Coeducación e convivencia no currículo LOMLOE

A implantación dun novo currículo supón unha oportunidade para reflexionar e mellorar a nosa práctica docente nas aulas. Desenvolver axeitadamente o novo currículo significa comprender a súa estrutura curricular, utilizar a metodoloxía necesaria para levalo a cabo adecuadamente e aplicar correctamente os instrumentos que avalíen o grao de adquisición das competencias clave e os obxectivos de área (que se corresponde co termo «competencias específicas» no real decreto de ensinanzas mínimas). Nos últimos anos algunhas voces comentaban que unha das maiores dificultades que tiñamos para traballar a igualdade nas aulas era a falta dun currículo con perspectiva de xénero ou, no seu defecto, dun currículo que recolla a igualdade nos seus elementos. O obxectivo deste artigo é analizar sucintamente a coeducación e o tratamento da igualdade nos currículos derivados da LOMLOE e expoñer os aspectos clave para traballar de forma coeducativa con este currículo na aula. Atopamos que é un currículo competencial e que recolle entre os seus elementos fundamentais a convivencia e a coeducación.

José María Alén de la Torre
Inspector de Educación
jose.maria.alen.torre@xunta.gal
Azucena Arias Correa
Orientadora do CEIP de Vilaverde-Mourente (Pontevedra)
azuariascorrea@edu.xunta.gal

 

1. Que é a coeducación?

O termo coeducación fai referencia a unha educación en igualdade que respecta a diversidade e está libre de calquera tipo de discriminación por razón de xénero. O fin é a construción ou formación integral das persoas, asentándose no recoñecemento das potencialidades e individualidades de cadaquén independentemente do seu sexo (Álvarez Lires e Jiménez, 1992; Subirats, 2010; Torres, 2010) e respondendo a criterios democráticos e de xustiza social.

Nun ámbito coeducativo o alumnado aprende a convivir en igualdade, xestionando e resolvendo pacificamente os conflitos, respectando as ideas e opinións das e dos demais e aceptando a diversidade como unha riqueza. Coeducar implica educar as persoas á marxe de roles e estereotipos sociais de xeito que todas teñan as mesmas oportunidades.

Coeducar é facer que o alumnado aprenda a convivir nun mundo global onde as persoas acepten e respecten as diferenzas, sexan quen de interrelacionarse adecuadamente e chegar a acordos. Esa aprendizaxe require non só de participación na convivencia, senón tamén da súa xestión, trátase dunha construción colectiva e dinámica (Maldonado, 2004).

A escola coeducativa reflexiona, cuestiona, repensa e busca maneiras de interpretar o mundo dunha maneira máis igualitaria e xusta (Suberviola, 2020), garante unha formación integral e convértese nun espazo onde se traballa ao redor da convivencia (Salas e Blesa, 1992). Non podemos traballar de costas a este modelo educativo de escola.

A ONU promulgou en 2015 os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) que están todos relacionados entre si. Os ODS pretenden ser un instrumento para erradicar a pobreza e diminuír as desigualdades e vulnerabilidades, baixo o paradigma do desenvolvemento humano sustentable. No caso do artigo que nos ocupa, hai uns ODS directamente relacionados, máis concretamente o Obxectivo 4 (garantir unha educación de calidade inclusiva e equitativa, e promover as oportunidades de aprendizaxe permanente para todas as persoas) e o Obxectivo 5 (alcanzar a igualdade entre os xéneros e apoderar a todas as mulleres e nenas), e a LOMLOE tivo presentes, pola adhesión do noso país á Axenda 2030, os ODS. A inclusión destes ODS no noso sistema educativo non é posible sen unha escola coeducativa.

Traballar nun modelo de escola coeducativa require tanto dun adecuado punto de vista curricular como metodolóxico na aula, incluída a realización dunha avaliación correcta e completa de todos os aspectos e, por suposto, tamén daqueles relacionados coa igualdade.

Unha escola coeducativa precisa:

- Dunha reflexión previa sobre o significado de coeducar, do que implica «desenvolvemento integral das persoas», do que supón no ámbito competencial, metodolóxico, comunicativo...

- Dun currículo coeducativo, logo da análise crítica con perspectiva de xénero dos aspectos que nel se recollerán.

De cara a poñer en práctica o currículo dunha forma coeducativa, temos que abordar tres aspectos:

1. Comprender a estrutura curricular e os aspectos vinculados coa coeducación.

2. Utilizar/Adoptar unha metodoloxía que permita o traballo coeducativo dos elementos curriculares, tanto explícitos como non explícitos, que recolle o currículo.

3. Avaliar integradamente nos procesos de ensino e aprendizaxe con procedementos e instrumentos de avaliación coherentes co que o currículo indica que pretende garantir para cada etapa e que estean enfocados aos obxectivos de área ou materia (que teñen carácter competencial).

 

2. Comprendendo a estrutura curricular e como se recolle a igualdade e a convivencia no currículo

A estrutura dos currículos establecidos na Comunidade Autónoma de Galicia relacionados coa LOMLOE parte dos obxectivos de área (que se corresponde co termo competencias específicas no real decreto de ensinanzas mínimas). Para cada área estipúlanse uns criterios de avaliación, son referentes que nos permiten avaliar o desempeño indicado neses obxectivos de área.

Figura 1. Relación entre obxectivos de área, criterios de avaliación e contidos no currículo galego LOMLOE (adaptado de Alén, 2022, Supervisión 21, núm. 65)

Figura 2. Relación entre obxectivos de área, criterios de avaliación e contidos que presenta o currículo galego LOMLOE

 

Os contidos aparecen en cada área como un medio, non un fin, para acreditar a consecución dos obxectivos de área nos termos que determinan os criterios de avaliación. Este é un aspecto clave, xa que no currículo anterior os criterios vinculábanse cos contidos e no presente currículo vincúlanse cos obxectivos de área. Que o currículo actual sexa máis competencial non significa que os contidos desaparezan senón que son un medio para a adquisición das competencias e avaliarase o seu emprego nun contexto concreto que resolva un problema nunha circunstancia real, é dicir, o alumnado deberá saber aplicar saberes, habilidades, destrezas... non de xeito illado, senón combinado, para interpretar, tomar decisións, resolver problemas... con relación a situacións cotiás.

Figura 3. Contextualización dos contidos na avaliación no currículo LOMLOE

 

Se analizamos os obxectivos de área e materia, podemos comprobar que son numerosos os que falan de cuestións relacionadas coa convivencia e a igualdade. No anexo I mostramos as de educación infantil e educación primaria, no anexo II, unha selección de educación secundaria obrigatoria e, no caso do bacharelato, o esquema sería similar, mais non se inclúe ningún anexo co fin de non alongar o documento.

Obxectivo de área (área-etapa)

OBX4. Establecer interaccións sociais en condicións de igualdade, valorando a importancia da amizade, do respecto e da empatía para construír a súa propia identidade baseada en valores democráticos e de respecto aos dereitos humanos. (Crecemento en Harmonía-educación infantil)

OBX5. Utilizar dispositivos e recursos dixitais de forma segura, responsable e eficiente, para buscar información, comunicarse e traballar de maneira individual, en equipo e en rede, e para reelaborar e crear contido dixital de acordo coas necesidades dixitais do contexto educativo. (Ciencias da Natureza-educación primaria)

OBX6. Recoñecer e valorar a diversidade e a igualdade de xénero, mostrando empatía e respecto por outras culturas e reflexionando sobre cuestións éticas, para contribuír ao benestar individual e colectivo dunha sociedade en continua transformación e ao logro dos valores de integración europea. (Ciencias Sociais-educación primaria)

OBX10. Pór as propias prácticas comunicativas ao servizo da convivencia democrática utilizando unha linguaxe non discriminatoria e detectando e rexeitando os abusos de poder a través da palabra para favorecer un uso non só eficaz senón tamén ético da linguaxe. (Lingua Galega e Literatura e Lingua Castelá e Literatura-educación primaria)

OBX8. Desenvolver destrezas sociais, recoñecendo e respectando as emocións, as experiencias das e dos demais e o valor da diversidade, participando activamente en equipos de traballo heteroxéneos, mixtos e diversos con roles asignados, para construír unha identidade positiva como estudante de matemáticas, fomentar o benestar persoal e crear relacións saudables. (Matemáticas-educación primaria)

OBX6. Valorar criticamente e adecuarse á diversidade lingüística, cultural e artística a partir da lingua estranxeira, identificando e compartindo as semellanzas e as diferenzas entre linguas e culturas, para actuar de forma empática e respectuosa en situacións interculturais. (Lingua Estranxeira-ESO)

OBX6. Comprender os procesos xeográficos, históricos e culturais que conformaron a realidade multicultural na que vivimos, coñecendo e difundindo a historia e a cultura das minorías étnicas presentes no noso país, e valorando a achega dos movementos en defensa da igualdade e a inclusión, para reducir estereotipos, evitar calquera tipo de discriminación e violencia, e recoñecer a riqueza da diversidade. (Xeografía e Historia-ESO)

Táboa 1. Exemplos de obxectivos de área vinculados coa igualdade e a convivencia

 

Todos estes obxectivos de área e os criterios de avaliación que o currículo fixa para indicar o nivel de desempeño do alumnado nas situacións ás que se refiren eses obxectivos están vinculados coa convivencia. Non debemos esquecer que convivencia e educación para a igualdade están indisolublemente unidas. Sempre que falamos de convivencia estamos falando de resolución pacífica de conflitos, respecto da diversidade ideolóxica, sexual, étnica..., inclusión e igualdade (Pérez e López, 2010). O currículo obriga a traballar a convivencia e a igualdade na escola, o profesorado deberá atopar as propostas metodolóxicas acordes para facer que o alumnado aprenda a convivir en igualdade e avaliar adecuadamente eses aspectos.

O currículo inclúe contidos, como tiñan currículos anteriores, que recollen aspectos directamente relacionados coa igualdade. Como exemplos, temos os seguintes en educación primaria:

 

Ámbito

Contido

Ciencias Sociais

O papel da muller na historia e os principais movementos en defensa dos seus dereitos. Situación actual e retos de futuro na igualdade de xénero.

Educación en Valores Cívicos e Éticos

A igualdade e a corresponsabilidade entre mulleres e homes, a prevención dos abusos e a violencia contra as mulleres e a conduta non sexista.

Educación en Valores Cívicos e Éticos

O respecto da orientación sexual e da identidade de xénero. A prevención da LGTBIQ+-fobia

Lingua Galega e Literatura e Lingua Castelá e Literatura

Recoñecemento nas expresións verbais e non verbais da igualdade entre homes e mulleres.

Lingua Galega e Literatura e Lingua Castelá e Literatura

Uso dunha linguaxe, verbal e non verbal, non discriminatoria, respectuosa coas diferenzas e coa perspectiva de xénero.

Matemáticas

Recoñecemento de mulleres e homes no ámbito matemático ao longo da historia como mecanismo de construción dunha identidade positiva propia.

Táboa 2. Exemplos de contidos vinculados coa igualdade e a convivencia

 

Non obstante, como xa se comentou con anterioridade, non podemos perder de vista que estes contidos, ao igual que o resto que aparecen no currículo, non son un fin en si mesmos.

No ámbito xeral, os diferentes currículos tamén inclúen a igualdade e a convivencia nos obxectivos xerais de etapa, como podemos ver na táboa 3.

 

Educación infantil

e) Relacionarse coas demais persoas en igualdade e adquirir progresivamente pautas elementais de convivencia e relación social, así como exercitarse no uso da empatía e a resolución pacífica de conflitos, evitando calquera tipo de violencia.

h) Promover, aplicar e desenvolver as normas sociais que fomentan a igualdade entre mulleres e homes.

Educación primaria

a) Coñecer e apreciar os valores e as normas de convivencia, aprender a obrar de acordo con elas de forma empática, prepararse para o exercicio activo da cidadanía e respectar os dereitos humanos, así como o pluralismo propio dunha sociedade democrática.

c) Adquirir habilidades para a resolución pacífica de conflitos e a prevención da violencia, que lles permitan desenvolverse con autonomía no ámbito escolar e familiar, así como nos grupos sociais cos que se relacionan.

d) Coñecer, comprender e respectar as diferentes culturas e as diferenzas entre as persoas, a igualdade de dereitos e oportunidades de homes e mulleres e a non discriminación de persoas por motivos de etnia, orientación ou identidade sexual, relixión ou crenzas, discapacidade ou outras condicións

m) Desenvolver as súas capacidades afectivas en todos os ámbitos da personalidade e nas súas relacións cos demais, así como unha actitude contraria á violencia, aos prexuízos de calquera tipo e aos estereotipos sexistas.

Táboa 3. Exemplos de obxectivos xerais de etapa

 

3. Convivindo e coeducando a través da metodoloxía

Unha vez comprendida a estrutura curricular, resulta necesario comentar a metodoloxía que se precisa utilizar na aula para desenvolver adecuadamente este currículo. Hai que ter en conta que a nova estrutura curricular, totalmente competencial, require poñer o alumnado en situacións de adquirir coñecementos, adquirir destrezas e desenvolver habilidades que despois poida aplicar en contextos reais. Desenvolver competencias require que o alumnado traballe en situacións de aprendizaxe significativas e relevantes.

Requírese unha metodoloxía que permita comprobar a aplicación dos contidos en contextos reais onde o alumnado teña que poñer en práctica as destrezas adquiridas e as súas propias habilidades. O profesorado recibirá unha retroalimentación do impacto que os procesos de ensino teñen na aprendizaxe do alumnado. O alumnado, pola súa banda, ao aplicar todo o seu saber, habilidades e destrezas a un contexto real será quen de saber onde están as dificultades e poderá autorregular a aprendizaxe. Esa conexión coa realidade xera unha aprendizaxe significativa que motiva o alumnado e evita comportamentos e actitudes non propicias para a aprendizaxe.

Figura 4. Roles do profesorado e do alumnado para aplicar metodoloxías LOMLOE

 

Para traballar todos os aspectos coeducativos e de convivencia que expuxemos no apartado anterior, resulta condición indispensable poñer o alumnado en situacións de convivencia real onde xurdan conflitos, aprendan a resolvelos de forma pacífica, cheguen a acordos... Poñer o alumnado en situacións onde o respecto e a escoita activa sexan as bases para traballar, onde a igualdade e a inclusión sexan situacións vivenciais e cotiás. Poñer o alumnado en equipos cooperativos, diversos e mixtos onde cada alumna e cada alumno desenvolva por quendas diferentes roles que lles permita aprender valores e habilidades sociais xunto ao respecto á diversidade. As vantaxes desta metodoloxía van máis alá de poder traballar e aprender os aspectos curriculares citados, ofrece unha oportunidade de inclusión real do alumnado con NEAE mellorando a súa autoestima e formación, ao tempo que interioriza unha visión positiva da diversidade en todo o alumnado preparándoo para o futuro académico, profesional e familiar que o agarda.

Sen poñer o alumnado en situacións de convivencia real, non poderemos despois avaliar o nivel de desempeño deses obxectivos de área relacionados coa convivencia e a igualdade. O currículo determina que temos que traballar, que temos que facer que aprenda o alumnado e que temos que avaliar, non poderemos avaliar todos estes aspectos de convivencia e coeducación se antes non foron traballados de maneira adecuada na aula.

 

4. Avaliando a convivencia e a coeducación con instrumentos de avaliación coherentes co que o currículo indica

Todo o exposto ata aquí quedaría incompleto se non se fala da avaliación.

Segundo Sanmartí (2007), as estratexias e métodos de avaliación teñen unha repercusión importante nos resultados dos procesos de ensino e aprendizaxe, a avaliación condiciona que se ensina e como, que aprende o alumnado e como o aprende. A avaliación non pode ir illada dos procesos de ensino e aprendizaxe.

Nos novos currículos a avaliación realizarase en situacións contextualizadas. Os referentes desa avaliación son os criterios de avaliación, que indican os niveis de desempeño do alumnado nas situacións ás que se refiren os obxectivos de área.

Tendo en conta o dito con anterioridade sobre os obxectivos de área e o seu carácter competencial, a avaliación non poderá limitarse a comprobar que o alumnado coñece e domina os contidos, senón que o profesorado determinará se o alumnado, en situacións reais, resolve un problema, interpreta un contexto ou toma unha decisión adecuada aplicando os coñecementos, saberes, habilidades e destrezas adquiridas. O alumnado tamén poderá autoavaliar o seu desempeño nesas situacións se se favorece a súa participación no proceso avaliativo, isto axudarao a autorregular a súa propia aprendizaxe dentro dun contexto de avaliación formadora.

Figura 5. A avaliación no currículo LOMLOE (adaptado de Alén, 2022, Supervisión 21, núm. 65)

 

A avaliación representa a acreditación de que o traballado na clase foi aprendido polo alumnado. A avaliación forma parte dos procesos de ensino e aprendizaxe, sen ela quedarían incompletos.

O profesorado debe avaliar as cuestións que estean recollidas entre os criterios de avaliación que recolle o currículo.

Para avaliar deberán seleccionarse procedementos adecuados e deseñarse instrumentos apropiados, variados e que se adecúen á diversidade do alumnado. O profesorado deseñará instrumentos de avaliación cos que poida avaliar o alumnado de acordo cos niveis de desempeño esperados nas situacións indicadas nos obxectivos de área nun momento determinado do seu proceso de aprendizaxe. Os obxectivos de área están asociados aos procesos que o alumnado debe adquirir para dominar unha área ou materia. Hai que ter en conta que os procesos asociados a cada área ou materia apenas varían e, polo tanto, permanecen ao longo das diferentes etapas. A gradación establécese de acordo co grao de dificultade dos contidos traballados en cada nivel. O obxectivo é moito máis ambicioso. O obxectivo de área é demostrar o uso eficiente e eficaz deses contidos, ao tempo que o alumnado amosa as destrezas adquiridas e as habilidades. Os procesos permanecen invariables e o alumnado vai demostrando que sabe empregar os contidos e destrezas que en cada nivel se traballasen nas clases.

Tendo en conta o antedito, é evidente que instrumentos de avaliación onde o alumnado teña que repetir de forma memorística certos contidos ou ben teña que realizar certos procedementos para obter o resultado dunha operación, non son instrumentos coherentes co indicado nos currículos derivados da LOMLOE. Requiriranse instrumentos de avaliación que permitan verificar a aplicación deses contidos memorísticos e procedementos a contextos reais, onde o alumnado resolva situacións problemáticas, tome decisións argumentadas, interprete feitos... onde teña que poñelos en práctica. Hai, pois, un cambio respecto de currículos anteriores; debido precisamente a que é un currículo competencial, pódese dicir que o nivel de esixencia deste currículo é superior en canto á necesidade de aplicación do aprendido. A modo de exemplo, non se trata de que o alumnado aprenda as conxugacións verbais de memoria, senón de que empregue adecuadamente e analice na súa expresión os diferentes tempos, modos e persoas entendendo os matices que existen entre unhas formas e outras. O mesmo poderiamos dicir, por exemplo, do ámbito das operacións matemáticas: o alumnado poderá saber multiplicar, pero o que se pretende é que resolva situacións problematizadas onde resulte necesario realizar multiplicacións e que se asegure da validez da solución en función do contexto, explorando posibilidades, aplicando procesos, estratexias...

En resumo, os instrumentos de avaliación deben tomar como referencia os criterios de avaliación e, nos currículos LOMLOE, estes avalían os obxectivos competenciais de área. Os instrumentos deberán, pois, ser coherentes cos criterios de avaliación e os obxectivos de área e, polo tanto, deberán ir dirixidos a que o alumnado resolva cuestións en situacións reais onde sexa necesario poñer en práctica á vez contidos, destrezas e habilidades para demostrar que o alumnado ten adquiridos os procesos vinculados coas diferentes áreas e materias.

 

5. Conclusións

A LOMLOE recolle a equidade, a igualdade entre homes e mulleres e a inclusividade nun marco convivencial. Os novos currículos derivados da LOMLOE fan múltiples referencias á igualdade, introducen unha serie de obxectivos de área estreitamente vinculados coa convivencia e a igualdade reforzando estes principios a través da coeducación. Os obxectivos de área son o eixe destes currículos e representan os desempeños que o alumnado desprega nunha serie de situacións en contextos próximos e que están relacionados cos procesos que o alumnado ten que acadar ao finalizar a educación básica. Polo tanto, os obxectivos de área guiarán a práctica docente.

O profesorado necesita coñecer a estrutura curricular que parte dos obxectivos de área e onde os contidos son un medio, e non un fin, xunto ás destrezas aprendidas e ás habilidades propias do alumnado. Para que o alumnado acade os obxectivos de área, resulta necesario utilizar unha metodoloxía adecuada; no caso dos obxectivos relacionados con convivencia e igualdade, cómpre poñer ao alumnado en situacións reais onde conviva en igualdade coas súas compañeiras e cos seus compañeiros. Finalmente, para avaliar estes obxectivos de área, tendo en conta os criterios de avaliación vinculados con eles, o profesorado debe empregar procedementos e instrumentos de avaliación variados que permitan valorar e comprobar o grao de adquisición deses obxectivos de área. Os instrumentos e procedementos de avaliación tradicionais vense insuficientes e mesmo non aptos para avaliar obxectivos de área vinculados coa convivencia e a igualdade. En definitiva, atopámonos cun currículo que ten a convivencia e a igualdade entre os seus eixes fundamentais, pero que precisa ser desenvolvido adecuadamente nas aulas. Esa é agora a nosa misión.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Alén de la Torre, José M.ª (2021). Diseñando un currículo para la enseñanza obligatoria a partir de las leyes educativas, SUPERVISIÓN 21, 62/outubro 2021, ISSN: 1886-5895, DOI: https://doi.org/10.52149/Sp21/62.5, https://usie.es/supervision21/index.php/Sp21/article/view/576/1067
Consultado o 11/09/2022.

Alén de la Torre, José M.ª (2022). Entendiendo el nuevo currículo para poder aplicarlo, SUPERVISIÓN 21, 65/xullo 2022, ISSN: 1886-5895, DOI: https://doi.org/10.52149/Sp21/65.6, https://usie.es/supervision21/index.php/Sp21/article/view/638/1177  Consultado o 11/09/2022.

Álvarez Lires, M. e Jiménez Aleixandre, M. P. (1992). Género, ciencia y tecnología, en Moreno (ed.), Del silencio a la palabra. Coeducación y reforma educativa. Madrid: Instituto da Muller, 178-196.

Maldonado, H. (2004). Convivencia escolar: ensayos y experiencias. Buenos Aires: Lugar Editorial.

ONU (2015). Agenda 2030. 17 Objetivos de Desarrollo Sostenible. Recuperado de https://www.un.org/sustainabledevelopment/es/development-agenda/ Consultado o 11/09/2022.

Pérez Pérez, C. e López Francés, I. (2010). Educar para la convivencia en los centros escolares. EDETANIA 38 [decembro 2010], 73-94, ISSN: 0214-856.

Salas, B. e Blesa Herrera, F. (1992). Proyecto de centro desde una perspectiva coeducativa. Sevilla: Consellería de Educación e Ciencia, Programa de coeducación.

Sanmartí, N. (2007). 10 ideas clave. Evaluar para aprender (vol. 1). Graó.

Subirats, M. (2010). La coeducación hoy: los objetivos pendientes. Vitoria-Gasteiz: Emakunde. Programa coeducativo para a igualdade, o respecto e a non-violencia.

Suberviola, I. (2020). Aspectos básicos sobre el concepto y puesta en práctica de la coeducación emocional. Foro de Educación, 18 (1), 189-207. http://dx.doi.org/10.14516/fde.682

Torres San Miguel, L. (2010). Nuevos retos para la escuela coeducativa: Iniciativas y experiencias para la prevención de la violencia de género en las aulas: Una mirada general. TABANQUE: Revista pedagógica, 23, 15-44.

 

Sección: