Uso didáctico de aplicacións web

Inclusión das aplicacións web educativas nas aulas
Hoxe en día, a educación segue transformándose e cada vez está a cobrar máis protagonismo a dixitalización dos centros educativos. Por iso, é importante introducir o emprego de novas tecnoloxías, recursos, soportes etc. e o seu uso práctico nas aulas, xa que supón dar un paso a metodoloxías activas como o traballo en equipo, a aula invertida, a aprendizaxe cooperativa, a resolución de problemas ou o liderado.

Isabel Bárbara García Vázquez
sonriemas@edu.xunta.gal
CEIP Virxe da Luz (Portomarín - Lugo)

 

 

Fundamentación

O ensino das TIC constitúe unha demanda social e persoal que se inclúe nas aulas para poder formar o alumnado nunha serie de destrezas básicas acorde co que van atopar no seu día a día e que poidan desenvolverse con espírito crítico.

A idea de implementar aplicacións web como recurso na aula débese a criterios tanto persoais como profesionais. Nos anos que levo traballando como mestra puiden comprobar que todo docente que aspire a exercer no  futuro necesita  unha sólida competencia dixital. Se os docentes non están preparados de forma eficaz, non poderán alfabetizar dixitalmente o seu alumnado nin tampouco empregar os recursos  dos que dispoñen. Polo tanto, estar alfabetizado dixitalmente para o profesorado xa non é só un dereito, senón que se converte nunha obriga.
O avance vertixinoso das TIC deu lugar a un novo enfoque do e-learning (a aprendizaxe a través de Internet) inundando as nosas aulas con múltiples ferramentas dixitais e, nos últimos tempos, as aplicacións web.
Sempre que falamos de empregar ou incluír na nosa metodoloxía ferramentas web, ocorre que moitos docentes son remisos a levalo a cabo porque non saben como empregalas. Hai que darlle impulso ao profesorado para que perda o medo a utilizar a tecnoloxía (neste caso as  aplicacións web) e descubra as múltiples vantaxes pedagóxicas que nos achegan estas ferramentas.

Todo iso levoume a formarme dunha maneira autodidacta, grazas ás redes sociais, onde podemos atopar a grandes  profesionais nacionais como Ingrid Mosquera, Rafael Bailón ou Víctor Arufe, entre outros, ademais de múltiples páxinas web, e poder así introducir o emprego deste tipo de  aplicacións como recurso educativo-pedagóxico.
O que máis me motivou ao seu emprego é que o alumnado non precisa rexistrarse para poder utilizalas, polo que son aptas para calquera nivel educativo sen vulnerar a protección de datos. E tamén que todas elas poden levarse a cabo só co ordenador e proxector da clase. Ademais, a gran maioría destas aplicacións web pódense embeber nas aulas virtuais para que o alumnado teña un acceso máis fácil a elas e telas máis organizadas.
Unha vez que o profesorado sexa consciente das vantaxes e beneficios que o uso deste tipo de ferramentas supón tanto para  eles como para o alumnado, será o momento de formarse e sacar o máximo partido delas.

Esta experiencia baséase nunha serie de principios metodolóxicos cos que se pretende:

  • Empregar as aplicacións educativas como unha ferramenta didáctica de uso cotián e incorporalas ás distintas áreas curriculares.
  • Preparar o noso alumnado no uso responsable das TIC como fonte de coñecemento, información e aprendizaxe.
  • Minimizar a «fenda dixital» no profesorado e alumnado do colexio.
  • Comunicación en tempo real profesor-alumno. Feedback inmediato.
  • Desenvolver habilidades de busca, selección e manipulación da información para propiciar o desenvolvemento dunha actitude responsable e crítica.
  • Aumentar a motivación e o interese.
  • Favorecer o traballo en equipo.
  • Flexibilizar o ritmo de aprendizaxe do alumnado.

 

Descrición e presentación de evidencias

O alumnado de quinto de primaria é o que está experimentando ao longo deste ano as vantaxes de complementar a súa aprendizaxe con este tipo de aplicacións.
Existen aplicacións web destinadas para as diferentes necesidades do alumnado: repaso, avaliación, memorización, creación de contidos…
Algunhas das aplicacións que poden resultar moi proveitosas e que estamos a empregar nas nosas aulas son as seguintes: Edpuzzle, Learning apps, Wordwall, Anchor, Plickers, Quizziz… Estes son exemplos dalgunhas delas: 

 

ANCHOR

É unha ferramenta para crear e compartir podcasts. 
Os podcasts poden ser unha ferramenta con gran potencial na aula.
Un dos usos máis sinxelos do podcasting é gravar as túas leccións co teléfono móbil. Isto fai que sexan facilmente accesibles para o alumnado cando non estea no centro.
Se lle encargamos ao noso alumnado facer un traballo de investigación, podemos pedirlle que durante as súas pescudas creen podcasts nos que vaian recollendo as súas reflexións e que compartan os audios entre eles e co profesorado.
Invitando o alumnado a facer o seu podcast, estamos dándolle o control dun aspecto da súa educación e, polo tanto, favorece a participación e a motivación. Poden cuestionar, poden contribuír e poden ensinarse entre eles.
No caso do alumnado de primaria que non dispoña de ordenadores no colexio, compartiríamos o podcast na aula virtual e/ou na web do cole.
Nesta ocasión empregamos o podcast para gravar un poema que o alumnado aprendeu para un concurso de poesía. Déixovos o podcast da gañadora do concurso: Podcast 5.º 

 

QUIZIZZ

É unha ferramenta educativa que permite avaliar os estudantado mentres se divirte. Ofrece a posibilidade de crear cuestionarios de distintos tipos, para diferentes materias e niveis educativos ou facer uso dos que xa se crearon dentro da plataforma. Son varios os tipos de preguntas que están dispoñibles nos que o alumnado pode participar xogando de forma individual ou en equipos gañando puntos por cada pregunta acertada, ademais de poder utilizar power-ups ou melloras facendo o xogo máis dinámico e divertido. Os enunciados das preguntas,  ademais de visualizarse no  proxector, tamén se verán nos dispositivos do alumnado (no caso de que o teñan). Pódese xogar de dúas maneiras: 

  • En tempo real, en directo.
  • Mandando os cuestionarios para a casa (subíndoos á aula virtual, E-dixgal...) ou tamén imprimíndoos para repartir na clase.

Alumnado de quinto facendo un Quizziz en vivo no EDI sobre as provincias españolas  a modo de reforzo e repaso da unidade.

 

PLICKERS

Plickers é unha ferramenta de avaliación que lle permite ao profesorado crear cuestionarios obtendo os resultados en tempo real ademais de:

  • Posibilitar a emisión de diferentes tipos de informes: individual, comparativo, por ítem, por proba...
  • Poder realizar o deseñar probas en función dos obxectivos e criterios de avaliación establecidos, de características do alumnado, ritmos e estilos de aprendizaxe...
  • Reducir a ansiedade xerada polas probas tradicionais.

Necesitamos proxectar o cuestionario no EDI (sobre calquera tema que esteamos a dar), ademais de ter a aplicación descargada no noso teléfono, pero a característica máis importante e diferenciadora de Plickers con outras ferramentas web de avaliación é que o alumnado non necesita ningún dispositivo electrónico. Os estudantes teñen que usar unha tarxeta (que non é máis que un papel) con códigos individualizados que debemos imprimir. Estes códigos conteñen un número e catro letras: A, B, C e D.
Segundo a contestación que queiran dar (A, B, C ou D), deben viralo dunha maneira ou doutra e cada un de forma diferente aos demais.
Coa aplicación aberta no noso teléfono, debemos captar todos os códigos coa cámara, como se estivésemos a realizar un vídeo, pero o que facemos unicamente é escanealos. Inmediatamente poderán ver no EDI que número de participantes contestaron xa, pero non poden ver aínda que opción escolleu cada un. Só cando nós decidamos a dar por finalizado o escaneo.

Tanto o profesorado como o alumnado avaliamos e participamos activamente no proceso de ensino-aprendizaxe.

O alumnado de quinto cos seus códigos de Plickers para repasar os pronomes persoais en Lingua galega. 

 

Reflexións e valoración final da experiencia

É a primeira vez que os nenos de quinto deste colexio empregan este tipo de aplicacións e a aceptación está sendo moi positiva. O alumnado está máis motivado á hora de reforzar/repasar os contidos aprendidos. Que máis se pode pedir? Se alguén ten algunha dúbida, pódese engadir que o profesorado non ten por que cambiar a súa metodoloxía, xa sexa tradicional ou innovadora á hora de empregar estas aplicacións, todo é compatible.

É certo que, se o alumnado tivese o seu propio ordenador (aula de informática, E-dixgal...), podería  xogar á gran maioría das aplicacións individualmente e, ao mesmo tempo, as actividades resultarían máis atractivas para eles e elas. 

Somos un colexio aberto a calquera cambio ou modificación que represente unha mellora no proceso de ensino-aprendizaxe. E por iso o emprego deste tipo de ferramentas farémolo extensible a todos os niveis educativos co obxectivo de que o profesorado do centro elabore contidos educativos adaptados ás necesidades que cada docente teña na súa aula.

 

 

Bibliografía: 
Sección: