Nativos e colonos dixitais
Manuel Rolán Salgado
manurolan@edu.xunta.es
CEIP Princesa de España (Verín -Ourense)
Nas vidas das persoas, o feito de contar cunha pantalla para a que mirar é algo que nos nosos días xa forma parte de acenos cotiáns e non resulta nada estraño observar como nos detemos en calquera lugar, nos desprazamos polas rúas, sentamos na cadeira dunha terraza ou agardamos na cola do súper e vemos como sempre hai quen está a botarlle unha visual a algún deses rectángulos que nos levan a outro sitio distinto ao que estamos a pisar nese intre.
O certo é que pasaron a formar parte das nosas vidas case sen decatarnos, pero aí están e viñeron para quedar.
Comentábame alguén, non hai moitos días, vendo un vídeo dun desfile de Entroido dos anos noventa: «Fixácheste nunha cousa? Non había ninguén co móbil facendo fotos». E era certo, daquelas todos iamos pola rúa sen ter un dispositivo nas nosas mans do que estar pendentes nin co que ocupar a nosa mirada máis que con aquilo que acontecía ao noso arredor.
Todas as persoas presentes naquel tempo tivemos que afacernos a un novo modo de mirar o mundo, adaptarnos a terminais portátiles de teléfono, tabletas e mesmo ordenadores, pouco frecuentes ou case inexistentes por aquel entón. E fixémolo, pouca a pouco, chanzo a chanzo, intentando non quedar atrás nesta revolución tecnolóxica que chegou a nós sen máis, facilitándonos moito o noso día a día laboral e persoal, achegándonos o resto do mundo con simplemente premer unha icona dunha aplicación, teclear nun buscador a consulta que queremos facer ou interactuar con persoas que se atopan en lugares distantes mediante mensaxes de texto, videochamadas ou a través das redes sociais.
Adaptarnos a esta realidade custounos e aínda resulta complicado, sobre todo para as persoas de máis idade pola pouca relación con estas tecnoloxías e, tamén, para o mundo rural, cuns problemas importantes de conectividade á hora de optar a toda a variedade de oportunidades achegadas polos dispositivos existentes no mercado, presentando diversas dificultades á hora de aproveitar as grandes oportunidades dispoñibles no mundo intercomunicado no que vivimos.
O uso de Internet ofrécenos, entre outros moitos servizos, realizar compras, facer trámites administrativos, formarnos en liña ou teletraballar. É unha realidade a cantidade de posibilidades ás que se pode acceder, favorecendo, ademais, a fixación de poboación. Pero se lle botamos unha visual aos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) do ano 2020, obsérvase que a maioría da poboación de entre 16 e 74 anos (que representa o 91,3 % do total) utilizou Internet de xeito frecuente (polo menos unha vez por semana nos últimos tres meses anteriores á enquisa), aínda que seguía existindo unha fenda entre os usuarios e non usuarios (fenda dixital).
Poboación que non utilizou nunca Internet e frecuencia de uso por tamaño de municipio (en porcentaxe)
Fonte: INE. Enquisa sobre equipamento e uso de tecnoloxías de información e comunicación nos fogares, 2019 e 2020
Existe un indicador que mide as habilidades dixitais, baseado no grao de habilidade que as persoas teñen á hora de utilizar Internet, denominado DESI (índice de economía e sociedade dixital) que estuda a competitividade dixital no ámbito europeo, baseado en cinco aspectos: conectividade, capital humano, uso de Internet, integración da tecnoloxía dixital e servizos públicos dixitais. Amosa unha maior proporción de poboación de entre 16 e 74 anos residente no medio rural á que non é posible realizarlle unha avaliación en competencia dixital, debido a que nunca usou ou ben non o fixo nos últimos tres meses anteriores á enquisa, e que carece de habilidades dixitais.
Fonte: INE. Enquisa sobre equipamento e uso de tecnoloxías de información e comunicación nos fogares
Se falamos de eidos como a resolución de problemas e competencias informáticas, no medio rural prodúcense as diferenzas máis significativas e vese que as habilidades relacionadas coa información e a comunicación son menores. Tamén se aprecia unha diferenza importante cando falamos de xénero, pois no caso dos homes apréciase un nivel máis avanzado ao falar de habilidades dixitais e competencias informáticas.
Nivel de competencia dos usuarios de Internet de 16 a 74 anos por tipo de competencia e tamaño hábitat, 2020
Fonte: INE. Enquisa sobre equipamento e uso de tecnoloxías de información e comunicación nos fogares, 2020
No ámbito educativo, estudos recentes, como os de R. Santamaría Luna, «La escuela rural», capítulo 2 do Informe España 2020, Cátedra José María Martín Patino da Cultura del Encuentro (Universidade Pontificia de Comillas, Cátedra J. M. Martín Patino, 2020) (anteriormente, Informes anuales Fundación Encuentro ou Informes CECS), achegan indicadores específicos referidos a centros asentados en zonas rurais e obsérvanse uns resultados peores no referente ás TIC nestas áreas: destaca a menor capacidade de conexión a Internet, menor acceso a wifi nos departamentos e nas zonas comúns, só igualado nas áreas administrativas, e menor grao de contornos virtuais de aprendizaxe.
Apúntanse datos como o menor peso de servizos propios na nube (14,5 % en municipios de ata 1000 habitantes, fronte a un 23,2 % no resto de municipios). Tamén se observa un peso máis pequeno no referente á participación en proxectos e actividades á hora de aplicar as TIC ao eido educativo (30,4 % nos municipios máis pequenos fronte ao 38 % no resto).
Á vista deste panorama, faise necesaria unha mirada cara ás zonas máis despoboadas e darlle pulo á implantación de competencias no eido tecnolóxico para rachar a fenda existente. O primeiro debería ser, e non fago referencia só ao medio rural, unha alfabetización dixital, pois a cidadanía en xeral e a comunidade educativa en particular carece en gran medida de destrezas suficientes para manexarse con estas ferramentas. O alumnado manexa con facilidade un dispositivo para subir vídeos ou fotografías a unha rede social, pero carece de iniciativa propia e presenta moitas dúbidas cando, por exemplo, ten que acceder á aula virtual do centro.
Xa con anterioridade, pero foi a primeiros de setembro cando se puxo enriba da mesa de xeito serio, se estaba a apostar por conducirnos cara á dixitalización, convocando os centros educativos non universitarios de toda Galicia na Resolución do 3 de setembro de 2021 a elaborar ao longo do curso 2021/22 un plan dixital de centro, pensando en chegar ao deseño duns obxectivos co fin de conseguir que o feito de achegar á comunidade educativa as tecnoloxías dixitais remate por converterse en algo real, porque viñeron para quedar con nós.
Como se reflicte na Estratexia Galicia dixital 2030 por parte de Mar Pereira (directora da AMTEGA): «... os avances tecnolóxicos aumentaron a eficiencia dos medios para producir, mudaron a forma de consumir e diminuíron barreiras de espazo e tempo», algo que nos debe levar a pensar en dotar o conxunto da comunidade educativa e, deste xeito, transmitirlle o coñecemento en medios dixitais a toda a sociedade, das ferramentas necesarias para ser quen de aproveitar o potencial posto á nosa disposición.
Os equipos dinamizadores, integrados por profesorado implicado e de xeito colaborativo, desenvolven o labor de elaborar o plan dixital de centro (PDC), cun esforzo moi importante, dedicando horas dos seus días a encamiñar pola boa senda todo o proceso necesario, para obter un produto final acorde coa realidade propia, enmarcada nas competencias dixitais docentes, co apoio e guía dos 80 mentores repartidos por toda a xeografía galega.
Está a ser un traballo no que se implican equipos directivos, profesorado e alumnado, realizando un diagnóstico da situación actual dos centros, achegando información sobre a propia competencia dixital do profesorado, para chegar a unha profunda análise das particularidades de cada centro e, deste xeito, propor uns obxectivos que fagan transitar cara a unha verdadeira adquisición e adopción nas aulas dos medios tecnolóxicos, tan presentes no día a día das nosas vidas.
Nas cidades e vilas galegas, os problemas de dotación e conectividade non son unha preocupación, pero no rural interior da nosa terra hai fendas que superar que, co deseño e implementación do plan dixital, o apoio das institucións e o esforzo e teima do profesorado, familias e demais integrantes da comunidade educativa, agardamos que nos leve a vencer esas eivas, porque nesta parte do territorio tamén se quere ser partícipes do presente e non aprazar para máis adiante o que xa está aquí.
Un «nativo dixital», como é cada un dos nosos alumnos, precisa da presenza con garantías dos medios dixitais en todos os eidos das súas vidas, pero tamén nós como «colonos dixitais» que somos, pois vémonos na obriga de adaptarnos á nova realidade xurdida como consecuencia da implantación desta realidade da que non podemos fuxir, precisamos ter á nosa disposición accesibilidade para dar resposta á demanda que, cada vez máis, se nos fai desde todos os recunchos para realizar calquera trámite, implementar nas nosas aulas un verdadeiro ensino usando ferramentas tecnolóxicas ou mesmo, por que non, gozar dos momentos de lecer.
BIBLIOGRAFÍA e WEBGRAFÍA:
Consello Económico e Social (2021). Informe 02|2021. Un medio rural vivo y sostenible. Madrid. Dispoñible en www.ces.es
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia – AMTEGA (2020). Estratexia Galicia Dixital 2030. Santiago de Compostela. Dispoñible en http://creativecommons.org/licenses/by-nc-sa/3.0/deed.g
Resolución do 3 de setembro de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para o deseño, elaboración e implementación do plan dixital nos centros docentes sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2021/22.
Resolución do 17 de xuño de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato no curso académico 2021/22.
Resolución do 7 de setembro de 2021 pola que se seleccionan, con carácter experimental, os centros docentes públicos que constituirán a Rede Galega de Educación Dixital, para o curso 2021-2022.
Resolución do 15 de Xuño de 2021 pola que se convoca a selección de plans de formación permanente do profesorado que se van implantar en centros educativos públicos no curso 2021/22.