Biblioteca escolar: vertebrando aprendizaxes

Proxectos documentais integrados e tarefas integradas
A biblioteca escolar posiciónase, desde hai tempo, como porto desde o que saír para vivir un mar de experiencias documentais, vivenciais, inclusivas e solidarias ao servizo do currículo e da comunidade. Experiencias persoais e sociais, unha singradura activa e interactiva que posibilita a aprendizaxe ao longo da vida, desenvolvendo as competencias: sendo, facendo, sabendo e convivindo.

Fátima Romero Olveira, mestra de Audición e Linguaxe/Primaria e responsable da BE
CEIP Milladoiro (Malpica de Bergantiños- A Coruña)
mrolveira@edu.xunta.gal

 

 

 

A biblioteca escolar (BE) favorece e facilita a lectura, a información e a aprendizaxe, cedéndolle o protagonismo ao alumnado que se documenta, investiga, organiza e trata a información para transformala en coñecemento. Este é un proceso nada novidoso, mais imprescindible se queremos mudar as metodoloxías máis tradicionais que empregan o libro de texto como único recurso pedagóxico, como única fonte de consulta e aprendizaxe.

Na actual sociedade da información, todas e todos necesitamos, mais ca nunca, SER competentes: adquirindo valores, destrezas, capacidades… non instrumentalizando, senón humanizando as aprendizaxes para que sexan realmente efectivas ao longo das nosas vidas: unha cidadanía responsable con pensamento crítico, empático e creativo que impulse comunidades sostibles nun mundo globalizado no que, pensando globalmente, actuemos localmente.

 No CEIP Milladoiro de Malpica de Bergantiños, con tempo e no seu tempo, fomos sumando plans, programas, proxectos e unindo esforzos e responsabilidades, individuais e colectivos. Na actualidade, a comunidade malpicá conta cunha escola rural onde valoramos e coidamos a educación pública, equitativa, inclusiva e de calidade (ODS 4 da Axenda 2030).

 

 

A nosa BE-LeoLab é, hoxe en día, unha biblioteca aberta e ubicua que vertebra as aprendizaxes de cada curso escolar, perseguindo unha educación comunitaria e con identidade propia na que todas e todos contamos moito.

A nosa biblioteca, social e formadora, ao servizo da comunidade e da educación, unha biblioteca do século XXI que se caracteriza por ser:

- Creativa, para «aprender facendo» mediante os laboratorios de aprendizaxe que nos son propios e os fondos que catalogamos curso tras curso, para alimentar alma e mente.

- Inclusiva, para responder ás necesidades da diversidade, desde catro grandes bloques: arquitectura, servizos, fondos e formación. Unha aposta pola igualdade de oportunidades, compensando as desigualdades de partida.

 

 

A transformación que experimentamos na nosa escola, no tocante a espazos, recursos, organización… supón a necesaria transición cara a metodoloxías activas nas que o alumnado é produtor de aprendizaxes (papel activo) e non só un mero consumidor (papel pasivo); para a cal os proxectos documentais integrados (PDI) son unha valiosa vía pola que transitar, sen medo a errar, senón coa valentía de medrar e coidarnos, xuntas e xuntos, ao abeiro da BE.

 

Proxectos documentais integrados (PDI)

Os PDI son «investigacións nas que o alumnado, ademais de investigar sobre un tema ou problema concreto, se familiariza cos mecanismoos de busca de información e traballo intelectual empregando os recursos documentais da BE» (R. Piquín, 2012).

 Os PDI ofrecen dinamismo na articulación e organización do proceso de ensino-aprendizaxe arredor dun centro de interese que nos une, mediante actividades diversas nas que a BE se converte no eixe da acción educativa.

A temática de cada PDI é o alicerce para impulsar a aprendizaxe baseada en proxectos (ABP), a cal se materializa mediante tarefas integradas (TI).

 

 

As TI nútrense da investigación, da aprendizaxe vívida, construtiva e significativa, nas que a alfabetización en información (ALFIN) posibilita un óptimo desenvolvemento competencial.

O proceso educativo mellora substancialmente ante a amplitude de miradas, de todas e todos, e a gran riqueza que xera cada PDI. Un proceso no que o alumnado protagoniza a súa propia travesía, persoal e social, para ser artífice das súas aprendizaxes; contando sempre coa orientación e apoio de profesorado e familias.

A investigación como medio de descubrimento, relacionando as experiencias propias coa información seleccionada e tratada, vivenciando aprendizaxes, facéndoas nosas, para crear unha visión propia do mundo no que coexistimos, para adquirir autonomía intelectual. Sempre en xerundio, sendo e facendo, un tempo que nos permite transcorrer do pasado ao presente mirando ao futuro. 

Cada PDI permite afondar en temáticas ou centros de interese diversos, sendo idóneo que xurdan da avaliación previa de debilidades e fortalezas da propia realidade educativa de cada escola, na busca da mellora paulatina da acto pedagóxico.

 

 

O PDI Visión 3C: comunicación, ciencia e creatividade (Distinción Anual Sello CCB 2021) xurdiu da necesidade de asentar e iluminar o camiño que discorremos na procura dunha educación acorde co tempo no que vivimos, no cal a BE é un recurso imprescindible en toda escola: a BE-LeoLab, un novo concepto de BE cara á construción da nosa escola bibliotecaria (M. Calvillo, 2009). Un PDI no que a creatividade, habilidade innata de todo ser humano, foi clave para afrontar dous cursos escolares marcados pola pandemia.

 O PDI NÓS: patrimonio in-MATERIAL! naceu no curso 2021/22 e ten continuidade no presente curso 2022/23, coa clara intención de valorar e salvagardar o noso rico patrimonio, creando identidade social e cultural para medrar con raíces sans e fortes. Iniciamos a travesía desde o máis próximo, Malpica e a Costa da Morte, para ampliar a mirada á nosa comunidade autónoma: Galicia. Un PDI que nos está permitindo desenvolver emotivas e significativas tarefas/actividades, entre as que destaca a chegada da merecida «normalidade» para volver SER NÓS: relacións interpersoais, uso compartido de espazos e recursos, actividades que nos son propias…

Cada PDI caracterízase, salientando o seu carácter aberto e flexible, por abarcar os seguintes aspectos:

  • Liñas xerais: centro de interese e xustificación deste.
  • Recursos, impresos e dixitais, a disposición da comunidade: plan lector anual, guías, programas, propostas de actividades, exposicións…
  • Achega ás competencias: tarefas curriculares e avaliables.
  • Produtos parciais e finais.
  • Difusión: blog do PDI, da BE, dos laboratorios de aprendizaxe ou de dinamización da lingua; así como os blogs de cada un dos ciclos.

 

 

A avaliación continua permítenos realizar as modificacións pertinentes que redundan na mellora do inicialmente programado entre todos os equipos creativos de traballo: BE-DL, de radio, tecnolóxico, de ciencias e creativo. Así mesmo, a avaliación final posibilita a detección de necesidades e propostas de mellora. Avaliacións, continua e final, que derivan das reunións periódicas, cuestionarios de autoavaliación, datos do uso de espazos e recursos…

Compre destacar tres produtos finais derivados do PDI NÓS: patrimonio in-MATERIAL! no curso 2021/22:

  • Letras Galegas: Malpica, a nosa vila. Producións propias como animación á escrita poética despois da lectura de fotografías de Malpica, seguindo o ronsel de Florencio Delgado Gurriarán.
  • Dicionario malpicán. Produción propia que recolle palabras e expresións propias da comunidade malpicá.
  • E ti, de quen vés sendo? Xogo de produción propia para reforzar a formación de usuarias/os da nosa BE e afondar nas nosas raíces.

 

 

Os PDI materialízanse grazas ás variadas tarefas integradas que deles derivan. Tarefas que, incorporando conmemoracións anuais e implementando os nosos laboratorios de aprendizaxe, fortalecen o sentimento de pertenza á comunidade educativa contando, sempre, co acubillo da BE. 

 

Tarefas integradas (TI)

As TI concretan a programación didáctica de aula, en estreita relación co PDI, para a consecución das competencias clave (CC).

As actividades que acollen as TI están debidamente organizadas e conectadas entre si para acadar un fin determinado e na súa realización prevalece a relevancia do proceso sobre o produto final. O alumnado realiza cada actividade tendo en conta a súa experiencia pasada, para seguir avanzando e chegar á comunicación final en soportes e formatos diversos; sendo o camiño andado, aprendizaxes multimodais e multimediais, o que lles dá significado e valor ás TI fronte á excelencia, ou non, do produto final obtido.

A aprendizaxe por descubrimento e o traballo cooperativo son características sine qua non para a implementación de TI. O alumnado constrúe novas ideas e integra novas experiencias coa súa propia, desenvolvendo unha aprendizaxe activa e social na que cada «experiencia é un arco a través do cal resplandece un mundo inexplorado, nun horizonte que esvaece unha e outra vez mentres avanza» (Experiencia e educación. Dewey, John, op. cit., p. 34).

 

A transdisciplinariedade e a transversalidade posibilitan a ruptura temporal, espacial e de contidos de cada unha das áreas. Áreas entendidas como ámbitos interrelacionados (lingüístico, científico, artístico…) que lle proporcionan continuidade á acción educativa reflectida en cada modelo de TI.

Os modelos de TI atenden aos aspectos esenciais da organización pedagóxica: 

  • Competencias clave, aquel desenvolvemento competencial que sexa factible de acadarse na implementación da TI.
  • Criterios de avaliación de cada unha das áreas que abarca a TI; tendo en conta que, desde este curso escolar 2022/23, os estándares de aprendizaxe desaparecen coa nova lei educativa (LOMLOE).
  • Actividades secuenciadas que nutren a TI.
  • Produto ou produtos finais que se esperan acadar.
  • Recursos bibliográficos, dixitais, materiais…
  • Ferramentas TAC: tabletas, portátiles, pantallas dixitais interactivas, aplicacións educativas…
  • Agrupamentos/Organización: equipos de traballo, espazos…
  • Temporización da TI, actividades, produto final…
  • Difusión: blog, galería de imaxes, USB do alumnado (familias)…

 

Os modelos de TI orientan o labor docente, mais a súa riqueza radica no proceso de desenvolvemento. As modificacións que se orixinan na súa posta en práctica son froito do traballo en equipo que, desde a propia visión de cada neno, da colaboración das familias e da propia comunidade, se integran coa visión docente resultando un proceso recíproco altamente comunicativo, emotivo, creativo, construtivo… no que todas e todos contamos moito e temos moito que contar: construíndo aprendizaxes de vida.

Na aula de cuarto de primaria ao longo do curso 2021/22 desenvolvemos diversas TI que se presentan a continuación (premer nos enlaces para ampliar información):

 

 

A autoavaliación de cada TI foi altamente positiva e a avaliación externa, dado que nos presentamos ao VIII Concurso de Traballo por Proxectos na modalidade de investigación e tratamento da información, foi de premio. Un premio que, ademais de ofrecernos a dotación económica para seguir mellorando e renovando fondos, espazos, mobiliario…, ratifica que estamos no camiño dunha educación de calidade, xa que «cando a educación ocorre e non o parece: iso é innovación educativa» (do blog de Miguel Calvillo).

As escolas galegas que dispoñen dunha BE teñen nas súas mans a chave para abrir a porta á educación do noso tempo porque «o século XXI xa non vai tanto de solistas, como de coristas» (W. Isaacson, 2014).

 

 

Nenas e nenos protagonistas das súas aprendizaxes, traballando en equipo, estimulando a súa curiosidade, a investigación, a experimentación, a comunicación, a creatividade, a diversión. Aprendizaxes asentadas nunha verdadeira educación emocional e en valores, por e para todas e todos, nas que o pronome persoal por excelencia é… NÓS: relacións horizontais, de mesa redonda, que favorecen a transformación. Un traballo cooperativo que se caracteriza polo esforzo e a responsabilidade individual, e sempre con humildade. En definitiva, a nosa escola bibliotecaria con corazón: vertebrando aprendizaxes… para a vida!

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

  • Piquín Cancio, Rosa (2012). Proyectos documentales integrados. Gobierno de Navarra. [en liña]
  • El blog de Miguel Calvillo [en liña].
  • Dewey, John (2020). Experiencia e educación. Biblioteca de Pedagoxía. Kalandraka.
  • Isaacson, Walter (2014). Los innovadores. Debate. 
  • Repositorio dixital BE Milladoiro
  • Álbums dixitais BE Milladoiro
  • Bitácoras CEIP Milladoiro: