O club de lectura como escusa
Juan Manuel Vázquez, profesor de Música e coordinador da biblioteca e do club de lectura A Quenda do Libro
IES Lama das Quendas (Chantada - Lugo)
nocturno@edu.xunta.gal
Ecos do pasado
A través de sombríos soños organizan un desfile
de formas aínda máis sombrías, insinuacións e visións;
ecos de baleiros exteriores e indicios sutís
de cousas que nin elas mesmas poden definir.
E sempre neste coro, feblemente mesturadas,
captamos algunhas notas que ningún barco terreal emitiu nunca.
—Bravo! Eu creo que quedou moi ben gravado! Imos escoitar, non vaia ser, mais por min vale… ti como o ves?
—Eu creo que tamén… estaba moi nerviosa…
—Non, muller!
—Vaia, si que ías en ocasións algo rápida de máis… pero non lle acae mal ao poema… que opinades vós?
—Calquera non apura ao atoparse de noite con eses seres do Diaño, ho!
—Tamén é verdade!
—Veña, imos escoitar e logo decidimos.
(Todo o mundo en silencio mentres ouve a gravación.)
—Ficou de luxo! Veña, pois xa rematamos… agora nas vindeiras reunións imos escoitando o que vaiades gravando na casa e, se iso, xa completamos aquí cos instrumentos da aula de Música…
—Juan, facemos o das series dodecafónicas que explicaches o outro día?
—Si, creo que pode ir ben de ambiente de fondo para estes poemas tan «chungos»…
—Pois eu vou gravar algún ruído en plan futurista para modificar logo…
—Ti experimenta e decide, e logo xa ouvimos… tempo de dicirche que non sempre hai, hi hi hi…
—Boh, ti tamén profe!
—Veña, familia, marchamos, que se nos fai de noite! Aburiño! Vémonos mañá en Música! Repasade ben a partitura nova!
(Adeuses varios e pasos que se afastan.)
E así podería ter sido un dos múltiples momentos da gravación do poemario Fungos de Yuggoth do impío H. P. Lovecraft (traducido ao galego polo tamén impío Tomás González Ahola para Urco) por parte do Grupo do Terror do club de lectura do Lama das Quendas do curso 2019/20 (antes da pandemia, claro).
Escoita os Fungos de Yuggoth aquí.
Fantasía ou realidade?
Desde o curso 2018/19, o eixe temático deste club de lectura é o da literatura fantástica, separado nos subgrupos de fantasía épica, terror e ciencia-ficción. En cada un pode haber alumnado de diferentes cursos e grupos, é dicir, de diferentes idades, xa que pensamos que pode ser enriquecedor, vendo o xa vivido e experimentado neste e noutros clubs (que necesarias son as Xornadas dos Clubs de Lectura, aínda sendo contra o caótico final de curso!), que alumnado da ESO e bacharelato con gustos semellantes poidan compartir lecturas e diversas inquedanzas artísticas e culturais. Iso si, como tamén hai quen prefire temáticas alleas ao fantástico, temos o grupo chamado As Outras.
A verdade é que non lembro moi ben como era a miña vida docente antes de comezar a coordinar A Quenda do Libro no curso 2017/18. É como se levase toda a vida no club e iso que nunca antes tivera contacto con ningún. De sempre, fun lector solitario e, de falar de libros, unicamente o facía con persoas achegadas ou, en grupo, nalgunha aula na que se dese o caso. Mais nin tiña experiencia previa, nin era sabedor de dinámicas específicas, nin nada de nada... pero botado para diante si, un chisco.
Nos comezos intentei seguir o camiño que as miñas predecesoras Eva Teijeiro e María del Carmen Pérez Hernández tan ben iniciaran e trazaran. Mais, sen ir demasiado mal, non quedei moi satisfeito do meu papel.
Por unha banda, estaban aqueles grupos veteranos que xa tiñan unha dinámica ben marcada e definida e na que me sentín perdido en ocasións, ben por non acertar coas lecturas que eu levaba, ben por non poder sacar nas primeiras reunións máis que breves comentarios seguidos de incómodos silencios. Pola outra, estaba todo aquel alumnado que se deixaba caer de cando en vez, mais que non chegaba a enganchar de todo, ou o que non quería ver nin en pintura o club. Alumnado que era lector, mais que aínda non o sabía.
E que podía facer eu? Ben, en primeiro lugar, daqueles grupos máis curtidos (non só os de persoas adultas, senón tamén de alumnado con moito máis camiño percorrido ca min) aprender de toda a súa experiencia e sabedoría, pasando a ser, máis que un coordinador, un atento e observador aprendiz, deixando que fosen elas e eles os que propuxesen as lecturas ou incluso as actividades que se ían facer (se escollen as lecturas, van ler; se escollen as actividades, van facer), por non falar do fantástico papel que poden chegar a desenvolver como publicistas do club entre a comunidade educativa. En segundo lugar, partir dun terreo ben coñecido, aquel no que eu puidese servir de axuda, de acicate, de impulsor, de acompañante...
No verán do 2018, falando de todo isto coa miña dona, Irma Fernández Alonso (profesora de Música e integrante do fantástico grupo da biblioteca do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro), e cos meus pais, volveron a min dúas lecturas imprescindibles do meu paso da nenez á adolescencia: Merlín e familia de Álvaro Cunqueiro e La historia interminable (lina en castelán) de Michael Ende. Eses libros foron o inicio dunha, en ocasións, insaciable busca doutros de temática semellante, ademais de marcar a miña afección polo fantástico e o escuro noutras artes e disciplinas (música, cinema, radio, rol, teatro, banda deseñada...).
E dito e feito. Non só se proporían diferentes lecturas recomendadas e presentadas durante cada trimestre, senón tamén actividades asociadas para realizar en e con cada unha, que ben poderían darse desde o comezo ou ir aparecendo durante o curso tendo en conta o alumnado participante, as súas inquedanzas e motivacións, influencias externas... E —importante!— partindo sempre dunha filosofía «faino-ti-mesmo» (do-it-yourself —DIY— que se di por outras terras) e cos medios ao alcance do alumnado dispoñibles en cada momento (con poucos —ou ningúns— cartos, vaia).
No comezo foi o rol...
Nese primeiro curso-ensaio aparecín nas primeiras sesións con fichas de personaxes predefinidas que ou ben aparecían nos libros propostos ou ben poderían ter aparecido. Logo de falar das lecturas —e de constatar quen lera, quen estaba lendo, quen non lera e quen non pensaba ler pois só pasaba por alí—, repartía fichas ao azar xunto cuns dados e, tras explicar unhas básicas regras de xogo (tiradas de D&D, Vampiro, GURPS, 40K ou La llamada de Cthulhu, segundo o caso), comezaba a propoñer escenas dos libros nas que tiñan que actuar, pasar á acción e ser os protagonistas. Vaia, o que é un xogo de rol!
E funcionou. Quen antes non lía non pasou a ler vorazmente de súpeto, por suposto que non. E non todo o mundo se sentía cómodo tendo que actuar en público, tomando decisións que podían resultar erróneas (para o resultado do xogo, enténdese) e sentindo a ollada xeral na súa dirección, para o bo e para o malo. Mais non deixaron de vir ás reunións sempre que podían e incluso aparecía novo alumnado avisado do que alí se estaba a facer.
E o asunto foise complicando con mapas, taboleiros, debuxos de personaxes e escenarios, figuriñas, música de fondo para ambientar...
Teatro, radio, audiovisual…
O paso do rol ao teatro e deste ao audiovisual foi natural.
Xa no meu primeiro curso como coordinador aproveitei algunhas das actividades que estaba a facer nas aulas de Música e amplieinas para facer partícipes as persoas do club que quixesen achegar o seu graíño de area: a representación da obra Nos espazos do soño, con texto de Xosé Vázquez Pintor e músicas de Gael e Tomás Camacho (con quen tivemos un encontro o día da representación á comunidade educativa) ou a musicalización con cantigas da lírica galego-portuguesa do filme mudo L’Inferno de Dante (1911).
Podes ver Nos espazos do soño aquí.
Creo que o labor do club de lectura ten que quedar o máis á marxe posible da actividade docente, pois non se trata de abordar os libros como nas aulas nin moito menos. Mais no meu caso foime máis sinxelo chegar ao meu alumnado do club por ser profesor de Música (moitas reunións deste comezaban falando do que estabamos a facer na clase e moitas clases da miña materia comezaban falando do club de lectura e, como un peixe que morde a cola, tarde ou cedo comezaban a ter voz e parte o resto de membros e compañeiras) e, a través del, ao outro resto por medio destas actividades «da programación» que se foron estendendo como tentáculos dun gran Cthulhu, que doutros xeitos quizais máis tradicionais.
E así, nos seguintes cursos, xa coa temática fantástica como eixe do club, abordamos a montaxe de obras teatrais como O enfermo 4M de Olimpio Arca Caldas, A fada pirata de Carlos Labraña (coa profesora de Lingua e Literatura Galega María Paz Fernández Vázquez) ou Dormente de Raquel Castro (esta última no pasado curso pandémico 2020/21, coa profesora de Lingua e Literatura Galega María Pilar López Martínez). Por suposto que aproveitamos o traballo que se estaba a facer nalgunhas aulas en diferentes materias, xa que, ben a través do profesorado, ben a través do alumnado, viamos un xeito de facer camiño conxuntamente.
Unha das cousas que quizais mellor poida definir o noso método de afrontar un proxecto é a do palimpsesto, aprendido dun dos meus cineastas favoritos, o francés Chris Marker (autor de, entre outras, Junkopia, Sans soleil, 2084 ou a xenial La jetée). En que consiste? En aproveitar todo o material dispoñible, das máis diversas procedencias, en diferentes formatos e independentemente de que fose creado con finalidades completamente alleas ao novo uso que se lle poida dar. O principal é que, nun momento, mentres estamos a falar dun libro, dunha actividade ou da vida en xeral, alguén poida establecer unha posible conexión cunha foto que fixo, cunha gravación, cun traballo de clase… e intentar darlle unha nova forma e sentido. Xorde deste xeito un novo motivo para animar o alumnado a que afonde no seu lado máis creativo desde a posición dun artesán, da práctica dun artista de oficio, daquela persoa que traballa con constancia e paixón nunha disciplina concreta, polo mero feito de facer e practicar o ensaio-erro, cunha finalidade fechada ou sen ningunha en concreto: o método do palimpsesto amplía as posibilidades!
Por suposto que para isto fixemos escoita e visionado activo de curtas, podcasts, músicas, arte pictórica e fotográfica…, e non sempre de autoría profesional. Tamén acudimos a producións feitas por fans, que quizais motivasen mellor un alumnado que pouco a pouco foi vendo que certos proxectos non eran tan imposibles.
Os medios? Teléfonos, cámaras e equipos de gravación de son que puidesen ter (e saber empregar), programas de software libre (Audacity, Hydrogen, Musescore…) ou os mesmos que veñen por defecto nos seus dispositivos móbiles e ordenadores.
Que co que hai non chega para o que queremos facer? A botarlle imaxinación. Que o resultado non é «profesional»? Ben… e… acaso é necesario que o sexa? Non me gusta facer produtos: gústame compartir proxectos.
Co anterior xa en proceso, establecido e en continua interiorización por parte de toda aquela persoa (adolescente ou adulta) que tivese un mínimo contacto con A Quenda do Libro, foron comezando a aparecer pequenos traballos en forma de podcast ou audiovisual que, en ocasións, transcendían os límites do club para aproveitar determinadas efemérides (Día das Escritoras, Día do Libro, Día das Letras Galegas…). Mencionar que, grazas a iso, puidemos manter unha certa actividade virtual durante o confinamento estrito na primavera de 2020 coa elaboración de pequenos vídeos sobre, entre outras, a obra poética de Ricardo Carvalho Calero.
Podes ver Lembrando a Carvalho Calero aquí.
Os proxectos do terror…
Mais onde quizais temos traballado con maior fervor é no terror. É o grupo onde sempre máis se adoita «anotar» o alumnado, desde o menos lector ao máis especialista, desde o máis gótico ao máis escabroso, desde o máis amador da banda deseñada ao da poesía… Por que será?
No curso 2018/19 apareceron dous:
- O filme mudo A pantasma do hip-hop (baseada na lectura de A pantasma da ópera de Gastón Leroux) con musicalización en directo, cuxos pasos principais (comezados no último trimestre do curso anterior) foron:
- Lectura da obra orixinal.
- Visualización do filme musical de 2004.
- Adaptación (e diminución) do texto a un libreto.
- Escolla de roles de interpretación e técnicos (cámaras, maquillaxe, vestiario…).
- Composición da banda sonora (aproveitando as aulas de Música, todo sexa dito).
- Gravación de escenas.
- Montaxe (coa inestimable axuda e paciencia de Paco Campos Vaz, profesor de Filosofía e membro do equipo da biblioteca —o habitual nel en todos os proxectos desta índole—).
- Gravación do son (cunha sinxela gravadora estéreo colocada enfronte da agrupación instrumental) o día da estrea ante a comunidade educativa, á primeira toma e sen retoques posteriores.
- Sincronización final.
Podes ver A pantasma do hip-hop aquí.
- O audiovisual O corvo de Edgar Allan Poe:
- Lectura do poemario en voz alta durante un par de reunións, nas que pouco a pouco o alumnado foi suxerindo a forma que podería ter o proxecto (fotomontaxe con recitado e música de fondo).
- Selección de fotos (feitas por un alumno con anterioridade a este proxecto e, loxicamente, con outra finalidade inicial —velaquí a idea do palimpsesto—).
- Gravación dos poemas (un deles en inglés, aproveitando un alumno de ascendencia norteamericana).
- Escolla da música de fondo (sacada dun exemplo de composición dunha aula de Música na que falabamos do efecto Kuleshov —unha técnica cinematográfica— na audición).
- Montaxe e sincronización final.
Podes ver O corvo aquí.
No 2019/20, o xa mencionado no comezo do artigo sobre o poemario Fungos de Yuggoth.
E no pasado 2020/21, As xacias (aproveitando o taller Espantamos o medo, promovido pola biblioteca do Museo Etnolóxico de Ribadavia), actividade multidisciplinar que uniu a creación de relatos (que posteriormente serían publicados na revista do club, Quendas Estrañas) coa elaboración dun podcast:
- Escolla da temática co alumnado (as xacias son sereas de río moi presentes no imaxinario colectivo destas terras de Chantada).
- Escolla de roles: creación literaria, gravación e sonorización.
- Creación literaria, coa supervisión da profesora de Lingua e Literatura Galega Tania Vázquez García.
- Traballo de sinxelas técnicas de dicción e interpretación para a posterior gravación dos contos.
- Escolla de sons (gravados polo propio alumnado ou collidos de bancos de son CC —licenza Creative Commons—).
- Montaxe e sincronización final.
Podes escoitar As xacias aquí.
A modo de reflexión final…
É necesario facer este tipo de proxectos nun club de lectura? Non!
É necesario facer outras actividades para xustificar o tempo e o orzamento dedicado ao club de lectura? Non!
É necesario ter que constantemente xustificar o noso labor e demostrar a importancia do club de lectura diante da comunidade educativa? Non!
Un club de lectura é o lugar de facer camiño xuntos a través das lecturas e do que poden xurdir múltiples e válidas variantes, desde unha reunión que pode partir dun libro para rematar falando da vida, da morte e do máis aló (cantas veces!) ata a participación nunha ruta literaria, pasando por todo tipo de actividades e proxectos, pero partindo sempre das persoas e para as persoas que en cada momento comparten espazo nel.
Non sempre existe a oportunidade de poder facer «algo máis» que ler e reunirse para compartir lecturas, pois non sempre hai tempo, hai ganas ou simplemente non se dan as circunstancias (a de cousiñas que ficaron a medio facer ou a medio argallar). Lembro, contra o final do curso 2018/19, unha alumna que me preguntou (cun ton de comedido reproche) ao rematar unha partida baseada na lectura Non hai luz sen escuridade de Andrea Barreira Freire:
—Juan, e logo cando imos falar do libro?
—Ains, tes razón, síntoo... teño que intentar equilibrar máis a cousa...
O que si que creo que é absolutamente necesario é deixar de chamarlles ás horas dos equipos de biblioteca e clubs de lectura, así como ás doutras actividades igualmente necesarias (por non dicir imprescindíbeis) para o sistema educativo, horas de redución. Tamaña aldraxe! Por favor, comecemos a chamarlles horas de dedicación exclusiva ao club de lectura, á biblioteca… ao que sexa. Non nos viría nada mal.
E se hai alguén que non o entenda, que forme parte dun club e comece a vivilo (e sentilo) desde dentro.
Inmensas grazas á Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia pola súa confianza ao cederme este espazo; ao equipo da biblioteca do Lama das Quendas por todo o seu tempo, esforzo, traballo e dedicación; ao equipo directivo tamén do Lama das Quendas por deixarnos facer; e, por suposto, á miña pequena Luz e á miña dona Irma, e a miña nai Paquita e meu pai Rafael por descubrirme desde meniño a maxia da música presente nos libros.
Podes ver Coraline aquí.
Enlaces:
Blogs:
http://aquendadolibro.blogspot.com/
http://biblioquendas.blogspot.com/
Facebook:
https://www.facebook.com/AQuendaDoLibro
https://www.facebook.com/biblioquendas
https://www.facebook.com/afumedeqarozo
Twitter:
https://twitter.com/aquendadolibro
https://twitter.com/biblioquendas
Youtube:
https://www.youtube.com/channel/UCEBvzE8Gty1aSCK4vblL-KA
https://www.youtube.com/user/biblioquendas
Ivoox:
https://www.ivoox.com/escuchar-audios-a-fume-qarozo_al_18267495_1.html?show=programs