Fitofaladoiro Ons, o valor da memoria colectiva

Proxecto centrado na investigación sobre o tipo de vexetación da nosa contorna, no que os ámbitos familiar e veciñal supuxeron unha das principais fontes de información sobre os nomes e usos das plantas que o propio alumnado recompilou e rexistrou nun herbario. A concienciación da importancia de preservar o noso patrimonio e do proveito da memoria colectiva, así como o fomento do uso do galego, foron os principais obxectivos que promoveron as actividades incluídas neste traballo.

Olalla García San León
Profesora de EPVeA e coordinadora da biblioteca
IES Illa de Ons (Bueu-Pontevedra)
olalla.garcia.san.leon@edu.xunta.es

Profesorado participante no proxecto: Amalia Graña Barros, Antonio Omil Beloso, María Jesús Rodríguez Romano, Mónica Camaño Portela e Xoán Xosé Rodríguez Rivas

 

Contextualización

O IES Illa de Ons decidiu retomar este proxecto, iniciado no curso 2015/16, despois de dous anos nos que as relacións sociais e o contacto co noso contorno se viron gravemente afectados pola pandemia da covid-19. Pensamos que o Fitofaladoiro, un proxecto que propicia contextos comunicativos entre o alumnado e o seu mundo máis próximo —familiares, amizades e veciñanza—, era un bo pretexto para ir comezando a recuperar as saídas e as actividades colaborativas mediante a realización de entrevistas; ademais de axudar a protexer o patrimonio natural e a tomar conciencia da importancia do proveito da memoria colectiva. Por outra banda, as actividades incluídas neste proxecto serviron para fomentar a curiosidade polos nomes e usos tradicionais das plantas que temos máis preto e as súas semellanzas ou diferenzas cos nomes e usos destas noutros lugares.

A motivación principal no momento de pensar na continuidade no proxecto parte, por unha banda, do lóxico aproveitamento da vantaxe da nosa situación xeográfica, unha contorna natural no norte da península do Morrazo que favorece a investigación no ámbito rural. Por outro lado, as características dos núcleos familiares do noso alumnado, que contan coa presenza dos avós e avoas, que supoñen unha fonte inesgotable de sabedoría popular que consideramos que non deberiamos estragar.

Durante o desenvolvemento das distintas tarefas fomos quen de coordinarnos para aplicar metodoloxías centradas na cooperación e na aprendizaxe competencial e logramos realizar un traballo activo e colaborativo por parte do alumnado.

 

Obxectivos

Promover o proxecto no centro procurando implicar a maior parte da comunidade educativa foi un dos principais obxectivos expostos e que logramos acadar desde as primeiras fases do seu desenvolvemento.

Tamén fomos quen de que o alumnado profundase na investigación sobre o tipo de vexetación da contorna, tanto a través das saídas en grupo organizadas desde o centro como nas súas pescudas individuais, coas que todos e todas tomamos conciencia da importancia de gardar o noso patrimonio e do proveito da memoria colectiva. As parroquias de Cela e Beluso foron as principais áreas de pescuda, xa que a maioría do noso alumnado procede destas dúas zonas, aínda que tamén acadamos datos doutros concellos próximos ao noso, como Marín ou Cangas.

Cos resultados destes traballos de investigación, o alumnado centrouse en dous obxectivos fundamentais: a comparación dos nomes e usos tradicionais das plantas nos distintos lugares e a elaboración dun herbario propio cos exemplares recollidos, atendendo á importancia de prensar e etiquetar correctamente as mostras para a súa exposición e posterior conservación. Por outra banda, conseguimos incentivar a creatividade do alumnado coidando a presentación dos resultados obtidos: o debuxo das plantas recollidas con técnicas diferentes, no coidado da fotografía de exemplares, a correcta gravación de audios e vídeos durante as entrevistas e a súa posterior edición etc.

 

Descrición da actividade, metodoloxía e recursos

Os departamentos que formaron parte na organización e seguimento das actividades deste proxecto foron os de Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química, Lingua Galega e Literatura, Educación Física, Debuxo e a Biblioteca Escolar. Tras a nosa experiencia en anos anteriores, decidimos seguir un esquema organizativo semellante ao planificado naquela ocasión.

Fixemos unha primeira xuntanza na que visualizamos o material dispoñible na páxina web do Fitofaladoiro: vídeos explicativos de como coller e prensar plantas, exemplos de entrevistas, consellos e instrucións para facer as enquisas e outros documentos relacionados co proxecto (formularios, etiquetas, traballos doutros centros etc). Seguindo as recomendacións achegadas pola organización do Fitofaladoiro sobre a temporización, elaboramos un calendario de actuacións e de concreción dos aspectos máis importantes na recollida de datos:

● Deseño da folla de rexistro de información

● Uso de códigos numerados

● Formatos e transvasamento da recollida de datos:

- Formato tabulado para datos básicos

- Formatos audiovisuais para as enquisas

- Organización dos datos en carpetas compartidas

● Recollida de mostras (seguindo a temporización e a metodoloxía recomendadas)

● Programación das posibles saídas a distintas zonas da contorna

● Distribución dos grupos para a supervisión das entregas

● Reunión co alumnado para a formación nas distintas tarefas de recollida de información (entrevistas) e das mostras

● Elaboración do calendario de recollida de mostras

Nas seguintes xuntanzas fomos concretando a distribución das tarefas por grupos, así como as posibles saídas colectivas nas distintas zonas da contorna ao longo do curso. Melloramos os formularios de recollida de datos e as etiquetas para a identificación das plantas, elaboramos un esquema resumo dos contidos que se van traballar nas reunións cos distintos grupos, xa que a nosa intención inicial era implicar a maior parte do alumnado do noso centro. Para ir organizando os materiais que iamos elaborando e facilitarlle o acceso a eles á comunidade educativa, creamos un curso na aula virtual do centro onde matriculamos a todo o alumnado e lle demos acceso ao profesorado. Así mesmo, os materiais que iamos elaborando tamén os publicabamos no sitio web do Fitofaladoiro Ons.

Nas reunións cos distintos grupos, explicamos os obxectivos do proxecto, mostrámoslles os exemplos da web do Fitofaladoiro, repartimos unha copia dos formularios e pedímoslle ao alumnado que fose comentando nas súas casas o traballo que colectivamente iamos realizar.

Así mesmo, fomos propoñendo outras actividades en paralelo nos distintos grupos, como a elaboración de carpetas con material de refugallo para a recollida de mostras, a elaboración de cadernos de campo e diarios botánicos, a fabricación de etiquetas e o deseño de fichas para o futuro herbario ou a proposta de traballos artísticos e de deseño dun sitio web para ir colgando o material obtido.

 

Cadernos de campo realizados polo alumnado de primeiro da ESO

 

As saídas por distintas zonas do concello e incluso por outros municipios próximos foron organizadas desde case o comezo do curso. Aproveitamos as rutas de sendeirismo polos montes de Paralaia (Moaña), Ermelo (Bueu) e o Río Maneses (Campo Lameiro) para observar e identificar distintas plantas, rexistralas nos cadernos de campo e realizar fotografías a partir das cales os rapaces e rapazas preguntaron na casa os seus nomes e usos. Tamén organizamos unhas pequenas andainas por San Martiño de Bueu, no lugar da Graña, e polo carreiro fluvial que discorre á beira do río Bispo, para realizar prácticas en grupo de recollida e prensado de plantas e evitar posibles erros no posterior traballo individual do alumnado. Outras saídas organizadas foron a Chan de Arquiña (Moaña) e á Estación Fitopatolóxica do Areeiro (Marín). No centro botamos man de distintas publicacións para identificar as plantas co nome científico, tamén utilizamos a aplicación iNaturalist e consultamos dúbidas coa organización do Fitofaladoiro.

 

Imaxes da recollida e prensado de mostras

 

Tras esta primeira toma de contacto, comezamos a pedirlles aos rapaces e rapazas o traballo individual. A maioría deles entrevistou a distintas persoas da súa contorna —familiares, veciños ou amizades— e utilizou os formularios previamente deseñados para recompilar toda a información posible, seguindo os consellos dados nas clases para obter bos resultados tanto na recollida da información como na obtención doutros materiais como fotografías, mostras e audios ou vídeos.

 

Imaxe dalgunhas capturas das entrevistas realizadas

 

Conforme o alumnado ía traendo os resultados das entrevistas fomos organizando o material e realizando as transcricións e a edición dos materiais multimedia. Cos exemplares conseguidos nas saídas en grupo e nas entrevistas individuais, fomos elaborando o herbario, montando sobre cartolinas as mostras prensadas e organizándoas mediante as fichas identificativas. O material revisado preparouse para ser rexistrado nunha folla de cálculo proporcionada polo Fitofaladoiro da USC e presentado nos distintos apartados que conforman o noso sitio web.

 

Táboa de datos xerada a partir da folla de cálculo

 

Organizamos tamén unha exposición no laboratorio do centro na que mostramos os exemplares prensados, algúns dos cadernos de campo e as creacións artísticas elaboradas polo alumnado.

 

Algúns exemplos das mostras do herbario

 

Avaliación

A avaliación levouse a cabo, por unha banda, tendo en conta a cualificación obtida nas propostas de actividades dos departamentos implicados no proxecto, mediante distintas rúbricas que permitiron avaliar a consecución dos obxectivos específicos vinculados aos distintos criterios establecidos. Así mesmo, valorouse a adquisición dos obxectivos xerais propostos ao inicio do traballo cunha serie de indicadores de logro cuxos resultados foron en xeral satisfactorios, destacando entre eles o alto grao de implicación da comunidade educativa, o uso do galego nos ámbitos familiar, veciñal e escolar, o carácter colaborativo das tarefas, a concienciación sobre a importancia da preservación do patrimonio natural e do proveito da memoria colectiva e o fomento da curiosidade polos nomes e usos tradicionais das plantas.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Castroviejo Bolíbar, M. A. (1984-1985). La medicina popular en la isla de Ons. Cuadernos de Estudios Gallegos, 100, pp. 613-630. Ed. CSIC.

G. Souto Figueroa, M. e de Sá Otero, M. (2005). Flora da Illa de Ons. Pontevedra: Ed. Deputación Provincial de Pontevedra.

Sanmartín, L. A. e Lago Canzobre, H. (1998). Guía da flora do litoral galego. Vigo: Ed. Xerais.

VV. AA. (2011). Plantas medicinales y curativas: Atlas ilustrado. Madrid: Ed. Susaeta.

VV. AA. (2009). Herbario de plantas silvestres. Barcelona: Ed. Larousse.

 

Outros materiais publicados no blog do proxecto:

https://sites.google.com/view/fitofaladoiro-ons-bueu

 

 

Sección: