Cómo crear un robot educativo

De la idea al diseño, montaje y programación

Autor: Florentino Blas Fernández Cueto
Editorial Marcombo

Eva Leira Bouzamayor
Profesora de Tecnoloxía
IES Sofia Casanova, Ferrol

 


Florentino B. Fernández Cueto, divulgador, profesor do CIFP Ferrolterra e colaborador do CFR de Ferrol, recolle por escrito unha vida de coñecementos relacionados cunha temática tan actual coma a robótica. Este libro, eminentemente práctico e versátil, incorpora unha gran cantidade de recursos multimedia.

Cómo crear un robot educativo é unha guía detallada na que se describe como deseñar, construír e programar un robot, así como as ferramentas dixitais para controlalo.

Podemos atopar conceptos básicos de electricidade e electrónica, fácil de ler, e poder crear un robot sen coñecementos previos. Interpretar diagramas de fluxo, aprender a prototipar e deseñar placas de circuíto impreso. Entender bloques funcionais, programar cunha nova linguaxe chamada Facilino, que fai máis sinxelo programar por bloques. Coñecer a secuencia da montaxe, do deseño da estrutura en 3D e da programación do dispositivo móbil empregando App Inventor. Todo o que se precisa para poder deseñar, montar e programar o robot atópase neste libro.

A diferenza con outros é que está feito dun xeito moi amigable e actual e vén acompañado de recursos dixitais moi interesantes: videotitoriais que acompañan o proceso de deseño e montaxe, contornos 3D interactivos para poder ver claramente como se distribúen os compoñentes, contornos virtuais de 360 graos para facer máis amable a presentación da información, códigos QR con información complementaria, e de centos de enlaces a recursos dixitais gratuítos para facilitar todo o proceso de deseño, construción e montaxe do robot.

Polo citado anteriormente, como profesora de Tecnoloxía, levei adiante o proxecto de realizalo co meu alumnado. Resultou un proxecto multidisciplinario completo, no que o alumnado adquiriu moitos coñecementos. Foi unha experiencia na que me sentín apoiada pola cantidade de información da que dispoñía, tanto recollida por escrito no libro como na gran cantidade de videotitoriais dos que dispón e acompañada pola facilidade e suficiencia de recursos que o autor pon nas nosas mans.

Do mesmo xeito, é importante destacar as numerosas actividades que inclúe para realizar nas aulas co robot unha vez rematado, que pode ser usado desde as etapas de infantil ata as de bacharelato ou ciclos formativos.

Cómo crear un robot educativo está destinado a persoas curiosas, autodidactas que lles guste a robótica; a profesores de electrónica, tecnoloxía, robótica, programación..., a lectores que desexen estar ao día nos últimos recursos dixitais, coa cautela de que todo avanza en tecnoloxía.

 

 

Sección: