La sabiduría de lo incierto
Autor: Mèlich, Joan-Carles
Editorial: Tusquets, Barcelona, 2019
Autor da recensión: Javier Pintor Elizalde
jjpinel@edu.xunta.es
Centro de Formación e Recursos da Coruña
Joan Carles Mèlich é doutor en Filosofía e Letras na Universidade Autónoma de Barcelona e profesor de Filosofía da Educación nesta mesma universidade. Un dos seus temas de investigación é o que se centra na dimensión ética da educación baseada na relación íntima, próxima que se establece entre docente e discípulo. Esta idea impregna moitos dos argumentos que aparecen recollidos en La sabiduría de lo incierto, un libro que podería definirse como unha filosofía da lectura na que se nos interroga sobre que significa que o ser humano sexa un ser lector.
O autor comenta que todos os seres humanos herdamos unha biblioteca ao nacer, unha biblioteca de textos e lecturas previos que forman parte de nós, que están inscritos na nosa pel e son os que nos dan a posibilidade para coñecer mellor o mundo. Deste xeito, o autor realiza diferentes aproximacións cara ao acto de ler nas que define a lectura como forma de habitar o mundo e de atreverse a vivir unha vida que nos deixará cicatrices, porque ler é arriscarse, inquietarse e iniciar unha viaxe que nunca sabemos a onde nos conduce.
Mèlich dedica moitas páxinas á relación da lectura coa educación. Tamén analiza o significado do termo ler e as súas diferentes acepcións ao longo da historia ata situarse na actualidade dixital que nos envolve. O autor defende a idea de que non se pode vivir sen lectura porque ler é como respirar. Neste sentido sublíñase que a lectura supón sempre unha transformación do individuo que o sitúa case sempre nun territorio de incerteza que el define como «sabedoría do incerto».
Nós como docentes debemos asumir o reto de xestionar as inseguridades que moitas lecturas provocan no noso alumnado, porque é aí onde seremos quen de estimular a imaxinación e provocar aprendizaxes. Por isto ler é perigoso, porque canto máis lemos máis dúbidas temos, máis interrogantes se nos formulan e máis desexo de coñecer o mundo abrolla en nós.
Entre todos os capítulos interesantísimos deste libro destacaría o titulado «La huella de los profesores». Neste capítulo fálasenos da fértil relación entre libros e escola, e do papel do profesorado, cada vez menos valorado na sociedade actual. Nestas páxinas destácanse os docentes que nestes mundos virtuais, de pantallas e redes turbias de información, se atreven a educar desde os libros, entendidos estes como instrumentos de lectura e aprendizaxe, obxectos con «alma». O bo profesor é aquel que ensina a vivir na aula e na vida. Define os auténticos docentes como aqueles que cren no que fan e que habitan a súas clases. Como esas persoas que saben o que queren dicir, pero non o que vai suceder porque o máis importante nunha clase non é o que se di senón o que acontece.
E como só se pode ensinar a ler lendo, en toda a obra se poden atopar referencias filosóficas, literarias, plásticas e cinematográficas, principalmente de libros e cadros que o autor considera venerables. Estas referencias non son senón lúcidas reflexións e comentarios reveladores de obras destacadas da nosa tradición artístico-cultural, que o autor introduce para asentar algunhas das teses defendidas ao longo deste libro.
Atopámonos ante un libro de lectura lenta, pausada, amena, reveladora que reflexiona sobre a necesidade dunha ética da lectura que nos oriente a contemplar o mundo cunha ollada curiosa, inqueda e atenta. Porque sen lectura non haberá pensamento nin coñecemento.