A túa ruta
María Ángeles Barge Santás
Docente de Economía, Empresa e Iniciativa Emprendedora e Formación e Orientación Laboral
IES da Cañiza (Pontevedra)
mariaangelesbarge@edu.xunta.ga
A semente
No século XXI, malia ter xa ben superada a maioría de idade, parece que aínda perduran vellos prexuízos como, por exemplo, que ser adolescente e vivir no rural galego leva aparellado ter menos posibilidades laborais e que estas sexan máis precarias. Esta falsa percepción acaba por desembocar innúmeras veces nun sentimento de inferioridade desta mocidade fronte a outra da súa mesma idade, pero que vive en contornas urbanas ou en comunidades non consideradas periféricas, como si é o caso de Galicia.
Conscientes desta problemática, tres emprendedores galegos (dous deles residentes nos Estados Unidos) deciden levar a cabo un proxecto que poña en valor o potencial da xente nova galega, ao que eles contribuirán coa súa experiencia laboral, actuando como mentores. Así nace Your Future is Now, da man de Rómulo Conde (Arizona), Dani Diéguez (Verín) e Iván Leis (Boston).
O equipo
O IES da Cañiza é un centro cun marcado carácter rural que acolle o alumnado da comarca da Paradanta. Estas características, xunto co feito de contar con grupos reducidos, fano atractivo para realizar o proxecto e é este o motivo polo que un dos seus promotorescontacta con nós.
O interesante e innovador do proxecto, así como a traxectoria persoal e profesional dos tres impulsores, fan que a decisión de participar sexa case inmediata e que, aos poucos días da primeira toma de contacto, xa esteamos nunha videoconferencia, cun desfase horario de nove horas, facendo unha tormenta de ideas para levar o proxecto á aula. O obxectivo era claro: o alumnado ten que ser consciente de que os límites non veñen impostos polo territorio senón polas súas propias crenzas e inseguridades. E con este obxectivo empezamos a traballar.
O proxecto
Por número de alumnas/os e polos contidos que se queren traballar, decídese que o grupo idóneo para desenvolver o proxecto é o alumnado de primeiro curso de bacharelato da materia de Economía.
Unha vez que se lle presenta proxecto aoalumnado, este decide que quere formar parte del. Empezamos a traballar e convocamos a primeira reunión, primeira reunión de proxecto e primeira reunión laboral para todas e todos eles, xa que desde o primeiro momento se tratou o proxecto como unha iniciativa empresarial.
Logo de sentar as bases, era o momento de poñernos a traballar e o proceso foi o seguinte:
PRIMEIRA ETAPA: QUE FACEMOS?
Mediante unha tormenta de ideas empezamos por cuestionar o problema que os nosos socios desde Arizona, Boston e Verín detectaran...
- Existe realmente o problema que nos propuñan?
- Consideramos que o territorio onde nacemos pode condicionar o noso futuro profesional?
- Teriamos máis oportunidades se vivísemos nunha cidade?
- Quero vivir fóra da Cañiza?
- Hai oportunidades laborais na Cañiza?
Analizamos todas as preguntas; porén, foron as dúas últimas as que trazaron a nosa liña de traballo ao ser a resposta para ambas non. E como todo non vai seguido dun «por que?», obtivemos as respostas que nos deron a chave.
Os alumnos e alumnas non queren vivir fóra da súa vila «porque lles gusta como viven», «porque teñen todo o que precisan: ocio, cultura... incluso oportunidades laborais das que non son conscientes». E desde esta última reflexión —o descoñecemento do seu propio concello— demos coa solución: tiñamos que atopar o xeito de que se coñecesen todas as opcións que ofrecía A Cañiza máis alá de ser a terra do xamón e, ademais, debiamos atraer a xente da vila porque deste xeito contribuiriamos a mellorar a economía da zona. A solución estaba clara... o seguinte paso era definir como?
SEGUNDA ETAPA: COMO O FACEMOS?
O primeiro que debiamos definir era que puntos de interese ten A Cañiza e onde se localizan.
Mapa
Sobre o plano decatámonos de que un bo xeito para que todos os puntos fosen visitados podía ser presentalos en formato de ruta e, se ademais a deseñabamos como unha xincana na que os puntos de interese non fosen coñecidos de antemán senón que tivesen que ser descubertos a medida que se ía completando o itinerario, engadiriamos unha dose de curiosidade que a faría moito máis interesante.
Só quedaba buscarlle un nome e, se era unha ruta pola nosa vila, por que non A túa ruta?
Logo da ruta
TERCEIRA ETAPA: A NOSA RUTA
Despois de definir os puntos e o itinerario, só restaba deseñala en forma de xincana e para iso decidimos que:
1. En cada punto de interese habería un código QR que os xogadores deberían escanear.
2. Este levaríanos a un xogo en liña realizado co programa Genially no que deberiamos resolver preguntas sobre A Cañiza e, se chegabamos ao final, obteriamos un número que deberiamos apuntar e unha pista de onde se atopaba o seguinte punto de interese no que teriamos que repetir o mesmo procedemento. Nós só diriamos onde estaba o primeiro QR, o resto deberían buscalos!
3. No xogo do último punto de interese, deseñariamos unha caixa forte que os xogadores terían que resolver e, se a abrían, habería que deseñar un premio!
Nesta etapa tamén nos xurdiu un inconveniente: como iamos facer para que a xente seguise a ruta que nós queriamos e non outra? E así foi como naceron os flexamóns, que son indicadores similares aos do Camiño de Santiago, peroda nosa ruta e, por suposto, con forma de xamón!
Flexamóns
CUARTA ETAPA: A COLABORACIÓN COA ASOCIACIÓN DE COMERCIANTES
Quedábanos por definir o premio! A ruta estaba deseñada por e para a vila. O obxectivo era atraer a xente á Cañiza coa intención de que a coñecese, pero tamén de que consumise. Queriamos axudar o comercio local, polo tanto, deberiamos falar coa Asociación de Comerciantes, presentarlle a nosa proposta e pedirlle colaboración para ese agasallo que queriamos facerlles a todas as persoas que rematasen a ruta.
O resultado? O apoio maioritario do comercio da vila e 1000€ en vales desconto de 10€.
Vale
QUINTA ETAPA: A PROMOCIÓN
Con todo en marcha, só quedaba promover a ruta para que as persoas participantes puidesen gozar dela tanto coma nós facéndoa e ademais empezar a axudarlle ao comercio local.
Decidimos que as vías de publicidade deberían ser principalmente:
- Cartelería: todos os establecementos colaboradores deberían ter o seu cartel.
- Redes sociais: abrimos contas en Facebook (www.facebook.com/atuaruta) e Instagram (@atuaruta).
- Prensa: nota de prensa aos principais xornais e radios locais e provinciais.
- Boca a boca
Cartel
Cartel establecementos
O resultado
A túa ruta nace dunha idea de tres persoas que queren poñen ao dispor da mocidade galega a súa bagaxe profesional e persoal para acompañala nun proxecto cuxo fin último sexa o seu apoderamento.
Na Cañiza, A túa ruta converteuse, ademais de no proxecto persoal dun alumnado de 16 anos que traballou nel e que o defendeu ao nivel dos mellores profesionais, nun proxecto dos comerciantes que nos apoiaron desde o primeiro momento (aínda sabendo o risco que supoñía, decidiron confiar nos rapaces e primar a ilusión por enriba da experiencia) e quizais nun proxecto de vila, xa que foron moitas as mostras de apoio que recibimos durante todo o proceso de creación.
Loxicamente, analizando o proxecto, hai moitos aspectos que mellorar: a ruta debería ser máis curta, non valoramos que os QR podían desaparecer, que a ruta se lanzou antes do verán e que parte do grupo non ía estar na vila… Con todo, se facemos balance, o conseguido é moi positivo, xa que o alumnado comprobou que, con esforzo, traballo e ilusión, se poden crear proxectos tan interesantes como o que aquí resumimos.
A conclusión
Coa ruta aínda en funcionamento (pero xa sen premios), o obxectivo que perseguimos é o de invitar a outros centros educativos a que leven a cabo un proxecto similar partindo dos intereses do alumnado para que, con estes de base, desenvolvan unha actividade creativa que teña como fin último a posta en valor das súas capacidades e desterrar a idea de que os proxectos innovadores e sociais só son posibles en contornas urbanas.
Pola nosa parte, estaremos encantados de acompañalos e axudalos na posta en marcha e desenvolvemento da súa idea. Esperamos en breve ter noticias dun proxecto similar ao noso.