Xestión das habilidades na aprendizaxe permanente

Reflexións sobre o acceso aos servizos de orientación en materia de educación, formación e emprego
Coas altas taxas de desemprego e a crise económica que sufrimos na actualidade, temos a obriga profesional de facilitarlles o acceso aos servizos de orientación a todas as persoas que os precisen, en coordinación e cooperación entre os diversos organismos ou institucións que prestan os citados servizos no ámbito nacional, autonómico e local. Un proceso continuo e sistemático que lle permite á cidadanía, a calquera idade e ao longo da súa vida, determinar as súas capacidades, as súas competencias e os seus intereses; tomar decisións en materia de educación, formación e emprego e xestionar o percorrido da súa vida persoal: actividades individuais ou colectivas de información, de consultas, de utilización de capacidades, de avaliación de competencias, de apoio e de ensinanza das propias competencias necesarias para a xestión da carreira.

José Raposeiras Correa
Catedrático de Orientación Educativa
Equipo de Orientación Específico de Pontevedra
joseraposeiras@edu.xunta.es
 

Correspóndelles ás administracións públicas facilitar o acceso á información e á orientación sobre as ofertas de aprendizaxe permanente e as posibilidades de acceso a estas (Artigo 5 -punto 6- da LOE/2006, “A aprendizaxe ao longo da vida”)

 

Dentro deste proceso de xestión, debemos ter en conta os diferentes aspectos que contribúen a fomentar a madureza vocacional dos demandantes de orientación:

  • Coñecemento dun mesmo, o que supón reflexionar sobre a propia persoa, as súas capacidades, aptitudes, intereses...
  • Coñecemento do contorno para analizar todas as oportunidades académicas e laborais.
  • Toma de decisións como procedemento para abordar o proxecto persoal de vida, a biografía profesional ao longo da vida.

En todo caso, na actual sociedade do coñecemento –complexa e cambiante– a orientación profesional para o proxecto de vida, en función das necesidades de cada individuo, non só debe promover o coñecemento de si mesmo e do contorno laboral para facer a primeira elección profesional, senón que tamén debe promover actitudes, preparar para os cambios constantes que poden incluír situacións como o desemprego, as adaptacións aos postos de traballo, os cambios de ocupación e ata de profesión.

 

PUNTO DE PARTIDA

Os países da OCDE concédenlles unha grande importancia ás políticas de aprendizaxe permanente e ás políticas activas de emprego como ferramentas de crecemento económico e de igualdade social. Para levar a cabo estas políticas, precísase duns sistemas de orientación e información eficaces, xa que todos os cidadáns deberían estar preparados para desenvolver as capacidades necesarias coa finalidade de poder xestionar o seu futuro ou traxectoria profesional de forma autónoma.

A dimensión básica da orientación nas estratexias da aprendizaxe ao longo da vida promove metas de carácter económico e social. Así mesmo, mellora a eficacia da educación, da formación e do funcionamento do mercado laboral. Cómpre, pois, estar preparados ante a crecente frecuencia dos itinerarios e tránsitos entre o mundo educativo e o laboral que a cidadanía debe afrontar: formación/información, cualificación, emprego/desemprego, ofertas, demandas, espazo europeo… Tal e como están as cousas na actualidade, parécenos que se necesita dunha capacitación para saber asimilar, do mellor xeito posible, as habilidades de xestión da carreira (HXC) e incorporalas desde os currículos a modo de competencias globais.

A nosa preocupación ao respecto é axudarlle á mocidade a planificar e xestionar transicións entre educación, formación e emprego. Mentalizala nunha cultura xeradora de empregabilidade e emprendemento, comunicación e autonomía persoal, habilidades sociais, intelixencia emocional, clima laboral, adaptación, espírito emprendedor, adquisición de técnicas de emprego e autoemprego, idiomas, novas tecnoloxías, prevención de riscos laborais etc.

 

OS PROFESIONAIS DO FUTURO

O mercado de traballo pódese concibir como un intercambio de cualificacións por postos de traballo. A súa relación coa educación considérase que cambia ao longo da vida, coa tendencia cara ao futuro de ofrecer novas oportunidades de aprendizaxe ou en sistemas de alternancia estudo/traballo. En todo caso, para poder situarse en boas condicións no mundo produtivo, ademais dos obxectivos cognoscitivos –currículo instrutivo– e do coeficiente intelectual (CI), necesítanse obxectivos de tipo afectivo –currículo orientador– e da conseguinte intelixencia emocional para a adquisición de competencias no ámbito integral: competencia técnica en coñecementos ou saberes, metodolóxica no saber facer, competencia participativa no saber estar e competencia de personalidade no saber ser. A finalidade consiste en preparar para a inserción sociolaboral, acomodando a capacitación ás esixencias de cada momento. Un cambio de actitude para responder dunha maneira axeitada ás novas situacións que se nos están presentando dentro da nova sociedade do coñecemento.

Por iso, cada vez son máis as empresas que piden profesionais que sexan quen de realizar funcións diferentes e variadas, que sexan polivalentes e polifuncionais: eficacia, motivación, adquisición dunha nova cultura de traballo, que teñan iniciativas para o autoemprego e o espírito emprendedor, que saiban traballar en equipo; que sexan responsables e que teñan en conta o clima laboral (salario económico versus salario emocional), disposición para a aprendizaxe continua, adaptación aos contornos cambiantes, proxectos con horizonte de futuro, empatía, relacións interpersoais e habilidades sociais, a posición, o prestixio… Unha preparación dos profesionais de futuro para a súa incorporación á vida activa e cunha formación que lles permita conservar e manterse no posto de traballo.

O auxe das redes sociais na busca de emprego trae asociada unha preocupación, a reputación en liña ou o que se coñece como o currículo social. Dado que o desemprego constitúe un dos maiores problemas da xeración actual, cómpre dotar a cidadanía das habilidades necesarias e intentar chegar ao pretendido “paro cero”. Hai que ter en conta que, ademais das titulacións tradicionais regradas, hoxe existen outras maneiras de adquirir créditos oficiais ou formación complementaria dentro da nova economía dixital, na que se poden integrar cursos masivos en liña e abertos a todo o mundo, por internet, a distancia... (os que se coñecen co nome de mooc, orientados ao ensino/aprendizaxe cooperativo, a aprender a aprender e a emprender, entre outros).

 

CONSIDERACIÓNS PARA A PLANIFICACIÓN E XESTIÓN DAS TRANSICIÓNS

 

  • Rede EURES e sistema EUROPASS. Mobilidade en educación e nas profesións, libre circulación de traballadores e de mercadorías, currículo europeo, pasaporte de linguas...
  • A información sen fronteiras nin distancias.
  • A competencia como cidadáns innovadores.
  • A capacitación e motivación ante situacións cambiantes.
  • As TIC con adaptación ás esixencias actuais e a economía do coñecemento.
  • O aumento da produción e, xa que logo, do consumo (publicidade, comunicación audiovisual, políticas de márketing comercial).
  • Estar ao día con aprendizaxe prospectiva e innovadora: cualificación e formación permanente, evolucionando ao ritmo das esixencias e cambios actuais.
  • Coaching laboral para poñer en práctica diversas técnicas para buscar emprego e  incorporarse ao mercado de traballo.
  • O impulso dos procesos de relación coas empresas (a formación en centros de traballo, prácticas en empresas ou institucións públicas, bolsas FEUGA, plans de prácticas –en colaboración coas administracións locais– dos titulados sen experiencia laboral previa…).
  • O control de calidade do traballo como sistema de xestión baseado na globalidade (relacións mutuas entre persoas, recursos, procesos e resultados, na consideración do currículo integrado).
  • Novos contornos nas estratexias empresariais: sociedade da (des)información, deslocalización, globalización, crise económica, desemprego, alternancias estudo/traballo ou emprego/desemprego, flexibilidade do mercado laboral…
     

 

QUE BUSCAMOS DESDE EUROPA? / EXPERIENCIAS

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación inclúe entre os fins do sistema educativo o desenvolvemento da capacidade do alumnado para desenvolver a creatividade, a iniciativa persoal e o espírito emprendedor, a capacita­ción para a exercicio de actividades profesionais, así como para a participación activa na vida económica.

As resolucións do Consello da Unión Europea (2004 e 2008) sobre a orientación ou a aprendizaxe ao longo da vida invitan os estados membros a tomar medidas e centran a súa atención en catro áreas prioritarias:

  • O desenvolvemento das habilidades de xestión da carreira (HXC).
  • A mellora na accesibilidade dos servizos de orientación.
  • O control de calidade destes servizos.
  • A súa coordinación cando dependen de distintas administracións ou entidades.

Así mesmo, resaltan a necesidade duns potentes servizos de orientación que prepare os cidadáns nas habilidades que lles permitan xestionar os seus itinerarios de formación, a súa propia aprendizaxe e a carreira profesional, especialmente durante as transicións entre o mundo da educación, formación e traballo, así como a reorientación de itinerarios formativos ou profesionais.

A estratexia EUROPA 2020 (Comisión Europea/xuño 2010) subliña a necesidade de asegurar, desde unha idade temperá, que a cidadanía sexa capaz de adquirir as competencias necesarias para comprometerse con aprendizaxes posteriores, necesarias en determinados momentos da súa vida.

Da mesma maneira, os estudos internacionais recentes levados a cabo sobre orientación profesional (OCDE, Comisión Europea, World Bank, ETF, Cedefop etc.) fan especial fincapé na necesidade de que os cidadáns estean ben equipados cunhas habilidades que lles permitan xestionar as transicións que terán que afrontar ao longo das súas vidas.

 

Desde a Organización Internacional do Traballo (OIT) propóñense unha serie de medidas para mellorar a situación actual na que vive a xuventude:

  • Fomentar a súa formación e facilitar a súa inserción laboral.
  • Elaborar políticas e programas para mellorar a súa capacidade de emprego a través dunha educación, capacitación e formación continuas acordes coas esixencias do mercado laboral. O investimento na mocidade reporta beneficios para todas as persoas, comunidades e sociedades en xeral.
  • Elaborar e poñer en práctica estratexias que lle brinden á xuventude de todo o mundo unha oportunidade real e igual para lograr o pleno emprego.

 

De aí a importancia da investigación/acción, aprendendo uns dos outros, intercambiando experiencias e analizando as posibilidades das novas relacións entre os estudos e o traballo. Ao respecto cabe subliñar, a modo de experiencias, algunha participación en programas da Unión Europea:

  • Sócrates/Arion, en Aalborg (Dinamarca) no ano 2003, baixo o título “Go to school – out of school” (dentro da escola – fóra da escola). Aquí puidemos comprobar como se enfocaban as actividades curriculares en interacción coa vida real. O traballo en grupos de investigación por proxectos ou centros de interese sobre temáticas, onde se relacionaba a teoría coa práctica en contacto coa natureza e coa preparación para a vida real.

 

  • Mobilidade Leonardo da Vinci/Programa Academia, en París en marzo do 2012, titulado «L’orientation tout au long de la vie» (A orientación ao longo da vida). Polo que se refire a este programa europeo de aprendizaxe permanente, unha vez analizada a comparación dos sistemas educativos de Francia e España, sinalamos como un dos aspectos máis relevantes, ao noso modo de ver, o seguinte:

 

  • A Cité des Métiers (Cidade dos Oficios): un espazo de información e de orientación sobre os oficios e a vida profesional aberto a todo tipo de público, de carácter gratuíto e anónimo. Naceu na Cité des Sciences (Cidade das Ciencias) hai 20 anos e, na actualidade, a devandita entidade proporciónalle toda a base loxística. A idea orixinal da que parte é a necesidade de lles proporcionar ás persoas axuda para a súa adaptación aos cambios na vida, formación, traballo etc. derivados da evolución orixinada polas innovacións científicas e tecnolóxicas.

 

Este organismo funciona mercé ao partenariado de diferentes entidades e con financiamento público e privado, proveniente parcialmente dos fondos sociais europeos. Nel atópanse axudas para:

 

  • A toma de decisións.
  • Busca de emprego.
  • Elaborar o itinerario formativo e profesional de cada persoa.
  • Posibles cambios de profesións e recoñecemento de competencias profesionais.
  • Creación dunha empresa (autoemprego).

Todos estes aspectos pódense tratar mediante entrevistas, con cita previa ou a través da consulta dunha documentación de libre acceso. Existen 4.000 documentos destinados a catro temas:

  • Emprego
  • Formación
  • Orientación/E-orientación
  • Creación de empresas

 

Así mesmo, neste espazo lévanse a cabo feiras e obradoiros destinados a diferentes perfís profesionais, organizadas por empresas, universidades, centros educativos de formación profesional. Tamén conta con outros servizos de préstamo de documentos. Foi un éxito e estendeuse por Francia e outros países. En España existen dous: en Barcelona (“La Porta 22”) e en Irún (“Bidasoa”). O seu obxectivo esencial consiste en dotar de ferramentas as persoas usuarias coa finalidade de que desenvolvan a súa autonomía, asumindo o protagonismo e a responsabilidade do seu proxecto de vida. A Cité des Métieres de París conta cunha interesante páxina web www.citedesmetiers.com.

 

HABILIDADES DE XESTIÓN DA CARREIRA (HXC)

 

Na maioría dos países da UE, a incorporación das HXC nos currículos escolares constitúe o gran reto dos sistemas educativos. Moitos dos seus currículos comezan a incluír estas competencias para que lle axuden á mocidade a planificar e xestionar transicións entre educación, formación e emprego (ESO, bacharelato, FP, universidade , coa finalidade de acadar a inserción laboral ou para mellorar a empregabilidade…). O proceso de Boloña, dentro das ensinanzas universitarias, tamén promove a inclusión de HXC a través da aprendizaxe activa centrada no estudante (créditos ECTS), con base nas posibilidades de empregabilidade e tendo en conta a actitude e o cambio ao respecto do profesorado en canto á aplicación práctica das competencias adquiridas no ámbito integral.

 

O termo anglosaxón Career Management Skils, en galego habilidades para a xestión da carreira profesional (HXC), utilízase en toda Europa e na meirande parte do mundo desenvolvido (USA, Canadá, Australia etc). Na práctica, engloba unha ampla variedade de competencias, con múltiples clasificacións, o que nos leva a unha certa indefinición. En calquera caso, chegouse á seguinte definición consensuada: as HXC fan referencia a un amplo abano de habilidades e/ou competencias que proporcionan ferramentas –tanto a individuos coma a grupos– para buscar, seleccionar, analizar, sintetizar e organizar por si mesmos a información de carácter educativo, formativo e profesional que en cada momento da súa vida lles interese; así como ás habilidades para adoptar e levar adiante as súas propias decisións e transicións. Por iso existe un evidente interese pola súa ensinanza, coa convicción de que, estando en posesión destas habilidades, aumenta o nivel de empregabilidade e, xa que logo, apoia e defende a equidade e a inclusión social.

 

As HXC inclúen competencias de comunicación; autonomía persoal; habilidades persoais, sociais e de adaptación; espírito emprendedor; adquisición de técnicas de busca de emprego e desenvolvemento de habilidades de empregabilidade entre os adultos (ampliación das posibilidades no mercado laboral).

 

PROPOSTAS PARA O TRAZO DE ITINERARIOS E TRÁNSITOS

 

  • Elaboración do proxecto persoal/Traxectoria ou biografía profesional.
  • Implicación de todos e de todas no proceso formativo de carácter permanente e recorrente. Non só a escola (vías formais de aprendizaxe) senón tamén as vías non formais, a experiencia laboral, axentes sociais, empresas, cámaras de comercio… Así, podemos citar os sistemas de acreditación das competencias profesionais, a homologación de titulacións e a validación de estudos segundo as directrices comunitarias, as prácticas en formación, os carnés profesionais etc. (convocatorias da Administración educativa) ou a adquisición de competencias clave para acceder ás accións formativas dos novos certificados de profesionalidade da formación profesional para o emprego (convocatorias da Administración laboral), entre outras actividades.
  • Programas globais de orientación profesional: inserción laboral/académica, aprendizaxe permanente coa integración dos subsistemas de formación (regrada, ocupacional e continua), alternancias estudo/traballo, emprego/desemprego e transición á vida activa.
  • Actitude ante novas situacións. Capacitación da xuventude e dos adultos.

 

Precisamos, pois, dunha capacitación para que, ante as distintas alternativas que se nos poidan presentar ao longo da vida, saibamos tomar decisións dun xeito fundamentado e responsable: competencias globais. De aí a importancia que lle concede a citada Lei orgánica de educación 2/2006, tal e como recolle no seu artigo 6, punto 1, cando define o currículo, facendo mención explícita das competencias básicas. Así mesmo, os decretos dos currículos na nosa Comunidade Autónoma, xa desde a etapa de educación infantil, consideran que as competencias básicas do alumnado lle van permitir a identificación daquelas aprendizaxes que se consideran imprescindibles, desde un enfoque integrador e orientado á aplicación dos saberes, habilidades e actitudes adquiridas. O logro destas competencias vainos capacitar para a súa realización persoal, a incorporación satisfactoria á vida adulta e o desenvolvemento dunha aprendizaxe permanente ao longo da vida. Estes currículos fundaméntanse no marco dunha proposta realizada pola Unión Europea, na que se enumeran oito competencias básicas: competencia en comunicación lingüística, competencia matemática, competencia no coñecemento e na interacción co mundo físico, tratamento da información e competencia dixital, competencia social e cidadá, competencia cultural e artística, competencia para aprender a aprender e autonomía e iniciativa persoal.

 

A orientación debe incluír actividades individuais ou colectivas de información, de consultas, de avaliación e acreditación de competencias profesionais ou básicas, de apoio e de ensinanza destas competencias necesarias para a toma de decisións e para a xestión da carreira. Na perspectiva do tránsito que deben efectuar as sociedades modernas, desde o que se coñece como a sociedade da información á sociedade do coñecemento, a adquisición de novos coñecementos e de novas competencias para actualizar a preparación profesional mediante todo tipo de aprendizaxes (formais, non formais e procedentes da experiencia profesional) constitúe un dos piares básicos do que se entende por aprendizaxe permanente.

 

O/A orientador/a de hoxe debería ser o máis parecido a un coach, ensinándolles ás persoas a autocoñecerse, desenvolverse, decidirse e elixir. Axudarlles a decidirse no que concirne ao rol que desexen ter na sociedade. De aí a nosa proposta para que xa, desde a escola, se incorporen as habilidades de xestión da carreira profesional ao currículo de todas as etapas educativas. Unha programación destas con carácter interdisciplinar, recollida nas concrecións curriculares e nos proxectos educativos, que inclúa actividades dentro e fóra dos centros escolares.

 

 

Bibliografía: 

 

Decreto 77/2011, do 7 de abril, polo que se establece o Regulamento orgánico dos centros integrados de formación profesional competencia da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Informe da OCDE. Orientación profesional e políticas públicas. Como acurtar distancias. Ministerio de Educación e Ciencia/OCDE, 2004.

Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional.

Plan de emprendemento no Sistema educativo de Galicia, Eduemprende. Xunta de Galicia.

Segundo Plan galego de formación profesional. Xunta de Galicia.

Raposeiras Correa, J. (2005). As perspectivas do mercado laboral a través da formación profesional regrada; en Revista Galega do Ensino (45) 120-140.

De Diéguez, J. L. e Rodríguez, J. L. (coordinadores) (2008). “Factores de calidade no contexto europeo da orientación”, Situación actual da orientación en Galicia e perspectivas de futuro, Deputación Provincial de Ourense, 285-295.

Resolución do Consello e dos representantes dos gobernos dos estados membros da Unión Europea “O fortalecemento das políticas, sistemas e prácticas en materia de orientación permanente en Europa”, Diario Oficial da Unión Europea, 2004.

Resolución do Consello e dos representantes dos gobernos dos estados membros da Unión Europea “Incluír mellor a orientación permanente nas estratexias permanentes de educación e formación permanente”, Diario Oficial da Unión Europea, 2008.

 

Sección: