Talentos inclusivos

Entrevista a Manuel González Penedo e Javier Pereira Loureiro (CITIC)

Entrevista realizada por Juan Granados, director de Eduga

Para este número 82 de EDUGA entrevistamos a Manuel González Penedo, director do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e Javier Pereira Loureiro, director do proxecto “Talentos Inclusivos”, que tiveron a amabilidade de contarnos polo miúdo as características dun proxecto extraordinario que, en virtude dun convenio entre o CITIC e ASPACE (Asociación de pais de persoas con parálise cerebral) e co concurso de diferentes institucións públicas como o Ministerio de Ciencia e Innovación, a Xunta de Galicia, a UDC ou o Concello da Coruña, puxeron en marcha unha iniciativa que debe considerarse transcendental pola súa concepción e alcance.

Así, tras oito anos de frutífera colaboración con ASPACE, no curso 2019/20 botou a andar esta iniciativa que pretende conxugar a promoción da contorna STEM nos centros educativos de educación secundaria coas necesidades reais das persoas con discapacidade funcional. Equipos de alumnos/as e profesores afrontan “retos” propostos por alumnado de ASPACE que, polas súas condicións vitais, precisan de innovacións tecnolóxicas que lles permitan solucionar problemas aos que se han de afrontar diariamente, xa sexa un mecanismo para poder acender o seu propio computador ou un elemento de aviso de aproximación instalado na súa cadeira de desprazamento.

Tamén hai espazo para a innovación en elementos mais especializados e relacionados co lecer, como o manexo a distancia de drons utilizando simplemente movementos de cabeza. Unha iniciativa que, en fin, non fai máis que medrar, implementando ese excelente feed-back entre aqueles que entenden o ámbito STEM como unha ocupación necesaria e de futuro e os receptores da innovación, que logra unha mellor e máis completa inclusión nas súas actividades cotiás.

Como se pode comprender, todo son beneficios e, nesa óptica, espérase que o proxecto poida ir estendéndose a cada vez máis centros educativos da nosa comunidade autónoma.

 

 

 

 

Sección: