Ten poderes máxicos a orientación 3.0?
Lourdes Otero Rodríguez, orientadora
IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas (Oleiros-A Coruña)
otero@edu.xunta.gal
https://orientateenperillo.blogspot.com
As variñas máxicas 3.0 da orientación
Hai uns anos, un dos libros de cabeceira para as orientadoras e orientadores foi El mago sin magia de Selvini Palazzoli. Tratando de facer un paralelismo cos labores de orientación que día a día temos que desenvolver nos nosos centros de traballo, vénseme á cabeza un malabarista que ten que facer malabares para tratar de resolver moitas cousas ao mesmo tempo. De aí que nos preguntemos se as ferramentas TIC poden ser esas varas con poderes máxicos ou, desde unha perspectiva máis humilde, simplemente nos poden facilitar ese inabarcable labor. Máis concretamente e centrándonos na orientación académica, describo máis abaixo algunha actividade facendo uso desas varas que levan implícita a promesa de seren máxicas, para rematar cunha comprobación de se cumpren eses efectos desexados.
Facendo malabares para orientar
1. A orientación do revés
Atopando un porqué
Non sempre é doado atopar o tempo necesario para levar a cabo nas aulas actividades de orientación académica, sobre todo no referido á información académica sobre as distintas opcións que ofrece o sistema educativo. Así que… por que non probar facendo orientación ao revés, botando man das ferramentas H5P de Moodle. Nesta plataforma que a Consellería puxo ao noso dispor hai o que eu lle chamo unha caixa de costura H5P específica para facer vídeos interactivos.
Que fago coa caixa de costura? A calquera vídeo de elaboración propia (como foi o meu caso) ou que atopes pola rede se lle pode meter a tesoira para cortar a tea que non interesa. Tamén podes facer algún remendo, introducindo texto, imaxes ou ligazóns que aclaren algo que se di no vídeo. E o mellor de todo vén cando coa agulla podes facer labores de punto de cruz ao poder formularlle ao alumnado preguntas de todo tipo: V/F, opción múltiple, resposta curta… Xa por último, queda probar o traxe, para ver se vale ou non vale ese talle único, do que máis adiante darei conta.
No repositorio de contidos educativos Abalar, poñendo como filtro «orientación académica» hai unha selección deles, que están dispoñibles para ver e descargar.
Parámetros de ponderación dereita superior
Ensinanzas de Réxime especial esquerda superior
Camiño da FP básica: dereita inferior
Camiño da FP Media esquerda inferior
Abau centro
Valoración final
A miña idea era que estes traxes de vestir se probasen na casa e que enviasen, a través da aula virtual de Moodle, en capturas de pantalla as respostas ás preguntas formuladas para ver os arranxos que despois habería que facer nas aulas. Debo de recoñecer que non conseguín convencelos para facer esa primeira proba na casa de cadaquén. Moi poucos me fixeron caso. Cousa que, por outro lado, non é de estrañar… A figura do profesorado, e neste caso dos profesionais da orientación, é fundamental para guiar nese proceso de aprender e a súa presenza é vital. Finalmente, grazas a contar coas horas de titoría presencial co alumnado da ESO e que nos dos dous primeiros cursos se dispón dos ordenadores de E-Dixgal, visualizaron os vídeos nas aulas, podendo individualizar eses arranxos e os axustes que cadaquén precisaba.
2. Gamific-ación na Orient-ación con emoción
Bases cerebrais
A sorpresa é unha das emocións que facilita que as aprendizaxes se fixen mellor. O que aprendemos consolídase con máis firmeza e é máis eficaz se temos que facer uso del de novo. É dicir, aprender con emoción garante perdurabilidade no tempo. Isto foi o que eu pensei cando deseñei esta actividade para o alumnado de nova incorporación que empeza a secundaria, e máis en tempos de pandemia, onde as xornadas de acollida presenciais penden sempre dun fío, por mor da situación epidemiolóxica.
Como xa dixen antes, crear sorpresa, misterio, intriga, son emocións moi potentes que espertan a motivación do alumnado e activan zonas do cerebro que teñen que ver co almacenamento da información ou da memoria. Dito doutra maneira, os contidos con maior carga emocional lémbranse mellor e son máis duradeiros. Outro substrato ou fundamento que hai detrás desta actividade son os xutes de dopamina que segundo os estudosos da neurobioloxía son claves para conseguir aumentar a motivación. A dopamina é un neurotransmisor que se produce cando no contexto da aula o alumnado recibe eloxios e loanzas polo traballo ben feito. Na actividade proposta, que se describe a continuación, o alumnado cada vez que acerta un reto recibe unha gratificación con memes dos Minions, que o animan a seguir e non abandonar a tarefa. Cando finalmente chega ao final da aventura e consegue descifrar todos os códigos para abrir con chave a porta do instituto (explicado máis adiante), hai outro neurotransmisor no ámbito cerebral chamado serotonina que dá benestar e outras sensacións pracenteiras.
Apps para orientar
Pasiño a pasiño da actividade
Consiste en que, a través dunha serie de retos e misións que lles propoño, teñen que ir descifrando un código secreto para poder abrir a porta do instituto.
Fig 8 pasemos á acción
mapa do tesoro
Para abordar estes desafíos, terán que ler guías con información clave sobre diferentes aspectos da vida do centro, que constitúen as pistas para ir descubrindo as cifras do código misterioso:
- Aspectos relativos ás normas de organización e funcionamento do centro
- Consellos para a planificación e organización do estudo
- Criterios de promoción e titulación da ESO
- Organización e estrutura da ESO
Unha vez que xa descubriron o código, chegarán a un formulario de Google Drive onde a recompensa é visualizar un vídeo de benvida que é realizado por alumnado que xa leva anos no instituto. Tamén terán que deixar os seus nomes e apelidos a modo de comprobación de quen chegou ata ao final da aventura.
Esta actividade tamén está no repositorio Abalar para ver e descargar.
IES Neira Vilas_eso_nova aventura
Valorando se pagou a pena
Foron varios os alumnos que completaron a actividade. Ben é certo que non foron todos. Pero tendo en conta que se trata dunha actividade dirixida ao alumnado de sexto curso que aínda non está no centro e que lles chega a través dos seus titores, a porcentaxe non estivo mal de todo. Un dos compoñentes que garda relación coa motivación do alumnado é o entusiasmo do profesorado que, ao non ser os creadores da actividade, non podían presentala co mesmo nivel de enerxía ca min. Outra das variables que puido influír é que se formulou como algo para facer na casa, de xeito individual. Seguramente, os resultados serían mellores se se fai na aula e por grupos, no que certo nivel de competividade ben levada aumenta a motivación de logro.
3. Un fondo de armario: as presentacións interactivas
Poñéndolle contexto
En tempos atrás, cando Internet non tiña unha presenza tan grande nas nosas vidas, moitas orientadoras e orientadores para proporcionar información académica e profesional sobre as distintas opcións do sistema educativo recorriamos ao paquete Office e, mediante o programa Power Point, elaborabamos as presentacións. Case sempre as gardabamos nunha memoria USB para facer uso nas aulas.
Hoxe en día, ferramentas como Genially permiten crear estas presentacións facendo o contido máis interactivo.
Deseño e fase de probas
Case sempre, en cada unha das presentacións, creo un índice ao principio de todo, coa idea de que, cando boto man delas para explicarllas ao alumnado, non teña que necesariamente seguir unha orde. Creando botóns interactivos pódese acceder cun clic a calquera sitio que teñas enlazado. Outra posibilidade é a de crear ventás emerxentes que completan a información dándolle ao rato para saber máis…
Índice
Teñen unha dobre finalidade, servirme como guía para ir dando información e como fonte de consulta para o alumnado, pola posibilidade de acceder a elas a través da aula virtual ou no blog de orientación.
LOMLOE Calendario
Valoración final
Debo de admitir que non sempre consigo o interese e a motivación que me gustaría por parte do alumnado. Non deixan de ser meramente instrumentos para poñer en práctica estratexias expositivas, sen que haxa unha participación activa do alumnado para darlle protagonismo. Isto lévame a pensar que hai que introducir algún elemento de cambio para facelas máis dinámicas e que sirvan de retroalimentación. Dito doutra maneira, esta ferramenta ten menos poderes máxicos porque non xoga coa sorpresa para conseguir a atención desexada nos procesos de aprendizaxe.
Conclusións
Como froito da miña reflexión persoal, teño que dicir que a verdadeira maxia non está nas variñas TIC con presuntos poderes máxicos, senón nos educadores como mediadores que acompañamos e guiamos nese proceso de ensinar-aprender. As variñas axudan e facilitan o traballo de orientar, pero somos as orientadoras e orientadores os que temos que ter eses trucos de maxia para estimular eses chispazos de dopamina, esa corrente de enerxía que é o verdadeiro motor para aprender. Cando falo de trucos de maxia, refírome aos reforzadores positivos, constituídos por eloxios na aula, loanzas, que dotan de confianza e seguridade ás alumnas e alumnos e que só se poden proporcionar desde a proximidade nas aulas.
Acceso aos contidos:
- ABAU: Parámetros de ponderación
- BreakOut Edu: Xornadas de acollida
- Orientación académica 1º ESO
- Orientación académica 2º ESO
- Orientación académica 3º ESO
- Cambiar de grao universitario ou de universidade
- As ABAU
- Formación Profesional de Grao Medio
- Formación Profesional Básica
- Ensinanzas de réxime especial