Alá ao sur 2022. Unha acollida afectiva no 800 aniversario do Rei Sabio

Xestión do benestar emocional do alumnado de procedencia magrebí no contexto do grupo-aula de Ciencias Sociais no primeiro ciclo da ESO.

Gonzalo Xosé Francisco da Rocha
Profesor de Ciencias Sociais
IES S. Basanta Silva (Vilalba-Lugo)

 

Introdución

O 23 de novembro de 2021 conmemorouse o 800 aniversario do nacemento de Afonso X, o Rei Sabio que patrocinou a Escola de Tradutores en Toledo, unha institución na que cristiáns, musulmáns e xudeus intercambiaron a sabedoría de cada comunidade. A un lado os prexuízos da ignorancia, a fe foi entendida como «confianza», indispensable para colaborar desde cadansúa «crenza», outro dos significados da palabra. Hoxe, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos establece, no artigo 18, que «toda persoa ten dereito á liberdade de pensamento, de conciencia e de relixión; (...) así como á liberdade de manifestala (...), individual e colectivamente, tanto en público como en privado, polo ensino, a práctica, o culto e a observancia».

Aínda que a migración magrebí é un fenómeno con certa perspectiva, a chegada ao ámbito rural de Galicia é máis recente e este curso escolar tiven, por primeira vez, a oportunidade de traballar con alumnado marroquí. As experiencias previas recollidas nesta revista dixital foron unha base de partida. Como convivimos os curmáns descendentes do patriarca Abraham/Ibrahim das tres relixións do Libro? Pois as controversias «de familia» enquístanse con virulencia, tal como demostran determinados conflitos internacionais, co paradoxo de seren maiores as diferencias de civilización co Extremo Oriente: hinduísmo, budismo, confucianismo, taoísmo...

A imaxe deu a volta ao mundo: ela acudía ao rezo. Diante, un soldado dificultaba o tránsito. —Respéctate!, chantoulle certeira coa onda da lingua. Nada puido responder a forza fronte á fe. É a guerra de todos os días na casa de Abraham/Ibrahim.

 

Contextualización

Centro educativo na Terra Chá con máis de cincocentos alumnos da comarca. Baixa densidade de poboación, en declive, e tendencia vilán con poboamento disperso tamén. Chegada recente de inmigración magrebí para o sector primario e secundario nunha onda posterior á das cidades.

 

Obxectivos

- Incorporar afectivamente o alumnado inmigrante por medio dos contidos e da metodoloxía propia da intelixencia emocional.

- Superar prexuízos sobre colectivos considerados estraños e/ou problemáticos segundo a vox populi por causa da cultura, a relixión...

- Identificar as crenzas das ramas relixiosas do patriarca Abraham/Ibrahim, raíz da vizosa árbore da espiritualidade occidental.

- Avanzar no estudo das Ciencias Sociais tendo en conta as «mentalidades» segundo a escola historiográfica dos Annales.

 

Metodoloxía

Imprescindible a participación do profesor no curso A Xestión do Benestar do Alumnado no CFR de Lugo, con Martín Pinos Quílez, doutor en Ciencias da Educación, e Yolanda Fernández López, posgrao de Educación Emocional e Benestar, arredor da detección e prevención de problemáticas emocionais, estratexias e pautas de actuación ante situacións de risco.

A metodoloxía emocional foi enriquecida co acróstico CASA, é dicir, curiosidade, admiración, seguridade, alegría, que Pinos Quílez recolle de Aguado Aguilar (2014) e desenvolve. Así terá que se sentir calquera alumno ou alumna, na casa. Para iso, José Ángel González Sáinz propón, como contrapeso da «identidade», relacionado con ideoloxía e idolatría cando se hipertrofia, a «relación». Jürgen Habermas define a historia como un «proceso de aprendizaxe colectivo», se cadra compartido nesa relación de identidades na mesma aula. «Contamíname», a letra de Pedro Guerra cántao con lirismo, como as kharxas e as nosas cantigas de amigo que comparten o habibi árabe, certificado dunha orixe común nos séculos medievais.

Boquella al-`iqdi, / dolche como ax-xuhdi, / ven, béjame. /

Habibi, ji `indi / ad union amando / como yawni

Boquiña de colar / doce como o mel / ven, bícame. /

Meu amigo, ven a min / a unirte comigo amando / coma o outro día

Kharxa anónima (séc. X)

 

Pero foi Sherezade quen nos aprendeu o valor da historia con minúscula, a considerada pequena fronte á ciencia da historia. Tócalle agora a quenda á «verdade poética» do filósofo Javier Gomá, truco que todos utilizamos para redimirnos do desafío do incomprensible coa razón. Se non, como tratar con adolescentes de 13-14 anos a «reconquista», unha historia que seguimos a nos contar para darlle épica a uns sucesos que hoxe analizamos desde unha perspectiva contemporánea? Do mesmo xeito que en Clavijo, A Rioxa, a profusión de fósiles mariños, cunchas, demostraba que o «matamoros», o guerreiro do cabalo branco, perdera eses amuletos que o identifican como peregrino noutra das súas iconografías. O conto conta de xeito comprensible algo complexo: alí estivo o antediluviano mar de Tetis, erguido na oroxénese alpina da era terciaria. Por iso as valvas. Sherezade prende mil e unha veces a atención por medio dunha historia, como en Marrakech, na praza Jemaa el Fnaa, patrimonio inmaterial da humanidade, o contacontos segue a xerar círculos humanos, órbitas, arredor do narrador, da lección.

En palabras de Joseph Campbell:

O que marabilla é esa capacidade do conto para rozar e inspirar os máis fondos núcleos creativos, igual que o sabor do mar está contido nunha gota de auga. Os símbolos dos mitos non se fabrican en serie (...), non se poden inventar ou erradicar da face da Terra.

Ernesto Rodríguez Abad entende que o conto:

É valioso porque nos prepara para entender e entendernos. Está conectado con esa viaxe iniciática que habemos de facer. En todo conto tradicional está a historia da nosa vida (...) é unha pequena xoia literaria desde a Idade Media.

 

Descrición da actividade

Sesión 1

Para comprobar o grao de comprensión lectora inicial, a crónica sobre «Elhadji, el simpapeles que rescató del mar a un joven en Fisterra» (La Voz de Galicia, 17-09-2021), coa cuestión sobre a valentía e a nobreza da acción, e a análise de «Savia joven y migrante en la España despoblada» (El País, 18-09-2021), coa realidade estatística dun 16 % da xente nova nas zonas rurais nacida no estranxeiro. Desta maneira buscouse o coñecemento e o recoñecemento dos inmigrantes.

Sesión 2

Para activar o acróstico CASA, unha caixa marroquí misteriosa que só abre coa palabra árabe Baraka. Así prendeu a faísca da curiosidade, a admiración e a alegría cognitiva como metodoloxía de motivación. Pinos Quílez lembra que, nestas idades de desenvolvemento inicial do pensamento formal, a atención non supera os 15 minutos sen un forte detonante. Decontado trataron de abrila, pero só a correcta pronuncia dos marroquís deu resultado. A seguridade está conseguida. A sorpresa: unha alumna utilizou, como substitutivo, a expresión «ábrete sésamo» sen saber que é dos contos árabes de As mil e unha noites. Pero o máis sorprendente é que, unha vez descuberto o mecanismo que abre a caixa, todos seguían utilizando a expresión máxica Baraka para facilitar a apertura. Suspenderon a incredulidade e o acceso a unha «verdade poética» é a clave de bóveda para prender o motor do coñecemento, ao tempo que a sabedoría marroquí é recoñecida na súa dignidade fronte a estereotipos negativos. A lectura do texto divulgativo sobre a cidade e os artesáns no mundo musulmán acabou de identificar unha sociedade onde a artesanía e o comercio seguen a ser determinantes, especialmente en Marrocos, do que provén o termo «marroquinería» referido a produtos de exotismo e calidade recoñecida no mundo, do mesmo xeito que «cordobán» á artesanía do coiro na Córdoba califal.

 

 

 

Sesión 3

O libro de texto de Ciencias Sociais de segundo da ESO toca a Escola de Tradutores de Toledo, o máis importante centro no Occidente medieval, foco de atracción para intelectuais europeos coa ansia de recuperar as obras clásicas gregas que custodiaban os árabes, así como os logros científicos de Oriente. Desenvolvida por Domingo de Gundisalvo e baixo a protección de Afonso X, tradúcense os neoplatónicos de tradición helenística, os hispano-xudeus Avicebrón e Maimónides e o hispano-musulmán Ibn Masarra. Tamén os aristotélicos andalusís Averroes e Avempace, autores que acabarán por influír en San Tomé de Aquino e na filosofía occidental. Desde Cluny, Pedro o Venerable encarga a tradución do Sagrado Corán. Gerberto de Aurillac, logo papa Silvestre II, viaxou a Ripoll para estudar a cultura musulmá. O mallorquino Ramón Llull mantivo a mesma teima erudita coas linguas orientais. En definitiva, sen esta praxe de intercambio non se pode entender o rexurdimento da cultura en Europa. Desde Marcos de Toledo, pasando por Juan Hispalense, Gerardo de Cremona, Miguel Scoto, Salio de Padua, Hermann de Alemaña, todas figuras destacadas, ademais dos anónimos equipos de tradutores.

Namentres, o hispano-musulmán Ibn Arabi, do que se celebrou tamén o 800 aniversario do seu nacemento no ano 2015, viaxou, despois de estudar en Córdoba con Averroes, polo ecúmene islámico ata Damasco, no Oriente Próximo, acadando o cumio da mística musulmá na súa obra O interprete dos desexos de raíz platónica, con influencias na Divina comedia de Dante no XVI ou na filosofía do sefardí Spinoza no XVII. Sorprende, fronte ao prexuízo, o consello do alcumado Mestre Sublime de «non atarse a unha única crenza que negue as demais, pois supón a privación dun ben inmenso. O divino é demasiado grande para estar pechado nun credo que exclúa os demais».

Pregunteilles por onde descansaban os xinetes e responderon:

—Alí onde o absinto e a noz moscada exhalan o seu aroma!

Ao vento imprequei entón: corre e acádaos,

pois descansan á sombra das árbores!

Levádelles o saúdo dun irmán da amargura

en cuxo corazón as dores da ausencia moran!

Ibn Arabi. O intérprete dos desexos, VI, 1-4 (sec. XII)

 

Presentáronse dúas tallas marroquís de animais de madeira para incitar á lectura dos contos de Calila e Dimna traducidos no Toledo do XII. Tratábase de deducir cal era Calila e cal Dimna nun desafío investigador. O recoñecemento do labor comercial dos musulmáns no medievo facilitouse coa lectura de textos divulgativos sobre a ruta da seda e os grandes viaxeiros, especificamente Ibn Batuta e o xeógrafo Al Idrissi.

Foi o alumnado marroquí quen lle explicou ao grupo, por medio de fotografías, o zoco de Marrakech, a praza Jemaa el Fnaa e o valor económico, social e cultural dese espazo. Á pregunta colectiva sobre que hai nun zoco, un deles respondeu contundente: «Todo!» Ver a venda do doce que nós chamamos turrón descubriulles que os confeites do Nadal cristián son unha herdanza musulmá na Península. A repartición na aula de dirham, moeda oficial marroquí, reveloulles a procedencia do termo «diñeiro» e que o intercambio comercial foi máis habitual do que a visión da «conquista e reconquista» impón. O recoñecemento do zoco e da praza Jemaa el Fnaa como patrimonio da humanidade da Unesco, compartido por monumentos como a catedral de Santiago, a muralla de Lugo ou a torre de Hércules establece un status superior que houbo que abordar, pois descoñecían quen o declara e cal é o seu significado final: a importancia patrimonial alén do local para acadar o universal.

Nos contidos do libro de texto de cuarto da ESO, en relación coa arquitectura do Renacemento, incluíuse unha presentación fotográfica das mesquitas de Sinan, en Istanbul, coetáneas e influenciadas polos estilos grecolatinos por este arquitecto convertido ao islam. Foi un alumno marroquí quen ilustrou, no contexto dos traballos extraordinarios propostos na dinámica xeral do curso, todo sobre estes templos, tamén patrimonio da humanidade Unesco e toda unha similitude de rituais: a orientación arquitectónica, xa a Xerusalén, xa á Meca; as ablucións previas ao rezo, xa nas fontes, xa simbólicas nas pías cristiás; o uso de rosarios ou cadeas de contas para o rezo en ambas relixións; as peregrinacións, xa a Santiago de Compostela, xa á Meca.

 

Sesión 4

Comprobar in situ a destreza artesá da marquetería marroquí, con sucesivas caixas dentro de caixas, trasladou ao modelo de casa tradicional en ambas as beiras do Mediterráneo. Un fogar onde o patio, como na vila romana ou no curral andaluz, é un xardín ou riad, unha sorpresa interior. Un alumno da propia Marrakech certificou nas imaxes proxectadas a similitude. A posta en común de diversos traballos extraordinarios do alumnado sobre aspectos da cultura musulmá abriu o camiño para continuar coa comparación coa arquitectura románica preceptiva no currículo. Toda unha xeometría divina na que a proporción áurea foi ilustrada cun trebello articulado que conforma estruturas tridimensionais a partir das liñas de arame engarzadas. Tambores, cúpulas e esferas. Un xogo nas súas mans mentres as arquitecturas de Sinan aparecían na pantalla. Momento para entregar textos divulgativos sobre a medicina musulmá, desenvolvida con Al Razi e Ibn Sina, o Avicena e o seu Canon Médico, referente para a cristiandade; e nas matemáticas co creador dos algoritmos, Al-Juarismi, de quen toman o nome, xunto coa álxebra, al-yabr, o sistema decimal e a cifra «0» grazas a Juan Hispalense, en Toledo, substituíndo progresivamente o pouco eficaz sistema de numeración romano.

 

 

Sesión 5

Visión de dúas videomensaxes. Unha, desde Marrocos, presenta o seu país. Outra, desde Os Emiratos Árabes, conta o seu día a día. O alumnado marroquí, que fala árabe, bérber e francés, traduciu a intervención do compatriota e así todos comprenderon. Cobra sentido significativo a Escola de Tradutores de Toledo, pois onte como hoxe, o intercambio, grazas á tradución, permite coñecer. Toca unha nova entrega de contos de Rumi, que ademais de narrador e poeta, foi xurista, teólogo e místico do século do Rei Sabio.

O ser humano é como unha casa de hóspedes á que, cada mañá, chega alguén novo. Unha alegría, unha decepción, unha mesquindade, unha conciencia momentánea, que se presentan como un visitante inesperado. Dálles a benvida e recíbeos a todos! (...) porque poderían estar abrindo un espazo para novas delicias. Recibe sorrindo na porta (...) e dá as grazas porque todos foron enviados como guía, desde o alén.

Rumi. Ensinanzas espirituais (séc. XIII)

 

Sesión 6

Hoxe, 23 de novembro, 800 aniversario do nacemento do Rei Sabio, os medios de comunicación recollen a efeméride e na aula compartiuse unha unidade didáctica que incluía imaxes e textos breves significativos para a ocasión: unha icona da cantiga de Santa María número 88 na que un doutor lles explica a musulmáns, xudeus e cristiáns reunidos; unha ilustración do Libro do xadrez, dados e táboas no que distintas combinacións das tres comunidades relixiosas xogan as pezas no taboleiro da estratexia simulada; unha miniatura que reproduce o propio rei recibindo a produción culta dos códices, pois el mesmo non só impulsou a escola, tamén foi axente creativo con obras no ámbito científico e literario. Todas as facianas que abrangueu se mostraron na exposición conmemorativa do Consello da Cultura Galega «Afonso X, o Rei Sabio e Galicia» en Lugo e motivo de visita para o docente interesado onde concluír unha visión holística convenientemente concretada, a partir do currículo oficial, para o alumnado.

A celebración incluíu dátiles, o agasallo da hospitalidade musulmá. Chegou a hora de pór en práctica as ensinanzas da profesora Yolanda Fernández. Trátase de xuntar nunha mesma actividade ciencia e expresión artística coa pintura dun azulexo xeométrico toledano de tradición islámica e facer o cálculo da cantidade de estrelas que se ocultan na xeometría. Unha festa da curiosidade, a investigación e o coñecemento cunha metodoloxía lúdica.

 

Sesión 7

Acomodados na CASA é o momento das cuestións delicadas. O libro de texto trata do significado da Apóstolo Santiago, patrón das Españas. Fronte á «cruzada» e «yihad» daqueles tempos, a iconografía do Santiago peregrino resulta agora máis amable e aceptable: a persoa que fai da vida un camiño transcendente alén o cotián para perfeccionarse. Serviu a análise na aula dos elementos do atrezzo nunha figura cerámica. As chamadas «guerras santas», antes e agora, sempre esconden outros intereses tal como demostran os actos terroristas contemporáneos entre as enfrontadas comunidades cristiás do Ulster, por exemplo.

Visión de videomensaxes de dúas personaxes coñecidas: Leuko, futbolista orixinario de Camerún, e Khaled, cantante alxerino. É o momento da muller e tanto a canción «Aisha» como o símbolo e significado de Sherezade, por medio da lectura, convenientemente seleccionada para a súa idade, dalgúns contos de As mil e unha noites, narracións de orixe persa, xudía, persa e árabe, valeu para tratar esa cuestión. A canción é todo un himno no mundo musulmán. A mudanza cultural parte do interior. A escola historiográfica dos Annales tratouno no concepto das «mentalidades» como condicionante dos acontecementos.

Na mesquita o grupo turista europeo preguntoulle ao guía pola praxe do islam (=submisión a Alá): —e quen vixía se non asistes ao rezo do venres? —Ninguén. Só eu mesmo. Sorprende que o «libre albedrío» occidental concibido desde o Renacemento co humanismo de Pico della Mirandola, base do individualismo contemporáneo, dubide en como respectarse a si mesmo e decline na submisión a un control externo.

 

 

 

Sesión 8

Visión da reportaxe da TVE Alhambra, el manuscrito descifrado sobre os versos de Ibn Zamrak nas caligrafías esculpidas na arquitectura e os desenvolvementos matemáticos pitagóricos que os nazarís utilizaron no palacio. O alumnado valora a tarefa de pintar e calcular no seu azulexo para compoñer, seguindo a Yolanda Fernández, as Mil e Unha Estrelas, unha senda como a da Vía Láctea ou Camiño das Estrelas afinando o espírito. Un alumno marroquí foi quen sumou correctamente o total. Entrega de textos divulgativos sobre o xardín, remedo do paradisíaco, e a escritura e literatura islámica histórica. É a koiné da lingua árabe quen crea a comunidade islámica mundial por riba de fronteiras políticas. O conxunto de contos moralizadores entregados cobran agora sentido, pois forman parte da educación das novas xeracións que aprenden con Sherezade, Nasrudín e Calila e Dimna.

 

 

 

Sesión 9

Visión de fragmentos de A palabra e a espada e Cara á luz da serie documental da BBC History of the World sobre a saber histórico musulmán e a súa contribución ao saber universal, pois na Alta Idade Media foi a máis próspera e puxante civilización con base no comercio de caravanas desde Al-Andalus ata o Indo, nunha rede urbana e artesanal moi desenvolvida que se manifestou nunha refinada cultura árabe ecuménica. Córdoba destaca, con luz propia no século X, como unha das grandes capitais culturais xunto con Damasco, Bagdag e a súa biblioteca non tiña comparación.

 

Sesión 10

Hoxe, 14 de decembro, onomástica de Juan de Yepes, o insuperable poeta da mística cristiá no seu «Cántico espiritual» non se pode comprender sen o outro membro da familia de Abraham/Ibrahim, o xudaísmo. Na Universidade de Salamanca, o xudeu converso Juan estudou o Antigo Testamento en hebreo con profundidade e contactou cos hebraístas moi vixiados pola Inquisición a pesar de que Cisneros patrocinara, poucos anos antes, a Biblia Políglota Complutense en hebreo, caldeo e arameo ademais de grego e latín. Xa Moisés ben Seb Tob, no León do século XIII, redactara en arameo o Zohar ou Libro do esplendor. Con vocabulario neoplatónico e matemática pitagórica, obra central da corrente cabalista con repercusión no misticismo no ecúmene xudeu. Existía unha farta e vizosa tradición aquí, en Sefarad, máis ou menos tolerada, segundo o momento histórico, pois o Concilio de Trento, en 1545, a Vulgata era xa a única Biblia autorizada coa consecuente censura. A cábala serviu de ferramenta para iluminar o poema cumio da mística cristiá.

¡Oh, bosques y espesuras, / plantadas por la mano del Amado!,

¡oh, prado de verduras de flores esmaltado, / decid si por vosotros ha pasado!

—Mil gracias derramando / pasó por estos sotos con presura,

e yéndolos mirando con sola Su Figura / vestidos los dejó de hermosura.

-¡Ay, quién podrá sanarme!...

San Juan de la Cruz (séc. XVI)

 

A comunidade hebrea sempre foi minoritaria fronte ao dominio islámico (711-1085) e o dominio cristián (1085-1492) en Toledo e recibiron con alivio a chegada musulmá á Península que os librou das persecucións visigodas previas. Acadaron postos de responsabilidade e no período cristián consolidáronse como o grupo máis rico e influente na cidade do Texo e en todo o territorio. De feito, na escola de tradutores o seu papel científico foi moi superior á súa relevancia numérica como minoría. A cidade era coñecida como a Xerusalén hispana polo seu esplendor. Quizais por iso mesmo non tardarían os ataques coas escusas propias da intolerancia. Na Coruña, a Biblia Kennicott, un manuscrito excepcional, fora copiado, por volta de 1476, por Moisés Ibn Zabarah e ilustrado por Joseph Ibn Hayyim nunha xudería de orixe tardía, probablemente formada logo das persecucións en Castela.

A menos dunha semana das celebracións do Nadal e para culminar esta «xestión do benestar do alumnado», chega o momento do ágape na CASA. E nada máis axeitado que turrón e outras viandas do Levante peninsular coa tradición culinaria de raíz musulmá, hoxe artesanía e industria con manifestación alá onde se celebra o nacemento do profeta do amor fraterno por todo o mundo.

 

 

Conclusión avaliatoria

Ao rematar as sesións solicitouse unha valoración dos contidos, procedementos e valores traballados. A continuación, unha escolma breve pero significativa: «Gustaríame facer máis destas cousas na clase. Encántame facer este traballo con toda a clase porque sentín a diversidade das persoas (...) e recordoume a diversidade do mundo. Gustaríame facer máis traballos así porque se sente a unión na clase e a diversidade. Todos pintamos moi ben e esforzámonos en que saíse ben. É un traballo en conxunto, xa que expresa a amizade e a compañía. Puiden ver o meu traballo e tamén o dos meus compañeiros. O noso traballo é o mellor do mundo porque, quitando de ser unha clase, somos un equipo que convive todos os días como unha familia. Os debuxos son moi bonitos e parecéronme orixinais. Gustoume que tivesen o detalle con Gonzalo de mandarnos un vídeo sen nada a cambio, só para saudarnos e contarnos un pouco sobre eles. Gústanme as cancións que teñen un significado ou unha ensinanza. A letra é moi bonita e a mensaxe que quere transmitir encantoume. A súa música acompañaranos para o resto do curso. A cultura musulmá paréceme interesante e vouna coñecer mellor. Paréceme ben porque dixo cousas boas do meu país. Fala de respectarnos todos porque somos iguais. Pareceume unha idea xenial celebrar o aniversario de Afonso X o Sabio. É moi bonito ver como todos os traballos son só un. Aínda que non o pareza, din moito de nós. Encantaríame facer moitas máis cousas destas dentro da aprendizaxe. Gustaríame saber moito máis.»

 

Conclusión

Esta experiencia educativa ten un claro antecedente no curso 2002/03, no IES Enrique Muruais, na Pontenova (Lugo), nunha dinámica cognitiva e tamén «afectiva», cando aínda este concepto, relacionado coa educación emocional, non se coñecía como hoxe e cando a migración magrebí era algo improbable no rural galego. Daquela, dúas décadas atrás, o alumnado de Ciencias Sociais preparou a viaxe de fin de ciclo a Andalucía para coñecer as testemuñas do islam nalgúns elementos de patrimonio sen deixar de analizar a realidade do mundo musulmán entón. A revista temática Alá-ao-sur, con trinta e cinco achegas individuais e a correspondente memoria do percorrido educativo foi presentada, por suxestión do entón vicedirector Alfredo Bouzas Torres, no CFR de Lugo, pero daquela aínda non existía EDUGA para a difusión. Ficou inédita.

O limiar da revista anunciaba que

Participamos dos principios pedagóxicos do ilustre mestre que lle dá nome ao noso centro —Enrique Muruais— e que fixeron da nosa comarca referencia en todo o país daquela (...). Os obxectivos foron diversos: o coñecemento doutra realidade cultural nas súas máis diversas facianas, a investigación como medio de coñecemento rigoroso, a reflexión sobre outros principios e valores, o respecto ao diferente, a valoración dos dereitos humanos, o diálogo como forma de solucionar conflitos, e moitos máis aspectos que deben colaborar á formación de cidadáns libres e activos, tolerantes e solidarios.

Os datos deste ano 2021 do Instituto Nacional de Estatística (INE) certifican unha tendencia demográfica preocupante polo descenso continuado da poboación e o seu envellecemento. O xornal El País (19-11-2019) explica profusamente documentado «Lo que el inmigrante aporta a la economía» e a Autoridade Fiscal Independente AIReF estima que, segundo as necesidades do sistema económico e social, España necesitaría ata 2050 uns dez millóns de inmigrantes. En determinados sectores como a pesca, a agricultura, a construción e a hostalería desenvolven as tarefas vacantes polos autóctonos. Nunha provincia como Lugo, especialmente avellada, son pouco máis de 16 000, menos do 5 %, moi por debaixo dos necesarios para o impulso da economía e o benestar colectivo. En La Voz de Galicia (01-11-2020), no artigo de análise «Así será la Galicia del año 2030», a socióloga Raquel Martínez reflexiona que «cando os recursos son escasos, a xente cre que compite, entón, ante un mercado laboral precario, pode haber friccións. O saudable é unha boa educación cidadá sobre a diversidade cultural». Seguimos con esa preocupación fronte aos discursos de odio que nada achegan ao benestar do alumnado nin da sociedade e o camiño comeza polo respecto dun mesmo como ser racional e afectivo.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Aguado, A. (2014). Emoción, afecto y motivación. Aguilar.

Anónimo (2017). Kalila e Dimna. Acantilado, versión de Ramsay Wood.

Anónimo. Las mil y una noches

Campbell, J. (2020). El héroe de las mil caras. Atalanta.

Fernández, Y. Una apuesta por la autoestima. Programa de educación emocional en FP

Küng, H. (2019). El judaísmo. Pasado, presente, futuro. Trotta.

Küng, H. (2015). El cristianismo. Esencia e historia. Trotta.

Küng, H. (2109). El islam. Historia, presente, futuro. Trotta.

Pérez, O., Rodríguez, E. (2001). Toledo y las tres culturas. Akal.

Pinos, M. (2019). Con corazón y cerebro. Caligrama.

Shah, I. (2001). Los cien cuentos de la sabiduría sufí. EDAF.

Sefrioui, A. (1998). Las civilizaciones islámicas. Edelvives.

Tamayo, J. J. (2019). Hermano islam. Trotta.

Will Storr, W. (2022) "La ciencia de contar historias" Ed. Capitán Swing

 

 

Sección: