu o funcionamento dun aparello que nunca antes tiveran a ocasión de probar. De feito, usamos a tecnoloxía en diversas ocasións: para observar hortalizas en realidade aumentada co cubo Merge e mirar timelaps de plantas coas gafas de realidade virtual.
Posteriormente, as alumnas e alumnos mediron o horto e repartiron o espazo en zonas. Para iso empregaron unha aplicación de medición.
O alumnado descubriu os beneficios dos insectos para os cultivos e convertéronse en arquitectos para construír en grupos hoteis de insectos caseiros para protexelos durante o inverno.
Despois, o alumnado debullou sementes de flores que favorecen a polinización para logo sementalas arredor do horto no mes de maio. As flores foron elixidas para favoreceren a vida dos insectos que benefician as culturas. Polo tanto, a rapazada sabe agora identificar as sementes e recollelas cando é a época.
Ao longo do curso participaron na reciclaxe dos residuos orgánicos do comedor escolar. Cada día botaron os restos no composteiro para máis adiante poder usalo para fertilizar as plantas. De paso, observaron o labor das miñocas no compost e valoraron a importancia de cada etapa do ciclo.
Inspirándose en libros franceses de permacultura, fixeron un estudo das «plantas amigas» e elaboraron unha táboa xigante de asociacións de plantas para mellorar o rendemento no horto, coa idea de poder organizar con xeito os cultivos.
No momento idóneo sacharon, botaron o compost na terra, sementaron as flores e plantaron distintas variedades de hortalizas. Descubriron ferramentas típicas de Francia para quitar as malas herbas con máis comodidade e reflexionaron sobre técnicas doutros países para mellorar a irrigación e favorecer os cultivos. Estamos a falar por exemplo da hugelkultur, que é unha técnica agrícola alemá para favorecer os cultivos en condicións problemáticas que permite limitar a rega durante períodos de ata 10 anos, das oyas francesas que permiten hidratar as plantas sen desperdiciar a auga e do paillage para conservar a humidade e evitar a proliferación das malas herbas. Falamos incluso de construcións alternativas como as kerterre fabricadas na Bretaña francesa.
A maiores de todo isto, coidaron os cultivos no mes de xuño e, para rematar, coa complicidade das profesoras de galego e de debuxo, o alumnado seleccionou un refrán galego coa temática da horta e realizou un mural artístico na parede do horto. Ao final do curso, chegaron incluso a probar as leitugas, colleitadas no horto, no comedor escolar e a dar mostras da colleita de hortalizas á cociñeira da residencia de maiores de Castroverde!
Presentación de evidencias
Reflexións sobre a práctica, e como foi acollida polo alumnado?
Non se atoparon especiais dificultades para implementar o proxecto. As tarefas foron moi ben acollidas por parte do alumnado, indistintamente do nivel académico e das capacidades de cada un. Saír da aula para facer as actividades foi acertado: démoslle un respiro á rapazada entre as clases convencionais e abrimos as nosas mentes a outro tipo de actividades totalmente transversais. Desde o noso punto de vista sería positivo que en todas as etapas educativas o alumnado puidese ter unha hora semanal en contacto coa natureza.
Como incidiu na mellora das aprendizaxes, da motivación, do clima de aula?
Como xa o comentamos antes, o horto é, antes que nada, un proxecto interdisciplinario. Permite poñer en práctica moitos coñecementos xerais estudados noutras materias. Tamén se require lóxica e sentido común.
A motivación foi impresionante: notouse inmediatamente no ambiente e a participación foi excelente. Ademais dos coñecementos en permacultura e en tecnoloxía, o alumnado aprendeu a colaborar, a respectarse, a escoitarse, a axudarse mutuamente e a compartir ferramentas e estratexias. Pouco a pouco convertéronse en persoas máis autónomas e foron collendo iniciativas. O traballo en equipo deu os seus froitos. Os rapaces que antes de iniciar as actividades estaban un pouco á marxe do grupo integráronse e atoparon o seu lugar na «hortoteca». O proxecto xunguiu o grupo. Cada etapa do proxecto tivo a súa recompensa e a súa satisfacción: descubrir cousas novas que logo poden contarlles na casa aos seus pais e/ou aos seus avós e despois, co paso do tempo, ver no horto escolar o resultado do traballo ben feito.
Valoración final da experiencia e expectativas de continuidade e/ou profundización:
O éxito do proxecto da nosa «hortoteca» foi tan rotundo que decidimos trasladalo á nova materia de Proxecto Competencial para o curso 2022/23.
A materia de PC é idónea para incluír esas actividades no horario escolar, xa que «se dirixe ao desenvolvemento das competencias transversais a través da realización de proxectos significativos para o alumnado e da resolución colaborativa de problemas... e participar activamente na sociedade na que vivirán e no coidado da contorna natural e do planeta».
De feito, agora estamos ampliándoo coa creación dunha «graoteca» colaborativa (é dicir, unha biblioteca de sementes), inspirándonos no Banco Mundial de Svalbard, situado no arquipélago noruegués. Ademais de facer un banco de sementes, e de buscar informacións útiles sobre cada variedade de planta, ese novo proxecto vainos permitir observar as sementes con lupas de aumento para poder apreciar as súas particularidades e poder debuxalas. Temos tamén na mente facer un intercambio de boas prácticas con outros centros.
No noso centro sóbrannos as ideas e as ganas de facer cousas! Para rematar, queremos incidir no feito de que a realización deste proxecto foi posible grazas ao apoio incondicional da Dirección do CPIP de Castroverde e á colaboración dos compañeiros.