A alquimia da lectura
BeatrizHernández Mato
bea_hdez@edu.xunta.gal
Lucía Somoza Rey
luciasomozarey@edu.xunta.gal
IES Espiñeira (Boiro - A Coruña)
A alquimia da lectura
Este ano, a biblioteca Safo do IES Espiñeira realizou o II Concurso de Lectura en Voz Alta, un concurso que premia os mellores lectores do noso centro. E cando falamos de lectores, falamos de lectores en voz alta, aquelas persoas que son capaces de lle dar vida á palabra escrita, de infundirlles espírito aos garabatos dun papel. Se o lema das bibliotecas escolares deste ano é «A biblioteca escolar ten a palabra», na biblioteca Safo estas palabras cobran vida.
Con esta, xa son dúas as convocatorias deste concurso que tiveron moi boa acollida entre o alumnado do centro en particular e de toda a comunidade educativa en xeral. A idea parte da necesidade de mellorar as habilidades lectoras do noso alumnado. Despois de detectar nas clases algunhas deficiencias á hora de vocalizar, entoar ou respectar os signos de puntuación, buscamos unha actividade lúdica e motivadora que servise para corrixir estas carencias e que, ao mesmo tempo, reivindicase a figura do lector poñendo de relevo a importancia da lectura en voz alta e da transmisión oral. Seguindo o ronsel do lema das bibliotecas escolares deste ano, esta actividade traballa dous obxectivos: a potenciación da comunicación oral e o fomento da integración de diversos perfís de alumnado.
Concurso de Lectura en Voz Alta
Xa non se ven polas aldeas eses coros de xente sentada compartindo historias, lonxe quedaron tamén os tempos de xuntanza a carón da radio para atender as novelas radiofónicas, pero o pracer de escoitar segue intacto nas novas xeracións. Proba disto é o éxito dos podcast ou dos audiolibros, ou o abraio nas caras dos máis novos ao asistir a un espectáculo de contacontos. Porque a lectura pode ser un espectáculo, pero para que así sexa precisamos de bos lectores e eses lectores fórmanse nos nosos centros educativos.
O concurso está pensado para implementar na educación secundaria obrigatoria, pero perfectamente podería abrirse á educación primaria e mesmo en cursos máis altos. A actividade consta de dúas fases: unha primeira fase que se desenvolve en cada grupo e unha segunda que consiste nunha gran final. A isto debemos sumarlle unha fase previa de preparación do material levada a cabo polo equipo da biblioteca.
A tarefa inicial do equipo da biblioteca consiste en seleccionar pequenos fragmentos de obras diversas que poidan ser lidos nun minuto e que teñan certa carga dramática, para así valorar a expresión vocal e corporal dos participantes e, polo tanto, a calidade do noso lector en voz alta.
Certamente, ese primeiro labor de escolla de lecturas non é doado. Precisamos textos curtos, pero significativos, que non aburran o persoal e que poidan transmitir un anaquiño de historia nese breve espazo de tempo. Deben estar adaptados aos diferentes niveis de lectura segundo o curso e ademais é moi interesante que eses fragmentos conteñan unha parte dialogada e/ou con diferentes modalidades enunciativas ou rexistros que precisen de entoacións ou ritmos diversos para o lucimento do lector ou lectora. Ás veces é complexo acadar todos estes requisitos.
Xa metidos no concurso, na primeira fase é necesaria a colaboración dos titores. Temos a sorte de ser un centro pequeno, dunha soa liña, o que simplifica bastante o traballo en todas as actividades que organiza a biblioteca. No noso centro, os titores e o Departamento de Orientación coordínanse semanalmente nunha reunión á que levamos este tipo de propostas e o equipo de orientación nunca pon pegas á hora de colaborar na dinamización da lectura. Deste modo, contamos coas horas de titoría para o desenvolvemento da primeira fase deste concurso.
Nunha primeira hora de titoría, o alumnado de cada curso escolle, ao chou, un texto entre os xa seleccionados polo equipo e prepara a súa lectura na casa. Ao cabo dunha semana, realízase a lectura dos fragmentos diante da clase. En principio, todo o alumnado é invitado a que lea, pero o labor dos titores aquí tórnase clave. É importante coñecer o alumnado e as súas habilidades sociais antes de poñelo a ler diante da clase.
Outra cuestión que debemos ter en conta é a súa temporización. A actividade debería realizarse cara á metade do segundo trimestre, cando o titor coñece o alumnado e entre eles xa hai certo sentimento de pertenza ao grupo-clase.
Decidimos que se fixese unha votación na aula, similar á da elección do delegado de clase, entregándolles unha acta para que asinasen o titor e o alumno máis novo. Con isto, dámoslle a solemnidade que merece o acto e, ao mesmo tempo, facemos partícipes os rapaces e rapazas, que se ven valorados polos seus iguais. Nesa votación elíxense os finalistas, pero tamén un suplente de cada aula.
Para a nosa sorpresa, esta primeira fase, sobre todo na primeira convocatoria do concurso, tivo unha acollida fantástica e nos corredores a xente falaba do ben que lían os compañeiros e compañeiras. Por primeira vez, consideraban como mérito aquilo que tantas veces fora corrixido na clase de lingua e pouco aplaudido polo alumnado. Que valor ten a opinión dos iguais e a aceptación no grupo, sobre todo na adolescencia! Os mellores lectores de cada clase convértense deste xeito en representantes do grupo e, ao igual que un deportista representa o seu país nas Olimpíadas, así os nosos lectores tamén contaron con todo un grupo de compañeiros e compañeiras que os arroupaba e os animaba para acadar o primeiro posto na gran final. Así acádase outro dos grandes obxectivos do concurso: a integración.
O público e o xurado escoitando as lecturas
A segunda fase é a gran final onde compiten os gañadores de cada curso. O escenario escollido para o evento non podía ser outro que a biblioteca do centro. A pesar de contar cun excelente salón de actos, non quixemos desprazar a lectura da súa localización primixenia. A biblioteca debía ser o lugar de acollida que abrigase o son da palabra lida.
Para esta segunda fase do concurso contamos xa cun xurado formado por varios membros do claustro, entre os que non deben figurar os titores, por razóns obvias. Estes dispoñían dunha rúbrica deseñada polo equipo da biblioteca para poder valorar o máis obxectivamente posible as lecturas dos finalistas.
A final consiste na lectura de dous fragmentos: un que eles mesmos escollen, coñecen e poden preparar con tempo nas súas casas e outro totalmente descoñecido. Para nós era importante que os lectores fosen capaces de enfrontarse a ese reto: a improvisación e a soltura ante unha lectura non preparada previamente. Velaí a razón das dúas rondas de lectura: a primeira, a que xa tiñan preparada, que axuda a ir perdendo o medo e a tranquilizarse, e a segunda (a máis difícil) e que escollen dunha urna por sorteo.
Ese día sucede o que Meghan Cox chama a «alquimia da lectura en voz alta».
O tempo que pasamos lendo en voz alta non se parece a ningún outro. Unha milagrosa alquimia ocorre cando alguén lle le a outra persoa, unha alquimia que converte as cousas ordinarias da vida, un libro, unha voz, un lugar (...) e un pouco de tempo, nun alimento incrible para o corazón, a mente e a imaxinación. (1)
Xurado deliberando
Pois ben, ese día os finalistas e os seus suplentes, visiblemente nerviosos, acudían ao acto con cadansúa lectura, esa que lles axudaba a sentírense cómodos. Pero non é doado sentirse cómodo perante un xurado que vai valorar todo o que estás a facer. Por moito que os teus compañeiros animen desde o público. Esta cuestión de enfrontarse a un xurado, vencer o medo, ler diante dun público sen que che trema a voz, manter a compostura, non cambiar o ritmo da lectura por culpa dos nervios, controlar a linguaxe corporal... é tan importante na vida, que quizais sexa o máis destacado de toda a actividade e, se cadra, esta é realmente a ensinanza que transmitimos con este concurso, aínda que o propósito inicial fose outro. É importante poñer en valor ese esforzo. É curioso observar tamén como se felicitan entre eles, namentres o xurado fai as súas deliberacións, e destacan as boas calidades dos seus rivais. E isto acontece de xeito espontáneo, sen que ninguén lles pregunte, por unha única razón, entendemos, porque ao mesmo tempo que participan da lectura tamén escoitan e gozan desa palabra lida en voz alta.
Por suposto, chegado este punto, o xurado ditamina e todos eles reciben un agasallo. Pero a cousa non remata aí. Estes rapaces despois colaboran en diversas actividades que imos organizando ao longo do curso. Son eles os que fan a voz en off dalgúns vídeos e participan como presentadores ou lectores noutras tarefas que lles encomendamos.
Gañadores do II Concurso de Lectura en Voz Alta
En definitiva, este concurso, que comezou por necesidade, significa para nós un pequeno paso adiante na apreciación do alumnado pola lectura, e pola figura do lector, e que ademais supón un avance substancial na arte da oratoria. Esta actividade non é a solución aos problemas de lectura que podemos atopar no alumnado, pero ofrece unha dimensión social a unha actividade fundamentalmente individual, que permite que o alumnado se decate da importancia e da dificultade que entraña a oralidade.
(1) Meghan Cox Gurdon, The Enchanted Hour (La magia de leer en voz alta), ed. Urano, 2020