Unha formación dixital e europea

Diego Díaz Martínez
Asesor TIC do CFR de Lugo

 

 

O próximo lustro chega con novidades importantes en materia educativa. Especialmente no ámbito formativo e dixital. Recordan cando empezamos a cambiar os euros por pesetas? Pois estamos ante algo parecido con contidos e competencias polo medio.

Imaxinamos que algo se cheiraban! Os precedentes deste curso así o facían presaxiar. Que se temos que pasar o famoso test SELFIE… que se temos que facer unha liña de plan dixital no plan de formación permanente do profesorado… que se os mentores ADIX (asesores de apoio dixital) nos piden isto ou o outro… Argumentos suficientes para intuír o cambio que xa se está producindo. A punta do iceberg máis europeo.

O formato actual das escolas oficiais de idiomas (EOI) extrapolarase ao ámbito dixital. Os mestres e profesores poderán acreditar a súa competencia dixital nos distintos niveis que recolle o marco comunitario: básico (A1 e A2), intermedio (B1 e B2) e avanzado (C1 e C2). É dicir, se se atopan nunha etapa de adquisición, profundación ou creación de coñecemento.

Os asesores de formación da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vimos traballando arreo nos últimos meses para dar a mellor resposta educativa ao noso profesorado. Queremos estar preparados para o momento no que se permita acreditarlles aos docentes as actividades xa realizadas. E, sobre todo, deseñar as novas formacións desde esta perspectiva europea e comunitaria.

Existirán dúas maneiras de poder certificar os niveis xa adquiridos. Nos máis baixos, coa acreditación do 80 % dos indicadores de cada unha das áreas da competencia dixital docente; resultará suficiente. A medida que se incremente a dificultade dos contidos, entrarán en xogo as probas oficiais ao estilo das EOI.

Nestas liñas pretendemos achegarvos e familiarizarvos un pouco máis con este marco europeo, que a bo seguro dará que falar. Un documento no que a competencia dixital docente queda explicitada a través de seis áreas distintas e con importancia propia. Serían, por esta orde, as seguintes: compromiso profesional, contidos dixitais, ensinanza e aprendizaxe, avaliación e retroalimentación, empoderamento do alumnado e desenvolvemento da competencia dixital do alumnado. Empécense a quedar con esta copla. A do noso novo compañeiro de baile ao que lle damos a benvida.

 

 

 

Sección: