O Otero Pedrayo. Tradición e innovación
Canta historia pode haber entre catro paredes! E abofé que a hai dentro das do IES Otero Pedrayo! O instituto, edificado na segunda metade do século XIX, foi o primeiro centro educativo de ensinanzas medias na provincia construído, exclusivamente, para tal fin.
Está situado ás portas da zona histórica da cidade de Ourense, ao lado do Xardín do Posío, que serviu durante moito tempo como aula de Bioloxía e Botánica. Inicialmente, foi chamado «Centro Provincial de Instrucción» e albergaba o «Instituto de Segunda Enseñanza», a «Escuela Normal de Maestros», a «Escuela de Artes y Oficios» e a «Biblioteca Pública». Foi inaugurado hai 126 anos, en 1896. Case nada.
Polas súas aulas, ben como alumnado ou ben como profesorado, pasaron personaxes ilustres da cultura galega como Marcelo Macías, Saco e Arce, Eduardo Moreno, Losada Diéguez, Vicente Risco e algún, como é o caso de Otero Pedrayo, fíxoo desempeñando os dous papeis, como alumno e como profesor.
Biblioteca e Paraninfo
Logo do incendio sufrido en 1927 na á na que se atopaba a biblioteca, o edificio é reconstruído, quedando exclusivamente como centro educativo.
Escaleira principal do centro
Durante a Guerra Civil, varios dos seus catedráticos, como Rodríguez Bouzo ou o propio Otero Pedrayo, son expedientados e algúns deles reintegrados ás súas cátedras a finais dos anos corenta. A partir dos anos sesenta, debido á apertura dun novo instituto no barrio da Ponte, destinado como «Instituto Masculino», o centro pasa a denominarse «Instituto Femenino» ao ser o seu alumnado unicamente mulleres; unhas mulleres que atopamos matriculadas xa desde 1904-1905. Posteriormente, coa democracia, volve ser mixto, pero sen a antiga separación por sexos e andares.
No 1997 inaugúrase o Pavillón Polideportivo O Pompeo e desde o 2006, ademais do edificio histórico, o centro conta cun edificio anexo, situado na mesma rúa Padre Feijoo.
No ano 2007 inaugúrase a primeira sección do MUPEGA (Museos Pedagóxicos de Galicia) nun instituto histórico como o Otero Pedrayo. Nel recóllese material procedente dos gabinetes de Física, Química e Ciencias Naturais do século XIX e principios do século XX. Na actualidade, desde hai tan só dous anos, co obxectivo de revitalizar o museo, este é trasladado desde a súa primeira localización, un dos laterais do soto do centro, aos corredores e palcos do paraninfo, museizándose, deste xeito, todo o centro educativo. Na actualidade, mediante un proxecto interdisciplinario, alumnado e profesorado creou un sistema de audioguías plurilingües a través de códigos QR que, a partir de setembro do 2022, o público en xeral poderá utilizar para facer unha visita completa ao noso museo pedagóxico. Presente e futuro unidos polo noso patrimonio.
Vitrinas museo
Ademais da posta en valor do noso museo, o IES Otero Pedrayo organiza multitude de actividades e colabora tamén nas organizadas por diferentes institucións: Concello de Ourense, Deputación Provincial, Fundación Otero Pedrayo, Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia etc. Ademais, conta con seccións bilingües, un bacharelato de excelencia matemática e científica (STEMBACH), programas de innovación educativa (Plans Proxecta pola igualdade, polo deporte ou pola ecoloxía e Contratos Programa de inclusión, igualdade, convivencia, innovación, excelencia, hábitos saudables etc.), clubs de ciencias e de letras, actividades de internacionalización… Con ensinanza diúrna e nocturna, 627 alumnos e alumnas e un claustro de 77 profesores e profesoras no curso actual, o IES Otero Pedrayo ten todas as súas ilusións intactas para continuar cun proxecto educativo no que se entrelazan tradición e innovación; o onte e o mañá; o pasado e o futuro.