O refraneiro galego baixo a lupa violeta

Revisamos como as desigualdades e os roles de xénero perduran nos ditos populares.
As comunidades educativas participan da responsabilidade á hora de formar o seu alumnado como cidadás e cidadáns que saiban convivir con tolerancia e respecto. Desde a biblioteca de centro, no contexto da celebración do 8M, decidiuse traballar con miudeza, neste caso, focalizando a nosa atención nos micromachismos que se perpetúan no noso refraneiro popular.

María Vilasó Martínez, profesora de Lingua e Literatura e membro do equipo da biblioteca
IES Eduardo Pondal (Ponteceso - A Coruña)
mvilasom@edu.xunta.gal

 

Xermolo

É todo un desafío tratar de darlle un enfoque anovador a un tema traballado desde tantas perspectivas diferentes na nosa sociedade como é a loita pola adquisición da igualdade de xéneros. Se  ademais queremos conseguir dar cunha idea efectista e que teña posibilidade de conectar de forma directa no día a día do alumnado, o reto é duplo.

Partindo deste punto, desde a biblioteca do centro interesounos focalizar a atención en aspectos concretos, para que o deseño da actividade que realizariamos no contexto do 8M tivese unha aplicación clara e directa para o alumnado. Deste xeito, no canto de optar por sensibilizar desde ideas ou valores de tipo máis xeral, que por veces se dilúen no abstracto, procuramos traballar desde o cotián, neste caso da linguaxe. 

 

Abrocho

Por veces, as ideas xorden non tanto froito dunha reflexión profunda como produto dunha feliz casualidade. Este foi o caso da nosa actividade, resultado de conectar dúas conversas que nese momento transcorrían en paralelo nas nosas xuntanzas de biblioteca: «que argallar para o 8M?» xunto con «perda de uso e incomprensión da fraseoloxía popular por parte do alumnado» que non semellaba presentar en principio ningún tipo de conexión coa primeira.

Porén, atopar a intersección entre eles foi relativamente doada. Na fraseoloxía e ditos gardamos un tesouro inestimable da nosa sabedoría popular, mais tamén é un espello da sociedade que fomos e que quizais xa non somos. Que ficaba das desigualdades de xénero no noso refraneiro?

 

Imos á raíz

Para seleccionar os refráns cos que iamos traballar, botamos man da ferramenta en liña Dicionario de dicionarios. Este proxecto permite consultar unha importantísima colección de obras lexicográficas do galego dos séculos XIX e XX, o que o converte nunha fonte valorosísima de información.

Ademais da busca ordinaria por lemas, existe a posibilidade de procurar palabras que formen parte dun refrán recollido nos diferentes estudos léxicos que recompila.

Captura dunha busca exemplo no Dicionario de dicionarios, usando o termo «muller» e o filtro «buscar nos refráns»

 

Non houbo que profundar moito máis na nosa procura de exemplos. Logo foron aparecendo refráns cunha significativa carga machista e reaccionaria, onde a muller era vista como un problema, unha carga ou mesmo se lle recordaba, a través destes, cal era o seu lugar na sociedade e na parella tradicional. Noutros casos o refraneiro colaboraba na perpetuación dun tipo de amor romántico baseado no sufrimento.

Da preselección primeira, tratouse de filtrar para ficarmos cunha selección variada que permitise algo de xogo. Mais tamén por veces optamos por non reflectir aqueles que con máis crueza plasmaban unha sociedade na que o maltrato estaba plenamente naturalizado: «sê qués ver á tua muller morta, dálle á comer samborca».

 

Semente

A idea eixe da nosa actividade é demostrar que non por asentada e repetida unha idea é válida. Esa é a orixe do nome da nosa actividade; sempre se fala dos «saberes populares» como unha referencia a uns coñecementos herdados de gran valor e case universais.  Isto en concreto foi o que quixemos poñer en cuestión: é todo o que se transmite a través do refraneiro válido hoxe en día?

 

Cartel de presentación da exposición realizada no centro

 

Tamén procuramos que o deseño dos carteis que aparecerían expostos no corredor principal do centro impactase visualmente: cores vibrantes e representación de mulleres a través de ilustracións que reproducisen actitudes, xestualidade e linguaxe corporal coa que transmitían seguridade e empoderamento. Necesitabamos que destacasen entre todo o ruído visual habitual das paredes dun centro educativo.

 

 

Os carteis da exposición tiñan todos o mesmo deseño base: nunha esquina o refrán real sobre o que se presentaba a premisa da actividade, isto é, o que se che di tradicionalmente, mais non por iso tes que aceptalo. Contesta, reformula a idea base do refrán de xeito que o traias ao século XXI desde unha óptica feminista e combativa contra as desigualdades. Se a sabedoría é popular, a igualdade de xénero debe formar parte dos coñecementos que transmita e non perpetuar estereotipos de xénero e roles sociais ultrapasados, así como concepcións do amor e da parella baseados na desconfianza e nos celos:

«A muller honrada, coa porta pechada.»

«Onde hai grande amor, hai gran dor.»

«O choro de muller non sempre se pode crer.»

«A muller e a sardiña, na cociña.»

 

Enxerto

Logo da fase máis pasiva para o alumnado, receptores dun produto xa rematado que unicamente ten que exercer de público espectador que visita guiado polo seu profesorado a exposición, consideramos que tamén tiñan que participar e facer a súa propia achega á revisión do refraneiro.

Con este obxectivo, deseñamos un caderno que sería utilizado nas titorías e co que traballarían os mesmos refráns da exposición, inventando deste xeito as súas propias versións actualizadas.

 

Exemplo do material en PDF achegado ao profesorado para traballar con el nas aulas

 

Semente

O uso do caderno nas titorías funcionou máis como un axente activo no fomento do debate ca simplemente un exercicio de traballo creativo acoutado ao campo da fraseoloxía.

Ao recoller diferentes aspectos do rol da muller, do que se espera do seu comportamento, do papel que ocupa na sociedade tradicional, permitiu dinamizar o debate e a reflexión entre o alumnado. Aínda que a maior parte das sesións transcorresen dentro dunhas dinámicas construtivas e de sa discusión, tamén xurdiron protestas e propostas que o que nos mostran é un preocupante retroceso entre o alumnado máis novo respecto dos dereitos da muller, contaminados por discursos onde as falacias e as mentiras teñen un campo fertilizado.

(Recolleita de experiencias)

 

 

Sección: