Os sons do castelo

Un traballo interdisciplinario entre educación infantil e educación primaria para converter en interactivo un mural coa temáticas dos castelos.
Neste artigo explicamos a realización dun traballo interdisciplinario entre alumnado de EI e EP. Convértese en interactivo un mural sobre os castelos que levou a cabo o alumnado de EI. Aprovéitase a experiencia para deseñar unha sesión de programación co alumnado de terceiro e cuarto de EP. O obxectivo, traballar aspectos sobre as TIC. O mural cobra vida e voz, tocando zonas escóitanse conceptos que aprendeu o alumnado de EI.

Bienvenido Suárez Suárez
CEIP Plurilingüe Barrié de la Maza (Santa Comba-A Coruña)
bssuarez@edu.xunta.gal

Mural interactivo do castelo colocado no centro

 

Fundamentación

O plan dixital de centro está a soar en todos os centros de Galicia. Este plan xorde da necesidade de desenvolver un sistema educativo dixital de calidade e de perfeccionar as competencias e capacidades dixitais da comunidade educativa. Dentro deste paradigma, é preciso ter unha estratexia dixital pensada que repercuta directamente nos apartados anteriores. A integración dos PFPP na vida do centro, entendendo isto último como a consecución real de actividades concretas froito da súa realización, é algo que podería ser parte da estratexia dixital. Pero é preciso que sexa algo pensado e orquestrado tendo en conta a todas as partes participantes. Neste artigo, expoñemos un exemplo da posta en práctica dunha actividade concreta froito da realización dun PFPP de programación e robótica nun CEIP. 

No contexto da sociedade actual, o traballo das TIC é imperante. Están presentes no noso día a día, pero moitas veces cometemos un erro. Asumimos que o alumnado, por nacer na época das tecnoloxías, é xa nativo dixital. Pero a aprendizaxe, ata o das cousas máis simples, ten un proceso que pasa inevitablemente polo que se viviu, experimentou, viu e oíu nalgunha ocasión. A vantaxe? O alumnado aprende rápido e é receptivo a este tipo de contidos. De aí que desde o noso centro avogásemos por concretar especificamente, con actividades como a que se está a relatar, o que queremos que aprenda o alumnado e facelo implícito na propia actividade. Trátase de non dar nada por suposto en canto aos seus coñecementos previos, partimos sempre da seguinte premisa: non por ser nativos dixitais teñen que sabelo todo sobre as tecnoloxías. 

A idea xorde da participación do noso centro, o CEIP Plurilingüe Barrié de la Maza, nunha das catro liñas de PFPP nas que este ano se decidiu participar. Por outra, do gran traballo que desde o equipo de educación infantil se está a realizar poñendo en marcha a integración de proxectos e temáticas que motiven o alumnado. Desta simbiose, entre dúas cousas aparentemente tan distantes, xorde Os sons do Castelo. 

Expliquemos máis polo miúdo a súa orixe. Neste segundo trimestre do curso 2021/22, desde o equipo de educación infantil do noso centro, continuouse a traballar nun proxecto sobre os castelos. Estudaron as persoas que aló vivían, os oficios que se realizaban, así como tamén as partes que o forman. Tomáronse referencias como o castelo de Vimianzo que está moi preto do noso centro. Por outra parte, dentro da formación realizada dentro do contexto do PFPP de programación e robótica do noso centro, xorde a idea, tras ternos explicado as posibilidades da placa Makey Makey, da realización dunha actividade de programación coa citada placa co alumnado de terceiro e cuarto de educación primaria. 

Feito isto, deseñouse unha sesión de sesenta e cinco minutos coa que se pretendía traballar co alumnado os seguintes apartados:

  • Arrancar e apagar equipos informáticos.
  • Concepto de circuíto eléctrico: aberto e pechado.
  • Concepto de material condutor.
  • Funcionamento xeral da placa Makey Makey.
  • Termos TIC: zona do escritorio, minimizar, maximizar, conector USB, extensión dun arquivo, cables de pinza de crocodilo. 
  • Sobre mBlock (programa de programación por bloques): acceder ao programa, subir sons, facer un programa sinxelo, gardar un programa nun lugar coñecido (escritorio) e cun nome intuitivo e axeitado. 
  • Obxectivo final: que o mural cobrase vida e falase cada vez que se tocase nel podendo escoitar as voces do alumnado de EI explicando conceptos dos castelos.

Os procedemento metodolóxicos que gobernaron o noso facer centráronse en que a aprendizaxe fose, tal e como acuñou no seu día Ausubel, significativa, é dicir que lles axudase a ter unha mellor compresión de como funciona a realidade. Tamén se buscou, ao longo da sesión, dar sempre unha boa retroalimentación facendo consciente o alumnado do que estaba a aprender nese preciso momento. Por outra banda, focalizáronse esforzos nun tipo de aprendizaxe dixital e cooperativo. No que se refire ao primeiro, non nos referimos ao mero feito de utilizar tecnoloxías, se non a que o alumnado o fixese dunha maneira consciente e responsable, con contidos de calidade suficiente e relacionándose dun xeito correcto con eles. En canto á aprendizaxe cooperativa, materializouse na organización en grupos reducidos, tentando garantir a participación igualitaria e aproveitando a interacción entre os membros do equipo. 

 

Descrición

Logo do remate da formación do PFPP comeza o traballo da pescuda de ideas para poñer en marcha na aula. O noso alumnado de quinto e sexto xa goza de sesións de robótica e programación dentro do seu contexto académico e parecía interesante abrir esta oferta a outros niveis educativos. O que se busca e ir abrindo o gusto e o interese polo mundo STEM dentro do alumnado do noso centro. Este foi o motivo que nos levou a realizar a actividade cos discentes de terceito e cuarto aproveitando o bo traballo realizado nas aulas de educación infantil.

Para a súa posta en marcha, tras ter a idea, fíxose unha breve reunión, da cal tamén saíron ideas para outras actividades de programación e robótica para o centro.

Podemos dividir a posta en marcha do proceso en dúas fases: 

  • O traballo de educación infantil
  • O traballo con terceiro e cuarto de educación primaria. 

Tras a decisión de levar a cabo a actividade, búscase a colaboración do equipo de EI para resolver as necesidades técnicas que traía consigo a actividade. Era necesario repartir definicións dos castelos entre as distintas aulas de liña dous de EI do noso centro. Ademais, unha vez escollidos os termos debían facilitarnos as gravacións de voz do alumnado explicando os conceptos asignados. Tiñan tamén a tarefa plástica de elaborar o mural que despois recollería os conceptos escollidos. 
O resumo das tarefas sería o seguinte:

- Elección de tres termos sobre os castelos por aula. O centro é de liña dous polo que finalmente obteriamos 18 definicións.

- Gravación en cada aula dos termos asignados. 

- Elaboración do mural:

  • Repartición dos termos que ten que definir o alumnado para o seu debuxo no mural. 
  • Repartición dos termos que ten que definir o alumnado para a súa escrita no mural.
  • Pasarlle á persoa coordinadora da actividade o mural e as gravacións antes do 21 de marzo de 2022.

En educación primaria o obxectivo principal era que o alumnado entendese como ía funcionar o mural e tivesen unha comprensión clara dese proceso. Ao tocar no mural este falaría e explicaría un concepto do castelo. Por outra banda, tamén se pretendía que adquirisen outros coñecementos concretos relacionados coas TIC que se enumeraron xa neste artigo. Queremos, porén, relatar o proceso de organización de tarefas que deu lugar á posta en marcha da actividade en terceiro e cuarto de educación primaria.

 

 

Presentación de evidencias

Todo o seguimento da actividade fíxose público na web do noso centro.

 

 Difusión da actividade na web do centro

 

Pódese afondar máis na experiencia accedendo á páxina de Agueiro creada para o seguimento da actividade. Realizáronse fotos durante as sesións en todos os cursos non que se puxo en marcha a iniciativa.


 Páxina de Agueiro creada para o seguimento da actividade

 

 

Reflexións sobre a práctica

A recepción da actividade por parte do alumnado foi moi boa. Sempre reciben actividades novas con moito agrado e ganas de aprender. Realizar este tipo de aprendizaxes coas TIC facilita que se atopen moi predispostos a lembrar a información que lle estamos a transmitir. Ir mesturando aspectos técnicos con práctica real axúdalles a fixar e xeneralizar a aprendizaxe. 

Agora ben, é certo que se presentaron dificultades técnicas no camiño. Levar a cabo actividades dunha única sesión obriga a sintetizar ao máximo o que se lle vai pedir ao alumnado. Ademais, teñen que ser obxectivos prácticos e reais que poidan integrar en pouco tempo. A programación por bloques é algo que, aínda sendo moi intuitiva, require tempo para a súa asimilación. Por este motivo a proposta de programación tiña que ser simplificada ao máximo. O programa que debía conseguir facer o alumnado era moi simple e estaba centrado en que integrasen a seguinte premisa: ao cerrar un circuíto eléctrico na Makey Makey soaría algún dos seus sons.

Con todo, por cuestións técnicas da placa Makey Makey (só permite unhas doce saídas, é dicir, programar doce sons cando nós tiñamos dezaoito), o programa definitivo que se tivo que realizar foi un pouco máis complicado e requiriu o uso de variables. O uso deste tipo de técnica, que tivo que resolver o profesorado, queda moi lonxe de poder ser explicado nunha única sesión de programación con alumnado de terceiro e cuarto de EP. Agora ben, o importante é que o programa realizado polo alumnado, máis alá de cuestións técnicas da placa, funcionaría perfectamente e o alumnado participante comprendeuno sen dificultade. 

Algo que podería mellorar a experiencia sería que se fixese máis partícipe o alumnado de terceiro e cuarto na creación dos circuítos do mapa. Este apartado tamén se lles explicou na aula pero por cuestións de tempo foi imposible desenvolvelo con eles e foi unha tarefa que recaeu no profesorado. Unha posible solución puido ser facilitar un mapa igual, dixitalizado e plastificado a pequena escala en formato A4, e pedirlles que creasen os seus propios circuítos con papel de prata. Esta tarefa sería unha moi boa segunda sesión para darlle continuidade á actividade. Grazas a ela poderiamos comprobar se integraron correctamente toda a información da primeira e incluiriamos un punto creativo e de resolución de problemas nela.

 

Valoración final da experiencia e expectativas de continuidade e/ou afondamento

Para rematar, queremos poñer de manifesto que se pode integrar un currículo TIC que recolla aspectos importantes para que aprenda o alumnado dunha maneira divertida e funcional. A concreción nas estratexias dixitais dos centros educativos debería recoller que queremos que aprenda o alumnado e definilo con actividades específicas e ben deseñadas que permita a súa consecución. Por este motivo, consideramos que iniciativas como as nosas son fáciles de integrar se as asumimos de xeito realista ao longo de todo o discorrer do alumnado por EI e EP. Isto pode traducirse en quizais tres sesións por curso académico que permitan adquirir e avaliar de xeito consciente competencias TIC do alumnado ao longo do seu paso por toda a etapa de EI e EP. 

 

 

Sección: