
Embarcámonos pola inclusión
Alejandra Inmaculada Souto Moure
alejandra.souto.moure@edu.xunta.gal
Lucía Mazaira Vázquez
lucia.mazaira@edu.xunta.gal
Aia Rodríguez Somoza
aiars@edu.xunta.gal
IES do Barral (Pontevedra)
Durante os primeiros anos de funcionamento do IES do Barral, a agrupación do alumnado realizouse de xeito homoxéneo no tocante á capacidade, ao interese e ao comportamento. Como consecuencia, era un centro no que había moitos conflitos e a convivencia pasou a ser unha das prioridades. A partir dese momento, puxéronse en marcha diversas estratexias de traballo no que a este aspecto se refire e unha das máis salientables e que perdura ata a actualidade é a das prácticas restaurativas. Como mostra, pode consultarse o artigo publicado nesta mesma revista.
No comezo do curso 2019/20, coincidindo co remate da formación en prácticas restaurativas, abriuse un novo itinerario na liña de inclusión no noso PFPP. A intención para ese curso era recibir unha formación de Coral Elizondo para axudarnos a encamiñar os pasos que cumpría dar para converter o centro nun centro inclusivo, realizar unha análise para saber a situación da que partiamos, e establecer uns obxectivos finais aos que chegar, así como trazar a ruta que nos levase dun a outro punto.
A interrupción do curso escolar pola pandemia na que aínda hoxe nos vemos inmersos obrigounos a adiar este proxecto, pero tratamos de aproveitar a situación de xeito positivo.
Reflexionar sobre o que é un centro inclusivo xerounos a necesidade de probar outras metodoloxías, xa que a existencia de agrupamentos de alumnado con dificultades que se van da aula de referencia para ser atendidos por un profesor específico non se corresponde en absoluto coa idea da inclusión.
O terceiro trimestre dese curso, como todos sabemos, situounos na perspectiva de ter que atender, desde as nosas casas, alumnado que xa estaba totalmente avaliado e cos contidos do curso superados e a alumnado ao que había que preparar para superar unha avaliación extraordinaria. Non nos sentiamos, polo tanto, obrigados a ter que rematar os contidos que se ían traballar nin polas programacións. Por outra banda, as instrucións do 27 de abril de 2020 da Dirección Xeral de Educación para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso académico 2019/20 establecían o seguinte en relación co currículo e as programacións didácticas: «Na medida do posible deseñaranse actividades globalizadoras e interdisciplinares, debidamente titorizadas, promovendo o traballo colaborativo entre os equipos docentes das diferentes áreas e materias nas etapas, ciclos ou ensinanzas en que sexa posible». Non había dúbida, era o momento ideal para probar unha nova metodoloxía que viamos que estabamos necesitando.
A idea foi elaborar un proxecto interdisciplinar para o alumnado de primeiro da ESO que tiña todos os contidos superados.
A temática proposta tiña que ver con entender e buscar a solución á pandemia na que nos atopabamos inmersos, analizando un fito histórico que tiña moito que ver: a expedición filantrópica da vacina de 1803. Parecía a temática perfecta: tiñamos a pandemia da varíola, «o máis terrible de todos os ministros da morte», a primeira vacina da historia e, grazas a ela, a única pandemia humana erradicada hoxe en día. Mais tamén tiñamos detrás de todo isto o papel esencial dunha muller e 22 nenos: Isabel Zendal e 22 expósitos. Tanto Isabel como os nenos e ademais a tripulación da corveta chamada María Pita eran galegos e foron elementos imprescindibles para que a expedición se levase a cabo. Tiñamos, polo tanto, a posibilidade de facer memoria de país.
Participamos as materias de Bioloxía e Xeoloxía, Educación Física, Lingua Estranxeira: Inglés, Lingua Galega e Literatura, Educación Plástica e Visual, Matemáticas e a materia optativa Tratamento da Información. Un total de catorce docentes formabamos o equipo.
Para artellar o proxecto, organizamos reunións semanais do profesorado, por videoconferencia, para organizarnos e coordinarnos na presentación dos contidos, tarefas, para ter uns o feedback dos outros… Tamén creamos unha materia no E-Dixgal, na que se matriculou a todo o alumnado de primeiro da ESO, que serviu para presentarlles todos os contidos relacionados co proxecto de todas as materias. A intención foi que o alumnado vise o proxecto como a análise dunha situación real desde diferentes ámbitos en lugar de percibir o coñecemento parcelado en materias como acontece habitualmente cando se traballa na aula.
Ao alumnado presentóuselle como unha aventura na que os animabamos a participar: embarcabámonos contra o virus!
Organizouse en cinco fases:
- Inimigos microscópicos: analizamos o que son os virus, como se expanden, como se transmiten as enfermidades producidas polos virus…
- A vaquiña polo que vale: ao longo da historia a humanidade viuse afectada en múltiples ocasións por pandemias provocadas por distintos virus. Analizamos varios deles e centrámonos na análise dunha enfermidade erradicada, a varíola, e na solución atopada nesta ocasión: a vacina. Aparece a primeira vacina da historia da man dun médico británico.
- Preparados, listos…: Se a primeira vacina fora británica, o primeiro sistema de vacinación da historia fora español. Deseñado por un médico de Alacant, Balmis, investigamos como se organizou, como se planificou para levar a vacina alén do mar e a importancia dos nenos e do seu coidado. Preparamos a expedición filantrópica da vacina.
- Vento en popa a toda vela: emprendemos a viaxe. Poñémonos na situación das persoas que permaneceron tanto tempo nun barco cunha misión que salvou tantas vidas.
- E agora, que?: conclusión do proxecto. Razoamos como podemos aproveitar no noso presente todo o que aprendemos do noso pasado. Avaliamos a experiencia
Programamos o proxecto con base nunha distribución temporal para cada fase e, ademais, elaboramos un documento guía para contextualizar e describir as actividades respondendo á necesidade de relacionar e organizalas coherentemente.
De cara a avaliar e facer un seguimento do alumnado e do propio proxecto, creamos un foro para resolver dúbidas e comentar inquedanzas onde participaba todo o alumnado e o profesorado implicado. Coa mesma finalidade, creouse o diario de aprendizaxe que o alumnado debía ir escribindo desde o inicio da viaxe ata o seu remate.
Como produto final elaborouse un vídeo no que o alumnado ía contando como se desenvolveu a expedición filantrópica da vacina a través de varias preguntas que se lles formularon.
A valoración da experiencia foi moi positiva. O feito de ter reunións semanais do profesorado creou unha sinerxía entre nós que nos animou a levar adiante a cantidade inmensa de traballo que tivemos. O alumnado valorouna tamén de xeito moi positivo e incluso houbo familias que se implicaron no proxecto facéndonos chegar valoracións moi positivas.
A nós todo isto fíxonos ver que se poden facer as cousas doutro xeito. Cando comezas o proxecto, resulta complicado ver que é o que poderá ofrecer cada materia, pero, a medida que se avanza, resulta máis doado cambiar a forma de traballar.
Durante o curso seguinte 2020/21, xa co ensino presencial restablecido e co convencemento de que se lle podía sacar moito partido ao traballo realizado o ano anterior, decidimos transportar a experiencia do proxecto ás aulas de primeiro da ESO durante o terceiro trimestre. O noso reto seguía sendo formar alumnado competente, capaz de transferir os seus coñecementos a problemas reais.
Intentamos tamén poñer en marcha un proxecto no curso de segundo da ESO, co alumnado que xa traballara no proxecto o curso anterior, para facer un musical, coa intención de gravalo e reproducilo a modo de festival de final de curso.
O certo é que os resultados non foron os desexados, fundamentalmente porque o punto de partida tampouco era o mesmo que o ano anterior: atopámonos con todo o alumnado na aula, cunhas programacións non adaptadas a traballar nin a avaliar contidos desta maneira, con profesorado novo que non vivise a experiencia pasada e con menos tempo dispoñible para facer reunións e coordinar o profesorado implicado.
Durante este curso levamos a cabo a formación pendente con Coral Elizondo sobre a realización dun PEC inclusivo e tivemos tamén unha sesión de formación dentro do PFPP centrada no traballo por proxectos.
Precisamente, do traballo por proxectos xurdiu a necesidade do traballo en equipo co alumnado e, neste aspecto, atopámonos con moitas dificultades para a xestión dos grupos. En definitiva, a pesar de ter clara a meta, notamos que nos faltaban estratexias e, en definitiva, formación para levar a cabo con éxito esta metodoloxía. O único xeito de que o alumnado se habitúe a traballar así é que o profesorado lle ensine e, para facelo, o profesorado ten que contar cos recursos axeitados.
É por iso que neste curso 2021/22, no noso camiño de crear un centro inclusivo, se puxo en marcha unha liña de formación en traballo por proxectos e outra en traballo cooperativo na que están participando, respectivamente, 12 e 14 profesores e profesoras do IES.
Así, camiñamos de xeito circular cara á constitución dun centro inclusivo: a formación que recibimos produciu cambios no centro, que xeraron novas necesidades de formación, e así sucesivamente.