A biblioteca como motor inclusivo

Un traballo por proxectos pola inclusión no IES Antón Alonso Ríos
A biblioteca do IES Antón Alonso Ríos presentou este pasado outubro, con motivo do Día das Bibliotecas, un vídeo-resumo do proxecto educativo desenvolvido no curso 2020/21. Titulado A escola inclusiva en Tomiño onte e hoxe, recolle unha selección e síntese do traballo educativo desenvolvido principalmente polo alumnado de primeiro e cuarto da ESO sobre a inclusión. Pódese ver esta montaxe audiovisual na seguinte ligazón: https://youtu.be/SFftzIAtpzc

Nuria Garrido Carballido
Cruz Rivas Carrera
Fátima Rodríguez Ruibal

IES Antón Alonso Ríos (Tomiño - Pontevedra)

 

 

Investigación documental desde a oralidade: as escolas dos nosos avós

Aproveitando a reedición do libro titulado O siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da morte, de Antón Alonso Ríos, xurdiu a oportunidade de realizar unha análise comparativa, sobre todo no que ten que ver coa inclusión, entre as escolas dos avós do noso alumnado e as da actualidade. Partiuse do propio currículo da ESO e, coa entrevista como formato, o alumnado de cuarto da ESO realizou unha investigación e descuberta das escolas nos tempos dos seus avós. A metodoloxía escollida centraba o protagonismo no alumnado e nos seus avós e avoas e, partindo do papel heurístico da propia lingua, usouse o galego para preguntar sobre emocións, afecto e aventuras. Así pois, favoreceuse desde o instituto a relación interxeracional e a reflexión e o coñecemento por parte dos mozos e mozas dun tempo escolar histórico e socialmente ben distinto, e sempre coa lingua oral como instrumento na aprendizaxe e na propia relación social.


Neste apartado, logrouse tamén engadirlle á investigación escolar o valor do intercambio interxeracional, ultimamente moi decaído polo xeito de vida que levamos, máis diminuído aínda nos tempos da pandemia da covid. Non só é interesante por parte do alumnado adquirir coñecementos inexistentes na biblioteca, senón que se volve necesario manter o contacto cos seus avós. Coa entrevista observaron como se prestan para «axudalos» nun traballo educativo, emocionados e gratificados por compartir lembranzas e de que estas teñan valor na escola actual dos netos. Neste traballo tamén se analiza a inclusión ao longo da historia, pois os seus avós contáronlles por que recibían clases polas noites despois de traballar ou os domingos, ou que lles daban leite en po para complementar a alimentación… Historias das xeracións de posguerra que poñen as cabeciñas do noso alumnado a establecer relacións, a sacar conclusións… Coñecemento informal que debe ter cabida na educación formal.

Co lema «A biblioteca escolar ten a palabra» deste curso 2021/22, desde Bibliotecas Escolares búscase destacar o valor da oralidade para descubrir e ensinar o mundo. Pois ben, no deseño e programación deste traballo tivéronse moi en conta as potencialidades da lingua oral (conversa, exposición, guión audiovisual, discurso) como vía para a adquisición de coñecementos. Ademais, os nosos avós convertéronse nunha sorte de «bibliotecas viventes», de libros cheos de moita sabedoría popular, ao contarlles parte da súa propia historia recente. Cremos que este achegamento ás persoas da contorna do centro educativo, especialmente os familiares do alumnado, debe converterse nun camiño educativo clave, pois ningún libro da biblioteca ten o potencial da presenza, da mirada, do sorriso, do ton… das persoas. Cómpre, pois, que as bibliotecas escolares dotemos o noso fondo de «libros humanos», de experiencias de escoita activa ante as palabras doutras persoas de colectivos sociais diversos que nos agasallen con historias cheas da sabedoría que dá a escola da vida.

En consecuencia, a primeira reflexión é que o concepto biblioteca ten que evolucionar no mundo docente. Non se debe pensar nela como nun simple almacén de libros, senón que debe ter o papel central como lugar de intercambio cultural entre profesorado e alumnado, entre autores e lectores, entre toda a comunidade educativa. Polo tanto, temos que achegar o apoio material e creativo necesario para desenvolver proxectos baseados na alfabetización múltiple que deben ter as persoas que conforman o mundo do século XXI. E, sendo múltiple, a biblioteca ten que ser o centro de coordinación entre varios departamento didácticos que busquen e avalíen obxectivos curriculares e competenciais a través das destrezas do alumnado na realización de traballos de investigación.


Que entende primeiro da ESO por inclusión?

Feita a investigación interxeracional sobre a evolución da inclusión desde os nosos antepasados ata os nosos días, quixemos afondar na visión que ten o noso alumnado. Que entenden os máis pequenos do noso centro por inclusión? Para iso, preguntámoslle á promoción de primeiro da ESO. Coordinado desde o Departamento de Orientación, as docentes de Pedagoxía Terapéutica, xunto coas titorías, deseñaron unha serie de dinámicas con dúas finalidades: descubrir que sabía xa o alumnado sobre inclusión e darlle a coñecer como se afronta este reto no día a día nas aulas e na vida do centro.

Contaron, coas súas propias palabras, que para eles e elas a inclusión se resumía nas medidas que se levaban a cabo no centro para que cada compañeiro ou compañeira teña os mesmos dereitos e posibilidades que o resto. Identificaron con maior facilidade as medidas arquitectónicas que favorecen a inclusión, como o ascensor, por exemplo, mais tamén sinalaron as medidas organizativas que hai no noso centro educativo (mediación entre iguais, profesorado de apoio etc.) ou os diferentes espazos que atenden á diversidade da comunidade educativa, como é o caso da biblioteca.
Cremos que cumpría darlle visibilidade a todo este coñecemento compartido nos grupos-aula sobre as medidas inclusivas que se levan a cabo no IES Antón Alonso Ríos ante o resto da comunidade educativa. Para iso, este alumnado de primeiro da ESO explicou nun pequeno vídeo como se desenvolve a atención á diversidade desde unha óptica inclusiva. Polo tanto, precisamos traballar variados obxectivos do currículo da ESO: ideas principais, síntese, estruturación e elaboración dun guión, creación de textos orais e audiovisuais, expresión plástica e comunicación audiovisual, participación en proxectos grupais… e fixérono coa ilusión que lograron transmitir no vídeo. A creatividade aflorou no xeito ideado para explicar que a inclusión é a suma de diferentes elementos, todos igual de importantes: crearon para cada medida inclusiva unha peza de quebracabezas e todas se ían sumando ata lograr compoñer a palabra «inclusión».

Con esta parte do proxecto A escola inclusiva en Tomiño onte e hoxe queda representado que a inclusión foi cambiando ao longo dos anos, pero nunca perdeu a súa esencia de tratar de responder ás necesidades e/ou circunstancias existentes entre a diversidade das persoas. Así mesmo, saliéntase que a inclusión é posible grazas á implicación de toda a comunidade educativa (familias, alumnado, profesorado, persoal non docente etc.). Esta implicación é a que favorece a coordinación para soñar, deseñar e sacar adiante proxectos coma este, do que se desprende moita ilusión e orgullo por manter viva esta transmisión de coñecementos, experiencias e vivencias que tivo lugar de xeración en xeración.


Formación en inclusión e divulgación do novo material inclusivo

Lograr que todos encaixemos na escola e conseguir que o alumnado sexa máis asertivo e respectuoso coas diferenzas para poder convivir dun xeito harmonioso é un dos obxectivos principais que debe ter toda biblioteca escolar. En consecuencia, o fondo bibliográfico debe ser tamén diverso nas temáticas, nos formatos, nos estilos, nos enfoques, no deseño.

Por esta razón, o equipo de biblioteca solicitou formación en materia de biblioteca inclusiva: que tipo de libros tratan a realidade plural? Que editoriais apostan por temáticas non sempre comerciais? Que libros ou xogos están usando con éxito outros compañeiros docentes para achegarse, co tacto preciso, a temas socialmente invisibilizados? Como coñecer listaxes destas temáticas da bibliotecas nodais ou municipais? A partir das orientacións recibidas no PFPP do curso 2020/21, creamos unha listaxe cunha selección de materiais para tratar corrixir a eiva do noso fondo bibliográfico, pobre en libros inclusivos. Mais ao recibir o pedido da nosa librería de referencia houbo que pensar como lograr que esas novidades chegasen á comunidade educativa en tempos de pandemia, como usar o potencial deses novos libros para rabuñar as conciencias do noso alumnado e formalo no respecto e na inclusión se apenas veñen pola biblioteca nestes recreos pandémicos? E outra vez adaptamos o currículo da ESO: as tradicionais recensións bibliográficas son agora, ao modo do século XXI, booktráilers que se difunden polas redes sociais.

Cinguíndonos ao currículo da ESO e aos contidos de cuarto da ESO para a materia de Lingua Galega e Literatura, cada alumno tivo que realizar un vídeo das novidades inclusivas que chegaran á nosa biblioteca, unha tarefa avaliable acorde co bloque de contidos de comunicación oral e educación literaria. Eses exercicios en clave divulgativa e publicitaria foron logo difundidos na rede social Instagram e mais na canle de YouTube da biblioteca do IES Antón Alonso Ríos (@biblioantonalonsorios).

Xa que logo, con este apartado de selección, adquisición e difusión de material novo para toda a comunidade educativa, intentamos que a biblioteca se converta en elemento inclusivo clave. Ao dotarnos de fondo adaptado a necesidades educativas especiais, tratamos de facilitar a atención á diversidade por parte dos docentes. Ademais, os minivídeos creados polo alumnado de cuarto da ESO serviron tamén para educar no respecto e na aceptación da pluralidade aos grupos-aula que realizaron esta tarefa audiovisual, a moitas amizades súas que os seguen en redes e a unha chea de alumnado do centro subscritos á canle da biblioteca en Instagram. É dicir, tratamos de aproveitar para fin educativos as potencialidades desta rede social tan usada nas xeracións máis novas na actualidade.


A colaboración no seo da comunidade educativa: o valor do exalumnado

A biblioteca debe promover o traballo colectivo, pois é difícil que unha soa persoa desenvolva e cree un traballo que mostre e valore unha realidade plural. Un traballo colaborativo feito por un só membro case é como se unha biblioteca tivese un libro. Todos os membros do equipo de biblioteca son pezas de engrenaxe e debemos ensinarlle ao resto da comunidade educativa que este tipo de traballo contribúe á confianza, a ter uns obxectivos comúns, como unha misión compartida, o que xa é —ou debería ser— o propio proxecto educativo dun centro. A simple e complicada colaboración vainos ensinando a tomar decisións con empatía entre todos os membros do grupo, a ser responsables co acordado e comprometidos co fin proposto. En resumo, para favorecer o noso labor inclusivo, precisamos ter habilidades sociais, moi necesarias na nosa profesión, pero tamén cómpre aproveitar a diversidade dos distintos membros que configuramos o equipo.

Nalgún momento anterior, formamos e orientamos cara ao mundo laboral ou cara aos estudos superiores a moitas promocións de alumnado que non deberiamos deixar de considerar parte da comunidade educativa. Por que non seguir coidando a relación humana con exalumnos inseridos xa no mercado laboral ou cos estudos universitarios en marcha? Poden ser, desde logo, grandes exemplos para o alumnado actual dun centro educativo do diversa que é a sociedade. Os traballos por proxectos posibilitan a colaboración con antigos alumnos e poñen en valor o seu soño e esforzo formativo ante a contorna social do instituto. Isto é o que buscamos ao pedirlle ao noso exalumno Tristrán Aguiar —daquela, estudante do grao en Historia— que nos achegase á figura de Antón Alonso Ríos e que nos introducise na historia das escolas indianas, moi comúns no Baixo Miño a principios do século XX.

Para finalizar e facilitar a divulgación de todo este traballo de investigación colaborativo, uníronse todos os apartados nun único produto audiovisual. Esta última fase incluíu a realización dunha escada, a selección de pequenos fragmentos representativos e emotivos, o deseño das transicións entre apartados, a escolla da música, a redacción do guión e a gravación de voz en off… Todo o que precisa un vídeo educativo que resume e recolle un traballo documental por proxectos. O resultado pódese ver na canle de YouTube da biblioteca do IES Antón Alonso Ríos.

Como colofón, xa no actual curso académico, o equipo de biblioteca decidiu organizar un acto para a presentación do vídeo-resumo A escola inclusiva en Tomiño onte e hoxe no salón de actos do IES Antón Alonso Ríos. Nesta celebración, reflexionouse publicamente sobre a importancia de afianzar na actualidade, desde as bibliotecas escolares, a formación de vindeiras xeracións, para que sexan persoas críticas co seu mundo e maduras na adquisición de responsabilidades dentro da sociedade na que viven. En definitiva, o paso da mocidade polas bibliotecas escolares debe formalos para ser pezas necesarias desa partida de xadrez que é a propia vida.

En conclusión, compartimos con Bibliotecas Escolares de Galicia a idea de que os proxectos son unha excelente vía de aprendizaxe permanente para o noso alumnado; seguramente será o mellor «pouso» que lle quede ao rematar a escolaridade porque non hai garantía de aprendizaxe significativa non sendo investigando, recollendo, seleccionando e compartindo co resto da comunidade educativa.

Para rematar, debemos agradecer o apoio incondicional que temos da Dirección do noso centro e mais de Bibliotecas Escolares, pero non só no apartado económico. Os equipos de biblioteca agradecemos moito máis o que ten que ver co capital formativo e emocional. O apoio para a nosa renovación pedagóxica, sobre todo na modalidade dos PFPP, impúlsanos á innovación e á investigación, que tamén forman parte da función docente na nosa obrigada mellora continua. Pero, sobre todo, valoramos o soporte emocional e a boa acollida de proxectos innovadores, en termos de recursos, tempos, espazos, solucións e recoñecemento. Toda esta estrutura favorece o desenvolvemento de proxectos educativos desde a biblioteca do IES Antón Alonso Ríos.

 

 

 

Sección: