DUA, educando a mirada

O deseño universal para a aprendizaxe (DUA) parte da diversidade desde o inicio da programación, minimizando as adaptacións posteriores. É dicir, proporciona un marco teórico-práctico para crear contornos de aprendizaxe inclusivos nos que teña cabida a diversidade, a través de propostas flexibles.


Pilar Comesaña Costas - pilarcomesana@edu.xunta.gal
Maica Corbal López - mccorballopez@edu.xunta.gal
CEIP Escultor Acuña (Vigo - Pontevedra)

 

 

Chegar a todo o  alumnado é o que nos quita o sono aos mestres.  Facelo nun cole tan diverso como o noso é un reto diario. Como facelo? Esa é a cuestión. Son moitos os días en que nos atopamos nun encrucillado de adaptacións e adaptacións intentando dar resposta, pero esta non é nin de lonxe a solución. 

Durante o curso escolar 2020/21 atopámonos nunha aula de segundo de primaria con 23 alumnos con moita diversidade: situación sociais desfavorecidas, incorporacións tardías, ritmos de aprendizaxe desiguais (dificultades de aprendizaxe), así como unha alumna TEA de grao I. Sabiamos que tiñamos  diante un gran reto. O importante para nós era tanto a aprendizaxe do noso alumnado coma a súa inclusión, xa que aprender na escola é aprender para unha sociedade plural dándolle cabida a toda a diversidade. Puxémonos en marcha planificando actividades diferentes para cubrir todas as necesidades, faciamos xogos e implementamos metodoloxías vivenciais, adaptabamos as actividades segundo o nivel de cada alumno, sendo conscientes de que as ensinanzas con metodoloxías tradicionais non podían ofrecer resposta á  diversidade da nosa aula. Algo non funcionaba, tiñámolo claro, as horas de traballo eran moitas e a rendibilidade pouca. A raíz do problema estaba en que non tiñamos unha programación ben estruturada en canto ás metodoloxías flexibles que estabamos a empregar, só nos quedaba buscar outra maneira de facelo. Así foi como descubrimos o deseño universal de aprendizaxe (DUA).

Nesta andaina non estabamos soas así que, xunto con outras mestras que tiñan as mesmas inquedanzas ca nós, decidimos formar un grupo de traballo asesorado polo CFR de Vigo co fin de formarnos e implementar este marco nas nosas aulas e así solucionar as dificultades que tiñamos. Este grupo de traballo centrouse en tres liñas fundamentais: 

- Base teórica: investigación sobre os principios e pautas DUA, análise aplicacións, roda DUA...  Recompilación e esquematización da información. 

- Lectura dos libros Cómo aprendemos de Héctor Ruiz e Aprender todos juntos es posible de Rosabel Rodríguez, Rocío Salas e Guillermo Lladó.

- Relatores compartindo a súa experiencia en diferentes centros de España nos que se aplica o DUA: Coral Elizondo, Carmen Alba, José Blas García, Mónica Majarenas (sistema Amara Berri).

- Implementación do aprendido na propia aula: fomos incorporando paulatinamente as novas aprendizaxes deste marco teórico-práctico ás actividades diarias. No último trimestre, mesmo programamos unha tarefa integrada partindo dos principios DUA para levar a cabo a semana do 8 marzo co gallo do Día da Muller.

Tras esta formación comprendemos que o cambio non está en adaptar a programación, senón en programar partindo da diversidade da aula, onde todos e todas teñan cabida, onde non todos teñen os mesmos obxectivos senón que, participando nunha mesma actividade, cadaquén vai adquirindo novas competencias.

Diversidade é que me inviten a unha festa, inclusión é que me saquen a bailar

 

Grazas ao DUA, puidemos darlle resposta ao caso máis complicado que tiñamos na aula. Unha alumna que progresaba de xeito individual nas aulas de PT e AL, pero que non tiña presenza nin participación na aula ordinaria: o primeiro paso foi cambiar o enfoque, cambiar a mirada, modificar o xeito de programar.

O DUA permitiulle acadar os tres P: presenza, participación e progreso. Nin que dicir ten que non durante toda a xornada escolar nin moito menos, pero si nalgúns momentos puntuais. Pasou de ser unha alumna sen presenza na aula a ser tida en conta, esperada para a súa participación (cando a situación o permitía), contando como un membro máis da clase. 

O seu progreso deixou de ser illado para realizarse entre os seus compañeiros. A diferenza non estivo en que aprendese máis ou menos, senón en que o facía xunto cos demais, o que supuxo unha grande aprendizaxe para os seus compañeiros porque coñeceron diferentes xeitos de relacionarse con ela segundo o día ou a situación. A diversidade enriquece.

A modo de exemplo, indicamos distintas actividades de aula nas que participou esta alumna cunha programación baseada no DUA:

- Asemblea: Actividade rutineira de gran grupo. Incorporamos a lingua de signos cos días da semana, meses e tempo. O reconto diario do alumnado asistente  realizábase  oralmente.  Incluíuse un caderno con pictogramas e fotos para que ela fose identificando os seus compañeiros colocándoos na casa/cole, asociando imaxe-persoa. Por un lado, proporcionáronse múltiples formas de  representación e, por outro, ofreceuse apoio á planificación e ao seguimento. 

- Como canción de benvida, empregamos unha rima de dedos coñecida por ela que todos aprenderon e que propiciou unha atención activa na actividade grupal. Esta canción converteuse nun vínculo de interacción. Cando os seus compañeiros querían comunicarse con ela, cantábanlle esta rima en diferentes momentos da mañá.

- Cooperativo: O traballo cooperativo parecía algo imposible. Porén, en momentos puntuais coas adaptacións oportunas nas estruturas e o bo facer dos seus compañeiros logrouse a súa participación, converténdose nun éxito de todo o equipo. 

- Adaptación da estrutura cooperativa: nun folio xiratorio no que debían facer unha listaxe de palabras con bl, ela esperou a súa quenda, cando lle tocou, a mestra de PT fixo «blanco» en LSE, ela imitou o signo. Os compañeiros berraron «blanco, muy bien» e un deles escribiu a súa achega no folio.  A dinámica da estrutura continuou.

Celebrando a realización da actividade

 

- Numeración: Distribuídos polo chan da aula, coas casiñas das decenas, traballamos a numeración con bastonciños. Ela insería tapóns dentro dun aro xunto cos seus compañeiros.

- Corpo humano: Para traballar as partes do corpo humano, mentres os compañeiros as representaban con debuxos, ela montaba un quebracabezas xigante con pezas plastificadas sobre feltro.

- Educación Física: Carreira de relevos: todo o alumnado da clase dividido en grupos e colocado en filas. Esta alumna formaba parte dun grupo onde se atopaban compañeiros máis áxiles para que a distribución fose máis equitativa. Ela recollía o pau que lle entregaba o compañeiro ou compañeira anterior e facía o percorrido acompañada e guiada por un adulto (coidadora), entregando o testemuño ao seguinte participante, que xa estaba preparado para recollelo facilitándolle así a entrega. Todos os compañeiros da fila a animaban mentres corría, dicindo o seu nome e aplaudindo.

- Recreo: Pase-misí, pase-misá: cando as persoas que estaban a facer o corredor atrapaban os que pasaban por debaixo, estes tiñan que escoller entre dúas opcións (froitas ou cores, que esta alumna coñecía). Cando a atrapaban, preguntábanlle «¿qué quieres?» e as dúas opcións para escoller ofrecíanse en lingua oral e en lingua de signos. A coidadora facía de mediadora facilitando a comunicación entre ela e os seus compañeiros, buscando unha resposta pola súa parte que sempre consistía nun signo. Este xogo gústalle moito porque, ao tirar un equipo doutro, sempre hai quen cae ao chan e ela «morre» coa risa.

Non se trata de entrar, senón de pertencer

 

Esta formación levounos a cambios de roles:

- Apoderamento do alumnado, outorgándolle maior poder e protagonismo. Comprendemos que debemos ensinarlles aos propios compañeiros estratexias para axudar os seus iguais, xa que eles serán os que formarán a sociedade do futuro. Os mestres debemos ser meros mediadores. 

- Docencia compartida: traballo de colaboración entre PT e titora co obxectivo de ofrecer prácticas eficaces a todo o alumnado dun mesmo grupo. Pensar, planificar, programar, implementar, reflexionar e avaliar xuntas para todos e todas, non só para o alumnado con NEAE. A nosa intervención simultánea das dúas docentes na aula tivo como resultado unha mellor atención á diversidade, mellor xestión e clima da aula, así como unha mellora profesional mediante o apoio mutuo e a aprendizaxe entre docentes. 

Á hora de programar, tivemos en conta a multinivelación e o dereito de todo o alumnado a transitar por todos os procesos cognitivos (taxonomía de Bloom), aspirando sempre, a unha aprendizaxe profunda. Algo que parece tan complicado, na maioría dos casos conséguese tan só con modificar un verbo (por exemplo: se en lugar de pedirlle ao alumnado que enumere os pasos para facer un muíño de vento, lle pedimos que cree un muíño de vento. Pasaremos de pedirlle un proceso cognitivo de orde inferior a outro de orde superior). 
O DUA lévanos, sobre todo, a educar a mirada. Unha mirada focalizada en priorizar un que debe aprender, respectando o como comprende, como se expresa e o como entende. Así dáselle a oportunidade de ESTAR ao mesmo tempo que de SER.
Salvo que queiramos negalo, o normal é a diversidade. Son moitas as barreiras que nos podemos atopar, imposible sortealas todas. Este cambio de mirada posibilita a atención á diversidade dende o respecto á diferenza… Ese, é o noso gran cambio

 

 

 

Sección: