Autorregulación digital. Cómo educar en el uso responsable de la tecnología
Autor: Guillermo Cánovas
Editorial: SM. Biblioteca de Innovación Educativa
Autor da recensión: Eduardo Rodríguez Sáiz
eduardorsaiz@edu.xunta.gal
CFR de Vigo
A estas alturas, formular que as ferramentas dixitais chegaron ás nosas aulas para quedar resulta unha obviedade. Obrigados polas circunstancias, tanto o alumnado como o profesorado adquiriu unhas competencias dixitais suficientes para desenvolverse na presencialidade ou na virtualidade sen maior dificultade.
No seguinte chanzo, o reto ten que ser outro: o uso responsable da tecnoloxía. Entre os nosos deberes como docentes, segundo recolle o DigCompEdu, está o de axudar o alumnado a desenvolver as súas propias competencias dixitais. Neste proceso de facilitadores na adquisición de competencias non podemos deternos nun mero uso instrumental da tecnoloxía, temos que capacitalos para un uso responsable desta. Así, a área 6 do DigCompEdu establece a alfabetización mediática e informacional e o uso responsable das tecnoloxías como competencias que ten que desenvolver o alumnado.
Guillermo Cánovas considera que son tres os retos do alumnado ante a tecnoloxía: acceder a unha información veraz e contrastada, a sobreestimulación do mundo dixital e as condutas adictivas, xa sexan ferramentas, contidos ou prácticas. Deste xeito, estrutura a súa obra en tres partes para desenvolver cada un dos retos.
Na primeira parte reflexiona sobre o acceso do alumnado á información que invade a Rede. Hoxe en día estamos todos ─non só os máis novos─ sometidos a unha sobreinformación dixital: máis do 99 % da información que xera o ser humano é dixital e, en consecuencia, calquera pode acceder a ela cun só clic. Se mesturamos esta realidade co avance das fake news (das que o autor fai unha análise precisa), o resultado é que accedemos a moitísimos contidos, malia que non necesariamente sexan fiables. Nesta parte, propóñense varias técnicas de curación de contidos co obxectivo de obter buscas máis seguras, moi sinxelas de aplicar nun ámbito escolar.
Remata este primeiro bloque falando do phishing, conxunto de técnicas cuxo obxectivo é acceder a datos confidenciais (normalmente de índole económica) das que tamén pode ser vítima o noso alumnado.
A segunda parte do libro xira arredor da sobreestimulación e a falsa multitarefa. O autor argumenta, apoiándose na neurociencia, que a multiconectividade dixital na que vivimos (contestando unha mensaxe electrónica á vez que falamos por teléfono, escribimos un WhatsApp e vemos a nosa rede social favorita) non só non é posible, senón que é contraproducente: cando cambiamos de actividade mental repetidamente en lugar de rematar unha tarefa antes de empezar a seguinte, a eficacia do noso cerebro pode reducirse ata nun 50 %.
A terceira e derradeira parte é a máis extensa, xa que o tema así o merece: as condutas adictivas e o uso patolóxico da tecnoloxía. O autor repasa os argumentos científicos que explican as condutas adictivas nos adolescentes, presentando exemplos claros e concretos de actitudes que poden facernos pensar en problemas patolóxicos en contornos tecnolóxicos (compras na Rede, apostas en liña, porno, usos anómalos de redes sociais ou xogos etc.). Para rematar o bloque, presenta dous tipos de estratexias (modificación de hábitos e reestruturación cognitiva) para afrontar este tipo de condutas tanto nas familias como na comunidade escolar.
En síntese, Guillermo Cánovas presenta neste texto varias claves do que ten que ser unha comunidade escolar dixitalmente saudable. Se non engadimos o adxectivo responsable no concepto de formación dixital e tecnolóxica, o proceso adoecerá dun piar fundamental para acadar un desenvolvemento competencial pleno.