Conecta 13

Javier Pintor Elizalde
jjpinel@edu.xunta.es
Centro de Formación e Recursos da Coruña

Conecta 13 defínese como unha empresa de xestión do coñecemento que nace a carón da Universidade de Granada. Están especializados na xestión e auditoría de proxectos educativos, na implantación de estratexias dixitais e na formación permanente do profesorado tanto en liña  como presencial. 

Constitúen o equipo de Conecta 13 un grupo de profesionais de distintos ámbitos da educación, con especialización en temáticas tan diversas e complementarias como a aprendizaxe baseada en proxectos, podcasting, creatividade, aprendizaxe cooperativa, linguas, social learning, mooc, tecnoloxías da información e da aprendizaxe etc. 

No seu espazo web pódense visitar algúns dos proxectos desenvolvidos durante estes anos con diversas entidades. Resultan de interese para os nosos centros educativos aqueles que teñen unha aplicación directa nas escolas, como son ScolarTIC nos ámbitos de ABP (aprendizaxe baseada en proxectos), PLE (contorna persoal de aprendizaxe) ou PLC (proxecto lingüístico de centro).

Unha das seccións máis destacadas desta páxina é a sección Recursos, onde un pode atopar materiais e ferramentas utilizadas nalgúns destes proxectos. Estes recursos están á disposición das persoas interesadas nunha conta de SlideShare desde a que comparten as presentacións, as rúbricas ou os titoriais dos seus obradoiros e charlas. Destaca, como material máis visitado, o documento Artefactos Digitales en continua actualización e que deu lugar a unha publicación na editorial Graó e a un sitio web. Tamén comparten dúas ferramentas tipo Canvas, unha para o deseño de proxectos ABP e outra para o deseño dunha contorna persoal de aprendizaxe.

Aconsellamos visitar tamén o blog de Conecta 13 e mais en concreto a súa sección Utopedia: La comunidad de los libros na que profesionais relevantes do mundo educativo comparten e comentan libros e espallan reflexións baixo o formato de podcast. Os tres primeiros encontros ou episodios desta aventura de Utopedia contaron con Francesco Tonnuci (episodio 1) , Pilar Pérez Estévez, primeira directora de Leer.es (episodio 2) e Carlos Magro, O verbo ler non soporta o imperativo (episodio 3), no que se realiza un percorrido polo ensaio de Pennac Como una novela. O máis recente publicado corresponde a Linda Casteñeda (episodio #8), cun título tan suxestivo como Hackeando la escuela e no que fala dos hackers da educación que son os que pensan e viven a escola de xeito pasional.

En Conecta 13 atoparemos orientacións para desenvolver un proxecto nun centro educativo, con formación especializada por parte de destacados profesionais do ensino, e recursos variados,  atractivos e útiles para o traballo de aula. 

 

 

Sección: